xoves, 4 de outubro de 2012

Uptight (Everything's Alright)

Nos anos 60 a compañía discográfica Tamla Motown era unha fábrica de soños. A lista de artistas e de compositores que tiña en nómina só sabía facer enormes cancións soul que quedarían para a posterioridade cun toque persoal da casa. O fino olfacto de Berry Gordy Jr. enseguida captou o talento dun rapaz cego que se ía converter no neno mimado da Tamla  (logo viría Michael Jackson) e que en principio editaba os seus singles co nome de Little Stevie Wonder. En 1965, xa como Stevie Wonder, publicou o disco Up-Tight que contén un dos seus grandes éxitos "Uptight (Everything's Alright)", a primeira canción que leva a sinatura de Stevie Wonder, que a compuxo xunto a Sylvia Moy e Henry Cosby.

http://www.goear.com/listen/82db0f6/uptight-everythings-alright-stevie-wonder

Como moitas cancións de Stevie Wonder, "Uptight (Everything's Alright)" foi sampleada nalgunha canción. A máis destacada e quizais tamén a mellor de todas é a de Culture Club. No seu famoso disco de 1983 Colour by Numbers, a banda de Boy George inclúe "Church of the Poison Mind", un tema cun claro son Motown que se concretiza no tema de Wonder.

http://youtu.be/HVzAH0FtNwg

CJ Lewis fixo unha versión reggae desta canción de Stevie Wonder en 1994 co título algo cambiado: "Everything Is Alright"

http://youtu.be/i1l7JKOf7vQ

E increíblemente, seica Noel Gallagher tamén se aproveitou da letra de "Uptight" para compoñer "Step Out", cara B do single "Don't Look Back in Anger" do álbum (What's the Story?) Morning Glory (1995) de Oasis, de xeito que nos créditos desta canción figuran os autores de "Uptight" trala consabida demanda.

http://www.goear.com/listen/f67effe/step-out-oasis

mércores, 3 de outubro de 2012

Hot Pants

James Brown ía aumentando a súa lenda con cada single que sacaba. A comezos dos 70, con máis de quince anos no escenario e tras sonados éxitos como "It's a Man's Man's  Man's World" e "I Got You (I Feel Good)", entre outros nos anos 60, Brown decidiu que o cambio de década non ía supoñer un cambio de gustos musicais nos seus fans e polo tanto, seguiu ó pé do cañón enriquecendo a incipiente música funk, que sen dúbida, estaba a atopar o seu oco no mercado discográfico nesa nova década que comezaba. No verán de 1971, James Brown editou o single "Hot Pants", co seu inconfundible estilo de cantar.


A versión máis coñecida deste tema de James Brown gravouna ó ano seguinte Bobby Byrd co título "Hot Pants - I'm Coming, I'm Coming, I'm Coming" coa produción do propio James Brown. O máis significativo da versión de Byrd é o son da batería que introduciu na canción.


A muller de Byrd, a cantante Vicki Anderson, gravou unha canción que servía de réplica a "Hot Pants - I'm Coming, I'm Coming, I'm Coming" titulada "I'm Too Tough For Mr. Big Stuff (Hot Pants)".

http://youtu.be/cLjoJH8ddfs

O son da batería da versión de Bobby Byrd reprodúcese unhas décadas máis tarde na canción dos pioneiros do brit pop Stone Roses "Fools Gold", un single que a banda de Ian Brown editou en 1989 e que se recolleu no recompilatorio de 1992 Turns into Stone.

http://www.goear.com/listen/ac94a57/fools-gold-the-stone-roses

A canción de Stone Roses, ó igual que o tema orixinal de James Brown, non tardou en ser sampleado, pero non só por rapeiros. O grupo pop Bananarama empregou "Fools Gold" na súa propia canción "Only Your Love", do álbum Pop Life (1990).

http://youtu.be/0pqBEiZmBGY

martes, 2 de outubro de 2012

Night of the Thumpasorus Peoples

O funk eclosionou como estilo musical de pleno a mediados da década de 1970, cando as discotecas  norteamericanas comezaron a apostar forte polos novos sons que se estaban innovando cos sintetizadores, cada vez máis habituais nos estudios de gravación. Unha desas primeiras bandas que contribuíron á difusión do funk é Parliament. A banda de Nova Jersey, que se formara a comezos dos 60 como un de tantos grupos cun son tan tradicional como o doo-wop e o soul, soubo transformarse en dez anos nun dos estandartes do novo estilo. Co seu cuarto traballo, Mothership Connetion, o segundo que editaban en 1975, está considerado un dos mellores traballos discográficos de Parliament. Pecháse con "Night of the Thumpasorus Peoples".


Os irmáns Chris e Rich Robinson formaron en 1989 unha das mellores bandas de rock dos 90. The Black Crowes pronto conseguiron popularidade, sobre todo a raíz da publicación do seu segundo disco The Southern Harmony and Musical Companion (1992). O single que o presentaba, "Remedy" ten un riff de guitarra moi característico que lembra claramente á canción de Parliament.

luns, 1 de outubro de 2012

Cherokee

Durante a década de 1970 Suecia estaba representada no mapa musical internacional polos míticos ABBA, pero a comezos da década seguinte uniuse a eles unha banda cun estilo totalmente radical. E é que Europe, a banda comandada por Joey Tempest, tiña unha mensaxe moi clara que amosar ó mundo: en Suecia, á parte de pop, tamén se sabía facer hard rock coa calidade suficiente para perdurar ó longo do tempo. O terceiro traballo discográfico de Europe The Final Countdown revolucionou todos os rexistros coa canción do mesmo título, pero nese mesmo disco había tamén outras cancións memorables como "Cherokee".


