O xibraltareño Albert Hammond, un dos autores de maior éxito dende os 60, compuxo xunto o seu colaborador habitual Mike Hazlewood, "The Air That I Breath", unha balada que aparecería no seu primeiro álbum en solitario It Never Rains in Southern California (1973).
Un ano despois, a banda de pop-rock orixinaria de Manchester The Hollies gravou unha versión que se convertería no seu maior éxito.
E a partir de aí, a historia de sempre. Como o cover de The Hollies tivo moito éxito, empezaron a xurdir novas versións nas voces doutros artistas dende ese momento; Olivia Newton-John, Julio Iglesias, Semisonic e Simply Red, entre outros, cantárona nalgunha ocasión para os seus propios traballos, así como o chileno Jorge González, que a gravou en español como "Necesito poder respirar", partindo da versión nese idioma do mesmo Albert Hammond.
Pero a polémica chegou en 1992, co debut da banda inglesa liderada por Thom Yorke, Radiohead, cuxo single de lanzamento tiña demasiadas semellanzas coa canción de Hammond. "Creep", que se acabaría convertendo nun himno para os seguidores de Radiohead, apareceu tamén no primeiro álbum de Radiohead Pablo Honey, en 1993.
Non deixa de ser curioso que os comezos deste grupo estivesen marcados pola sombra dun plaxio que podería afectar á súa traxectoria posterior; no entanto, Radiohead converteuse nunha banda de culto e unha referencia innegable para centos de bandas de todo o mundo. En España, Piratas e Vetusta Morla son quizais os que máis lle deben a Thom Yorke e compañía. Mesmo hai quen lle critica á banda de Tres Cantos que se inspiran demasiado nas melodías de Radiohead, pero hoxe está fóra de toda dúbida de que Vetusta Morla, máis por méritos propios que por intervención do espírito de Radiohead, é unha das mellores bandas do panorama nacional e vai camiño de marcar unha época, do mesmo xeito que a banda de Iván Ferreiro é xa un mito no rock alternativo español.
Ningún comentario:
Publicar un comentario