luns, 1 de febreiro de 2016

Angelia

Nos oitenta  déronse a coñecer unha recua de solistas máis achegados ó rock que ó pop que triunfaron sobre todo coas baladas. Un dos músicos máis importantes desa época é Richard Marx, quen colleitou sona de rompecorazóns coas súas fermosas cancións, ás que as guitarras eléctricas lles daba unha forza que só as bandas de rock conseguían. No seu segundo álbum, Repeat Offender (1989), a balada "Right Here Waiting" abriulle tódalas portas que ata entón se lle resistían, pero a favorita deste músico e compositor é o corte 3 "Angelia", que tamén foi o terceiro single do álbum. O son desta canción recorda moito ó de Def Leppard, de tal xeito que mesmo parece unha canción propia da banda de Joe Elliott. 


E os rapaces de Def Leppard, que de parvos non teñen un pelo, devolvéronlle a xogada a Richard Marx no álbum que estaban preparando, Adrenalize (1992), ó reproducir uns acordes moi semellantes ós de "Angelia" na canción "Have You Ever Needed Someone so Bad".

venres, 29 de xaneiro de 2016

P.Y.T (Pretty Young Things)

No fabuloso álbum de Michael Jackson, Thriller (1982) cada unha das nove cancións que o compoñen  ten o seu encanto propio, aínda que algunhas cancións posúen unha luz propia moito máis intensa ca outras. Nesas últimas podemos encandrar o corte 8, "P.Y.T (Pretty Young Things)", un tema composto por Quincy Jones e James Ingram e que saíu como sexto single dun traballo que culminaba unha etapa dourada na carreira de Michael Jackson. E con todo, "P.Y.T (Pretty Young Things)" é unha das cancións máis versionadas de Thriller, ademais de sentar as bases doutras tantas cancións que a empregaron de fonte para a súa elaboración.


Unha delas é a de Monica "All Eyez on Me", do álbum do mesmo título, editado en 2002, onde a cantante estadounidense interpola partes da canción de Michael Jackson para darlle contido ó seu tema.


Outra que tamén rende tributo a "P.Y.T (Pretty Young Things)" é "Good Life", canción que se inclúe no álbum de Kanye West Graduation (2007), pero desta volta o rapeiro optou só por empregar a melodía dos teclados.

xoves, 28 de xaneiro de 2016

How Long

Paul Carrack, que nas últimas décadas desenvolveu unha notable carreira en solitario con éxitos como "Eyes of Blue" e "Satisfy My Soul", comezou a súa andaina musical en Warm Dust para pouco despois formar Ace, unha banda que debutou co álbum Five-A-Side (1974), que contén a principal canción que lle deu sona ó grupo. Trátase de "How Long" e Carrack non deixou de interpretala ó longo do tempo. O éxito da canción transcendeu ó devir da banda e ó pouco de editarse xa se estaban facendo versións dela, algunhas dunha calidade francamente boa.


Posiblemente, a máis espectacular sexa a de Bobby Womack no álbum Home Is Where The Heart Is (1976), en clave R&B.


Outra que tamén gozou dunha grande acollida foi a de Rod Stewart no famoso Tonight I'm Yours (1981),
que mesmo foi o terceiro single do álbum.


Xa en clave reggae destaca a versión de Yazz, xunto o grupo Aswad, no álbum One on One (1994).

mércores, 27 de xaneiro de 2016

Daisy Jane

No quinto álbum de America, Hearts (1975), destaca con diferenza a canción "Sister Golden Hair" que co paso do tempo se convertería nun dos grandes éxitos da banda formada por Dan Peek, Gerry Beckley e Dewey Bunnell. Mais a repercusión de "Sister Golden Hair" non oculta as outras cancións do disco, que tamén teñen un gran nivel compositivo e as que saíron como single tamén quedaron ben situadas nas listas de vendas. A que a tiña máis difícil, como non, foi o single sucesor de "Sister Golden Hair", que recaeu na balada "Daisy Jane", composta por Beckley. 


A canción de America  influenciou notablemente á balada de Janet Jackson "Let's Wait awhile", pertencente ó seu terceiro álbum, Control (1986). Esta non sería a única vez en que a pequena dos Jackson toma como referencia a obra de America, xa que anos despois tamén se fixaría na canción "Ventura Highway" para ensamblar o son de "Someone to Call My Lover", tal como vimos na entrada dedicada a ámbolos temas.

martes, 26 de xaneiro de 2016

Sunshine Superman

O cantautor escocés Donovan, coñecido tamén como o Bob Dylan europeo, editou o seu terceiro disco Sunshine Superman (1966) en plena febre psicodélica musical, polo que as cancións do álbum non podían escapar desa intensa influencia. Dese modo, o folk primitivo co que Donovan se presentara uns anos antes collía novos azos e metíase de cheo na nova orde que dominaría o pop e o rock nos seguintes anos. A canción que titula ese terceiro disco é unha das máis coñecidas da súa discografía e apareceu con diferentes formatos recompilatorios da obra de Donovan.


