martes, 28 de agosto de 2012

You Shook Me All Night Long

A década de 1980 comezou para os australianos AC/DC con novo material discográfico. O décimo disco da banda de Malcolm Young e os irmáns Young Back in Black (1980) confirmaba que o heavy metal de AC/DC gozaba de moi boa saúde nunha época onde a música electrónica estaba facendo furor. Os riffs da maioría das cancións deste álbum son hoxe clásicos que se pode rastrexar en moitas cancións rock. O primeiro single "You Shook Me All Night Long" xa anunciaba que estabamos ante unha obra destinada a perdurar no tempo.


En novembro de 1985 Queen presentaba en sociedade o adianto do seu novo álbum A Kind of Magic que vería a luz en xuño de 1986. O single elixido que nos anticipaba o vixésimo traballo de Freddie Mercury, Roger Taylor, Brian May e John Deacon foi "One Vision", que parece estar empapado do melloriño de AC/DC. É coma se Brian May e Freddie Mercury se pasasen os meses de preparación de A Kind of Magic escoitando constantemente o Back in Black de AC/DC e iso repercutise en "One Vision". En calquera caso, "You Shook Me All Night Long" e "One Vision" son dous exemplos de boas cancións salpicadas de boas guitarras.

luns, 27 de agosto de 2012

Let the Four Winds Blow

Un dos míticos músicos que máis contribuiu en transformar o R&B no incipiente rock and roll dos anos 50 é Antoine Dominique Domino, máis coñecido como Fats Domino. O cantautor e pianista de Nova Orleáns, que hai anos podería retirarse a vivir de rendas, segue aínda en activo dando concertos facendo as delicias de todos os seus seguidores e mostrando unha vitalidade que xa a quixesen ter algúns artistas bastante máis novos ca el, e iso que o seu último single data de 1980. Hoxe imos quedar con "Let the Four Winds Blow", unha das súas cancións de 1961.


Como boa parte dos artistas da súa xeración, Fats Domino é toda unha referencia de indiscutible valor para os intérpretes que medraron escoitando os seus vinilos e para todos aqueles músicos que se inspiraron nas composicións de Fats Domino, Chuck Berry, Jerry Lee Lewis, Elvis Presley, etc. para darlle forma a súa música. Mark Everett, coñecido por todos como Mr E, e líder da banda Eels, emprega un sample de "Let the Four Winds Blow" en "Novocaine for the Soul" do álbum Beautiful Freak publicado en 1996.

venres, 24 de agosto de 2012

Numb

As expectativas que se crearon trala publicación de Achtung Baby (1991) foron altas para U2. Mais o que podería ser un contratempo para unha banda novel non supuxo outra cousa que un reto de fácil superación para Bono e compañía. Así que en 1993, tanto público coma crítica aplaudiron a publicación de Zooropa, oitavo álbum dos irlandeses que se presentaba cunha sorpresa. O single elexido para a promoción foi o corte 3 "Numb" onde The Edge se puña á fronte do micrófono principal. 


Moi parecido é o tema co que os australianos Savage Garden se deron a coñecer en medio mundo, "I Want You", do álbum epónimo publicado en 1996.

http://www.goear.com/listen/19dd06e/i-want-you-savage-garden

Moito está dando que falar o novo single que acaba de presentar Muse como adianto do seu novo traballo discográfico The 2nd Law que con toda seguridade sairá ó mercado o vindeiro mes de outubro. "Madness" é a segunda canción que se coñece deste novo disco tras "Survival", a canción oficial dos Xogos Olímpicos que se celebraron en Londres, e dende que a deron a coñecer todo o mundo empezou a comparala con outras cancións buscando posibles influencias e semellanzas, xa que todos parecen coincidir en que ten un aire demasiado "oitenteiro". Para algúns parécese "I Want to Be Free" de Queen, e é innegable que a canción débelle moito á banda do inesquecible Freddie Mercury; xa só a guitarra que se escoita cara ó final do tema parece propia de Brian May. Para outros, lembra moito tamén ós primeiros tempos da carreira de George Michael en solitario e apuntan directamente a "Faith". Na nosa humilde opinión, estamos de acordo con todas estas análises, pero se nos temos que decantar cunha das influencias máis claras é a de U2; o son en xeral ten tamén moito de Zooropa, en concreto de "Numb"; case se podería dicir que Matt Bellamy mesturou con mestría todas esas influencias en "Madness" e mesmo se sinala que a canción está máis próxima a "Undisclosed Desires", de The Resistance (2009) ca a calquera outra canción de Muse. En calquera caso, estamos de novo ante unha enorme canción dos de Devon, xa só falta que deseñen definitivamente o seu propio estilo para que non se volva confundir cos dos demáis artistas.

