venres, 11 de maio de 2012

Another Girl, Another Planet

The Only Ones, a banda británica comandada por Peter Perret dende 1976, tivo un éxito fulgurante coa publicación do seu primeiro disco en 1978 que levaba o mesmo nome da banda. A canción que os habería de encumbrar é o corte dous "Another Girl, Another Planet", que posteriormente tería versións de grupos como Lightning Seeds, Belle & Sebastian e Blink 182.


Sen ser  unha versión e sen ter sequera un parecido moi acusado, Robert Smith, o líder de The Cure, atopou bastantes semellanzas na estrutura da canción de The Only Ones e "Just Like Heaven", canción de The Cure do álbum Kiss Me, Kiss Me, Kiss Me (1987) e outro dos clásicos da banda que tamén contaría con versións destacadas coma a de Dinosaur Jr.

xoves, 10 de maio de 2012

When the Stars Go Blue

Ryan Adams publicou o seu segundo disco Gold en 2001, un ano despois do seu debut en solitario tras pasar un certo tempo en Whiskeytown. Este segundo traballo consagrou a Ryan Adams como un dos cantantes de country alternativo máis prometedores da nova década, con cancións tan destacadas como "New York, New York", "Sylvia Plath" e "When the Stars Go Blue", a súa canción máis coñecida e versionada.


Unha das primeiras versións que se fixeron foi a que gravaron os irlandeses The Corrs xunto co seu compatriota de U2 Bono para un álbum en directo: VH1 Presents: The Corrs, Live in Dublin (2002) e que aparecería remesturada en 2007 para o álbum recompilatorio Dreams: The Ultimate Corrs Collection.


Pero 2006 foi o ano das versións para este temazo de Ryan Adams. Tim McGraw, os noruegueses Venke Knutson & Kurt Nilsen e a cantautora Sevigny gravaron cadansúa versión. Quedamos agora coa da lucense Sevigny, que debutou ese ano con Melalcoholic, e de paso confirmaba o bo momento das cantautoras indies na escena española, xa que xunto con Russian Red e Anni B Sweet forma parte dunha nova xeración que segue a estela emprendida hai unhas décadas por Christina Rosenvinge e Mercedes Ferrer, entre outras, e que por outra parte, seguen ó pé do cañón.



mércores, 9 de maio de 2012

Highway to Hell

AC/DC é a banda de rock máis importante de Australia. Dende a súa aparición a mediados dos anos 70,  a banda dos irmáns Young fixéronse cun oco merecido dentro do panorama do rock e o heavy metal grazas a unha enerxía fóra de serie e ó seu potente directo, acadado cunha distorsión de guitarras que se converteron no seu selo característico. En 1979 publicaron Highway to Hell, o seu sétimo traballo discográfico, onde o corte número un, que lle dá título ó álbum, sería co tempo un dos grandes clásicos de AC/DC.


Como tódalas bandas que innovan na música, AC/DC convertéronse nun referente para moitas bandas posteriores que tentaron acadar o seu propio son seguindo o modelo dos australianos. En España, os máis destacados son os vigueses Siniestro Total que mesmo chegaron a versionar algúns dos temas de AC/DC, pero onde talvez máis se note esa influencia nun dos seus temas sexa en "Somos Siniestro Total", adaptación   de "Highway to Hell" e toda unha declaración de intencións que mostraba a filosofía da banda na reedición de 2002 do seu sétimo disco de estudio En Beneficio de Todos (1990). 


martes, 8 de maio de 2012

I Can't Go for That (No Can Do)

Daryl Hall e John Oates formaron un dos dúos máis influentes durante os últimos anos dos 70 e comezos dos 80. Hall & Oates son hoxe recoñecidos sobre todo polo seu trallazo "Maneater" que aínda soa nas radiofórmulas de medio mundo. No entanto, deixáronnos unha colección de boas cancións á sombra de "Maneater", como é "I Can't Go for That (No Can Do)" que convén descubrir. Este tema en concreto atópase no disco de 1981 Private Eyes e, ademais  das versións, esta canción foi sampleada en numerosas ocasións especialmente por artistas de hip-hop. Con todo, a súa influencia está presente mesmo nalgunha canción que pode sorprendernos.


Polo visto, durante a gravación de "We Are The World", cantado por un sinfín de artistas a mediados dos anos 80 con fins benéficos impulsado por Michael Jackson, este confesoulle a Daryl Hall que empregara para "Billie Jean" do exitoso Thriller (1983), algunhas notas do baixo de "I Can't Go for That (No Can Do)".


