mércores, 10 de xuño de 2015

Free Fallin'

Tom Petty acadara un alto grao de recoñecemento coa súa banda The Heartbreakers, pero sería ó editar o primeiro álbum en solitario cando realmente o gran público se achegou o traballo deste rockeiro, que desde comezos dos setenta levaba facendo música. Full Moon Fever (1989), álbum co que se iniciaba coma solista, ábrese con "Free Fallin'", tema que xa se pode considerar imperecedeiro e co que Petty ía conquistar a todos. Escrito xunto con Jeff Lynne, "Free Fallin'" foi o segundo single do disco e o que máis éxito obtivo nas listas, ata o punto de converterse nunha das cancións dese ano.


"Free Fallin'" é un dos temas máis versionados de Tom Petty e tamén un dos favoritos polos artistas de hip hop. Posiblemente, o tema "Fallin'", que interpretaron conxuntamente De La Soul e Teenage Fun Club para a película Judgement Night (1993) sexa o máis interesante dos que se fixeron baseados na canción de Petty.

martes, 9 de xuño de 2015

Spanish Harlem

No que levamos de ano xa se nos teñen ido grandes músicos que coa súa obra marcaron o devir da música contemporánea. Con poucas semanas de diferencia perdiamos a Ben E. King e a B. B. King e quedabamos sen os dous "reis" da música nunha fatal casualidade. Do primeiro forman parte da historia cancións coma "Stand By Me" e "Spanish Harlem", da que hoxe nos ocupamos. "Spanish Harlem" dálle título ó primeiro álbum en solitario de Ben E. King tras deixar The Drifters que se editou a finais de 1960. A canción está escrita por Jerry Leiber e Phil Spector e desde o momento da súa aparición como single acadou unha gran popularidade.


"Spanish Harlem" é tamén un dos temas máis versionados e resulta difícil quedar cunhas poucas versións. Sen dúbidas das mellores é a de Aretha Franklin en 1971 con lixeiras modificacións na letra, xa que onde na versión orixinal di "a red rose up in Spanish Harlem", a versión de Aretha cámbiaa por "a rose in Black 'n Spanish Harlem".


Un dos autores de "Spanish Harlem", Phil Spector, gravou a súa propia versión en 2006.


O gran éxito de OMC "How Bizarre", pertencente ó álbum do mesmo nome de 1995 basea unha parte do seu son en "Spanish Harlem".

luns, 8 de xuño de 2015

Life is a Rollercoaster

A finais dos anos noventa, Gregg Alexander era o produtor do momento. O seu proxecto New Radicals entrara con moi bo pé nas listas de medio mundo e a crítica loaba aquel magnífico álbum Maybe You've Been Brainwashed Too (1998), con trallazos coma "You Get What You Give" que o situaran no centro do panorama musical. Ó pouco, chovéronlle as propostas para colaborar con outros artistas. Participou no compilatorio de Texas e tamén se encargou da produción do álbum en solitario co que debutaba o antigo componente de Boyzone, Ronan Keating. O primeiro single de Ronan (2000) foi precisamente un tema escrito por Alexander, "Life Is a Rollercoaster", que se converteu nun dos temas daquel verán.


Uns anos despois, Gregg Alexander editou en formato MP3 unha canción cun retrouso que por veces traía á memoria a canción do álbum de Ronan Keatingh.

venres, 5 de xuño de 2015

How Soon Is Now?

O tándem formado por Morrisey e por Johnny Marr foi o alicerce en que se asentou unha das bandas de rock alternativo máis importantes dos anos oitenta, The Smiths. A seguridade que tiñan nas súas composicións animábaos mesmo a editar singles soltos que logo non se recollían nos vindeiros discos de estudio malia ser moi boas cancións, e despois había que esperar a que aparecesen nos sucesivos compilatorios. O caso é que nestes singles tanto a canción da cara A coma da B adoitaban ser formidables e acababan por acadar tanto éxito como os singles pertencentes ós discos. "How Soon Is Now?" apareceu na cara B dun single de 1985.


Pero se por unha cousa é interesante "How Soon Is Now" é polas cancións que serviron de inspiración indirecta, sobre todo á hora de gravala no estudio. O resultado está tan ben logrado que o efecto que produce é o dunha canción independente de calquera outra influencia externa e no entanto, a distinta instrumentación débelle de xeito indirecto, iso si, algo a certas cancións de estilos moi diferentes do de "How Soon Is Now". Como a de Bo Diddley "Mona" (1957) para a guitarra sincopada.


Tamén a canción de Hamilton Bohannon (1975) tivo a súa cota de participación en "How Soon Is Now?", tamén nas guitarras da canción de The Smiths.


Para o son da batería pensouse un pouco no da canción de Can "I Want More", do álbum Flow Motion (1976) e é talvez a influencia máis patente en "How Soon Is Now?". Ó igual que o tema de Hamilton Bohannon, comparte sons funk.

xoves, 4 de xuño de 2015

Radio (2)

Hai anos dedicamos unha  entrada monográfica ó mundo da radio, cunhas poucas cancións que levaban no título a verba "radio", ou simplemente falaban dese importante medio de comunicación, fundamental para a difusión da música contemporánea. Cremos que vai sendo hora de retomar unha segunda parte debido ás outras boas cancións que daquela quedaran fóra e xa anunciamos que proximamente haberá unha terceira entrega. Por outra banda, non imos contar con excelentes cancións coma "Radio Nowhere" de Bruce Springsteen, que xa pasaron polo blog. Así que, sen máis, comezamos con "Mr. Radio", da Electric Light Orchestra, pertencente ó álbum epónimo que supuxo o debut da banda de Jeff Lynne en 1971.


