mércores, 19 de setembro de 2012

Sexy Sadie

En novembro de 1968 os Beatles lanzaban ó mercado discográfico o seu noveno álbum de estudio, un ano despois de sorprender con Magical Mystery Tour, publicado tan só cinco meses despois do incrible Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band. O novo disco, que levaba o título do grupo, non tardou en ser coñecido como The White Album pola cor  branca da carátula e ó igual que os anteriores, estaba influído polo ambiente místico que atoparon na India; mais por outra parte, The Beatles tamén era o primeiro disco que editaban no seu propio selo discográfico Apple. "Sexy Sadie" é unha das cancións máis destacadas deste traballo.


E como calquera canción dos Beatles "Sexy Sadie" colouse nunha canción dos anos 90, unha das mellores desa década. "Karma Police", primeiro single do terceiro disco de Radiohead OK Computer (1997), contén unhas notas do piano moi semellantes a "Sexy Sadie".

http://www.goear.com/listen/07743a2/karma-police-radiohead

A banda de Thom Yorke é sen dúbida un referente hoxe en día para moitos artistas novos. Vexamos senón, a canción de Lily Allen " Littlest Things", do debut da cantante inglesa Alright, Still (2006) cun comezo que lembra moito ó de "Karma Police".

http://youtu.be/dksGBJeLnQs

Pero a transcendencia de "Sexy Sadie" foi moito máis aló do que se pode pensar. Serviulle a Miquel Serra, Jaime García, José Luis Sampol e Toni Toledo para darlle nome a súa banda en 1992. Como non podía ser doutra forma, a banda mallorquina Sexy Sadie publicou unha versión do tema dos Beatles no álbum de versións Dream Covers (2002).

martes, 18 de setembro de 2012

Heartbreaker

Non será a primeira vez (nin tan sequera a última) que falemos da importancia de Led Zeppelin como unha das bandas máis influentes de todos os tempos. Os seus míticos riffs de guitarra poden rastrexarse en moitos artistas e grupos que non dubidan en inspirarse neles do mesmo xeito que Jimmy Page e compañía adoitaban facer cando estaban no cumio da súa carreira cos seus artistas favoritos. "Heartbreaker", do segundo disco dos ingleses Led Zeppelin II (1969) é desas cancións que están presentes nos acordes dalgunha canción posterior.


A canción que de certa forma resucitou o riff de "Heartbreaker" é "Rock and Roll Is Dead", primeiro single do cuarto álbum de Lenny Kravitz Circus, publicado en 1995. 


Resultaba curioso que o rockeiro neoiorquino escribise unha canción que falase sobre a morte do rock, xusto o mesmo ano en que Prince gravaba un tema cun título que contradecía a opinión de Kravitz. "Rock 'N' Roll Is Alive (and It Lives in Minneapolis" publicouse como cara B do single "Gold" que pertence ó álbum The Gold Experience.


xoves, 13 de setembro de 2012

Is She Really Going Out with Him?

Un deses artistas que só se coñecen por unha soa canción é Joe Jackson, un cantautor inglés que comezou a súa carreira a comezos dos anos 70 e que coñeceu a fama grazas o seu tema "Is She Really Going Out with Him?" que aparecía no seu álbum de debut en solitario Look Sharp!, publicado en xaneiro de 1979, catro meses despois de que o single "Is She Really Going Out with Him?" puxese na boca dos críticos o nome de Joe Jackson.

http://www.goear.com/listen/6466674/is-she-really-going-out-with-him-joe-jackson

O ritmo da canción de Joe Jackson apréciase de maneira sutil en "Steady, As She Goes", o single que deu a coñecer a The Raconteurs, o novo proxecto de Jack White tras The White Stripes e que anticipaba o disco Broken Boy Soldiers (2005).

http://www.goear.com/listen/4f95a40/the-raconteurs-steady-as-she-goes

mércores, 12 de setembro de 2012

Mbube

Unha das melodías procedentes de África que se fixeron coñecidas mundialmente durante o pasado século XX é a de "Mbube", gravada por primeira vez en 1939 polo seu autor Solomon Linda e a banda The Evening Birds. A canción está interpretada en zulú, unha das linguas oficiais de Sudáfrica e o título significa neste idioma "león". O éxito non tardou en chegar grazas ós inmigrantes que se instalaron en Gran Bretaña, que a auparon ó alto das listas de vendas nos primeiros anos da década de 1940.


A popularidade foi inmediata e en dez anos comezaron a aparecer as versións. Unha das máis temperás é a de The Weavers en 1952. Na banda na que militaba Pete Seeger bautizou a súa gravación co título de "Wimoweh" e aparecería no álbum en directoThe Weavers at Carnegie Hall, o segundo disco, que viu a luz en 1957.


Aínda habería unha nova versión cun título diferente dos anteriores que habería triunfar por riba dos outros da canción de Solomon Linda, malia que nos anos 60 os artistas que se animaban a versionala decantábanse ora por "Mbube", ora por "Wimoweh". A innovación débese a banda de doo-wap The Tokens que a titularon "The Lion Sleeps Tonight", gravada en 1961 e aparecería no debut destes neoiorquinos We, The Tokens, Sing Folk (1962).


Con este título gravárona unha morea de artistas. Destaca particularmente a de REM en 1993, cara B do single "The Sidewinder Sleeps Tonite", un dos temas máis rechamantes do fantástico Automatic for the People.


