venres, 11 de decembro de 2015

Georgy Porgy

Toto debutou cun álbum epónimo que recolle unha variada representación dos estilos musicais que máis triunfaban a finais dos setenta. Publicado no outono de 1978, Toto componse de dez cancións que van desde o rock máis sofisticado ata o R&B e a música disco, o que o converte nun excelente resume musical de toda unha época. A canción insignia dese traballo é sen dúbida "Hole the Line", que se escolleu como primeiro single e xaora foi a mellor carta de presentación para a banda, que decontado centrou toda a atención da crítica e do público. Como proba do estilo heteroxéneo do álbum, o terceiro single que se escolleu foi "Georgy Porgy", onde Toto mostra a facilidade que tiñan tamén para adentrarse na música máis achegada ó funk.


Side Effect fixeron unha moi boa versión funk no álbum After the Rain (1980), co que quedaba máis que claro que "Georgy Porgy" é unha canción pensada especialmente para o este estilo musical.


A canción de Sinclair "L'epreuve du temps", pertencente ó seu terceiro álbum, La bonne attitude (1997), está baseada en "Georgy Porgy", de tal xeito que mesmo parece unha versión da canción de Toto adaptada ó francés.


A última gran versión que se fixo de "Georgy Porgy" é a de Eric Benét no álbum A Day in the Lilfe(1999) e na que participa Faith Evans.

xoves, 10 de decembro de 2015

December

E por fin xa está aquí decembro, o último mes do ano e no que se produce o solsticio de inverno no hemisferio norte, acontecemento ligado tamén o tempo de Nadal. Así que coa maxia que desprende este mes era algo natural que inspirase a moitos músicos que lle dedicaron algunhas composicións, como a primeira que aparece no álbum de debut de The Waterboys. Malia que este disco epónimo editouse no verán de 1983, gravouse entre novembro e decembro de 1982, así que o "December" de The Waterboys foi un dos temas con máis sentimento do álbum.

https://youtu.be/Yk4-P8yLchw

Moi recordado é o "December" de Collective Soul que ilustra o segundo álbum da banda norteamericana Collective Soul (1995).

https://youtu.be/utYjsmDzMi0

Counting Crows tamén lle dedica unha canción a este mes co título de "A Long December",  un tema meláncolico, pero de gran beleza, pertencente a Recovering the Satellites (1996), o álbum co que pretendía conseguir o éxito do anterior no que se incluía "Mr. Jones", o gran trallazo desta banda.

https://youtu.be/jkVTgWpONnE

No álbum Maladroit  (2002) de Weezer péchase con outra canción titulada "December".

https://youtu.be/jpqoWTw7910

The Moody Blues fixeron un álbum de Nadal precisamente co título December (2003) que se estrea coa canción  "December Snow".

https://youtu.be/BXsZbSRfc1E

En 2010 DePedro presentaba o seu segundo álbum Nubes de papel que conta coa colaboración de Vetusta Morla na canción titulada "Diciembre".

https://youtu.be/HB4jW6dzvXQ

mércores, 9 de decembro de 2015

Waiting for a Girl like You

Moitas das grandes baladas rock dos oitenta son obra da banda con base en Nova York Foreigner, que logrou crear escola, especialmente trala espectacular "I Want to Know What Love Is" de 1984, que varias décadas despois da súa publicación aínda segue levantando paixóns. Pero antes de que esa canción culminase a carreira de Foreigner, Mick Jones e os seus compañeiros levaban curtíndose nese tipo de baladas desde os seus  primeiros traballos discográficos, coma "Cold as Ice", que aparece no seu álbum de debut. Para o cuarto disco, 4 (1981), Foreigner incluían a canción "Waiting for a Girl Like You", que reincidía na idea de que as baladas por excelencia eran a especialidade de Foreigner.


A capacidade de Foreigner para as baladas repercutiu notablemente noutros músicos, algúns xa certamente consagrados coma Robin Gibb, que decontado se puxeron a compoñer co mesmo estilo de Foreigner, coma se a banda lograse influír indirectamente na música dos demais. Se botamos unha escoita á canción de Robin Gibb, "Another Lonely Night in New York", do álbum How Old Are You? (1984), comprobaremos que ten algún eco de Foreigner e quizais sexa "Waiting for a Girl Like You" a que máis se aproxime.

luns, 7 de decembro de 2015

Save It for Later

The Beat é outra banda inglesa que eclosionou a finais dos setenta ó ábeiro da new wave e o post punk e que ata o de agora ficaba nun completo esquecemento, pero visto a época de revival na que estamos inmersos, volveron cun novo álbum este mesmo ano despois de que nos anteriores aparecesen diversos compilatorios con algunha canción inédita e incluso un álbum en directo. Así que a reunión do grupo con material do trinque era só cuestión de tempo. Para celebralo, recuperamos unha das cancións primitivas de The Beat e das máis lembradas, "Save It for Later", que se inclúe no terceiro álbum, Special Beat Service (1982), co que a banda se despediu por unha longa tempada, felizmente rematada neste ano que supón a volta definitiva de The Beat.


