martes, 17 de abril de 2012

Take On Me

"Take On Me" foi a carta de presentación do grupo noruegués A-ha en todo o mundo. Extraído do seu álbum de debut Hunting High and Low (1985) a banda de Morten Hackett conquistou os oídos de milleiros de persoas e xunto cun excelente videoclip  A-ha non tardou en convertirse na banda máis exitosa de Noruega. Boa proba disto son as innumerables versións de "Take On Me".


Imos agora con algunha das versións máis curiosas deste tema. Comezamos coa versión ska de Reel Big Fish, unha banda punk que a incluiu no seu disco Why Do They Rock So Hard? (1998) e que despois apareceu na banda sonora da película BASEketball. Outras versións en clave punk corresponden a Janez Detd. e Wohlstandskinder.


En 2006 Mägo de Oz, a banda madrileña de folk rock fixo unha versión para o seu disco recompilatorio The Best Oz. Non sería o primeiro grupo de rock en apostar por "Take On Me", xa que os alemáns Emil Bulls, os franceses Crumble Lane e os italianos Vision Divine tamén a versionaron nos seus respectivos traballos discográficos.


Esta é a versión de Emil Bulls do seu álbum Angel Delivery Service (2001).


E deixando de lado as guitarras eléctricas e contundentes, acabamos coa versión da cantautora malagueña Anni B Sweet que a gravou para o seu debut Start, Restart,Undo (2009).

luns, 16 de abril de 2012

More Than Words

Extreme é outro bo exemplo de que as bandas de heavy metal saben facer como ninguén as baladas máis emotivas e mesmo cun punto algo ñoño. Malia isto podemos dicir ó seu favor que este comportamento fai que o son destas bandas cheguen a outros públicos e así lograr unha sona que só lle estaría restrinxida a un círculo selecto. Coa balada "More Than Words" do álbum Extreme II. Pornograffitti (1990) a banda de Gary Cherone e Nuno Bettencourt gañou un oco na posterioridade.


En 1998, a banda neerlandesa Flip Da Scrip do rapeiro Cooly D empregou como sample o de Extreme para a súa canción "Never Told You", que lle dá título o álbum que publicaron ese ano.

venres, 13 de abril de 2012

There Is a Light That Never Goes Out

Se hai unha canción que non deixa de ser versionada desde practicamente a súa publicación por ser un tema pop prefecto é "There Is a Light  That Never Goes Out" dos británicos The Smiths, que a gravaron para o seu disco de 1986 The Queen Is Dead, que logo volverían publicar en 1992. A banda de Morrisey exerceu unha influencia nada desprezable nas bandas que se foron formando na segunda metade dos 80 e nos primeiros anos dos 90 e sempre se sinala a The Smiths como un dos grupos precursores do movemento brit-pop. Cancións coma "Everyday Is Like Sunday" e "This Charming Man" forman parte da memoria colectiva da música pop xunto con "There Is a Light That Never Goes Out", que mesmo lle dá título a un dos capítulos da prestixiosa novela de Irvine Welsh Trainspotting.


Unha das primeiras versións deste tema trala reedición do álbum The Queen Is Dead é a adaptación que fixo ó español Mikel Erentxun para o seu debut en solitario trala súa etapa en Duncan Dhu. "Esa Luz Nunca Se Apagará" foi o segundo single de Naufragios (1993).


Outras das versións que tamén nos gusta moita é a de Deluxe. Xoel López tampouco se puido resistir o encanto de The Smiths.


Por último e para rematar deixámosvos unha versión electrónica, a máis diferente de todas, a cargo de Nitoniko, unha banda indie que promete co seu son.



xoves, 12 de abril de 2012

Under Pressure

En 1981 produciuse unha colaboración entre dous grandes da música británica, Freddie Mercury e o camaleónico David Bowie que se viu reflectida na canción "Under Pressure", que aparecería no álbum de Queen de 1982 Hot Space


Apenas pasaran dez anos cando "Under Pressure", en forma de sample, lle daría o recoñecemento internacional ó rapeiro Robert Van Winkle, máis coñecido como Vanilla Ice, que en 1990 lanzou o seu álbum To the Extreme onde se inclúe o corte "Ice, Ice Baby".



mércores, 11 de abril de 2012

Dakota

Unha das bandas que xurdiron en Gran Bretaña nos anos 90 e que axudaron a puír o britpop á marxe de Blur, Oasis e Suede foi a galesa Stereophonics, comandada por Kelly Jones. Stereophonics publicou o seu primeiro disco en 1997, cinco anos despois de que se fundasen na cidade de Cwmanan, en Gales. A súa traxectoria non tivo moita transcendencia máis aló das Illas Británicas e do mundo anglosaxón en xeral, onde están se considera unha das bandas punteiras e máis respectadas da escena alternativa. Foi en 2000 coa colaboración que fixeron con Tom Jones para o álbum do Tigre de Gales onde versionaba cancións cando o panorama internacional se empezou a fixar neles, pero o premio a súa constancia e traballo tivérono coa publicación do seu quinto disco Language. Sex. Violence. Other? onde está a canción "Dakota", que lle abriu a Stereophonics as portas do recoñecemento e tamén supuxo o seu maior éxito en Estados Unidos. 


