mércores, 10 de abril de 2013

Stand by Me

Unha das cancións máis versionadas que ocuparía os primeiros postos nunha lista virtual é sen dúbida "Stand by Me", o trallazo soul de Ben E. King, que lle reportou o éxito perpetuo ó músico de Nova York. Incluído no terceiro disco de King Dont' Play that Song! (1961), en principio Ben E. King pensou en entregarlla a The Drifters, mais finalmente foi el quen a gravou. 


Artistas coma John Lennon, Ry Cooder, Jimi Hendrix e The Searches, entre outros moitos, fixeron a súa propia versión e ata mesmo se pode atopar unha discotequeira a cargo de Gigi D'Agostino, por citar algunhas das máis importantes, xa que algunhas teñen un resultado pouco acertado. Das máis curiosas, destaca a de Adriano Celentano en 1965, que a adaptou á lingua italiana no álbum No mi dir co título "Pregherò".


Pero non só nas versións pervive "Stand by Me" porque ademais inspirou novas cancións e se empregou como sample. Un exemplo claro do primeiro caso é "Time of  Season", un dos maiores éxitos de The Zombies do seu estupendo disco Odessey and Oracle (1968).


Do segundo, contamos co máis recente de man de Sean Kingston, un mozo xamaicano que baseou o seu gran éxito "Beautiful Girls" na canción de Ben E. King. Está incluído no álbum epónimo deste artista co que debutaba en 2007.

martes, 9 de abril de 2013

Radio

A entrada de hoxe vai dedicada á radio, un medio fundamental na difusión da música durante o século XX, que co desenvolvemento da frecuencia modulada, fixo que os acordes se espallasen polas ondas chegando a tódolos lugares e facendo posible que a música se diversificase en novos xéneros e estilos. A importancia da radio tívoa moi en conta moitos artistas que lle dedicaron algunha canción, así que é obrigado repasar algunha desas cancións que lle renden homenaxe. Aquí vai algúns exemplos.

Comezamos con "On the Radio" da fantástica Donna Summer, unha canción de 1979 que aparece no álbum  On the Radio: Greatest Hits Volumes 1 & 2


O músico country tamén lle dedicou unha canción á radio co significativo título "Listen to the Radio", do álbum homónimo de 1982.



Nesta pequena lista non podía faltar "Radio Gaga", a canción de Queen escrita por Roger Taylor no álbum The Works (1984). Seica nunha ocasión Taylor non atopaba nada decente na radio e todo o que emitían parecíalle pouco menos ca lixo e así naceu esta canción.


En 1999 The Corrs gravou un concerto en acústico coas súas mellores cancións onde incluíron "Radio", que logo aparecería no recompilatorio Best of The Corrs.


Por último, rematamos coa canción de Joaquín Sabina "69.G", que malia a non conter a palabra radio no título, é toda unha homenaxe a este medio. Aparece no álbum Dímelo en la Calle (2002).

luns, 8 de abril de 2013

Pienso en aquella tarde

Levaban xa uns cantos anos rodando polos escenarios das principais salas de concertos españolas cando o dúo madrileño Pereza acadou o éxito dun público masivo coa publicación do seu segundo disco Algo para Cantar (2003) que contén a canción que os lanzou definitivamente á fama. "Pienso en aquella tarde" fixo que os medios se empezasen a fixar no traballo de Rubén e de Leiva e mesmo se empregase nalgún anuncio. Unha canción chea de ritmo, dominada polas guitarras, que practicamente deixaba no esquecemento o primeiro disco destes rapaces.


O éxito de vendas foi tal que ese mesmo ano sacaron unha edición especial de Algo para cantar que contiña como principal sorpresa a versión en acústico da súa canción estrela. Reconvertida en balada e contando coa compaña de David Summers, líder de Hombres G, e de Dani Martín, líder de El Canto del Loco, tivo aínda máis popularidade que a versión orixinal.

venres, 5 de abril de 2013

Call Me

Coa chegada dos anos 70 Aretha Franklin estaba disposta a demostrar que o soul e o R&B ían ocupar un lugar destacado na nova década e para iso, nada mellor que a publicación dun novo álbum que Aretha lles proporcionou ós seus milleiros de seguidores co título This Gir's in Love with You (1970) con nove cancións orixinais e a sorpresa da versión de "Let It Be" co que un ano antes os Beatles certificaban a separación do grupo. A penúltima canción dese álbum é "Call Me", unha fermosa balada asinada pola propia Aretha Franklin onde colabora a banda The Swampers.


Como moitas cancións de Aretha, "Call Me" tamén foi aproveitada polos artistas de hip hop para as súas novas creacións, tal como fixo Kanye West para o grupo Slum Village, onde colleu un sample desta canción para "Selfish", unha canción do álbum A Taste of Detroit (2004) no que tamén colabora John Legend.

xoves, 4 de abril de 2013

Sing a Simple Song

O funk débelle a Sly and the Stone Family o seu desenvolvemento como xénero musical á altura dos demais.  Nunha idade temperá para este son, Sly and the Stone Family derónlle a relevancia necesaria tras combinar a psicodelia co soul acadando un estilo que ía marcar a centos de bandas posteriores, tanto de funk coma do movemento hip-hop. Co cuarto disco desta formación Stand!  (1969) confirmaron que as súas intencións  de apostar polo funk ían máis en serio ca nunca. "Sing a Simple Song" é unha das cancións máis versionadas dese álbum e tamén das que deixou unha fonda pegada.


