xoves, 26 de febreiro de 2015

Dear Prudence

No sempre fantástico álbum branco de The Beatles, de 1968, é difícil quedar só cunha canción. Quizais por iso sexa un dos discos máis influíntes do cuarteto, algo que tampouco resulta unha gran novidade, pois a discografía dos Beatles é un manual de referencia desde o principio, se ben acentuouse de xeito notable cando deron un xiro psicodélico co Stg. Peppers. En calquera caso, a finais dos sesenta atopábanse nun excelente momento compositivo e non había trazas de que fose rematar pronto. Mesmo parecía que todos os problemas externos quedaban de lado no intre en que entraban nos estudios de Abbey Road para gravar; nin o tráxico final de Epstein, nin a tensión cada vez maior entre John Lennon e Paul McCartney, nin a crecente influencia de Yoko Ono... os traballos dos Beatles seguían reflectindo unha luminosidade que escurecía todo o demais. Outra das marabillosas  cancións de The White Album é "Dear Prudence", dedicada á irmá de Mia Farrow.


Siouxsie and the Banshees fixo unha das mellores versións de "Dear Prudence" que se recordan. Editárona como single independente en 1983.


Enigma tamén se inspirou no son orixinario de "Dear Prudence" para a canción "Out from the Deep", un dos temas de The Cross of Changes (1993), un dos discos máis exitosos do proxecto de Michael Cretu.

mércores, 25 de febreiro de 2015

Los restos del naufragio

A relación de Bunbury coa música latinoamericana acentuouse co cuarto traballo do ex líder de Héroes del Silencio, El viaje a ninguna parte (2004), un dobre álbum marcado precisamente polas viaxes que Bunbury realizou ó Novo Continente, especialmente a México, onde o artista zaragozano se empapou dunha rica experiencia que quedaría reflectida en cada letra e que o habería de unir aínda máis ó público hispanoamericano, que xa o veneraba na súa etapa con Héroes. Unha das cancións máis fermosas do álbum é "Los restos del naufragio", unha oda na que Bunbury se acorda dalgúns colegas e amigos coma Spinetta, Tom Waits, Charly García, Loquillo, Calamaro e Julieta Venegas, entre outros, ós que menciona expresamente.


No disco de homenaxe Hechizo: tributo a Héroes del Silencio y Bunbury (2010), Pereza encárgase da versión de "Los restos del naufragio". No disco tributo, as versións están moi ben elaboradas por parte de tódolos artistas que participan, e seguramente, de vez en cando revisemos algunha outra, porque se trata dun álbum totalmente recomendable.


martes, 24 de febreiro de 2015

Berzek

Por moitos anos que pasen, o estilo de facer hip hop de Eminem apenas varía, pero deu cunha fórmula que lle permite seguir sendo un dos rapeiros de referencia. Unha das claves é que o de Detroit sabe rodearse das persoas adecuadas cando prepara un novo disco, o que sempre garante certo éxito. No penúltimo álbum, The Marshall Mathers LP 2 (2013), Eminem contou con Rick Rubin como produtor dalgunhas cancións, quen lle suxeriu novas ideas para os temas en que traballaban xuntos. O veterano produtor, que gañara unha merecida reputación nos oitenta ó impulsar as carreiras de grupos de hip hop, post punk e trash metal coma Public Enemy e Beastie Boys, entre outros moitos, levou o peso das principais cancións do álbum e non é casualidade que o single de promoción fose un dos temas nos que deixou a súa pegada. En "Berzek" nótanse os trazos dalgunhas cancións dos Beastie Boys e do hard rock dos oitenta, sen dúbida, achegas claras de Rubin.


O único elemento  ó que Rick Rubin foi alleo trátase do fragmento da canción de Billy Squiers "The Stroke", pertencente a Don't Say No (1981). Rubin non participou na produción deste álbum, pero é un bo coñecedor do hard rock daqueles anos, así que pensou que podería quedar ben en "Berzek".


Pero quen mellor contribúe á canción de Eminem con achegas do seu repertorio é Beastie Boys. Un dos grupos fetiche de Rubin teñen o seu sitio en "Berzek" con dúas cancións producidas no seu día por Rick Rubin. A primeira é "The New Style", do álbum Licensed to Ill (1986).


A segunda é con moita probabilidade a máis coñecida da discografía de Beastie Boys. É "(You Gotta) Fight for Your Rights (To Party!)", do mesmo álbum ca "The New Style".

luns, 23 de febreiro de 2015

Good Riddance (Time of Your Life)

Green Day devolveulle ó punk o seu lado máis gamberro, pero a medida que estes tres rapaces se ían facendo maiores, tamén as letras das súas cancións se volvían máis maduras, ou alomenos iso deixaban entrever nos intentos por acadalo. A primeira nota discordante de que non todo era provocar produciuse en Nimrod (1997), que basicamente mantiña a mesma liña cós seus predecesores, agás en "Good Riddance (Time of Your Life)". Para sorpresa de moitos fans, esta canción é unha balada, cunha letra reflexiva, que xa anticipaba a transformación que o trío habería sufrir uns traballos máis tarde. 

http://youtu.be/mwnoNVOj1Fs

Cun son bastante semellante a "Good Riddance (Time of Your Life)"comeza a balada de Offspring "Kristy, Are You Doing Okay?", que aparece no álbum Rise and Fall, Rage and Grace (2008). Resulta curioso como a influencia dun destes grupos influíu no outro, xa que ó estar adscritos os dous ó mesmo xénero e na mesma época, moitos buscaron unha certa rivalidade calcando máis as diferenzas entre ambas e no entanto, son nas baladas onde acaban converxendo.

