mércores, 9 de outubro de 2013

Oh No Not My Baby

Carole King é quizais unha das autoras de cancións máis relevantes na música popular das últimas cinco décadas. Da súa pluma, saíron verdadeiros éxitos de vendas que coronaron a non poucos artistas, á parte de consagrala a ela mesma como unha das cantautoras de referencia desde os anos 60. Xunto co seu home, Gerry Goffin asinou algunha das súas mellores composicións, como é o caso de "Oh No Not My Baby", que lle cederon a Maxine Brown, o maior éxito que acadou a cantante de Carolina do Sur. Editada como single en 1964, foi a canción estrela do álbum Spotlight on Maxine Brown dese ano, e iso que a idea previa dos produtores do selo de Maxine Brown era ofrecerlla primeiro a The Shirelles.


Cunha longa lista de versións, "Oh No Not My Baby" revive nos primeiros compases do single de debut da australiana Gabriella Cilmi "Sanctuary" (leva o mesmo título que a canción de The Cult, pero iso é único que teñen en común), pertencente ó disco Lessons to Be Learned (2008) onde tamén está o gran éxito "Sweet About Me".

martes, 8 de outubro de 2013

Boléro

Maurice Ravel foi un dos músicos máis prolíficos de finais do século XIX e comezos do século XX. Na meirande parte das súas composicións, o piano é o instrumento protagonista, pero se hai unha peza pola que Ravel é coñecido para o gran público é por "Boléro", concebido como un ballet para a bailarina Ida Rubenstein. Estrenouse en 1928 e a transcendencia que colleu dende aquela foi en aumento. Tanto o cinema coma a televisión recorreu a el en centos de ocasións, e mesmo os patinadores Jayne Torvill e Christopher Dean conseguiron unha medalla de ouro na categoria de danza de patinaxe nos xogos olímpicos de 1984 ó ritmo do "Bólero", unha actuación que aínda hoxe é moi recordada.


O "Boléro" deixou tamén a súa particular pegada na música contemporánea. Jeff Beck inspirouse nel no seu particular "Bolero", single que editou en 1967.

http://youtu.be/nmO0OZC6Ifk

 Tamén Rufus Wainwright incorpora algúns arranxos da obra maxistral de Ravel no tema "Oh What a World" do álbum Want One (2003).


Unha das últimas adaptacións foi a da cantante de Benin Angélique Kidjo en 2007. A canción "Lonlon" do álbum Djin Djin reproduce a mesma melodía.

luns, 7 de outubro de 2013

Texas Never Whispers

A finais dos anos 80 e comezos dos 90 a escena musical viuse invadida pola chegada de novas bandas de rock dispostas a gañarse un nome na vertente indie. Ó amparo do éxito que estaba conseguindo o grunge, o rock alternativo en xeral vivía unha época excelente que as novas formacións viron como propicia para dar o salto definitivo, e as compañías discográficas non tiñan tantos reparos á hora de apostar por novos valores. Nesa situación, dous mozos californianos, Stephen Malkmus e Scott Kannberg, puxeron en marcha en 1989 Pavement, nome que adoptarían pouco despois e co que publicarían os seus primeiros traballos discográficos. En 1992, cando editaron o seu primeiro disco de longa duración, Pavement tamén lanzou ó mercado o seu cuarto EP Watery, Domestic, que comeza con este sensacional "Texas Never Whispers".


http://youtu.be/4WOIgI__968

Un dos grupos que máis directamente recibiu a influencia de Pavement foi Placebo. E nótase ben que "Texas Never Whispers" é unha das favoritas de Brian Molko. En "Slave to the Wage", unha das mellores cancións do disco Black Market Music (2000), a canción de Pavement está presente en cada acorde.

http://youtu.be/XNpDiCbW9Tk

venres, 4 de outubro de 2013

Feel Again

OneRepublic saltou á fama mundial da man do produtor Timbaland que en 2008 era un especie de rei Midas, xa que a meirande dos artistas que traballaban con el acadaban os primeiros postos das listas de vendas sen dificultades. Así "Apologize", que era a canción estrela da ópera prima destes mozos de Colorado, colocou a OneRepublic como unha das promesas da música contemporánea con máis expectativas de futuro. Non obstante, desde aquela, a carreira de OneRepublic volveuse un tanto irregular e non volveron a acada-las cotas coas que chegaron con Dreaming Out Loud (2007). Este mesmo ano, lanzaron o seu terceiro disco Native, cuxo primeiro single foi "Feel Again".


Sen dúbida, o primeiro que chama a atención é a influencia de Florence + The Machine nesta canción. Vese de maneira evidente que o tema de OneRepublic ten moitas semellanzas con "Dog Days Are Over", do álbum de debut da banda de Florence Welch Lungs (2009). E é que a irrupción de Florence + The Machine na escena musical dos últimos anos non deixou indiferente a ninguén.

http://youtu.be/ny4deVFsYuo

Pero na canción de OneRepublic aínda hai outra influencias, malia que non tan claras coma a de Florence + The Machine. Moitos críticos apuntan directamente a The Killers e sinalan que a canción "All These Things I've Done", do álbum de debut Hot Fuss (2004) como unha peza clave na construción do son de "Feel Again".