A comezos de 2000 en Francia proliferaron unha morea de grupos de electropop que seguían a estela de Daft Punk. Aínda que moitos tiveron unha traxectoria bastante breve, deixaron tras si un regueiro de boas sensacións na música electrónica de comezos de milenio, como é o caso de Galleon, o dúo composto por Gilles Fahy e Phillippe Laurent, que souberon darlle á volta a "Cherokee" neste "I Believe" do disco Galleon, publicado en 2002, o único que editaron.

venres, 28 de setembro de 2012

Bullet with Butterfly Wings

Mellon Collie and the Infinite Sadness, o terceiro álbum de Smashing Pumpinks, é a culminación dun proceso de creación que Billy Corgan comezara a forxar dende o anterior disco Siamese Dream (1993). Publicado en 1995, o single promocional deste traballo é "Bullet with Butterfly Wings", cun son potente que consegue que sexa unha das cancións inesquecibles dun dos mellores discos editados na década de 1990.


Das versións deste tema, quizais o máis sorprendente sexa a da cantautora sueca Frida Snell, que no seu disco de debut Black Trillium (2002) converteu "Bullet with Butterfly Wings" nunha fermosa balada, que contrasta bastante co son das guitarras eléctricas da versión orixinal.

http://youtu.be/HQeTaX6Xawg

xoves, 27 de setembro de 2012

Take Me Out

O disco de debut de debut de Franz Ferdinand situou á banda de Alex Kapranos como os novos abandeirados do indie en 2004. Boa parte do éxito que colleitaron estes escoceses con Franz Ferdinand débese ó segundo single escollido "Take Me Out", canción que lles abriu as portas do resto do mundo.

http://www.goear.com/listen/09e7069/take-me-out-franz-ferdinand

A banda australiana The Living End lanzou en 2004 o disco recompilatorio From Here On In que contiña como single "I Can't Give You What I Haven't Got", un tema cuxo son é moi parecido ó de Franz Ferdinand. Curiosamente, ámbalas dúas cancións son do mesmo ano.

http://youtu.be/d1HJC1F2ew0

mércores, 26 de setembro de 2012

Evil Hearted You

The Yardbirds foi unha das bandas británicas que aterrou en Estados Unidos disposta a arrasar as listas de vendas. Malia que a súa andaina rematou en 1968, a formación sufriu numerosos cambios dende o mesmo ano de fundación de 1963. Ese continuo vaivén de integrantes apenas debilitou ós Yardbirds, que ían deixando tras si importantes traballos discográficos que alimentaban o rock dos 60, grazas sobre todo a que por esta banda pasaron algúns dos mellores guitarristas da época que acabarían formando outros grupos de culto; Eric Clapton, Jeff Beck e Jimmy Page son algúns dos insignes nomes ligados a The Yardbirds e tamén se sinala que é a banda xermolo do que logo sería Led Zeppelin, con Page á cabeza.

Un dos primeiros singles de The Yardbirds é "Evil Hearted You", single de 1965, que se recollería no álbum Have a Rave Up with The Yardbirds dese mesmo ano. Está asinada por Graham Gouldman, un dos compositores máis populares da época e a el débese algúns dos éxitos de bandas como os Heman's  Hermits. A colaboración con The Yardbirds tamén deu uns froitos moi beneficiosos para as dúas partes.


A versión máis curiosa que se fixo de "Evil Heart You" corre a cargo da banda de rock alternativa estadounidense Pixies que en 1991 a gravaron en español como cara B do single "Planet of Sound" do álbum Trompe le Monde.

martes, 25 de setembro de 2012

El Límite

De pouco lle valeu a Javier Andreu que La Frontera, a banda que fundou xunto con Toni Marmota, editase varios traballos discográficos que pasaron sen pena nin gloria, cando en 1989 o gran público descubriu esta magnífica banda grazas a "El Límite", a canción que abría o cuarto disco Rosa de los Vientos e que foi elixido como primeiro single. Dende ese momento, La Frontera comezou a aparecer de xeito habitual nas listas de vendas a comezos dos anos 90, aínda que co paso do tempo a súa popularidade foi decaendo, a pesar de que Javier Andreu e o resto de compoñentes de La Frontera segue publicando excelentes discos; o  úlitmo Rivas Creek (2011) contén toda a esencia country rock que fixo de La Frontera un dos mellores grupos rock das últimas décadas.

http://www.goear.com/listen/5b7c873/el-limite-la-frontera

Unha das bandas que tratan de abrirse paso na escena pop-rock española nestes últimos anos é Sin Límite, unha banda malagueña, que de vez en cando nos sorprende con algunha boa versión dos grupos que admiran. A de "El Límite" é unha das mellores.

Banda Sin Límite 2008 en Banda Sin Limite de http://www.goear.com/listen/6e841b5/el-limite-sin-limite