xoves, 23 de agosto de 2012

Just What I Needed

En 1978 facía o seu debut en Estados Unidos unha banda de rock procedente de Boston que se ían converter en toda unha referencia da New Wave, o novo movemento que sacudiu os anos finais da década dos 70 e se asentaría nos 80. The Cars estaba formado por Ric Ocasek, Benjamin Orr, Elliot Easton, Greg Hawkes e David Robinson e o seu primeiro disco The Cars contou con dous singles fantásticos, o primeiro "Just What I Needed" reservoulles un oco na órbita a The Cars.


O segundo deles, "My Best Friend's Girl", mantense na liña do anterior. É outra gran canción que confirmaba o bo facer de Ric Ocasek, que tamén asinaba "Just What I Needed". A introdución é tamén moi semellante ó primeiro single: http://www.goear.com/listen/2628c80/the-cars-my-best-friends-girl-

Se hai unha banda que conservou a esencia de The Cars nas décadas posteriores é Fountains of Wayne. O grupo de Chris Collingwood non só bebeu das fontes da New Wave senón que souberon revitalizar o power pop, do que son unha das suás principais bandas. "Stacy's Mom", do terceiro traballo discográfico dos neoiorquinos Welcome Interstate Managers (2003) é unha homenaxe ós dous primeiros singles de The Cars. De "Just I What I Needed" recolle algún que outro sample, mentres que co segundo "My Best Friend's Girl" comparte a liña temática na letra e támén e moito máis próxima no estilo.

mércores, 22 de agosto de 2012

Tomorrow Never Knows

Revolver, o sétimo álbum de estudio de The Beatles e que xa anticipaba o son que ían desenvolver en Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band, péchabase con "Tomorrow Never Knows", un dos temas máis psicodélicos da banda de Liverpool que leva a firma do tándem Lennon-McCartney. En1966, ano de publicación de senllos discos, The Beatles fixeron unha aposta clara por dotar á música psicodélica dun lugar prominente no rock como ben reflicte  "Tomorrow Never Knows".


Unha das homenaxes máis destacadas que recibiu esta canción débese o dúo de Manchester The Chemical Brothers formado por Tom Rowlands e Ed Simons. No seu segundo álbum Dig Your Own Hole (1996) incluíron "Setting Sun" cuxa estrutura é moi semellante a "Tomorrow Never Knows". Para esta canción The Chemical Brother contaron coa colaboración doutro ilustre veciño de Manchester, Noel Gallagher, e tamén fan declarado dos catro de Liverpool.

martes, 21 de agosto de 2012

Sunshine of Your Love

"Sunshine of  Your Love", unha das cancións incluídas no segundo disco de Cream Disraeli Gears (1968) tornouse dende o seu lanzamento como un dos referentes do supergrupo formado por Eric Clapton, Jack Bruce e Ginger Baker. O seu potente riff de guitarra executado por Clapton é deses que non pasa desapercibido e queda gravado na memoria permanentemente. Non foron poucos os guitarristas que se resistiron a reproducilo e mesmo no ano da súa aparición Jimi Hendrix marcou unha versión instrumental deste tema nalgúns dos seus concertos que o confirmaba, xunto a Clapton, como un dos mellores guitarristas de todos os tempos.


