martes, 7 de febreiro de 2012

Big Yellow Taxi

Antes da publicación de Blue, o álbum que consagrou definitivamente a Joni Mitchell como unha das grandes cantautoras folk, o terceiro traballo da canadense Ladies of the Canyon (1970) contiña algunha das súas cancións máis emblemáticas como a dedicada a Woodstock e "Big Yellow Taxi". Tras unha viaxe a Hawaii, Joni Mitchell ideou esta canción, imprescindible no seu repertorio.


O primeiro en versionala foi Bob Dylan tres anos despois e teriamos que esperar ata 1994 para que unha nova voz feminina, neste caso a cantautora irlandesa Máire Brennan, publicase unha versión no seu álbum Misty Eyed Adventures, que ó igual que a versión de Dylan, segue as mesmas pautas que a versión orixinal. Con todo, ese mesmo ano de 1994, a cantautora americana Amy Grant incluiu outra versión de "Big Yellow Taxi" no seu álbum House of Love. A principal diferenza que se advirte é o cambio da letra nalgunhas partes da canción.

http://youtu.be/oiJWwWP1g7w

En 1997, Janet Jackson empregou un sample desta canción no single de presentación do seu álbum The Velvet Rope "Got Till It's Gone" no que colaboraba o rapeiro Q-Tip's.

 http://youtu.be/AnyqVRijCNw

Pero para moita xente, "Big Yellow Taxi" deuse a coñecer nas voces de Counting Crows e Vanessa Carlton, que aparecía na banda sonora da película "Two Weeks Notice" e que orixinariamente Counting Crows gravaran no álbum da banda Hard Candy (2002) sen a colaboración de Carlton.

 http://www.goear.com/listen/e88fba4/big-yellow-taxi-counting-crows-and-vanessa-carlton

venres, 3 de febreiro de 2012

I Walk On Gilded Splinters

"I Walk On Gilded Splinters" é a canción máis famosa de Dr John, un músico de blues e jazz de Nova Orleáns, grazas ás versións posteriores que se fixeron da canción. Aparece no seu álbum de debut de 1968 Gris Gris, producido por Harold Battiste e é a canción que pecha o disco.


A versión máis importante realizouna en 1970 Johnny Jenkins, un guitarrista de blues que traballara con Otis Redding e que influiría de maneira notable nun dos guitarristas máis grandes de tódolos tempos, Jimi Hendrix. "I Walk On Gilded Splinters" abría o álbum Ton-Ton Macoute! e nela destaca o ritmo da batería de Butch Trucks, que acabaría por ser sampleado noutras cancións, como veremos a continuación.


O primeiro sample importante ímolo atopar no éxito de 1993 "Loser", de Beck, anticipo do álbum Mellow Gold (1994), terceiro disco deste músico californiano e que  se convertiría nun dos álbumes máis importantes de rock alternativo da década dos 90, debido precisamente a cancións como "Loser".

 http://www.goear.com/listen/d9c5740/loser-beck

A última vez que se empregou como sample nunha canción de éxito foi no single de lanzamento do terceiro álbum de Oasis, Standing on the Shoulder of Giants (2000). "Go Let It Out" comeza precisamente co característico son da batería que utilizara Johnny Jenkins.

 http://www.goear.com/listen/ebb01f4/go-let-it-out-oasis

mércores, 1 de febreiro de 2012

Sweets for My Sweet

Doc Pomus e Mort Shuman compuxeron esta canción a comezos dos anos 60 para o grupo de doo wop The Drifters, que a publicaron como single en 1961.

 http://www.goear.com/listen/2f98ecf/sweets-for-my-sweet-the-drifters

Dous anos despois, "Sweets for My Sweet" foi elixida como single de debut de The Searchers, unha banda inglesa de pop-rock e merseybeat. A versión deste grupo procedente de Liverpool sería a máis popular de todas, xa que chegou a triunfar nas listas inglesas e nas americanas.

