xoves, 24 de xaneiro de 2013

Real Love

A comezos dos anos 90 o R&B norteamericano comezou a vibrar coa voz de Mary J. Blige, unha moza que co seu debut What's the 411? en 1992 empezou a encandilar ós produtores de hip-hop, que non tardaron en remesturar cada single que ía aparecendo no mercado. "Real Love" é un dos temas máis característicos de Mary J. Blige.


Como boa parte das cancións de hip-hop, "Real Love" atopou unha maneira de reciclaxe noutras cancións posteriores do mesmo xénero, como por exemplo a do grupo Dru Hill en 1996 "Whaterver You Want".


O máis recente é o de Frank Ocean, un dos artistas do pasado ano co seu álbum Channel Orange (2012) que no seu tema "Super Rich Kids" homenaxea así á canción de Mary J. Blige.


martes, 22 de xaneiro de 2013

Let's Go to Bed

A andaina de The Cure comezou a finais dos anos 70 coa publicación duns cantos singles antes de lanzar ó mercado discográfico dous discos de longa duración como Seven Seconds (1980) e Faith (1981). Antes de averuntarse co terceiro LP, que vería a luz tres anos despois, a banda de Robert Smith seguiu sacando singles soltos que finalmente non se incluirían en The Top (1984), pero que aparecerían en discos recompilatorios. "Let's Go to Bed", editado en 1982, aparecería por primeira vez no recompilatorio Japanese Whispers, de 1983.


Malia non ser unha das cancións de The Cure máis recordadas, "Let's Go to Bed" resucitou hai uns anos en forma de sample nun dos famosísimos temas de Rihanna "S&M", do álbum Load, que a cantante de Barbados publicou en 2011.

luns, 21 de xaneiro de 2013

Tupelo Honey

A canción que lle dá título ó quinto álbum en solitario do norirlandés Van Morrison Tupelo Honey, publicado en 1971 ten unha melodía bastante recorrente nalgunhas cancións do propio Van Morrison que non adoita afectar á creatividade deste xenio de Belfast. De feito, este truco valeulle nalgunhas ocasións a Van Morrison para entrelazar esas cancións nos concertos. Por orde cronolóxica, a primeira canción que estreou esa melodía é "Crazy Love", unha balada do disco Moondance, editado un ano antes ca Tupelo Honey.


O resultado de "Tupelo Honey" é o seguinte: http://www.goear.com/listen/ef853c5/tupelo-honey-van-morrison

E vinte anos despois, Van Morrison volveu botar man desta melodía en "Why Must I Always Explain?", do álbum Hymns to the Silence; a continuación precedida precisamente de "Tupelo Honey": http://www.goear.com/listen/b39aa23/why-must-i-always-explain-van-morrison

Pero "Tupelo Honey" destaca entre as demais por inspirar un dos grandes temas do gran Bruce Springsteen: "Racing in the Street", cun título que fai referencia á canción de Martha and the Vandellas. Está no álbum de 1978 Darkness on the Edge of Town.


xoves, 17 de xaneiro de 2013

I Shot the Sheriff

Xamaica soubo situarse no mapa da música grazas a un xénero de seu como o reggae que nos anos 70 da man sobre todo de Chris Blackwell, o dono da discográfica Atlantic. A influencia deste son foi inmediato e aprecíase con claridade nas raíces de bandas europeas como The Police. O gran estandarte do reggae é Bob Marley, que xunto coa súa banda The Wailers, ademais de grandes cancións, exportou ó resto do mundo toda unha filosofía de vida como é o movemento rastafari. En 1973, baixo a produción de Blackwell, Bob Marley and The Wailers publicaron o seu cuarto álbum Burnin', un dos máis influentes na carreira dos xamaicanos, onde se atopa este sensacional "I Shot the Sheriff".


Unha boa mostra de que a música de Marley trascendeu pronto a barreira do éxotico para asimilarse co que se estaba a facer no resto do mundo é a versión que Eric Clapton fixo de "I Shot the Sheriff" tan só un ano    despois no álbum 461 Ocean Boulevard (1974), o segundo en solitario de Man Lenta.


