venres, 30 de novembro de 2012

Have a Cigar

Wish You Were Here, o noveno álbum de Pink Floyd, publicado en 1975, tan só contén cinco cancións, pero a súa brevidade non lle impide ser un dos grandes discazos do rock. Dalgún xeito, foi a posta en escena previa para o traballo discográfico que moitos consideran o mellor de Pink Floyd The Dark Side of the Moon. Pois ben, esas cinco cancións xiran  sobre todo arredor do sentimento de perda tralo abandono de Syd Barret; pero tamén se centran noutras cuestións que preocupaban ós demais membros da banda, como por exemplo, as prácticas que estaba levando a cabo a industria discográfica, que estaba convertendo o rock nun negocio moi rendible. "Have a Cigar" é unha das primeiras cancións que critica explicitamente unha situación que a mediados dos anos 70, especialmente trala crise de 1974 que prexudicara en gran medida ó sector, se estaba volvendo habitual, é dicir, a paradoxa que supuña a música rock convertida en negocio cando nas súas orixes era un movemento á marxe. 


Como case todas as cancións de Pink Floyd, "Have a Cigar" conta con notables versións como a de OneTwo e a de Foo Fighters, mais o riff de guitarra desta canción asinada por Roger Waters, tamén lle serviu de inspiración a Dream Theater para o comezo da súa canción "Metropolis: Part 1" do álbum Images and Words (1992).

xoves, 29 de novembro de 2012

Feeling Good

Nos anos 60 os musicais gozaron dunha popularidade absoluta con cancións que transcenderon máis aló deste xénero escenográfico para incorporarse á música popular. Algunhas cancións acadaron tal éxito que mesmo funcionan de xeito independente da obra musical da que forman parte. Algo así é o que lle pasou o musical The Roar of the Greasepaint - The Smell of the Crowd, de 1965 que nos deixou unha gran canción composta por Anthony Newley e Leslie Bricusse, titulado "Feeling Good" e cantada polo protagonista do musical Cy Grant.


Ese mesmo ano apareceu unha versión de "Feeling Good" na voz de Nina Simone para o seu álbum de versións I Put a Spell on You, que axudou de maneira notable a popularizar esta canción no imaxinario colectivo.


"Feeling Good" é un dos temas máis versionados de todos. Artistas como Sammy Davis Jr, Traffic, Sheryl Crow, Eels e Michael Bublé, entre moitos outros, interpretárona nalgún momento nalgún dos seus traballos discográficos. Un dos últimos grupos en sumarse a esta lisa é Muse. A banda de Matt Bellamy gravouna no álbum Origin of Symmetry (2001) e con esta nova versión demostrouse que "Feeling Good" é un clásico disposto a perpetuarse neste novo século.


mércores, 28 de novembro de 2012

Chas! y Aparezco a tu Lado

Christina Rosenvinge é hoxe en día unha das cantautoras españolas máis reputadas do momento. Movéndose pola escena alternativa con traballos discográficos que colleitan os eloxios da crítica especializada, ás veces bótase de menos que as radiofórmulas que presumen de ofrecer o melloriño da música non teñan un oco para esta moza de orixe danesa. Por este motivo, moitos se sorprenden das orixes de Christina aló a finais dos 80, cando formaba un dúo con Álex de La Nuez, Álex & Christina, cunha presenza constante nas ondas. O pop cuns retrousos pegadizos era a marca deste exitoso dúo que con todo, non renunciaba a calidade, tanto no son coma nas letras. "Chas! y Aparezco a tu Lado" é un dos seus grandes éxitos máis lembrados, canción que abría o seu álbum epónimo co que se presentaban Álex & Christina en 1987.


A última versión realmente boa que se fixo desta canción débese ós andaluces Supersubmarina, unha das mellores bandas que apareceron ultimamente na escena alternativa e que a incluíron no seu primeiro LP Electroviral (2010).

martes, 27 de novembro de 2012

November Rain

"November Rain", un dos singles dun dos álbums máis exitosos de Guns N' Roses Use Your Illusion I de 1991. A balada, hoxe convertida nun clásico do rock das últimas décadas, é unha das composicións máis acertadas de Axl Rose e a interpretación de Slash á guitarra é coma sempre impecable, e en xeral, saca o mellor da banda americana. Coa apariencia dun falso final, "November Rain" ten dúas partes destacadas: o groso principal da canción e por outro, a do último minuto que por veces, parece unha canción independiente.


Unha das principais versión de "November Rain" corre a cargo da banda Way of Silence.