Para acabar, deixámosvos a canción de Simply Red "Sunrise" do álbum Home (2003) onde Mick Hucknall emprega claramente un sample da canción de Hall & Oates.

luns, 7 de maio de 2012

Baby, I Love Your Way

Peter Frampton é un dos músicos que soubo labrarse unha carreira en solitario chea de éxito tras abandonar os grupos en que se formou, algo que non sempre se consegue. Non obstante, despois de cinco discos con Humble Pie, Frampton decidiu que era hora de voar só e en 1972 co apoio de Ringo Starr e Billy Preston publicou o seu primeiro álbum, aínda que non sería ata 1975 con Frampton, o seu cuarto traballo discográfico, cando Peter Frampton asinaría a súa canción máis emblemática: "Baby, I Love Your Way", canción que volvería gravar o ano seguinte para un álbum en directo Frampton Comes Alive!


A versión máis popular de "Baby, I Love Your Way" corre a cargo dun grupo xamaicano que, como non podería ser doutro xeito, deulle á canción de Peter Frampton o característico estilo reggae de Xamaica. Big Mountain acadou o recoñecemento internacional con esta versión incluída no seu disco Unity (1994).

venres, 4 de maio de 2012

Mary Jane's Last Dance

Tom Petty e a súa banda The Heartbreakers acababan de conseguir un éxito inusitado con "Free Fallin'" e de editar un novo disco en 1991 sen tanta sona cando en 1993 decidiron publicar un álbum de grandes éxitos  producido entre outros por Rick Rubin e Dave Stewart. Este recompilatorio contén unha canción inédita: "Mary Jane's Last Dance".


Se en 2001 Tom Petty tivo a ocasión de comprobar que The Strokes se inspiraban demasiado nun dos seus temas para o seu debut, cinco anos despois volveu experimentar algo semellante cos acordes de "Dani California", o single de presentacion de Stadium Arcadium (2006), noveno traballo discográfico de Red Hot Chili Peppers. O parecido pode deberse a que ámbalas dúas cancións comparten produtor, Rick Rubin.

xoves, 3 de maio de 2012

Ahora sé que estás

Despois de deixar atrás a súa  exitosa etapa con Diego Vasallo en Duncan Dhu e triunfar co seu primeiro disco en solitario Naufragios, Mikel Erentxun sacaba ó mercado o seu segundo traballo discográfico El Abrazo del Erizo (1995), onde o donostiarra endurecía o seu son e deixaba algo de lado esa imaxe anxelical á que nos tiña acostumados. "Ahora Sé Que Estás" é a canción na que colabora á súa irmá Leire.


2006 foi o ano en que Pignoise, unha banda punk que se movía polos circuitos alternativos deu un paso decisivo para convertirse nun grupo puramente mainstream grazas á serie de televisión Los Hombres de Paco, na que se encargaron da banda sonora con "Nada Que Perder", baseado no tema de Erentxun. Ata daquela Pignoise era máis unha banda máis coñecida para a xente pola historia do seu líder Álvaro Benito que pola súa música. E é que Álvaro tiña un futuro prometedor como futbolista; procedente da canteira do Real Madrid e da mesma xeración que Raúl González e Guti, chegou a debutar na selección Sub-21, pero unha gravísima lesión e as posteriores recaídas fixeron que o seu hobby á música se convertise no seu modo de vida. "Nada Que Perder" aparece no seu terceiro disco Anunciado en televisión (2006), que é o primeiro que gravaron estes admiradores de Green Day cunha discográfica multinacional.

mércores, 2 de maio de 2012

Hitch Hike

O estandarte da Tamla Motown Marvin Gaye acrecentaba a súa sona como cantante de R&B emblemático cada vez que sacaba un single. "Hitch Hike", de 1962 e que aparecería no disco That Stubborn Kinda Fellow dese ano é unha boa mostra, tanto que resulta ser unha das súas cancións máis influentes. 


A primeira canción que atopamos baseada no tema de Marvin Gaye é "You Can't Do That" de The Beatles incluída en A Hard Day's Night (1964) asinada por John Lennon.


En calquera caso, "Hitch Hike" tivo as súas propias versións. A máis destacada é a de The Rolling Stones en 1965 do álbum Out of Our Heads.


O riff de guitarra que emprega Keith Richards nesta versión serviu de inspiración para outra gran canción doutra gran banda. The Velvet Underground,  o grupo de Lou Reed, John Cale e Nico auspiciado por Andy Warhol, gravou "There She Goes Again" en1967 para o disco The Velvet Underground & Nico, pero non serían os últimos. Johnny Marr, guitarrista de The Smiths, admitiu que se baseou no riff dos Stones en "Hitch Hike" para a canción "There Is a Light That Never Goes Out", que xa tivemos de visita polo blog.


Por último, queremos deixarvos a versión do tema de The Velvet Underground que gravou REM en 1983 como cara B do single "Radio Free Europe" e que aparecería no compilatorio de 1987 Dead Letter Office.