mércores, 17 de outubro de 2012

Another Day in Paradise

A Phil Collins sempre lle preocupou o problema das persoas que se ven obrigadas a vivir na rúa. Xa cando estaba en Genesis escribiu un tema sobre as persoas sen teito titulado "Man on the Corner", pero sería durante a súa carreira en solitario cando asinase a canción por excelencia sobre este problema social. "Another Day in Paradise", o single que presentaba o seu cuarto traballo discográfico á marxe de Genesis ...But Seriously (1989), contén unha letra conmovedora e é unha das baladas máis representativas de Collins.

http://www.goear.com/listen/a1291a2/another-day-in-paradise-phil-collins

A primeira versión destacable de "Another Day in Paradise" apareceu nas ondas radiofónicas apenas un ano despois do lanzamento do álbum de Phil Collins a cargo de Jam Tronik, que transformaron a balada nun tema dance destinado ás pistas de baile. Esta versión está recollida no recompilatorio británico Now That's What I Call Music 17 (1990) que recollía o melloriño do pop do momento nas Illas Británicas. Mesmo contén a canción de Phil Collins "I Wish It Would Rain Down", outro dos grandes temas de ...But Seriously.

http://youtu.be/gJrjbHusYBU

 Moi influenciado polo son de "Another Day in Paradise", Phil Collins compuxo xunto con David Crosby o tema "Hero", que aparecería no disco de Crosby Thousand Roads (1993). Phil Collins tamén colaborou na gravación e mesmo fixo a súa propia versión para a cara B do single "We Wait and We Wonder", do álbum de Collins de 1993 Both Sides.

http://www.goear.com/listen/2189ef7/hero-david-crosby-phill-collins

Aínda que máis evidente é o sample de "Another Day in Paradise" que empregou Supafly Inc. en 2006 no tema "Moving too fast".

http://www.goear.com/listen/65f91ba/moving-too-fast-supafly-inc

martes, 16 de outubro de 2012

No Me Importa Nada

Luz Casal comezou a súa carreira como rockeira, unha distinción que a converteu nunha das mellores intérpretes deste xénero en España, pero iso non foi impedimento para que triunfase no mundo da música con outros estilos que van dende o pop ó bolero sen deixar de lado a súa faceta rock. Esta versatilidade de estilos fixo que Luz sexa unha das artistas máis internacionais, xa que soubo chegar a un público con gustos moi diversos. En 1989 publicou un dos seus discos máis aclamados Luz V onde destaca entre outras "No Me Impota Nada", unha  canción de corte pop que leva a sinatura de Pancho Varona, un dos compositores máis prolíficos no panorama musical español.


En 1995, Pancho Varona, como moitos outros compositores, publicou un disco homónimo coas cancións que lle compuxo a outros artistas, no que inclúe "No Me Importa Nada". De momento, é o único álbum de Varona, pero as composicións que creou dende entón dan para alomenos outro par de discos.


A última versión que se realizou de "No Me Importa Nada" corre a cargo dos mexicanos Byte, que lle imprimiron ó tema de Varona un son electro no seu único disco publicado ata agora Byte (2005).

luns, 15 de outubro de 2012

Father and Son

Cat Stevens é un dos cantautores que fixeron do folk un estilo de plena vixencia nos eclécticos anos 60 e 70. Cun estilo amable e sensible, este inglés de ascendencia grega soubo gañarse o corazón de milleiros de persoas que o auparon á cima das listas de vendas. As súas cancións forman parte hoxe da memoria colectiva como "Father and Son", do seu cuarto disco Tea for the Tillerman (1970), que se centra na difiícil relación entre un pai e un fillo, é un deses temas emblemáticos de Yusuf Islam, que é o actual nome de Stevens tras converterse ó Islam.


Malia que a última vez que os medios de comunicación falaron de Cat Stevens foi respecto a demanda que éste lle tiña pensado interpoñer a Coldplay por un posible plaxio dun tema seu no controvertido "Viva la Vida", o certo é que Stevens xa se atopara cun problema semellante en 2002 cando The Flaming Lips publicou a canción "Fight Test", do álbum Yoshimi Battles the Pink Robots, cunha melodía demasiado similar a "Father and Son".

xoves, 11 de outubro de 2012

The Bed's Too Big Without You

O segundo álbum de The Police, editado tan só un ano despois do debut do trío londinense, Regatta de Blanc (1979) confirmaba as boas sensacións que se espertaran con Outlandos d'Amour cun repertorio de excelentes cancións que ían a consagrar a The Police como un dos mellores grupos da década de 1980. A súa combinación de reggae e rock acada cotas altas con "Message in a Bottle", "Walking on the Moon" e mesmo a que hoxe vos presentamos "The Bed's Too Big Without You", escrita por Sting, conforman o son máis característico de The Police.