Anakelly, por outra parte, dálle uns aires de jazz a súa versión, que a fai única.

luns, 26 de novembro de 2012

House Jam

Nestas últimas décadas o rock experimental e a música electrónica en xeral tiveron un crecemento notorio no mundo da música, que buscaba novas maneira de innovar no son, sempre na procura dunha nota de orixinalidade que servise para avanzar na evolución da música. De aí a auxe de grupos como Animal Collective, Crystal Castles e Gang Gang Dance, que hoxe vos presentamos.  Esta formación procedente de Nova York xurdiron en 2001 e tres anos máis tarde publicaban o seu primeiro disco Revival of the Shittest. Xa asentados como unha das mellores bandas do son máis vangardista, en 2008 editaron o disco Saint Dymphna cunhas excelentes críticas. Nel inclúsese unha das cancións máis coñecidad de Gang Gang Dance "House Jam".


E a razón pola que "House Jam" colleu tanta sona débese a unha polémica xurdida a raíz dunha canción dos británicos Florence + The Machine. A banda de Florence Welch foi unha das sorpresas de 2009 coa publicación do seu sensascional debut Lungs, onde unha das cancións máis recoñecidas é "Rabbit Heart (Raise it Up)". Nesa canción percíbese algún elemento da melodía de Gang Gang Dance e a letra tamén recolle algún verso da mesma canción. Por ese motivo, Gang Gang Dance reclamou unha parte dos beneficios da canción.

venres, 23 de novembro de 2012

In the Light

Os eternos Led Zeppelin deixaron notas, riffs electrizantes de guitarra, que se perpetuaron en case todos os seus seguidores que se dedicaron a seguir os pasos de Jimmy Page, Robert Plant, John Bonham e John Paul Jones. Unha desas cancións cun riff que serviu de inspiración para temas posteriores é "In the Light", do sexto álbum de Led Zeppelin Physical Graffiti (1975).


Por exemplo, un riff parecido é o de Danzing na canción "Snakes of Christ", que aparece no segundo álbum da banda de Nova Jersey Danzing II: Lucifuge (1990), que como toda boa banda de heavy metal ten a Led Zeppelin como referente.


Tamén é bastante recoñecible o riff de guitarra de "Sex Type Thing", un dos primeiros temas de Stone Temple Pilots, presentes no seu álbum de debut Core (1992). Segundo Dean DeLeo, o guitarrista da banda, está inspirado en Led Zeppelin, pero moitos críticos apuntan a que está sacado directamente da canción de Danzing, que por outra parte como xa vimos, soa moito a Led Zeppelin.


Pero o propio riff de guitarra de "Sex Type Thing" tamén inspirou novos temas como "This Is Heavy Metal", de Lordi, o grupo finés que tanta sona acadou por gañar Eurovisión en 2006. "This Is Heavy Metal" é unha das canción do álbum Babez for Breakfast (2010).

xoves, 22 de novembro de 2012

Ashley's Roachclip

Na diversidade de novos estilos que trouxo a década de 1970, o nacemento da música funk foi do máis destacado para as pistas de baile. Do mesmo xeito, a combinación de sons que engloba este xénero nacido nos Estados Unidos, fixo que as cancións funks fosen unha fonte de samples para temas de nova creación, así como o seu ritmo pegadizo deixase un rastro bastante fácil de seguir en novas melodías. The Soul Searchers, unha das formacións que dende os seus comezos apostou polo funk, sábeo ben. A seu tema instrumental "Ashley's Roachclip", que aparece no seu segundo disco Salt of the Earth (1974) pode presumir de ser unha das cancións máis sampleadas de todas.


Imos quedar con algúns exemplos, xa que a lista sería moi longa se os puxésemos todos. Brian Eno, o ex integrante de Roxy Music e produtor de éxito, incluíu "Ashley's Roachclip" na canción "Ali Click" do seu álbum en solitario Nerve Net (1992).


Un dos máis célebres é o de Duran Duran, que a empregaron en "Come Undone", un dos éxitos do álbum Duran Duran (The Wedding Album) (1993).


E tamén Moby o empregou no seu terceiro disco Everything is Wrong (1995) na canción "First Cool Hive", antes de que o músico neoiorquino conseguise a fama mundial grazas ó seu seguinte disco Play, publicado catro anos despois.

mércores, 21 de novembro de 2012

Oh What a Feeling

Posiblemente o título de "What a Feeling" non sexa o máis orixinal para unha canción, pero afortunadamente iso non reflicte na calidade do tema. Pois con este título xenérico bautizou o xamaicano Gregory Isaacs unha das súas creacións máis representativas do reggae, un bonito medio tempo que se incluíu no seu álbum  recompilatorio More Gregoy (2002).


"Oh What a Feeling" ten un marcado son de batería que lle serviu de inspiración a The Specials para a súa canción "Ghost Town", un dos single editados en 1981 da formación liderada por John Bradbury.