A influencia desta canción non tardou moito en callar noutros artistas, coma no xenial Jimi Hendrix, que en 1970, moi pouco tempo despois da publicación do disco de Sly and the Stone Family, editou "We Gotta Live Together" en compaña de Band of Gypsys, que recolle o melloriño do son de Sly and the Stone Family.


Mais dende Hendrix moitos outros artistas empregaron "Sing a Simple Song" como sample nalgún tema propio.Un dos casos máis significativos e que tivo maior trascendencia é o da banda virtual Gorillaz, comandada por Damon Albarn, que en 2001 se acordaron da batería de "Sing a Simple Song" para ao remix da canción "19-2000", incluída no álbum epónimo co que debutaban.

mércores, 3 de abril de 2013

Wild World

Cat Stevens publicou o seu cuarto álbum Tea for the Tillerman en 1970 e non cabe dúbida que é un dos discos máis influentes deste compositor, pois algunhas das cancións que o compoñen forman hoxe parte da banda sonora de moita xente e foron versionadas por moitos artistas. Xunto con "Father and Son", "Wild World" é desas cancións que de tantas versións que ten, ás veces ata é dificil saber quen é o seu autor orixinal, pero ademais diso, "Wild World" está na base de novas cancións, algunhas envoltas na polémica, como acontece a miúdo coas composicións de Stevens.


Unha canción moi parecida que semella inspirarse en "Wild World" é "Could It Be Magic", de Barry Manilow, que aparecía no disco epónimo deste compositor en 1975.


A canción que desatou a controversia en torno a "Wild World" é "It's a Sin", de Pet Shop Boys. En principio, o estilo e a melodía desta canción do dúo británico, que aparece no álbum Actually (1987) non parece ter nada que ver co traballo de Cat Stevens, pero ese mesmo ano DJ Jonathan King denunciou publicamente que se trataba claramente dun plaxio. A cousa, como era de prever, acabou nos tribunais.


DJ Jonathan King tratou de probar o suposto plaxio cun mash-up.


A  canción máis recente baseada en "Wild World" atopámola no primeiro disco de Lily Allen Alright, Still (2006). Titúlase "Littlest Things".

http://www.goear.com/listen/065bc79/littlest-things-lily-allen

Por último, rematamos cunha versión en portugués de "Wild World" a cargo dos brasileiros Pepê & Nenem, que titularon "Nada me Faz Esquecer", do álbum Tudo Bem (2000).

http://youtu.be/lF5sGfiEBL4

martes, 2 de abril de 2013

Showdown

Unha das grandes bandas de rock sinfónico que apareceron a comezos dos anos 70 é a Electric Light Orchestra. Os ingleses Roy Wood e Jeff Lynne souberon imprimirlle ó seu grupo un son propio moi recoñecible ó longo do tempo. En 1973 editaban o seu terceiro disco On the Third Day despois dunha serie de problemas internos que acabaron na saída da banda de Roy Wood. A parte positiva foi a colaboración de Marc Bolan nalgunhas das cancións do álbum, onde toca a guitarra. Na versión americana do disco, a Electric Light Orchestra incluíu "Showdown", un dos seus maiores éxitos.


A Electric Light Orchestra dérase a coñecer en todo o mundo co single "10538 Overture" onde xa mostraban as liñas principais que ían definir o seu son. Incluíuse no álbum epónimo da banda, co que debutaron a finais de 1971 e como a maioría das cancións da ELO, está asinada por Jeff Lyne.


Estas dúas cancións da Electric Light Orchestra foron imprescindibles para Paul Weller á hora de crear "The Changingman", unha das cancións do seu álbum en solitario Stanley Road (1995). O líder de The Jam combina as dúas cancións para crear unha nova canción no seu terceiro disco.

luns, 1 de abril de 2013

Move Over

Janis Joplin estaba chamada a ocupar o trono que deixou Billie Holiday no blues e demostrou na súa curta carreira que non só aceptaba ese reto, senón que tamén estaba disposta a ir un paso máis aló, nun momento fundamental para a música como foron os anos 60. Cun destino marcado polas drogas ó igual que a gran dama do blues, Janis Joplin condensou nos seus catro discos editados, así como nas súas actuacións en directo rock, soul, blues, country e folk cunha enerxía e unha sensibilidade que ía deixar unha fonda marca en moitos artistas, tanto nos coetaneos que coincidiron con ela nos escenarios dos festivais, coma nos que viñeron detrás. Pearl, o seu último traballo, foi publicado en 1971 tres meses despois do falecemento de Janis Joplin e é unha verdadeira xoia. Ábrese con"Move Over", un tema que leva a sinatura da artista texana.


Versionada por un sinfín de artistas de todos os estilos, a música de Janis Joplin non foi indiferente tampouco ás bandas de heavy métal. Barón Rojo animáronse a versionar "Move Over" no seu álbum de versións Perversiones (2003) dándolle o seu toque heavy.