xoves, 10 de xaneiro de 2013

Ladder to the Sun

Chris Martin é hoxe en día dos artistas máis prolíficos que pululan polo panorama musical. Ademais de ser o gran artífice de case tódalas cancións de Coldplay, tamén non ten reparo en compór para outros artistas coma Nelly Furtado. Cada vez que prepara un novo traballo do seu grupo, Chris adoita mostrar todo o seu talento creativo, algo que máis tarde leva á banda a facer unha escolla para elixir as cancións merecentes de estar no novo álbum. Malia os descartes, Chris non renuncia a interpretalos nos concertos e co tempo, seguramente teremos un disco coas caras B de Coldplay. "Ladder to the Sun", de 2002, é un deses temas que de momento, non atopamos en ningún dos discos que publicaron, pero que de vez en cando, Coldplay agasalla ós seus fans nos concertos.


Unha canción moi semellante a "Ladder to the Sun" que ten tamén como protagonista o piano e que tampouco aparece en ningún LP é "Thin Air", o tema de Keane, que finalmente non foi incluído no segundo traballo do trío inglés Under the Iron Sea (2006), mais si se editou como cara B do single "Nothing in My Way".

mércores, 9 de xaneiro de 2013

So You Want to Be a Rock 'n' Roll Star

O cuarto álbum de The Byrds Younger Than Yesterday (1967) ábrese coa canción "So You Want to Be a Rock 'n' Roll Star", unha das máis populares da banda composta por Roger McGuinn, Gene Clark, David Crosby, Michael Clark e Chris Hillman. Co seu estilo habitual de mestura-lo rock coa psicodelia, The Byrds afondaban co seu cuarto traballo na procura dun son propio que os afastase da influencia  da música de Bob Dylan, que tanto marcara as orixes de The Byrds.

A principal versión que se fixo de "So You Want to Be a Rock 'n' Roll Star" atópase na voz de Patti Smith, que a gravou para o álbum Wave (1979), o cuarto traballo discográfico que publicou coa súa banda Patti Smith Group.

No mesmo ano en que Patti Smith sacaba a versión de "So You Want to Be a Rock 'n' Roll Star", a banda británica de rock Charlie publicaba Fight Dirty, que contén o tema "Killer Cut", con referencias sutís á canción de The Byrds.

martes, 8 de xaneiro de 2013

Summertime

O século XX caracterizouse musicalmente polo espallamento dos máis diversos xéneros e estilos, o que serviu para un  enriquecemento musical nunca visto ata o momento. Nesa eclosión posiblemente a máis perxudicada fose a música clásica cuxa importancia en séculos anteriores se viu desprazada ata unhas poucas minorías elitistas que se resisitiron ó empuxe que estaba experimentando a música popular. Pero na fusión de estilos que se produciu como consecuencia desa expasión musical, ata a música clásica se aproximou ó gran público da man de autores como Aaron Copland e George Gershwin que compuxeron óperas que encadilaron á xente de todas clases sociais, que mesmo os tomaron de referencia para compor música popular e nutrir ós novos sons como o rock. "Summertime" é a aria máis coñecida de Porgy and Bess, a gran obra de Gershwin de 1935.


Unha das primeiras cancións que se basearon nos arranxos de "Summertime" foi "(We Ain't Got) Nothin' Yet" de Blues Magoos que aparece no álbum Psychedelic Lollipop de 1966.


Tamén Deep Purple non se souberon resistir ó encanto e en 197 editaron o single "Black Night", que se basea directamente na canción de Blues Magoos.

luns, 7 de xaneiro de 2013

I Can't Stand Losing You

Outlandos d'Amour, o álbum de debut de The Police en 1978 supuxo a chegada á escena musical de Sting e compañía que se ían caracterizar pola combinación de reggae, ska e rock en doses suficientes para crear un estilo propio e inconfundible que non pasou desapercibido para as xeracións posteriores. "I Can't Stand Losing You" foi o segundo single dese álbum.
http://www.goear.com/listen/701593b/cant-stand-losing-you-the-police

Unha das cancións que máis  influída está  por este tema de The Police é "Diamond on Landmine", o tema de Billy Talent, do álbum Billy Talent III (2010). As primeiras notas remiten claramente ó tema de The Police.

http://youtu.be/7AKF5namNF4
Bruno Mars, é   un deses artistas que dende apenas tres anos máis promete e no que moitos ben un digno sucesor de Michael Jackson sacou o seu segundo disco en 2012 Unorthodox Jukebox cun single que lembra de maneira notoria o son dos primeiros tempos de The Police. "Locked Out of Heaven" parece unha canción escrita por Sting e semella que escapou dalgún deses traballos de The Police.

