martes, 12 de marzo de 2013

Takk

Dende que Björk conquistou á crítica musical e ó gran público a mediados dos 80, Islandia deixou de ser un país musicalmente descoñecido. Os sons innovadores da música de Björk pronto tiveron continuación no grupo liderado por Jònsi Birgisson, Sigur Rós, que sen renunciar ó seu islandés natal, crearon auténticos himnos que parecen sacados dos lugares máis relaxantes do mundo. Takk (005) é o cuarto disco de Sigur Rós, que se abre coa canción que lle dá título ó disco, unha peza instrumental de apenas dous minutos coa mellor esencia dos islandeses.


Un dos grandes fans de Sigur Rós é Chris Martin, sempre atento a calquera movemento innovador que aparece no mundo da música. Tanto é así que Coldplay emprega "Takk" nas primeiras notas do tema "Princess of China", un dos singles do último disco que Coldplay publicou: Mylo Xiloto (2011) no que colabora a cantante Rihanna.


luns, 11 de marzo de 2013

Strange World

A entrada de hoxe vai dedicada a un deses artistas que triunfaron na música cun só éxito. Trátase do cantautor americano de orixe francesa Kevin Grivois, máis coñecido polo alcume de Ké, co que se deu a coñecer no mundo do rock alternativo. O seu álbum de debut, publicado en 1996 co título de I Am [ ]  foi tamén o máis vendido grazas o single que se lanzou a finais de 1995 e que se chama igual que unha canción de Iron Maiden "Strange World", malia que nin a letra, nin a melodía, nin o estilo teña nada que ver coa banda de heavy metal. Como noutros moitos casos por desgraza, o peso foi tal que os traballos posteriores de Ké non tiveron nin de lonxe a repercusión de "Strange World".


Pero como toda boa canción que pasou á historia, a canción de Ké comeza a ter algunha versión, e a primeira vén da man da banda finesa HIM. Ville Valo non puido resistir a tentación de facer unha versión para o último recompilatorio XX- Two Decades of Love Metal (2012).

venres, 8 de marzo de 2013

Even Better than the Real Thing

U2 acadou as cotas máis sublimes da música coa publicación de Achtung Baby en 1991. Se todo o traballo anterior fora alabado tanto polo público como pola crítica, o sétimo álbum da banda irlandesa marcou un antes e un despois, converténdose no disco que calquera artista lle gustaría gravar. Por iso non sorprende que moitas das cancións dese disco sexan todo un referente, non só para indicar o mellor de U2, senón tamén por que moitas outras bandas e artistas se fixaron especialmente en Achtung Baby na procura de inspiración. Por exemplo "Even Better than the Real Thing", que non é das cancións máis importantes, tamén serviu de inspiración no seu momento.


En 1992, xusto cando Achtung Baby dominaba as listas de vendas, unha banda de Wigan, de nome The Verve, formada uns anos antes e á espera de lanzar un disco de longa duración que vería a luz un ano despois, sacaban ó mercado o single "All in the Mind", claramente inspirada na canción de U2. Por sorte, a banda de Richard Ashcroft conseguiría moi pronto un son propio.

xoves, 7 de marzo de 2013

Ooh La Hot Love

Hoxe imos ver outra canción que xurde da combinación doutras dúas que, en aparencia, son moi diferentes entre si. Trátase de "Ooh La Hot Love" de The Fratellis, unha mestura entre T. Rex e Goldfrapp. A canción da banda de Marc Bolan é naturalmente "Hot Love", un single de 1971 que non apareceu en ningún álbum de estudio, pero que contén o melloriño do son que tanto caracterizou a T. Rex.


A canción de Goldfrapp que lle facilita á composición a The Fratellis é "Ooh La La", do álbum Supernature (2005), unha canción que á vez, moitos críticos sinalan un certo parecido co tema de Norman Greenbaum "Spirit in the Sky", do álbum do mesmo título, publicado en 1969. Antes de pasar a Goldfrapp, imos entón con este pioneiro do glam rock.


A canción de Goldfrapp "Ooh La La" soa así.


E así é o resultado que lle quedou a The Fratellis ó mesturar a T. Rex e a Goldfrapp en 2007. 

mércores, 6 de marzo de 2013

Straight to Hell

Combat Rock , o quinto disco de The Clash e que se editou en 1982, é posiblemente o mellor traballo da banda de Joe Strammer. Na mesma liña que os anteriores, Combat Rock contén letras de corte político e social combinda co punk máis influente de comezos dos 80 con toques de New Wave. A canción máis representativa é "Should I Stay or Should I Go", que se editou como cara B de "Straight to Hell". Esta última non goza de tanta popularidade, pero é unha das máis versionadas de The Clash.