"Save It for Later" é sen dúbida unha das cancións favoritas da discografía de The Beat para outros músicos. Ademais de que moitos a teñen versionado, parece que Eddie Vedder se inpirou nela para compoñer "Better Man", unha das excelentes cancións do terceiro álbum de Pearl Jam  Vitalogy (1994). Ámbalas cancións están tan ligadas entre si que nos concertos Pearl Jam adoita a facer un medley coas dúas, que ás veces tamén se extende a "Daughter".

venres, 4 de decembro de 2015

I'm in Love

Evelyn "Champagne" King forma parte de toda unha xeración de artistas de R&B que a finais dos anos setenta apostou por un achegamento cara á música disco seguindo a estela do éxito de Donna Summer. E a esta moza do Bronx de Nova York non lle foi especialmente mal, pois algunhas das súas cancións aínda perviven varias décadas despois en novas composicións. Unha das máis destacadas leva o recorrente título de "I'm in Love" que tamén titula o seu cuarto traballo discográfico no que está incluída. Editado en 1981, I'm in Love tivo bastante tirón grazas ós singles que se editaron, sobre todo á canción que lle dá título.


Janet Jackson sampleoulle a canción a Evelyn "Champagne" King no seu tema "R&B Junkie" pertencente a Damita Jo (2004).


E o mesmo fixo Jennifer Hudson en "I Can't Describe (The Way I Feel)", canción de JHUD (2014), deixando constancia así de que Evelyn "Champagne" King segue sendo unha referencia para as novas estrelas de R&B.

xoves, 3 de decembro de 2015

The Pusher

Parece que a discografía de Steppenwolf só se reduce a arquicoñecida canción "Born to Be Wild", inmortalizada na película Easy Rider e protagonista de calquera escena dominada polas motos. Pero o certo é que a banda sonora do film de Peter Fonda nútrese tamén doutro tema que forma parte do álbum epónimo de Steppenwolf co que a banda de Toronto se deu a coñecer en 1968. Falamos de "The Pusher", unha canción que escribiu o músico e compositor Hoyt Axton, e que lle cedeu a Steppenwolf antes de gravala el mesmo uns anos despois.


Nina Simone levou ó seu terreo "The Pusher" no álbum It Is Finished (1974) e esta versión soul é das escasas que se apartan do son rock que caracteriza a maioría das que se teñen feito desta canción.


Neneh Cherry baseou a súa canción "Trout" do álbum Homebrew (1992) en "The Puscher", ademais de que tamén conta co famoso sample de batería da canción de Led Zeppelin "When the Levee Breaks". Nesta canción de Neneh Cherry participa Michael Stipe, líder de REM.


Unha das últimas versións máis importantes que se fixeron de "The Pusher" é a de Blind Melon no álbum Nico (1996).


mércores, 2 de decembro de 2015

Head On

Unha das mellores cancións de The Jesus and Mary Chain atópase no terceiro álbum da banda escocesa, Automatic (1989). Foi o segundo single que se elixiu para promocionalo e trátase de "Head On", que nos seus catro minutos e once segundos de duración encerra unha mistura de estilos que vai desde o rock dos anos cincuenta ata o son da new wave que marcou os comezos dos oitenta. De feito, é innegable que a esencia de "Head On" se asenta sobre todo no traballo de Joy Division, coma se a banda do malogrado Ian Curtis estendese a súa sombra sobre a música de The Jesus and Mary Chain. A canción lanzouse en diferentes formatos e, malia a non ter unha ampla acollida en Gran Bretaña, triunfou de longo nas listas de Estados Unidos.


Os Pixies fixeron unha estupenda versión de "Head On", máis guitarreira que a orixinal, no álbum Trompe le Monde (1991).

martes, 1 de decembro de 2015

Walk This Way

Non era moi habitual no hard rock dos setenta mesturar o son con outros estilos máis afastados das guitarras como puidese ser o funk ou a electrónica, mais Aerosmith deu ese paso en "Walk This Way", canción pertencente a Toys in the Attic (1975), o que viña sendo o terceiro disco dos de Boston. Steven Tyler atrévese co rap nunha canción que combina á perfección o rock na súa vertente máis dura cos sons do funk, algo que anos máis tarde se volvería a ver na música de Aerosmith.


Pero a versión orixinal que aparece en Toys in the Attic quedou case no esquecemento cando o grupo de hip hop Run DMC fixo unha nova no seu álbum Raising Hell (1986) que se converteu no seu maior éxito. Coa produción dun Rick Rubin no seu mellor momento, na versión de Run DMC colabora o propio Steven Tyler, rapeando de igual forma que na versión primixenia. Run DMC demostrou que non facía falta que as bandas de hip hop inundasen as súas propias creacións con anacos de cancións alleas para triunfar, só cómpre facer unha boa versión para chegar ó máis alto, aínda que, todo hai que dicilo, o estilo de "Walk This Way" llo puxese moi doado.


Aerosmith retomou o riff de "Walk This Way" no comezo da canción "Eat the Reach", no álbum Get a Grip (1993).