venres, 30 de marzo de 2012

More Than a Feeling

En 1976, facía o seu debut unha banda de rock que levaba o nome do lugar de onde procedía: Boston. Cun álbum homónimo que os consagraría como un dos grupos punteiros do hard rock, non deixa de resultar sorprendente que a súa canción máis coñecida sexa unha balada rock "More Than a Feeling", referente sen dúbida para todos aqueles seguidores da banda de Tom Scholz.


Ademais das innumerables versións que se fixeron de "More Than a Feeling", hai quen sinala a súa influencia nun par de cancións que supostamente conteñen elementos da balada de Boston. A primeira da banda de heavy Riot, que no seu séptimo traballo discográfico The Privilege of Power (1990) que contén esta canción "Maryanne".


Pero a que máis transcendencia tivo foi "Smells Like Teen Spirit", o himno grunge por excelencia da mítica banda de Kurt Cobain, Nirvana, do álbum Nevermind (1991). Disque as bases da canción son moi semellantes ás de Boston.


Por último, non podemos resistirnos a deixarvos unhas versións do tema de Nirvana. A primeira a cargo do trío de jazz The Bad Plus do álbum These Are the Vistas (2003).


A segunda, do gran Paul Anka, que non tivo reparon en coller un tema grunge e darlle un toque de swing no álbum Rock Swings (2005).

xoves, 29 de marzo de 2012

Valerie

The Zutons, banda inglesa de rock alternativo procedente de Liverpool, publicou o seu segundo álbum Tired of Hanging Around en 2006, dous anos despois do seu debut con Who Killed... The Zutons?. O segundo traballo confirmou a boa traxectoria que levaba o grupo de Dave McCabe, sobre todo, grazas ó segundo single "Valerie".


"Valerie" non saiu da escena independente ata que o produtor de Amy Winehouse Mark Ronson a convenceu para gravar unha versión que aparecería no álbum Version (2007), segundo traballo discográfico de Ronson  e que se centraba nas versións dalgúns dos temas favoritos de Ronson dos últimos anos. Finalmente, e debido ó éxito do traballo de Winehouse Back to Black decidiuse incluir a nova gravación nunha reedición especial do aclamado traballo da cantante londinense, que faría que "Valerie" chegase ó gran público. A súa popularidade foi tal que supuxo que moita xente crea que é un tema de Amy Winehouse.

mércores, 28 de marzo de 2012

Personal Jesus

Depeche Mode é unha das bandas de música electrónica máis importantes do planeta. Desde que se fundaran a comezos dos anos 80, os británicos liderados por Dave Gahan só souberon colleitar éxitos con cada álbum que publicaban. Un punto de inflexión foi Violator, de 1990, que conseguiu a internacionalización da música de Depeche Mode máis alá de Europa grazas a temas como "Enjoy of Silence" e "Personal Jesus", este último dos máis versionados e tamén moi empregado como sample.


As versións de "Personal Jesus" son incontables e destacan as de Marilyn Manson, Nina Hagen, e en España a de OBK, fans declarados da banda de Gahan e Gore. Pero talvez a máis espectacular é a de Johnny Cash do que sería o seu derradeiro álbum American IV (2002), onde colabora ás guitarras John Frusciante, daquela aínda en Red Hot Chili Peppers.


Como sample, a canción composta por Martin Gore apareceu por primeira vez no tema da cantante inglesa Jamelia "Beware of the Dog" do álbum Walk with Me (2006).


E por último, Hilary Duff foi a última en lembrarse de "Personal Jesus" para crear un éxito seu co tema "Reach Out", do álbum recopilatorio Best of Hilary Duff (2008).

martes, 27 de marzo de 2012

Brilliant Disguise

Se hai un cantautor norteamericano que chegou a conquistar a diferentes xeracións dende a década de 1970, cando comezou súa andaina no mundo da música, ese é Bruce Springsteen. O cantante de Nova Jersey xunto coa súa inseparable E Street Band compuxo unhas cancións cheas de sentimento a través do rock e do folk. En 1987 publicou o seu oitavo álbum de estudio Tunnel of Love, un dos máis aclamados da súa carreira e que contén esta sensacional balada "Brilliant Disguise".