A versión máis importante deste tema é o que gravou Lily Allen xunto o componente de The Clash Mick Jones en 2009 para o disco compilatorio War Child: Heroes.

Mais non só se fixeron versións. "Straight to Hell" foi empregado como sample por M.I.A. no seu tema "Paper Planes" no álbum Kala de 2008.

martes, 5 de marzo de 2013

Mrs. Robinson

O dúo folk formado por Paul Simon e Art Garfunkel xa gozaba do favor do público cando os produtores da película "O Graduado" elixiron unha das súas cancións para a banda sonora deste filme protagonizado por Dustin Hoffman e Anne Bancroft en 1967. "Mrs. Robinson" retrata como ninguén o personaxe principal da película e contribuíu de maneira notable á popularidade da película, á vez que se convertía nunha das cancións referente de Simon & Garfunkel, que a recollerían no álbum Bookends de 1968.


As versións non tardaron en aflorar e non só en inglés. En 1968, no mesmo ano da publicación de Bookends, o grupo italiano I Royals presentaba "Mrs. Robinson" vertida á súa lingua natal polo cantautor Francesco Guccini.


Mais nos anos 90, The Lemonheads renovou o son de "Mrs. Robinson" cunha versión rock que achegou este clásico a unha xeración máis nova. Está incluída no álbum It's a Shame About Ray (1992).


luns, 4 de marzo de 2013

Closer Now

No ano 2000 púxose en funcionamento en Reino Unido unha nova banda de pop rock na escena independente co nome de Keane. Composta por Tom Chaplin, Dominic Scott, Tim Rice-Oxley e Richard Hughes, Keane comezou lanzando singles uns anos antes de que conquistasen ó gran público co seu primeiro álbum Hopes and Fears, de 2004. O single co que debutaron foi "Call Me What You Like", aínda que unha das mellores cancións se atopaba na cara B deste single. "Closer Now".


Curiosamente, pese a estar na cara B dun single e non estar recollida posteriormente en ningún disco, "Closer Now" conta cunha versión de nada máis e nada menos que Annie Lennox, malia que pode parecer unha canción diferente, xa que a ex componente de Eurythmics titulou de forma diferente a súa versión, que se chama "Pattern of My Life". Está incluída no recompilatorio de grandes éxitos The Annie Lennox Collection, publicado en 2009.

venres, 1 de marzo de 2013

Smiling Faces Sometimes

Nos anos 60 e 70 a Tamla Motown podía sentirse orgullosa de contar cunha nómina de compositores envexable que conseguía que case calquera canción se convertise nun éxito nalgún dos artistas desta mítica discográfica. Unha desas estrelas da pluma era Norman Whitfield, autor dun sinfín de cancións que hoxe forman a historia da música. Xunto con Barret Strong, formou un tándem que deu á música algún dos seus mellores momentos. "Smiling Faces Sometimes" é unha desas composicións clásicas da Motown, gravada por primeira vez en 1971 por The Temptations, un dos buques insignia da discográfica.


A pesar da excelente interpretación dos Temptations, a versión non acabou de convencer a Whitfield, que tamén era o produtor habitual, e ese mesmo ano aparecía no mercado unha nova versión, esta vez coas voces de The Undisputed Truth nun disco epónimo.


Unha das versións posteriores máis destacadas é a que gravou Joan Osborne coa colaboración de Isaac Hayes no seu álbum de versións How Swett It Is (2002).


Pero volvendo unha vez máis ás primeiras versións editadas pola Motown, o seu son non pasou desapercibido e un ano despois, en 1972 The O'Jays publicaban "Back Stabbers", cuns arranxos moi semellantes ó tema de Whitfield. Incluído no álbum Back Stabbers, tamén se converteu en todo un referente.


A principal versión da canción dos O'Jays é a de Tina Turner no álbum Love Explosion (1979).


"Back Stabbers" foi sampleada nunhas cantas ocasións. Quizais a mellor canción na que se empregou como sample sexa a do trío TLC no tema "Case of the Fake People", do seu aclamado disco Crazy, Sexy, Cool (1995).