Ésta é a versión de Jimi Hendrix, que habería de aparecer no álbum póstumo Experience Vol 1(1971), un disco en directo co mellor do músico de Seattle.

http://www.goear.com/listen/0f35c19/sunshine-of-your-love-jimi-hendrix

Tamén de 1968 é a versión de Ella Fitzgerald, que se incluiu no seu álbum en directo que titulou exactamente como a canción de Cream Sunshine of Your Love, e que contén diversas versións de temas dos 60.

http://www.goear.com/listen/33bc537/sunshine-of-your-love-ella-fitzgerald

O riff de "Sunshine of Your Love" sampleouse nunhas cantas ocasións. Como xa vimos, Robby Krieger, o guitarrista de The Doors sinalou que se basearan nel en "Hello, I Love You", pero habería de estar máis explícito noutros temas como o de Blood, Sweat & Tears en "Blues Part II", do seu álbum epónimo publicado tamén en 1968.

http://www.goear.com/listen/3e60922/blues-part-ii-blood-sweat-tears

Outra banda de Nova York de jazz fusion como Mahavishnu Orchestra tamén empregou "Sunshine of Your Love" no seu tema "Dream" do álbum en directo de 1973 Between Nothingness and Eternity.

http://www.goear.com/listen/d56c7f0/dream-2125-mahavishnu-orchestra

venres, 17 de agosto de 2012

All Day and All of the Night

O dous de outubro de 1964 aparecía no mercado británico o primeiro LP dunha banda chamada a facer historia. Os irmán Davies puñan en marcha de maneira oficial a andaina de The Kinks cun álbum epónimo que contiña catorce cancións entre as que se incluía "You Really Got Me", unha das cancións máis emblemáticas do grupo londinense. Pero nese mesmo mes de outubro editaban un single que non estaba no disco e que tamén se convertiría noutro dos grandes éxitos de The Kinks. "All Day and All of the Night" acabaría por ser unha das cancións de Ray Davies máis versionadas e tamén unha das máis influentes.


Outra das grandes bandas dos 60 foi The Doors. O carisma de Jim Morrison trascendeu máis aló do ámbito musical e hoxe en día practicamente non hai banda de rock que negue a influencia que a música de The Doors no seu son. Aínda así, no seu tempo The Doors tamén se fixaron en The Kinks, como ben se ve en "Hello, I Love You", do álbum Waiting for the Sun (1968), talvez a canción máis polémica de The Doors, xa que sobre ela pesa a sospeita dun posible plaxio de "All Day and All of the Night". Con todo, o guitarrista de The Doors Robby Krieger indicou que se basearan no tema de Cream "Sunshine of Your Love", que por outra parte, é unha das cancións de Cream que máis se presta á inspiración de moitos grupos, como veremos na próxima entrada.

http://www.goear.com/listen/5729e16/hello-i-love-you-the-doors

"Hello, I Love You" tamén e das máis versionadas de The Doors por grupos tan diferentes como The Cure, Eurythmics e Siouxsie Sioux entre outros, mais unha das que lle renden homenaxe na letra é a de Pulp "Dogs Are Everywhere", que saíu como single en 1986.

http://youtu.be/QNrk3YxuUi0

Mais volvendo á canción de The Kinks, The Hives tamén se inspiraron nela para crear "Hate to Say I Told You So" que estaba no seu debut Veni Vidi Vicious (2000).

http://www.goear.com/listen/1f89eac/hate-to-say-i-told-you-so-the-hives

xoves, 16 de agosto de 2012

Sometimes Good Guys Don't Wear White

O garage rock comezou nos anos 60 nos Estados Unidos e unha das bandas pioneiras en impulsar este estilo de rock foi The Standells, unha banda californiana que aínda hoxe segue en activo. O seu maior éxito foi "Dirty Water", a pesar contar tamén con outras excelentes cancións como "Sometimes Good Guys Don't Wear White" (1966), que é a que hoxe vos presentamos.

http://www.goear.com/listen/4a29011/sometimes-good-guys-dont-wear-white-standells

Esta canción de The Standells contou cunha adaptación ó castelán grazas á banda galega Los Cafres que se atreveron a versionala no seu único álbum publicado SF 13 Tractor Cerebral (1988) co título "Algún Día Caeré". A breve traxectoria desta banda non impediu que se convertese en todo un referente do garage nacional.

http://youtu.be/IlCKWyZq0bM