Un dos míticos músicos que máis contribuiu en transformar o R&B no incipiente rock and roll dos anos 50 é Antoine Dominique Domino, máis coñecido como Fats Domino. O cantautor e pianista de Nova Orleáns, que hai anos podería retirarse a vivir de rendas, segue aínda en activo dando concertos facendo as delicias de todos os seus seguidores e mostrando unha vitalidade que xa a quixesen ter algúns artistas bastante máis novos ca el, e iso que o seu último single data de 1980. Hoxe imos quedar con "Let the Four Winds Blow", unha das súas cancións de 1961.
Como boa parte dos artistas da súa xeración, Fats Domino é toda unha referencia de indiscutible valor para os intérpretes que medraron escoitando os seus vinilos e para todos aqueles músicos que se inspiraron nas composicións de Fats Domino, Chuck Berry, Jerry Lee Lewis, Elvis Presley, etc. para darlle forma a súa música. Mark Everett, coñecido por todos como Mr E, e líder da banda Eels, emprega un sample de "Let the Four Winds Blow" en "Novocaine for the Soul" do álbum Beautiful Freak publicado en 1996.
Ningún comentario:
Publicar un comentario