Tamén existe unha versión de hip-hop a cargo de Warren G en 1997 no álbum Take a Look Over Your Shoulder.

mércores, 16 de xaneiro de 2013

Old Time Rock and Roll

A segunda metade da década de 1970 estivo dominada polos sonidos disco onde o instrumento rei de calquera produción era o sintetizador. Moi lonxe parecían quedar xa os tempos en que a guitarra eléctrica innovara o son da música en forma de rock and roll. Talvez debido a esa sensación de morriña, o rockeiro Bob Seger lembraba as orixes do rock no seu famoso "Old Time Rock and Roll", canción feita ó vello estilo dos clásicos que incluía no álbum Stranger in Town (1978), o décimo traballo discográfico do cantante de Michigan.


Das versións que se coñecen desta canción quedamos coa adaptación ó castelán que fixo Revólver para o seu Grandes Éxitos (2003), que se abre precisamente con "Ese Viejo Rock 'n' Roll".


martes, 15 de xaneiro de 2013

Confusion

Habería que esperar ata 1986 para que New Order publicase un LP pero a traxectoria do grupo nacido das cinzas de Joy Division remóntase a 1981 cando empezou a sacar singles que haberían de acadar facilmente o éxito como "Blue Monday" en 1983, o mesmo ano en que tamén publicaron "Confusion", un dos temas máis recoñecibles de New Order tras aparecer remesturada na banda sonora de "Blade", en 1998. Esta é a versión orixinal de 1983.


Convertida en referencia para a música dance, a versión remesturada de "Confusion" inspirou algúns temas de electrónica progresiva que fixeron furor nas discotecas. Por exemplo, o dos produtores alemáns Warp Bros e Aquagen titulado "Phat Bass" e o de Public Domain "Operation Blade". Tamén destaca a do DJ  neerlandés Randy Katana "Play it Louder". Tres exemplos ideais para torturar os oídos; mañá volvemos ó rock.



luns, 14 de xaneiro de 2013

Ain't That Just Like a Woman

Alá por 1946 cando o rock 'n' roll non era máis que unha variante do blues, country e jazz, Louis Jordan, un compositor de Arkansas, gravou "Ain't That Just Like a Woman" xunto co seu grupo Louis Jordan and His Tympany Five, un tema cunha apertura que se habería de converter en todo un clásico ó reproducirse noutras cancións emblemáticas nos comezos do rock 'n' roll.


A primeira canción que reproduce a introdución de "Ain't That Just Like a Woman" é o clásico de Chuck Berry "Johnny B. Goode", de 1958. "Johnny B. Goode" é curiosamente unha das cancións máis versionadas da historia e mesmo a NASA a enviou ó espazo nunha cápsula xunto con outras pezas musicais como mostra do que se fai no planeta Terra.


Outra canción mítica que empeza do mesmo xeito é "Fun Fun Fun", unha das máis divertidas de The Beach Boys, que a incluiron no álbum Shut Down Volume 2 (1964). Esta obra escrita por Brian Wilson e Mike Love tamén conta cun sinfín de versións coma a de Joan Jett, a de Status Quo e mesmo a de The Carpenters, sen esquecer a do grupo xuvenil mexicano Onda Vaselina, cuxa versión se trataba dunha adaptación libre ó castelán.

venres, 11 de xaneiro de 2013

Cadillac Solitario

En 1983 aparecía no mercado musical español o debut de Loquillo y Los Trogloditas, unha banda  chegada dende Barcelona comandada por José María Sanz, co alcume de Loquillo, e por Sabino Méndez, alma máter do proxecto e o compositor da banda. Con El Ritmo del Garaje dábase inicio así a unha das bandas de rock que máis repercusión ían ter para este xénero da música na Península Ibérica. "Cadillac Solitario" é a canción bandeira deste álbum e tamén unha das imprescindibles en calquera recompilatorio de Loquillo y Los Trogloditas.
 
 
 
 
Unha das versións máis fieis desta canción realizouna a banda uruguaia Buitres Después de la Una, que la reedición do seu sexto álbum Rantifusa de 2003 sorprendía ós seus seguidores con este bonus track.