venres, 20 de febreiro de 2015

The Name Game

Shirley Ellis creou unha divertida canción a mediados dos sesenta, co ritmo propio das cancións pensadas para xogar, o que fixo que este tema tivese moita popularidade entre o público infantil, que pronto a adoptou como un novo xogo. Pero antes de que Shirley Ellis se especializase en cancións pensadas para este público, esta moza compuña cancións para outros artistas, como The Chords, que gravaron moitas cancións asinadas por Ellis, ata que en 1963 debutou co single "The Nitty Gritty", unha canción que por unha vez non compuxera ela, senón que Licoln Chase lle cedeu para o seu estreno. Un ano máis tarde lanzaría "The Name Game" (1964), a súa canción máis exitosa, da que se farían numerosas versións.

http://youtu.be/NeF7jqf0GU4

As primeiras versións de "The Name Game", incluídas as que se fixeron noutros idiomas, reproducen o estilo infantil da orixinal, polo que o carácter lúdico segue presente. Sería entón coa versión de Stacy Lattisaw cando "The Name Game" adopta un aire moito máis adulto e encarado máis claramente cara a o R&B e o dance pop típico dos oitenta que a distingue totalmente da orixinal. De feito, a versión de Lattisaw títulase "Attack of the Name Game", como se quixese deixar clara a distancia coa de Shirley Ellis. Está recollida en Sneackin' Out (1982).

http://youtu.be/afRwEVCFi1Q

A versión de Stacy Lattisaw serviulle de referencia a Mariah Carey para o seu "Heartbreaker", single de Rainbow (1999) co que Mariah Carey tentaba repetir o éxito de "Fantasy", un dos éxitos que acadara uns anos antes e que por outra parte, tamén estaba baseado nun tema dos oitenta, nese caso de Tom Tom Club, como xa vimos nunha ocasión.

xoves, 19 de febreiro de 2015

Boig per tu

Raramente as cancións en calquera outra das linguas peninsulares que non sexa o castelán adoita ter unha gran trascendencia comercial, pero cando isto se produce pasa a formar parte da memoria colectiva como unha máis. "Boig per tu" dos cataláns Sau, pertencente a Quina Nit (1990) obtivo unha tremenda popularidade en Cataluña debido tanto á sensibilidade da letra como a fermosa melodía. É un tema que está dedicado á lúa, que consegue emocionar dun xeito sentido. Converteuse nun himno, na consagración de Sau no panorama rock catalán, sobre todo cando Luz Casal o versionou. Isto supuña novos azos para todos aqueles grupos que cantaban nunha lingua distinta do castelán. Un dos últimos herdeiros de Sau son Manel, que cantando integramente en catalán, foron un fenómeno supervendas en toda España hai tan só uns poucos anos.

http://youtu.be/g_wJtyNSWz4

Pero foi coa versión en castelán de Luz Casal, "Es por ti", incluído en A Contraluz (1992) cando o éxito se disparou. Deulle visibilidade á versión orixinal, pois nalgúns concertos de Sau, Luz apareceu como invitada, cantando con eles en catalán.

http://youtu.be/vmNXO9WuFfs

"Boig per tu" tampouco se librou de ser sampleada. Jack Lucien deulle tal reviravolta neste "Be with You", que a desvirtúa totalmente. Mágoa que o resultado sexa tan malo.

http://youtu.be/0yMOMrX6agc

A última versión é a que Shakira fixo no álbum epónimo publicado en 2014.

http://youtu.be/kogPuS-DUHY

martes, 17 de febreiro de 2015

The Sun Ain't Gonna Shine (Anymore)

Boa parte da carreira musical de Frankie Valli desenvolveuse con The Four Seasons, que lograron os seus maiores éxitos durante os sesenta e os setenta, pero iso non impediu que Valli editase uns algúns discos en solitario, sen interferir no devir do grupo. Co nome de Solo (1965), que xa deixaba claro que era un álbum paralelo ós de The Four Seasons, Frankie Valli presentaba unha colección de cancións na que se incluía "The Sun Ain't Gonna Shine (Anymore)", tema escrito por Bob Gaudio e Bob Crewe; este último tamén se encargaría da produción. Trátase dun tema típico daqueles anos, que reproduce a estrutura lírica do pop máis en alza do momento.


Non obstante, "The Sun Ain't Gonna Shine (Anymore)" acadaría unha maior popularidade nas voces de The Walker Brothers, nun álbum que levaba o mesmo título cá canción e que lle serviría a este trío para darse a coñecer.


A última versión coñecida de "The Sun Ain't Gonna Shine (Anymore)" é a que Keane editou en 2005.

luns, 16 de febreiro de 2015

I Never Cry

Nos anos setenta puxérase de moda entre as bandas de rock gravar álbums conceptuais e Alice Cooper non foi alleo ó fenómeno. O rockeiro de Detroit incluso deu un paso máis ó publicar dous seguidos coa mesma temática. Welcome to My Nightmare (1975) foi a primeira aventura deste de tipo de Alice Cooper, no que nos presentaba a Steven, o protagonista do repertorio de cancións que compoñen o álbum e que desde entón, non é raro atopar noutras das súas composicioóns. Co disco de 1975 a historia de Steven quedou escasa e Alice Cooper decidiu ampliala co seguinte disco, Alice Cooper Goes to Hell (1976), onde non faltan as baladas rock coma "I Never Cry", que tan ben funcionaran no anterior traballo discográfico.


No álbum epónimo co que debutaban en 1985 despois de dous anos editando singles, Hombres G incluían unha adaptación bastante fidedigna da canción de Alice Cooper, co título "No lloraré".