xoves, 22 de novembro de 2012

Ashley's Roachclip

Na diversidade de novos estilos que trouxo a década de 1970, o nacemento da música funk foi do máis destacado para as pistas de baile. Do mesmo xeito, a combinación de sons que engloba este xénero nacido nos Estados Unidos, fixo que as cancións funks fosen unha fonte de samples para temas de nova creación, así como o seu ritmo pegadizo deixase un rastro bastante fácil de seguir en novas melodías. The Soul Searchers, unha das formacións que dende os seus comezos apostou polo funk, sábeo ben. A seu tema instrumental "Ashley's Roachclip", que aparece no seu segundo disco Salt of the Earth (1974) pode presumir de ser unha das cancións máis sampleadas de todas.


Imos quedar con algúns exemplos, xa que a lista sería moi longa se os puxésemos todos. Brian Eno, o ex integrante de Roxy Music e produtor de éxito, incluíu "Ashley's Roachclip" na canción "Ali Click" do seu álbum en solitario Nerve Net (1992).


Un dos máis célebres é o de Duran Duran, que a empregaron en "Come Undone", un dos éxitos do álbum Duran Duran (The Wedding Album) (1993).


E tamén Moby o empregou no seu terceiro disco Everything is Wrong (1995) na canción "First Cool Hive", antes de que o músico neoiorquino conseguise a fama mundial grazas ó seu seguinte disco Play, publicado catro anos despois.

mércores, 21 de novembro de 2012

Oh What a Feeling

Posiblemente o título de "What a Feeling" non sexa o máis orixinal para unha canción, pero afortunadamente iso non reflicte na calidade do tema. Pois con este título xenérico bautizou o xamaicano Gregory Isaacs unha das súas creacións máis representativas do reggae, un bonito medio tempo que se incluíu no seu álbum  recompilatorio More Gregoy (2002).


"Oh What a Feeling" ten un marcado son de batería que lle serviu de inspiración a The Specials para a súa canción "Ghost Town", un dos single editados en 1981 da formación liderada por John Bradbury.



martes, 20 de novembro de 2012

The Message

Grandmaster Flash and the Furious Five é unha das bandas de hip-hop que a comezos da década dos 80 potenciaron este son combinándoo coa música electrónica, tan en boga naqueles anos. O resultado é un dos máis interesantes dos 80. O primeiro álbum  The Message (1982) é hoxe todo un clásico que influíu en numerosos artistas de hip-hop e a canción que lle dá título é un referente indiscutible.


Unha das cancións que máis presente ten o son de Grandmaster Flash and the Furious Five é outro clásico dos 80. Nin máis nin menos que o éxito de Pet Shop Boys "West End Girls", do álbum Please (1986).


"West End Girls" convertido xa nun clásico, tamén serviu á vez de inspiración para novos temas. O máis sonado é o de Madonna "Jump", terceiro single do disco Confessions on a Dance Floor (2005), un dos traballos discográficos no que a raíña do pop  máis se dedicou a empregar samples dalgunhas das súas cancións favoritas, como o caso do primeiro single en que sampleaba un dos éxitos de ABBA.

luns, 19 de novembro de 2012

Levity Ball

Unha das bandas precursoras do heavy metal é Alice Cooper. Pero a mediados dos 60 cando este subxénero do rock aínda non estaba o suficientemente desenvolvido Vincent Damon Furnier e o resto da banda xa empezaban a experimentar cos sons potentes dos que se ían converter en referente. Co seu disco de debut Pretties for You (1969) Alice Cooper encabezaba unha nova forma de entender o rock. Unha das cancións inesquecibles dese álbum é "Levity Ball".


Convertida nunha banda de referencia indiscutible, entre os seus seguidores se atopan unha chea de grupos e artistas que non dubidan en recoñecer a influencia das cancións de Alice Cooper nos seus propios temas. The Flaming Lips, que nunca ocultaron a admiración que espertaba neles Vincent Furnier, emprgaron o baixo de "Levity Ball" en "The Ceiling Is Bending", canción do segundo álbum Oh mY Gawd!!! (1987).





venres, 16 de novembro de 2012

Getting Better

Con toda a probabilidade, se se fixese unha enquisa sobre os discos máis influentes no mundo da música, seguramente que o primeiro posto estaría ocupado por Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band, o famosísimo álbum que os  Beatles publicaron en 1966. Non hai unha soa canción dese álbum que non fose versionada ou servise de inspiración para novos temas. "Getting Better" é unha delas.