 http://www.goear.com/listen/8969d9e/sweets-for-my-sweet-the-searchers

A canción foi versionada noutras ocasións tanto na década dos 60 como dos 70 e cando parecía que quedaría encorsetada nesas décadas como un dos seus referentes, en 1994 o cantante inglés de reggae C.J. Lewis deulle un aire novo adaptándoa a un novo estilo no seu álbum Dollars.

 http://www.goear.com/listen/862765b/sweets-for-my-sweet-cj-lewis

martes, 31 de xaneiro de 2012

Takin' Me to Paradise

Como tantas outras veces, posiblemente a traxectoria de Raynard J. acabaría no esquecemento máis absoluto de non ser por unha canción dalgún interpréte ou banda de renome internacional que se lle pareza en exceso a un dos seus temas e todo acabe nunha demanda xudicial por posible plaxio. Isto foi en liñas xerais o que lle oconteceu a Raynard J e a súa canción "Takin' Me to Paradise", composta por Bruno Bergonzi e Michele Vicino, publicada en 1983.


A sona internacional chegoulle á esta canción grazas a Prince, que aen 1994 publicou "The Most Beautiful Girl in the World", anticipo do que sería o seu seguinte álbum The Gold Experience (1995). En 2003 comezou o proceso xudicial en Italia debido a un suposto plaxio da canción de Raynard J. e a resolución produciuse en decembro de 2007 onde se recoñecía o plaxio.

venres, 27 de xaneiro de 2012

Sementeira

Fuxan os Ventos naceu a comezos dos anos 70 en Lugo para reivindicar a música tradicional galega, mais boa parte da súa produción folk procede de composicións propias, aínda que respectando tan ben os patróns de estilo das cantigas populares que, ás veces, chégase a pensar que forman parte do repertorio tradicional galego. Ese é o caso de "Sementeira", a súa composición máis coñecida e que aparecía no álbum homónimo de 1978, composta por Lois Álvarez Pousa e Xosé Luís Rivas Cruz. Durante a súa traxectoria, Fuxan os Ventos tamén foron incorporando a temática de compromiso social e hoxe en día considérase a esta formación como  pioneira dentro da música galega.


Na historia da música as cancións folk, xa sexan de tipo tradicional ou non, serviron de base para novas cancións ou modernizábanse con novos estilos como o rock. Astarot, o grupo de heavy rock de Cangas do Morrazo entendeu isto moi ben, e en 2000 publicaron O Sentir dunha Terra, o seu quinto álbum, onde homenaxean a cultura musical galega con versións de cantigas populares galegas e de poemas de autores galegos como Álvaro Cunqueiro, que xa foran musicalizados por cantautores. Esta é a versión que fixeron de "Sementeira".

xoves, 26 de xaneiro de 2012

My Iron Lung

A mediados dos anos 90, Radiohead xa chamaba a atención polas súas propostas innovadoras de son. Cunhas letras coidadas a cargo sobre todo de Thom Yorke, o seu álbum de debut Pablo Honey (1993) foi unha agradable sorpresa no panorama musical e esa sensación acabaría por confirmarse en 1994 coa publicación do EP My Iron Lung e ó ano seguinte co segundo disco The Bends. My Iron Lung contén varias caras B de Pablo Honey e entre elas destaca a canción que lle dá título ó EP, e que posteriormente tamén incluíron en The Bends.


En 2008 a maltreita escena musical española recibiu coma un sopro de aire fresco a publicación do álbum de debut da banda madrileña Vetusta Morla. Un Día en el Mundo, producido e autoeditado polos rapaces de Vetusta Morla despois de ser rexeitados por varias compañías discográficas, contén algúns tesouros que xa foran aparecendo previamente en maquetas e en EPs.  A irrupción do éxito de Vetusta Morla fixo que se volvese a vista cara os circuitos de música independente, tan invisibles normalmente para un amplo sector do público, cando normalmente é aí onde se ofrecen traballos dunha maior calidade artística. Grupos como Lori Meyers, Standstill, We Are Standard, Love of Lesbian, Astrud e os propios Vetusta Morla representan hoxe en día o mellorciño do pop-rock en España.