venres, 4 de xaneiro de 2013

Todavía una canción de amor

Ariel Rot e Andrés Calamaro son parte do máximo exponente do rock arxentino e son os que máis fixeron por unir as raíces musicais de América do Sur coas españolas. Xa no primeiro proxecto en que se deu a coñecer Ariel Rot, Tequila, víase con diferenza esa aposta por crear un son hispano identificativo a ámbolos dous lados do Atlántico que conxugase perfectamente cos sons anglosaxóns. Pero trala aventura de Tequila,  case dez despois, en 1991, Julián Infante, tamén ex integrante de Tequila, pon en marcha Los Rodríguez xunto con Germán Vilella e decide engadir á nova formación a Ariel Rot, que á vez, embarca a Andrés Calamaro como vocalista. Os obxectivos volven ser os mesmos e o resultado é que Los Rodríguez se converteron nunha das mellores bandas de rock latino. No cuarto disco Palabras Más, Palabras Menos (1995) atopamos "Todavía una Canción de Amor", escrita conxuntamente por Andrés Calamaro e Joaquín Sabina.


Joaquín Sabina gravouna para un dos seus recompilatorios con material inédito. "Todavía una Canción de Amor" pechaba o segundo CD que conforma Punto... y Seguido (2006).


Mais a versión máis rockeira que se fixo deste tema débese ós arxentinos 2 Minutos, que a engalanan con sons punks no seu último disco Vamos a la Granja/Directo al Infierno (2010).

xoves, 3 de xaneiro de 2013

Make Me Smile (Come Up and See Me)

Se hai unha canción optimista por excelencia, desas que arrincan un sorriso á primeira escoita e polo tanto, ideal para comezar un ano novo, esa é "Make Me Smile (Come Up and See Me)", o maior éxito que tivo Steve Harley & Cockney Rebel na súa andaina. Para iso Steve Harley tivo que esperar á publicación do seu terceiro disco The Best Years of Our Lives (1975).

http://www.goear.com/listen/c1cdba1/make-me-smile-steve-harley

Unha das versións máis temperás que se fixeron de "Make Me Smile" fíxoa Suzi Quatro no álbum de 1976 Aggro-Phofia, co retrouso lixeiramente máis lento que na versión orixinal.

http://youtu.be/REqz39A8aA8

A seguinte que tivo éxito foi a que Duran Duran incluíron na cara B do single "The Reflex" en 1984.

http://youtu.be/plVuh0NooOc

Mais unha das favoritas do propio Steve Harley é a versión punk que The Wedding Present realizaron no EP 3 Songs (1990).

http://youtu.be/5yLSEerKqqE

Non desmerece tampouco a versión de Erasure. A banda de Vince Clarke e Andy Bell acordáronse desta canción para o seu álbum de versións Other People's Songs (2003).

http://youtu.be/O7UDy7ua2DQ


luns, 31 de decembro de 2012

Man of the World

Dos singles que Fleetwood Mac ten publicado sen incluílos finalmente nun álbum destaca "Man of the World", que viu a luz en 1969, á espera de que a banda de Mick Fleetwood, Jeremy Spencer e Peter Green gravasen o terceiro álbum de larga duración da banda Then Play On, que sairía á venda ese mesmo ano. "Man of the World" está asinada por Peter Green.


O quinto álbum de Lightning Seeds Tilt (1999), a banda comandada por Ian Broudie, contén o tema "I Wish I Was in Love" cuxas bases se asentan na canción de Fleetwood Mac. De "I Wish I Was in Love" fixo unha versión Scarboro Aquarium Club, que vos pomos agora ante a imposibilidade de atopar a versión orixinal.

venres, 28 de decembro de 2012

Chasing a Bee

Mercury Rev estreáronse a comezos da década de 1990 con Yerself Is Steam (1991), onde mostraban ás claras o seu ideario de volver os sons psicodélicos que tan de moda estiveran unhas décadas antes. A aposta non lles saíu nada mal a estes rapaces de Nova York e co tempo, foron consolidándose como unha banda cun marcado son que os caracteriza en cada traballo que van sacando. Yerself Is Steam ábrese con "Chasing a Bee".


A banda granadina Los Planetas convertéronse en toda unha referencia na música alternativa española a raíz da publicación do seu segundo traballo Pop (1996) no que mostraban a súa admiración pola música de Mercury Rev na canción que abre o disco "Db".