Baseada en "The Bed's Too Big Without You", "The Glorious Land", unha das últimas xoias que a cantautora inglesa PJ Harvey contén no seu último traballo discográfico Let England Shake (2011) e é quizais a mellor canción deste último álbum.

mércores, 10 de outubro de 2012

Singin' in the Rain

O século XX quedará definido na historia musical cun bo feixe de cancións que transcenden calquera época.  Un deses clásicos por excelencia, recoñecido mesmo para as xeracións máis novas é "Singin' in the Rain", unha canción escrita por Arthur Freed e musicada por Nacio Herb Brown, que se editou por primeira vez en 1929 na voz de Doris Eaton Travis, unha artista de Broadway no espectáculo The Hollywood Music Box Revue, pero o tema sería recoñecido mundialmente grazas á película do mesmo título de 1952, protagonizada por Gene Kelly. A escena memorable na que Kelly aparece cantando e bailando na rúa mentres chove a cachón forma hoxe parte da historia do cinema.


Por suposto, "Singin' in the Rain" nunca se deixou de versionar, aínda que sempre respectando en gran medida o estilo da versión de Gene Kelly. Por iso resulta rechamante a remestura que Mint Royale gravou en 2005 achegándoa ós sons do novo século. Está incluída en See You in the Morning (2005), terceiro disco de Mint Royale e no compilatorio Pop Is (2007) cos éxitos destes ingleses de Manchester.



martes, 9 de outubro de 2012

Rock Me Amadeus

O fenómeno da New Wave non foi exclusivo de Gran Bretaña nin de Estados Unidos, senón que a súa repercusión no resto de Europa fixo que países coma Alemaña e Austria contribuísen de maneira notable a perpetualo como o estilo que ía definir por excelencia a década de 1980. De feito, dende Austria ía romper as listas de vendas de medio mundo un músico singular e único coñecido artisticamente por Falco. As súas cancións enseguida atoparon o apoio do público internacional, mesmo cando estaban cantadas en alemán. O terceiro disco de Falco Falco 3 (1985) contén todo un bombazo; "Rock Me Amadeus", cun ritmo pegadizo é unha homenaxe de Falco ó seu célebre paisano Mozart inspirada na película Amadeus que un ano antes varrera no cinema.

http://www.goear.com/listen/1be9508/rock-me-amadeus-falco

"Rock Me Amadeus" atopou  un sitio sobre todo no trash metal, un estilo no que parece encaixar de marabilla esta xoia da música electrónica, como se pode apreciar na predilección de varias bandas de rock duro por ela. Os alemáns Megaherz foron os primeiros en dotala deste son en 1998 no álbum Kopfschuss.

http://www.goear.com/listen/884491a/rock-me-amadeus-megaherz

Os mexicanos Molotov fixeron unha versión en español á que titularon "Amateur" co seu personal estilo reivindicativo que aparece no disco de 2004 Con Todo Respeto.

http://www.goear.com/listen/d751683/amateur-rock-me-amadeus-molotov

Tampouco lle quedou nada mal á banda zaragozana Después de Todo a súa propia versión en castelán, do álbum El Camino de los Olvidados (2011).

http://www.goear.com/listen/3b72df8/rock-me-amadeus-despues-de-todo

E como non, os samples tampouco podían faltar en cancións de nova facturación. Como os consabidos casos dos artistas de hip-hop, os estadounidenses Bloodhound Gang inspiráronse en "Rock Me Amadeus" para o seu tema "Mope", unha das cancións do seu disco máis recoñecido internacionalmente Hooray for Boobies (1999) ó que mesturaron con samples de "Relax" de Frankie Goes to Hollywood.

http://www.goear.com/listen/3f56877/mope-bloodhound-gang

luns, 8 de outubro de 2012

Beyond the Threshold

Hüsker Dü editou en 1984 o segundo disco da súa carreira Zen Arcade que afondaba nun son aínda pouco definido daquela como a mestura entre o hardcore e o punk, e do que Hüsker Dü personalizou de tal xeito que se converteu en todo un referente para todos aqueles grupos e artistas que decidiron seguir a mesma liña, especialmente as bandas de grunge que apenas uns cantos anos máis tarde ían converter o rock máis duro na tendencia musical do momento. Bob Mould, o cantante e guitarrista de Hüsker Dü, asina "Beyond the Threshold", un dos temas máis contundentes de Zen Arcade.

http://youtu.be/vaeR-7USY9U

A influencia de Hüsker Dü queda ben patente no son de Pearl Jam. Unha das cancións máis potentes da banda de Eddie Vedder "Spin the Black Circle" do terceiro álbum dos de Seattle Vitalogy (1994) bebe directamente da canción de Hüsker Dü.

http://www.goear.com/listen/3352d4c/spin-the-black-circle-pearl-jam

venres, 5 de outubro de 2012

Stars

En setembro de 1991 saía ó mercado o cuarto traballo discográfico de Simply Red Stars. A banda de Mike Hucknall entraba de cheo nos 90 cun dos seus discos máis celebrados. A canción que lle dá título ó álbum foi escollido como segundo single e é unha das baladas máis fermosas asinadas por Hucknall.


A cantante de Singapur Olivia Ong, coñecida sobre todo polas versións en clave bossa nova que fai de temas clásicos, sumou ó seu repertoio "Stars" en 2010.