Unha das primeiras cancións inspiradas en "Getting Better" é "A Trick of the Tail", de Genesis, que ten un ritmo moi similar, tal como ten recoñecido Tony Banks, o autor do tema. "A Trick of  the Tail" pertence ó álbum do mesmo título, o sétimo na andaina da banda de Peter Gabriel e o primeiro con Phil Collins á batería. Foi publicado en 1976.


Aínda que os primeiros en samplear esta canción dos Beatles de forma evidente  foron Public Enemy. Esta banda de hip-hop empregaron "Getting Better" na canción "Who Stole the Soul?" do álbum Fear of a Black Planet. (1990).


Os últimos en acordarse de "Getting Better" para crear un novo tema foron os italianos Elio e le Storie Tese, unha banda de hard rock que no seu disco de 2008  Studentessi incluíron "Il Congresso delle Parti Molli", baseada no tema dos Beatles.

xoves, 15 de novembro de 2012

Devil Gate Drive

O outro día falabamos de Patti Smith como unha das voces femininas máis importantes do rock e que nos anos 70 achegou este estilo musical ás mulleres. Nese senso, tampouco nos podemos esquecer de Suzi Quatro, outra moza que dende que publicou o seu primeiro single en 1966 deixou claro que a ela non lle ían as cancións melódicas precisamente. No entanto, se todo o mundo recalca a importancia que Patti Smith tivo para o rock en feminino, non se percibe do mesmo modo no caso de Suzi Quatro, cando ámbalas dúa tiveron unha traxectoria bastante parecida. O que non se discute é que a música de Suzi Quatro tamén foi moi influente en artistas posteriores como Joan Jett e Deborah Harry, por citar dous nomes. "Devil Gate Drive", do álbum Quatro (1974), é unha das cancións máis potentes da rockeira de Michigan.


E non só o mundo do rock bebeu da música de Suzi Quatro. Orbital non dubidou en empregar unha parte do retrouso de "Devil Gate Drive" no seu tema "Bigpipe Style" do álbum  The Middle of Nowhere (1999).

mércores, 14 de novembro de 2012

As

A andaina musical de Stevie Wonder é das máis prolíficas da historia. Nada estraño, xa que o cantante de Michigan comezou moi novo a compór enormes cancións e hoxe está aínda moi lonxe de pensar na retirada. De aí que en 1976 vise a luz o álbum Songs in the Key of Life que facía o número dezaoito na carreira de Stevie Wonder, un excelente traballo que incluía temas cunha forza tan grande como "As" que encerraban toda a esencia da súa música.












A mellor versión que se fixo deste tema é o que gravou George Michael para o seu álbum recompilatorio Ladies and Gentlemen: The Best of George Michael (1999), un precioso dueto con Mary J. Blige, que lle fai xustiza á versión orixinal.








martes, 13 de novembro de 2012

Kimberly

En 1975 saía publicado en Estados Unidos o álbum de debut de Patti Smith, Horses, producido por John Cale. O resultado viña a supoñer a consagración dunha cantautora ó rock cun primeiro disco decisivo que apostaba forte polo incipiente punk que conquistaría a música na segunda metade da década de 1970. Por outra banda, tamén foi decisivo para o movemento feminista que reivindicaba a presenza da muller no mundo do rock, ata daquela  dominado maioritariamente polos homes, sen caer nos estereotipos habituais que se empezaban a asociar a aquelas mulleres que se querían dedicar á música. Á marxe de todo isto, Horses, está cheo dunhas grandísimas cancións que influíron de maneira notable en músicos de moi diferentes estilos e tendencias. "Kimberly", o corte que abre a cara B do disco, é unha desas sensacionais cancións.


Johnny Marr e Morrisey, os principais componentes de The Smiths recoñeceron varias veces a infuencia que para eles tivo concretamente "Kimberly" no seu tema "The Hand That Rocks The Hardle", no álbum epónimo da banda de Manchester e que supuña o debut de The Smiths en 1984.