No álbum de debut de Hüsker Dü Everything Falls Apart (1983) aparece unha soa canción allea ó grupo e esa é "Sunshine Superman". Así de chula lles quedou a versión á banda de Minnesota.


Coas bases de "Sunshine Superman" Imani Coppola elaborou o único éxito que tivo na súa carreira, a canción "Legend of a Cowgirl", pertencente ó seu primeiro disco Chupacabra (1997).

luns, 25 de xaneiro de 2016

Sussudio

Sen deixar de lado a Genesis, banda que lideraba trala marcha de Peter Gabriel, Phil Collins cultvou unha carreira en solitario paralela que se foi consolidando con cada novo álbum. A terceira entrega, No Jacket Required (1985), resultaba a máis ambiciosa ata aquel momento, onde se mudaba a seriedade dos anteriores traballos por ritmos moi bailables, algo que Collins xa deixaba entrever no disco anterior, Hello, I Must Be Going! cando versionaba a canción de The Supremes "You Can't Hurry Love". Así, mostrando a súa faciana máis desenfadada, en No Jacket Required atópanse cancións do máis optimistas como "Sussudio", onde o protagonismo da batería, o instrumento que Genesis mellor dominaba, enche unha melodía que convida ó baile.


 Outra canción cun son moi semellante a de Phil Collins é a da Miami Sound Machine "Conga", un éxito que aparece no álbum Primitive Love (1985), editado varios meses despois que No Jacket Required. Ó igual que "Sussudio", "Conga" incide tamén na importancia da batería, potenciando ó ritmo latino dos outros instrumentos. O compositor, Enrique García, era o batería da banda, polo que non estraña o resultado. 

venres, 22 de xaneiro de 2016

Shoot the Dog

O último álbum con cancións inéditas que George Michael data de hai doce anos. Patience (2004) xa deixaba ás claras que a carreira do ex membro de Wham! entrara nunha fase decadente e que os mellores momentos quedaban xa atrás.  Con todo, non era cuestión aínda de abandonar calquera proxecto futuro e recrearse no pasado e George Michael comezou a preparar as cancións de Patience paseniñamente e adiantou uns poucos singles dous anos antes, como é o caso de "Shoot the Dog", unha canción de alto contido político que quedou patente no videoclip, onde se ridiculizaba a George Bush. Pero musicalmente "Shoot the Dog" non é nada do outro mundo e nin sequera é dos temas máis orixinais, pois para o seu desenvolvemento, George Michael serviuse das bases doutras cancións, todas elas da época da new wave.

https://youtu.be/ABhZQ_VRbsQ

Unha delas é a canción de The Human League "Shoot Action (I Believe in Love)", pertencente a Dare (1981).

https://youtu.be/gVzGl9FFOns

Outra é a de ABC, "Be Near Me", do álbum How to Be a... Zillionaire! (1985).

https://youtu.be/fbw2bdbD2HE

xoves, 21 de xaneiro de 2016

Get Together

Chet Powers, un dos cantautores folk dos sesenta, é o autor dunha coñecida canción, que ironicamente, triunfou nas voces doutros artistas, mais non na súa. Falamos de "Get Together", interpretada en varias ocasións por grupos e solistas de diferentes ámbitos, pero a primeira vez que algúen a deu a coñecer foi The Kingston Trio no álbum Back in Town (1964), que ó non editarse como single, non chamou especialmente á atención.

https://youtu.be/Eif5tF-j_Vc

The Youngbloods realizou unha das versións máis exitosas de "Get Together", que mesmo superou a outras coma a de Jeffreson Airplane e a de David Crosby. Incluíuse no álbum epónimo que publicaron en 1967. Ó igual que as anteriores, The Youngbloods respectan o estilo folk, pero para a ocasión engadíronlle un toque country que lle valeu máis visibilidade.


De "Get Together" téñense feito unha manchea de cancións en clave folk. Talvez por iso, a de The Staple Singers, co seu habitual estilo soul, sorprende no álbum What the World Needs Now Is Love (1968).


A impronta que "Get Together" deixou alén da música country e folk nótase no comezo da canción de Nirvana "Territorial Pissings", do exitoso Nevermind (1991). A banda de Kurt Cobain elixiu o retrouso da canción de Chet Powers para arrincar os primeiros acordes do corte 7 do disco.