Anos despois podía apreciarse a infuencia do Boss no compositor inglés David Gray, na súa balada "The One I Love" do álbum Life in Slow Motion (2005).

venres, 23 de marzo de 2012

Nothing Else Matters

En 1992; a banda de heavy metal Metallica publicou un álbum homónimo que constituía o quinto na súa carreira, e como todos os grandes grupos de rock, Metallica demostrou nese disco que tamén sabía facer estupendas baladas rock. O resultado foi "Nothing Else Matters".


"Nothing Else Matters" é unha das cancións máis versionadas de Metallica e moitos artistas de pop-rock non se resistiron a interpretala nalgunha ocasión, ora nos seus propios traballos ora nalgunha actuación en directo. Quizais a que máis repercusión tivo foi a dunha cantante inglesa Lucie Silvas, que, prescindindo das guitarras, soubo darlle un toque lene que aínda engrandeceu máis a esta balada. Está incluido no seu álbum de debut Breathe In (2004).

xoves, 22 de marzo de 2012

Genius of Love

Algo moi semellante ó que lle aconteceu a canción de Patrice Rushen pasoulle tamén a Tom Tom Club, unha das bandas americanas que xurdiron da new wave como un proxecto alternativo dalgúns dos membros de Talking Heads, un dos grupos máis importantes da década de 1980. Tom Tom Club, que naceu á par de Talking Heads, publicou o seu álbum de debut Tom Tom Club onde está unha das súas cancións máis lembradas "Genius of Love".


Aínda que as bases da canción haberían de aparecer en numerosos traballos trala publicación do álbum de Tom Tom Club, sería na década de 1990 cando esta canción se volvería pór de moda grazas ó seu emprego como sample, primeiro, no quinto disco da diva norteamericana Mariah Carey Daydream (1995) que se presentou co single "Fantasy".


Tan só un ano despois, en 1996, o británico Mark Morrison co tema que lle daba título ó álbum Return of the Mack.

martes, 20 de marzo de 2012

Forget Me Nots

Os anos 80 comezaron influídos pola música disco que eclosionara na década anterior e polo tanto, era o practicamente o estilo máis demandado neses anos, onde se orixinarían unha serie de cancións que marcarían a historia da música en forma de samples. Unha desas cancións inesquecibles é "Forget Me Nots", de Patrice Rushen, unha cantante californiana que en 1982 publicou o álbum Straight from the Heart que incluía o seu maior  éxito.


O sample máis sonado do tema atopámolo a mediados da década seguinte, concretamente en 1996, no álbum de George Michael Older na canción "Fastlove", o segundo single do terceiro traballo en solitario do ex compoñente de Wham!


Un ano despois, a canción de Patrice Rushen volveu á actualidade grazas a Will Smith que a incluiu de sample no tema "Men in Black", banda sonora da película do mesmo título e que protagonizaba o propio Smith.

luns, 19 de marzo de 2012

Déjame Entrar

A mediados do ano 1995 veu a luz un novo álbum da banda mexicana Maná Cuando los ángeles lloran que supuxo a súa consolidación en Europa tras o seu anterior traballo ¿Dónde jugarán los niños? co que se deron a coñecer máis alá das fronteiras de Hispanoámerica. Cuando los ángeles lloran presentábase co single "Déjame Entrar", un contundente tema rock composto por Fher Olvera e Álex González, os fundadores da banda, que sen ser o mellor dese disco ofrecía un dos principais valores de Maná: a súa facilidade para o rock de raíces latinas.


A parte divertida é que, en principio sen ter nada en común, unha das grandes cancións que nos deixou 2011 "He Don't Live Here No More" do ex-líder de The Band Robbie Robertson e que aparece no seu último álbum How to Become Clairvoyant ten unha melodía semellante e que nos fixo acordarnos do single de Maná, que xa tiñamos bastante esquecido. Ver para crer, ou mellor dito, escoitar para crer.