En 2008 ve a luz o terceiro traballo discográfico da banda lucense Holywater, Tranquility, un disco de madurez e consagración despois de dez anos rodando no circuito alternativo con extensas xiras que, como adoita acontecer coas boas bandas independentes, apenas chegan a espertar a curiosidade dos grandes medios de comunicación. En fin, Holywater, a banda fundada por Ricardo Rodríguez, é unha das bandas máis elegantes que podemos atopar,  cun son emo moi identificable e que non deixa de ser un agradable descubrimento para todos aqueles que se queiran achegar ó seu traballo. "Similar", un dos cortes máis interesantes de Tranquility está inspirado en "Dakota", xa que como pode comprobarse, Stereophonics é unha das influencias dos de Lugo.


martes, 10 de abril de 2012

American Girl

En 1976 Tom Petty, un cantante de rock de Florida, formou unha banda coa que coñecería os meles do éxito, Tom Petty and The Heartbreakers. Ó ano seguinte, a formación facía o seu debut cun disco homónimo onde xa se podía apreciar o potencial de Tom Petty. Nel inclúese a canción "American Girl", segundo single extraído tras "Breakdown". En 1989, Tom Petty debutaba en solitario e deixaba para a memoria colectiva "Free Fallin", que chegou a eclipsar mesmo toda a traxectoria anterior de Petty. No entanto, na primeira década deste século  "American Girl" ía saltar de novo ós ollos do panorama musical...


En 2001 debutaba na escena musical unha banda de rock alternativo procedente de Nova York na que algúns componentes tiñan que cargar co sambenito de ser fillos de algún famoso. The Strokes está liderada por Julian Casablancas e un dos guitarristas é Albert Hammond Jr., fillo do lendario compositor dos anos 60 e 70. Pero á marxe de todo isto, o primeiro álbum de The Strokes, Is This It? foi saludado pola crítica como un dos mellores debuts de 2001 e confiaban na prometedora carreira que tiñan por diante e que os podería levar a ser unha das mellores bandas da década. O single que os lanzou á fama "Last Nite" así o parecía confirmar. Mais a Tom Petty os acordes éranlle algo familiares.

mércores, 4 de abril de 2012

My Body Is a Cage

Trala publicación da súa ópera prima Funeral en 2004, Arcade Fire foi toda unha revelación na primeira década do século XXI. As expectativas confirmáronse tres anos despois co segundo álbum Neon Bible (2007), que ten o mesmo título que a primeira novela de John Kennedy Toole. Unhas letras coidadas, uns arranxos musicais elaborados cunha ampla variedade de instrumentos e unha produción brillante unido a un vertixinoso directo, converteu á banda de Win Butler e Régine Chassagne en todo un estandarte deste novo milenio como se veu co seu último traballo The Suburbs (2010). Os de Québec poden sentirse orgullosos de chegar tan lonxe sen contar sequera cunha gran discográfica detrás deles. Boa mostra do seu talento atopamólo en cancións como "Black Mirror" e "No Cars Go" do segundo álbum. Precisamente, este álbum pechábase cun corte que mostra toda a forza épica de Arcade Fire "My Body Is a Cage", un tema cun son escuro, pero terriblemente emotivo que foi incluido nun capítulo da sétima temporada de House.


Nos últimos anos instalouse entre os artistas consagrados a moda de editar un disco de versións en clave sinfónica. Sting e George Michael foron algúns que contan entre os seus últimos traballos con este fenómeno, pero un dos primeiros en apuntarse a isto foi Peter Gabriel, que ademais pactou cos artistas que ía versionar que estes gravasen algunha versión dos éxitos de Gabriel. Un dos temas que figuran no álbum Scratch My Back (2010) é "My Body Is a Cage".

martes, 3 de abril de 2012

Ojos de Gata

Ás veces, as colaboracións entre artistas traen cousas como esta. A comezos da década dos 90, Joaquín Sabina, reputado cantautor, cedeulle unhas estrofas dunha canción medio comezada a Enrique Urquijo, líder da banda Los Secretos e amigo persoal de Sabina, que nese momento andaba algo falto de inspiración. O certo é que Enrique desenvolveu unha canción a partir do agasallo de Sabina e este último, que tampouco se esquecera deses versos comezados, tamén desenvolveu a súa propia canción. Así que nos álbums seguintes  dos artistas apareceu cadansúa versión desas estrofas. As letras que propiciaron dúas cancións diferentes pero á vez, moi semellantes trataban a historia dun cantante que ofrecía un concerto nunha pequena poboación e se namoraba perdidamente dunha camareira. Ata aquí as semellanzas porque o desenlace é totalmente distinto; un final feliz para Sabina e outro algo máis triste para Los Secretos.

A primeira que véu á luz foi "Ojos de Gata", a versión de Enrique Urquijo para a súa banda Los Secretos no oitavo álbum de estudio Adiós Tristeza (1991).


Un ano despois Joaquín Sabina publicaba Física y Química que se abría con "Y nos Dieron las Diez", e que se convertiría nunha das súas cancións máis populares.