O tándem formado por Morrisey e por Johnny Marr foi o alicerce en que se asentou unha das bandas de rock alternativo máis importantes dos anos oitenta, The Smiths. A seguridade que tiñan nas súas composicións animábaos mesmo a editar singles soltos que logo non se recollían nos vindeiros discos de estudio malia ser moi boas cancións, e despois había que esperar a que aparecesen nos sucesivos compilatorios. O caso é que nestes singles tanto a canción da cara A coma da B adoitaban ser formidables e acababan por acadar tanto éxito como os singles pertencentes ós discos. "How Soon Is Now?" apareceu na cara B dun single de 1985.
Pero se por unha cousa é interesante "How Soon Is Now" é polas cancións que serviron de inspiración indirecta, sobre todo á hora de gravala no estudio. O resultado está tan ben logrado que o efecto que produce é o dunha canción independente de calquera outra influencia externa e no entanto, a distinta instrumentación débelle de xeito indirecto, iso si, algo a certas cancións de estilos moi diferentes do de "How Soon Is Now". Como a de Bo Diddley "Mona" (1957) para a guitarra sincopada.
Tamén a canción de Hamilton Bohannon (1975) tivo a súa cota de participación en "How Soon Is Now?", tamén nas guitarras da canción de The Smiths.
Para o son da batería pensouse un pouco no da canción de Can "I Want More", do álbum Flow Motion (1976) e é talvez a influencia máis patente en "How Soon Is Now?". Ó igual que o tema de Hamilton Bohannon, comparte sons funk.
Ningún comentario:
Publicar un comentario