martes, 16 de xuño de 2015

Candy

Hai cancións que están pensadas especialmente para duetos, preferiblemente para unha voz masculina e outra feminina e non hai xénero musical que non conte cuns cantos exemplos. No rock, unha das máis significativas é a que uniu a Kate Pierson, de The B-52's, con Iggy Pop na canción deste último, "Candy", do álbum Brick by Brick (1990). Durante esa época fíxose habitual a colaboración de Pierson con diversos artistas e grupos, e o maior éxito logrouno con REM en "Shiny Happy People" en 1991, o que lle proporcionou un extra de publicidade para o seu grupo, que conseguiu chegar a un público máis amplo que aínda non se aproximara a música de The B-52's. A súa presenza na canción de Iggy Pop, a que máis éxito tivo de Brick by Brick, foi a primeira coa que se confirmaba que Kate Pierson, ademais de ser unha gran cantante, atraía a sorte para aquelas cancións alleas nas que participaba.


"Candy" conta cun bo predicamento entre os fans de Iggy Pop, sobre todo en España, onde conta con dúas versións. Os primeiros en versionala foron The Killer Barbies coa colaboración de Bela B. no papel de Iggy Pop, mentres que Silvia Superstar, a cantante de The Killer Barbies, tomaba o de Kate Pierson. Fixeron dúas versións, unha en inglés e outra en castelán, adaptando a letra bastante fielmente á orixinal en inglés. Finalmente ningunha desas versións apareceu no álbum daquel ano de The Killer Barbies, Sin Is In (2002), aínda que si incluíron un remix.


Asemade a versión en castelán quedoulles así: https://youtu.be/ZV2vCDLpBPo

Malia a versión en castelán de The Killer Barbies, Loquillo volveu adaptar a letra de "Candy" para a súa propia versión que incluiría no compilatorio Rock n' Roll Star: 30 años, 1980-2010 (2009). Tratando tamén de manterse fiel á letra orixinal de Iggy Pop, a de Loquillo resulta diferente da de The Killer Barbies. Contou coa colaboración de Aurora Beltrán, líder de Tahúres Zurdos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario