luns, 29 de outubro de 2012

Naïve

Luke Pritchard compuxo "Naïve" con só dezaseis anos e está considerada sen dúbida ningunha como unha das mellores cancións de The Kooks, a banda que Pritchard formou xunto con Hugh Harris e Paul Garred en 2004. Dous anos despois, sacaban ó mercado o seu álbum de debut Inside In, Inside Out que converteu á banda de Brighton como unha das revelacións de 2006. Malia que "Naïve" é a canción estrela, foi o cuarto single extraído do disco, sen dúbida, para acabar conquistando a moita xente que aínda non se rendera ó encanto de The Kooks.


Hai dúas versións interesantes de "Naïve"; a primeira, a que interpretou Lily Allen nun programa de televisión  en clave acústica.


A segunda, a de Mutya Buena, ex componente de Sugababes, que a gravou para a cara B do seu single "Real Girl" en 2007, tamén en acústico. En calquera caso, nós quedámonos coa versión orixinal, difícil de superar.

venres, 26 de outubro de 2012

Elixir de Juventud

En 1994 Antonio Vega publicou un dos seus mellores discos Océano de Sol cuxo single de presentación "Elixir de Juventud" é unha das baladas máis fermosas compostas polo ex líder de Nacha Pop.

http://www.goear.com/listen/c3d18de/elixir-de-juventud-antonio-vega

Shuarma realizou unha versión deste tema nunha homenaxe ó malogrado cantautor El Alpinista de los Sueños 2010, que reunía as mellores voces do panorama musical en España.

http://www.goear.com/listen/ac04264/elixir-de-juventud-shuarma

xoves, 25 de outubro de 2012

Fantastic Voyage

Se algo sempre caracterizou a David Bowie é que cada disco que sacaba ó mercado intentaba ser aínda máis innovador e experimental ca o anterior. Con Lodger, publicado en 1979 Bowie demostrou que seguía estando na vangarda da música para ledicia dos seus seguidores. Axudado na produción polo gran Tony Visconti, Lodger tiña como peculiaridade o complemento que ofrecían dous dos seus temas. "Fantastic Voyage", a canción que abre o disco ten a mesma estrutura co corte oito "Boys Keep Swinging", que foi o elixido como single promocional e levaba "Fantastic Voyage" na cara B. Esta curiosidade fai que practicamente un tema sexa a continuación do outro, algo así como a mesma canción con dúas caras. Comezamos con "Fantastic Voyage", malia que a orde de factores non altera o resultado.



E baseándose nestas dúas gran cancións de Bowie, especialmente "Boys Keep Swinging", a banda de Damon Albarn, Blur, réndelle unha sentida homenaxe ó duque branco no quinto disco dos londinenses Blur  (1997). "M.O.R." recorre á mesma estrutura como se intentase eternizar a melodía emprendida por Bowie.



mércores, 24 de outubro de 2012

Sympathy for the Devil

Os Rolling Stones anuncian nova xira con motivo da celebración dos seus cincuenta anos nos escenarios, case nada para a banda máis lonxeva do rock. A enerxía que emana de Mick Jagger, Keith Richards, Ronnie Wood e Charlie Watts con case setenta anos de idade fai sospeitar a moitos que existe un suposto pacto co demo e que o alcume con que algúns os presentan, as súas satánicas maxestades, como o álbum de 1967, está máis que xustificado. Se houbo quen pensou daquela que as referencias ó diaño só ían quedar  no álbum Their Satanic Majesties Request pronto tivo que admitir o seu erro. Un ano despois en 1968, os Stones publicaron Beggars Banquet, que se abría co suxestivo tema "Sympathy for the Devil", un dos grandes temas de Jagger e Richards, na que se menciona unha manchea de sucesos que estaban de actualidade naquel momento, o máis rechamante, o da morte de Kennedy, acontecido tan só uns poucos días antes da gravación da canción.


Das múltiples versións desta canción destaca a que fixeron de Guns N' Roses en 1994 para a banda sonora de Interview with the Vampire, protagonizada por Brad Pitt, Tom Cruise e Antonio Banderas.


A canción de Primal Scream "Loaded", do álbum Screamadelica (1990) semella inspirarse en "Sympathy for the Devil", xa que o seu son é moi semellante.

http://www.goear.com/listen/2072705/loaded-primal-scream

Hai unha excelente versión en clave de jazz latino da man de Horacio Hernández "El Negro" e que canta Rubén Blades, de 2005, que non ten o menor desperdicio.

http://youtu.be/In08UP4937Y

martes, 23 de outubro de 2012

La Mauvaise Réputation

Georges Brassens é un dos grandes cantautores franceses que transcenderon máis aló do país galo para enriquecer con grandes melodías a música sen deixar de facer protesta social. Aínda que unha boa parte do seu repertorio consiste en poemas musicalizados de grandes autores coma Victor Hugo e François Villon, Brassens tamén compuxo  as súas propias letras que están á altura dos clásicos que adaptou. Unha das súas composicións máis celebradas é "La Mauvaise Réputation", de 1952, onde cunha gran ironía Brassens fala de si mesmo.