Outro tema mítico que non pode faltar sobre un monográfico sobre a radio é a marabillosa "Do You Remember Rock 'n' Roll Radio?" de The Ramones, unha canción que mostra o apoxeo da banda no álbum producido por Phil Spector End of the Century (1980).


O guitarrista de Eagles, Joe Walsh, incluíu no seu álbum en solitario, Got Any Gum? (1987) un tema chamado "The Radio Song".


R.E.M  é unha das bandas que máis se acordaron da radio, pois teñen dúas cancións sobre ela. A última no álbum Out of Time (1991) chamada "Radio Song".

https://youtu.be/Q1LAtaxgfDk

A primeira é a canción coa que a banda de Michael Stipe comezaba a súa brillante andaina, "Radio Free Europe", single de presentación da ópera prima de R.E.M Murmur (1981).

https://youtu.be/XXUkddrnsXQ

Como tampouco hai que esquecer a canción de Hurt, "On the Radio", pertencente ó álbum Vol. II (2007).

 https://youtu.be/0ZbEuXBZE2s

mércores, 3 de xuño de 2015

A Horse with No Name

A primeira canción coa que America se presentou en sociedade é tamén a que máis éxito obtivo de todo o repertorio da banda de Dewey Bunnell. "A Horse with No Name" foi o single de lanzamento do álbum epónimo de America, editado en 1971, e malia ós posteriores hits que acadou, ningún se achegou de lonxe ó impacto que causou esta canción, xa que corenta anos máis tarde aínda é frecuente escoitala nas radiofórmulas, no cine e na televisión, polo que mesmo as novas xeracións a identifican sen grandes problemas. Considerada pola crítica como unha das mellores cancións dos setenta, a ningúen se lle escapa a influencia do traballo de Neil Young e doutros compositores folk cando Bunnell a escribiu.


Malia que nunca se saberá o que pensaba realmente Michael Jackson das gravacións que non chegou a editar en vida, o álbum póstumo Xscape (2014), o segundo que se publicaba con material inédito do rei do pop tralo seu pasamento, contén unha canción baseada en "A Horse with No Name", cun título que xa de entrada remite á canción de America, "A Place with No Name", facendo que sexa máis ben unha versión moderna con letra nova.

martes, 2 de xuño de 2015

Teardrop

"Teardrop" é a canción máis coñecida de Massive Attack, sobre todo pola de veces que ten aparecido en películas e series de televisión, especialmente na de House, onde era a cabeceira. Esta canción, dotada dunha gran sensibilidade e envolta nunha atmosfera que é habitual nos temas de Massive Attack, pertence ó terceiro álbum do grupo, Mezzanine (1998) e foi o segundo single tras "Risingson". A voz pona Elizabeth Fraser, de Cocteau Twins, logo de que os membros da banda descartasen a Madonna, coa que xa traballaran na versión que a cantante fixo do tema de Marvin Gaye "I Want You" e que seica chegara a gravar unha maqueta de "Teardrop". 


Case unha década despois da aparición de "Teardrop", comezaron a facerse frecuentes as versións, especialmente en clave folk, posiblemente polo boom da serie protagonizada polo doutor House. A de Newton Faulkner foi unha das primeiras e está recollida no álbum Habd Built by Robots (2007).


Simple Minds tamén a versionaron, incluíndo un aire oriental que lle dá o tema unha nova dimensión. Aparece no álbum de versións Searching For The Lost Boy (2009).


A última apenas dura dous minutos e é a que preparou o dúo O'Tooley & Tidow. Inclúese no álbum The Fragile (2012).

luns, 1 de xuño de 2015

No Milk Today

Os primeiros éxitos como compositor de Graham Gouldman estaban pensados para as voces de The Hollies, pero finalmente sería unha banda pop de Manchester quen a mediados dos sesenta o consagraría coma un dos compositores do momento. Aquela banda respondía ó nome de Herman's Hermits e se precisamente aínda hoxe permanece na memoria colectiva do pop é grazas as cancións de Gouldman. Quizais a máis importante na discografía de Herman's Hermits sexa "No Milk Today", que aparece no quinto álbum da banda, There's a Kind of Hush All Over the World (1967). Trata dun leiteiro, dos que tiñan que encher as botellas que os clientes deixaban na porta ás mañás segundo o costume británico, namorado platonicamente dunha das clientas; un día, ó non ver a botella na porta da muller, o leiteiro desespérase pensando no motivo, e supoñendo que no peor dos casos a muller mudouse xunto coa familia. 


Un ano despois, o propio Graham Gouldman gravouna para o seu propio disco de debut, The Graham Gouldman Thing (1968), pero sen o éxito que acadou con Herman's Hermits. Recuperou a versión de 1968  no compilatorio da súa banda 10cc Greatest Hits... And More (2006).