martes, 31 de maio de 2011

The Banjo Song

En 1962, o cantautor de Greenwich Village Tim Rose formou xunto coa cantante de The Mamas & The Papas Cass Elliot e John Brown o trío folk The Triunvirate. Cando John Brown abandonou a formación pouco despois e substituíuno Jim Hendricks, pasouse a chamar The Big Three. O novo grupo só gravou dous álbums, The Big Three (1963) e The Big Three Live at the Recording Studio un ano despois. No primeiro álbum estaba incluída a canción "The Banjo Song", que, ó igual que The Big Three, non pasou a posterioridade precisamente. Ou talvez si?


En 1969, o grupo holandés Shocking Blue editaba o seu segundo álbum At Home cuxo último corte da cara B, a canción "Venus", se ía converter no seu maior éxito.

 http://www.goear.com/listen/4e31ee5/venus-shocking-blue

Pero, o que son as cousas. Para as xeracións posteriores, "Venus" é unha canción dun grupo pop procedente de Londres chamado Bananarama, que se incluía no disco de 1986 True Confessions. Claro, para entón The Big 3 xa  parecía pertencer á Idade de Pedra...

  http://www.goear.com/listen/a322eff/venus-bananarama

mércores, 25 de maio de 2011

The Air That I Breathe

O xibraltareño Albert Hammond, un dos autores de maior éxito dende os 60, compuxo xunto o seu colaborador habitual Mike Hazlewood, "The Air That I Breath", unha balada que aparecería no seu primeiro álbum en solitario It Never Rains in Southern California (1973).


Un ano despois, a banda de pop-rock orixinaria de Manchester The Hollies gravou unha versión que se convertería no seu maior éxito.


E a partir de aí, a historia de sempre. Como o cover de The Hollies tivo moito éxito, empezaron a xurdir novas versións nas voces doutros artistas dende ese momento; Olivia Newton-John, Julio Iglesias, Semisonic e Simply Red, entre outros, cantárona nalgunha ocasión para os seus propios traballos, así como o chileno Jorge González, que a gravou en español como "Necesito poder respirar", partindo da versión nese idioma do mesmo Albert Hammond.

Pero a polémica chegou en 1992, co debut da banda inglesa liderada por Thom Yorke, Radiohead, cuxo single de lanzamento tiña demasiadas semellanzas coa canción de Hammond. "Creep", que se acabaría convertendo nun himno para os seguidores de Radiohead, apareceu tamén no primeiro álbum de Radiohead  Pablo Honey, en 1993.


Non deixa de ser curioso que os comezos deste grupo estivesen marcados pola sombra dun plaxio que podería afectar á súa traxectoria posterior; no entanto, Radiohead converteuse nunha banda de culto e unha referencia innegable para centos de bandas de todo o mundo. En España, Piratas e Vetusta Morla son quizais os que máis lle deben a Thom Yorke e compañía. Mesmo hai quen lle critica á banda de Tres Cantos que se inspiran demasiado nas melodías de Radiohead, pero hoxe está fóra de toda dúbida de que Vetusta Morla, máis por méritos propios que por intervención do espírito de Radiohead, é unha das mellores bandas do panorama nacional e vai camiño de marcar unha época, do mesmo xeito que a banda de Iván Ferreiro é xa un mito no rock alternativo español.

xoves, 5 de maio de 2011

D'yer Mak'er

Led Zeppelin é unha das bandas que axudou a consolidar a corrente do heavy dentro do rock e na actualidade, o grupo de Jimmy Page e Robert Plant é todo un referente. Malia o prestixio do seu nome, a traxectoria de Led Zeppelin viuse ensombrecida polos supostos plaxios dos que se abasteceron as súas grandes cancións. Outro día trataremos o seu exemplo máis fragrante: "Stairway to Heaven", quizais a obra mestra de Led Zeppelin, composta por retais de varias cancións doutros grupos como a peza instrumental "Taurus" de Spirit.

No entanto, hoxe imos dedicarnos a unha das súas composicións orixinais e que foi motivo de valiosos covers como "D'yer Mak'er", do álbum Houses of the Holy (1973). O título da canción é unha clara alusión a Xamaica, xa que a pronunciación do título é case idéntica ao do país caribeño.

 http://www.goear.com/listen/bbf6e49/dyer-maker-led-zeppelin

A primeira versión deste tema correu a cargo do cantante xamaicano Eek-A-Mouse en 1991, pero o cover máis famoso de "D'yer Mak'er" aparecía en 1995 no álbum de tributo a Led Zeppelin Encomium: A Tribute to Led Zeppelin na voz da compositora Sheryl Crow.

 http://youtu.be/2XwoyFzbHNY