Resultaba evidente a preferencia de Michael Stipe por esta melodía, tanto que non fai falla fixarse moito no título do single para ver ata que punto a influencia de "Mbube" embriagou ós músicos de Atlanta. Así que tamén vos deixamos á ligazón de "The Sidewinder Sleeps Tonite".  

luns, 10 de setembro de 2012

Sweet Jane

A banda favorita de Andy Warhol, The Velvet Underground, deixou para a historia enormes cancións que hoxe son fundamentais na historia da música, pero unha delas trascendeu por riba de todas. "Sweet Jane", do álbum Loaded (1970), é un dos mellores temas que Lou Reed escribiu para The Velvet Underground, xusto no momento en que xa tiña pensado lanzarse en solitario. O riff das guitarras é un dos máis característicos do rock.


Tan característico que non sorprende nada atopalo noutras cancións. A máis clara corresponde a "Pretty in Pink" dos ingleses The Psychedelic Furs do disco Pretty in Pink (1986).

venres, 7 de setembro de 2012

Inner Child

Gregg Alexander non foi coñecido en todo o mundo ata que en 1997 formou a banda New Radicals e ó ano seguinte publicou o que sería o único álbum da banda Maybe You've Been Brainwashed Too (1998) que contiña un single demoledor que arrasou as listas de vendas de todo o mundo, "You Get What You Give". Mais a andaina de Gregg Alexander no mundo da música xa comezara a finais dos anos 80 cuns discos en solitario; escribindo cancións para outros artistas e facendo labores de produción, cousas que continuou realizando despois de que dese por rematado o proxecto de New Radicals, con éxitos como "The Game of Love" do álbum de Santana Shaman (2002) que leva a súa sinatura. Unha canción inédita de Gregg Alexander anterior a súa etapa con New Radicals é "Inner Child", que adoitaba interpretar nas actuacións en directo a mediados dos anos 90.


Un dos grupos que contou con Gregg Alexander para producir un dos seus traballos discográficos foi Texas. Aproveitando o tirón do éxito de New Radicals, a banda de Sharleen Spiteri contratou a Alexander para o seu recompilatorio de grandes éxitos The Greatest Hits de 2001. Gregg Alexander adaptou o seu tema inédito "Inner Child" para crear "Inner Smile", un dos temas destacados.

http://www.goear.com/listen/5911efe/inner-smile-texas

xoves, 6 de setembro de 2012

Mama Told Me Not to Come

En 1965 The Animals acadaran o apoxeo do éxito pero tamén esta situación comezaba a causar estragos nos membros do grupo. Alan Price, o teclista, abandonou a banda por problemas persoais e tamén para non  ter que enfrontarse con Eric Burdon. Un ano despois tamén marchaba o batería John Steel, e con iso parecía sentenciar o final da banda. Mesmo con todas estas dificultades, Burdon non se deu por vencido e en 1967 refundou  o grupo co nome Eric Burdon & The Animals e nese mesmo ano aparecía nos Estados Unidos o álbum Eric Is Here, que contén a canción escrita por Randy Newman "Mama Told Me Not to Come".

http://youtu.be/tH47sJIFK0U

Unha das primeiras versións que se fixo de "Mama Told Me Not to Come" débese ó propio autor, Randy Newman, que a gravou en 1969 e aparece no álbum 12 Songs (1970).

http://youtu.be/zUmLAGEHB0U

Pero a versión máis popular apareceu tamén en 1970 nas voces de Three Dog Night. A banda californiana incluiuna no disco It Ain't Easy (1970).

http://www.goear.com/listen/6877a7b/mama-told-me-not-to-come-three-dog-night

Nos últimos anos "Mama Told Me Not to Come" volveu pórse de actualidade grazas ó álbum de versións que Tom Jones publicou en 2000 titulado Reload. Na canción de Randy Newman colabora co Tigre de Gales os seus paisanos de Stereophonics, que tamén a incluíron no seu recompilatorio de 2008 Decade in the Sun: The Best of Stereophonics.

http://youtu.be/SwN2uOFcpHg


martes, 4 de setembro de 2012

New York Groove

En pleno estourido do glam rock nos anos 70, os ingleses Hello contribuiron a espallar este novo estilo cunha morea de bos singles como "Another School Day", "Tell Him" e "New York Groove", que nalgún momento se codearon nas listas de vendas con cancións de T-Rex e Bowie.  Mais o paso do tempo non foi moi amable coa banda de Bob Bradbury e hoxe apenas se cita ó falar das bandas e artistas que impulsaron o glam rock. "New York Groove", o seu maior éxito, apareceu no primeiro álbum de Hello Keeps Us off the Streets publicado en 1975.


A versión máis importante débese ó cantante de Kiss Ace Frehley que a gravou para o seu álbum en solitario Ace Frehkey (1978).


A diferenza doutras bandas de América Latina coma os mexicanos Maná e os hispanoarxentinos Los Rodríguez, Soda Stereo apenas tivo repercusión en Europa, algo difícil de entender posto que os bonaerenses son un dos mellores grupos de rock latino das últimas décadas. O talento de Gustavo Cerati levouno en 1982 a formar Soda Stereo e a encher de excelentes cancións a andaina deste grupo. En 1995 fixeron un tímido e serodio intento de adentrarse no mercado europeo con Sueño Stereo, o seu sétimo disco que ten como canción bandeira "Ella Usó Mi Cabeza como un Revólver", pero inexplicablemente a proposta non callou, talvez debido a que Sueño Stereo foi o derradeiro álbum de estudio. Nese disco, ademais de "Ella Usó Mi Cabeza como un Revólver" destaca "Zoom", un temazo que reproduce uns samples da canción de Hello.