George Brassens tivo un gran predicamento para os cantautores españois dos anos 60 que o consideraban practicamente un mestre. Paco Ibáñez foi un dos primeiros en adaptar as canción do francés á lingua de Cervantes; así "La Mauvaise Réputation" transformouse en "La Mala Reputación".


Loquillo y Los Trogloditas encargáronse de modernizar "La Mala Reputación" no seu álbum Morir en Primavera (1988), dándolle un toque country que casa moi ben co estilo de José María Sanz.


A última versión en clave folk rock chegou de Arxentina da man de Arbolito, que titularon así o seu segundo disco, que se pechaba precisamente con "La Mala Reputación".

luns, 22 de outubro de 2012

Dark Entries

Durante os últimos anos dos 70 comezou a coller forma un novo subxénero do rock que faría furor nas últimas décadas, ata o punto de ser o referente dunha maneira de entender a vida que non pasa desapercibida. Falamos do rock gótico, que tivo o seu momento álxido hai uns dez anos a nivel comercial. De súpeto parecía que as grandes discográficas descubrían  este fenómeno e as radiofórmulas, alomenos en España, enchéronse de grupos de rock cunha estética onde predominaba a maquillaxe escura, malia que moitas desas bandas había anos que estaban en circulación: HIM, Within Temptation, Evanescence foron as que gozaron de maior popularidade, pero abríronlle as portas a outras como Lacrimosa, The Sisters of Mercy e Ghost Dance entre outros, así como o redescubrimento de artistas consagrados como Marilyn Manson, Siouxsie and The Banshees, The Cult e de The Cure. No entanto, este xénero seguramente non se habería de desenvolver do xeito en que o fixo se Peter Murphy non chega a crear en1978 Bauhaus, a banda pioneira do rock gótico. Un dos seus primeiros singles é "Dark Entries", de 1980.


"Dark Entries" é unha das cancións inesquecibles de Bauhaus e serviu de influencia para o grunge, outra corrente do rock que exploraba os sons máis escuros. Hole, a banda de Coutney Love, empregou un riff de "Dark Entries", no tema "Mrs Jones" do álbum de debut das californianas Pretty on the Inside (1991).


venres, 19 de outubro de 2012

Mass Production

O debut en solitario de Iggy Pop The Idiot (1977), catro anos despois do seu último traballo con The Stoogles, é un dos mellores exemplos de post-punk realizados durante os anos setenta. Foi o primeiro disco dos tres que publicou en 1977 Iggy Pop e presaxiaba unha carreira moi prometedora que non acabaría por defraudar. O disco péchase con "Mass Production", o tema máis longo do álbum, que dura case oito minutos e medio. É un tema bastante escuro en comparación co resto das cancións do LP, pero tamén é unha boa mostra do poder creativo de Iggy Pop e mais de David Bowie.


É como calquera disco que marcou unha época, apenas hai algunha canción de The Idiot que non influíse  noutros artistas que tomaron a Iggy Pop como un referente. É o caso de Gustavo Cerati e Daniel Melero, membros de Soda Stereo que, baseándose en "Mass Production" crearon "Ameba", todo un temazo dos arxentinos incluído en Dynamo (1992), sexto disco de Soda Stereo.

xoves, 18 de outubro de 2012

Ballrooms of Mars

Nos últimos anos dos 60 xa se comezaba a respirar novos aires no rock, que seguía evolucionando de forma constante, e así, en Gran Bretaña unha serie de artistas novos como David Bowie, Bryan Ferry e Marc Bolan ían a abandeirar un novo estilo dentro do rock: o glam onde a estética cobraba unha importancia que ata daquela apenas tiña cabida dentro do movemento musical. Precisamente, Marc Bolan formou unha das bandas máis representativas do glam rock: T. Rex, que se non chega a ser pola imprevista morte de Bolan en 1977, seguramente que aínda hoxe habería de encabezar a vangarda do rock. O seu maior éxito é "Get It On", pero T.Rex tamén nos deixou outras enormes canción como "Ballroom of Mars", do sétimo disco de estudio The Slider (1972).


Malia que non é unha das cancións máis populares de T. Rex, "Ballrooms of Mars" ten unha versión en castelán que Radio Futura gravou en 1980. Daquela a banda dos irmáns Auserón estaba dando os seus primeiros pasos na música nun momento de gran axitación artística; eran os anos fortes da Movida, que estaba deixando de ser un movemento meramente xuvenil para gañar repercusión e chegar a ser un fenómeno cultural transcendente nun país que loitaba por modernizarse e estar á altura do resto de países europeos. A letra de "Divina", que así se chama a versión de Radio Futura, non ten moito que ver coa orixinal escrita por Bolan, pero é a homenaxe que Santiago e Luis Auserón e Enrique Sierra lle renden a Alaska, a artista que en certo sentido, puxo en marcha a revolución que supuxo a Movida sendo unha adolescente. As referencias a ela están explícitas cando se menciona directamente a Kaka de Luxe, a primeira banda de Alaska na que coincidiu con Enrique Sierra. "Divina (Los Bailes de Marte)" foi un dos singles do álbum de debut de Radio Futura Música Moderna (1980).