Sinalouse que a canción que lle dá título ó disco é a que mellor recolle a influencia de Radiohead nesta banda. Esperamos que vos guste.

  http://www.goear.com/listen/1c0894a/un-dia-en-el-mundo-vetusta-morla

Vetusta Morla tamén gravou unha versión acústica que bautizaron como "Otro Día en el Mundo": http://youtu.be/9K5UrzaKgaY

martes, 24 de xaneiro de 2012

The Sun Always Shines on TV

Os noruegos A-ha forman parte dese conxunto de bandas da new wave que marcaron os anos 80. A voz inconfundible de Morten Harkett conferiulle unha personalidade notoria a A-ha, axudada polo que sería o maior seu éxito "Take on Me", que xunto co seu videoclip innovador faría que o álbum Hunting High and Low, de 1985, fose un dos máis vendidos nesa década. Nese mesmo álbum atópabase "The Sun Always Shines on TV", unha das cancións de referencia de A-ha e que hoxe vos presentamos.

 http://www.goear.com/listen/d718f53/the-sun-always-shines-on-tv-a-ha


En 2000 publicouse o esperadísimo álbum de U2 despois dun silencio de tres anos. All That You Can't Leave Behind abríase cun primeiro single cheo de optimismo "Beautiful Day", que vaticinaba un novo éxito na carreira dos irlandeses. Con todo, houbo moitos que notaron certa influencia da canción de A-ha no tema de U2, pero na nosa modesta opinión, agás en que ámbalas dúas coinciden nun "touch me", poderíase dicir que non se parecen practicamente en nada. En calquera caso, sérvenos de pretexto perfecto para ofrecervos dúas marabillosas cancións que comparten tamén a posibilidade de animar a quen queira escoitalas. De tódolos xeitos, moitos cren que Bono se inspirou no tema de The Kinks "Sunny Afternoon", pero iso será motivo dunha nova entrega.

 http://www.goear.com/listen/169424f/beautiful-day-u2

venres, 20 de xaneiro de 2012

Under The Bridge

Os anos noventa comezaron para a banda californiana Red Hot Chili Peppers cunha formación estable que marcaría a traxectoria posterior deste grupo comandado por Anthony Kiedis. En 1989 incorporáranse o batería Chad Smith e o guitarrista John Frusciante, que xunto Flea, a cargo do baixo, gravarían algúns dos álbuns máis memorables de Red Hot Chili Peppers. O primeiro deles foi Blood Sugar Sex Magic, de 1991, que tiña como primeiro single "Give It Away", que cun estilo que fusionaba o rock co rap, fixo que Red Hot Chili Peppers se desen a coñecer definitivamente no panorama internacional. Non obstante, o segundo single "Under the Bridge", xa non tiña nada en común con "Give It Way". Trátase dunha balada cunha letra que fala do poder das drogas, algo que coñecían ben os integrantes da banda e que case lle supuxo un problema á hora de elixir os singles. No entanto, a calidade da canción, así como a beleza da letra conseguiu que se vise a Red Hot Chili Peppers como algo máis que unha banda que só falaba de cousas superficiais.

 http://www.goear.com/listen/62bd812/under-the-bridge-red-hot-chili-peppers

En 1997, tralo éxito comercial que tiveron as Spice Girls o ano anterior, en Reino Unido comezaron a agromar numerosos grupos de mozas que  imitaban o estilo dubidoso das "mozas picantes", aínda que algúns tratáronse de desmarcar desa etiqueta con máis ou menos éxito. Un deles foi All Saints co seu álbum homónimo, que contiña esta versión do tema de Red Hot Chili Peppers.

 http://www.goear.com/listen/cdf12e3/under-the-bridge-all-saints