http://youtu.be/sZTpLvsYYHw


xoves, 3 de outubro de 2013

You Are My Sunshine

Unha das cancións máis populares ó acabar a década dos anos 30 en Estados Unidos foi "You Are My Sunshine", un medio tempo que contou con dúas versións ese mesmo ano. Por regra xeral, atribúese a autoría desta canción a Jimmy Davies e Charles Mitchell, aínda que nos últimos anos xurdiron voces que cuestionan a Davies e a Mitchell coma os verdadeiros autores e non dubidan en sinalar a Oliver Hood, un dos membros de The Rice Brothers Gang, coma a pluma da que saíu esta canción.Con só un mes de diferenza, apareceron as dúas versión de "You Are My Sunshine", a primeira, a cargo de The Pine Ridge Boys. A segunda, a de The Rice Brothers Gang non conseguimos atopala na Rede.

http://youtu.be/gX_uKoWFs88

"You Are My Sunshine" conta con infinidade de versións dende entón. Pero tamén serviu para inspirar outras cancións. Talvez a máis coñecida sexa a dos Beach Boys "My Only Sunshine", pertencente a The Smile Sessions e que non aparecía na primeira edición de Smile Smile (1967).

http://youtu.be/V5T9FLdYz2Q

E nos últimos anos, "You Are My Sunshine" volveu revivir no comezo da canción de Glasvegas "Flowers and Football Tops" do disco éponimo dos escoceses publicado en 2009.

http://youtu.be/pg2Y4UMV5JQ

mércores, 2 de outubro de 2013

I Found a Reason

Para moitos Loaded (1970) é o mellor disco de The Velvet Underground, a pesar de que a antiga banda de Lou Reed e John Cale deixou unha colección de cinco discos, uns cantos en directo e algún compilatorio dunha calidade extraordinaria en apenas dez anos. De Loaded as cancións máis coñecidas son "Sweet Jane" e "Rock & Roll", pero as outras son tamén excelentes como "New Age" e "I Found a Reason", a canción que hoxe vos presentamos. Ten reminiscencias do estilo doo-wap, tan habitual nas décadas anteriores, o que a fai especial na discografía de The Velvet Underground. Leva a asinatura de Lou Reed, coma tódolos demais temas do álbum.


Influentes coma sempre, The Velvet Underground tamén deixaron a súa pegada en Massive Attack A banda de rock experimental procedente de Bristol tamén lle garda un sitio á banda de Lou Reed na súa música. Concretamente, decantáronse por "I Found a Reason" para sampleala na canción "Risingson", do álbum Mezzanine (1998), pero de tal xeito que lograron un resultado moi diferente, que apenas fai pensar ó oínte na música de The Velvet Underground.

martes, 1 de outubro de 2013

Pastime Paradise

En plena efervescencia da música funk, a música de Stevie Wonder estaba de plena actualidade. Sen renunciar ó soul nin ó pop, a medida que Stevie medraba como artista, o seu son ía incorporando os novos sons do momento, de modo que a súa evolución era permanente. En 1976, con dezasete discos xa ás súas costas e metido de cheo en labores de produción, saíu Songs in the Key of Life que lle valeu a Stevie Wonder dous premios Grammy. Unha das grandes cancións dese disco é "Pastime Paradise", que xoga cun estilo que lembra os himnos relixiosos para criticar os tempos actuais onde prima o materialismo por riba dos valores espirituais. Case corenta anos despois, a letra segue totalmente vixente e os acordes e a melodía nunca se esqueceron.


A canción volveu á primeira plana en 1995 cando o rapeiro Coolio a empregou en "Gangsta's Paradise" que pertence ó álbum do mesmo nome. Pero a repercusión chegou sobre todo ó estar incluída na banda sonora da película "Dangerous Minds", onde Michelle Pfeiffer interpretaba a unha profesora nun suburbio conflitivo.

http://youtu.be/NYkj6W3g9m8

A repercusión que tivo a canción de Coolio reactivou o recordo da orixinal de Stevie Wonder e outros artistas tentaron conseguir a súa sona recorrendo a mesma fórmula. "Pastime Paradise", que lle serviu a Coolio como pasaporte á fama mundial, volveuse de súpeto un recurso moi útil. Mary J. Blige sampleouna na canción "Time" do disco Mary (1999).

 http://youtu.be/WMNTbE1DFok

Ian Brown, o líder de Stone Roses, tamén se deixou seducir pola música de Stevie Wonder, algo que se aprecia na súa carreira en solitario. A influencia de "Pastime Paradise" é notable en "F.E.A.R.", canción do disco Music of  the Spheres (2001).

http://youtu.be/8f8wAXDZ9D0


Pero seguramente a máis famosa trala de Coolio foi a dos británicos Blue, "Curtain Falls" que incluíron no recompilatorio Best of Blue (2004).

http://youtu.be/Axy-8C8CphA

luns, 30 de setembro de 2013

Talk of the Town

Moitas veces vemos con frecuencia como a unha canción orixinal se lle cambia a letra manténdolle a mesma melodía. Isto dá lugar a un novo tipo de versión que en ocasións se lle denomina "homenaxe" á fonte primixenia e noutros "plaxio" se non conta co consentimento dos autores orixinais. Máis raro é atopar unha  mesma letra cunha melodía diferente. Algo así lle ocorreu a The Pretenders coa canción "Talk of the Town", do disco Pretenders II (1981), ó que anos máis tarde unha parte da súa letra ía aparecer noutra canción, pero neste caso, de Garbage. Xaora, a banda de Shirley Manson, consciente do barullo que se podería montar, contactatou con Chrissie Hynde para pedirlle permiso, cousa que a líder de The Pretenders lles concedeu ós rapaces de Garbage sen problema, evitando unha polémica que non beneficiaría a ninguén.

http://youtu.be/RtWIkLh2u30

E xa co permiso conseguido, Garbage gravou tranquilamente "Special", unha das cancións destacadas do álbum 2.0 (1998).

http://youtu.be/XneoyanCy6E