luns, 28 de xaneiro de 2013

Sobre un Vidrio Mojado

Malia que o rock naceu e se desenvolveu nos países anglosaxóns, moi cedo atopou acomodo noutros lugares con raíces musicais que nada tiñan que ver co blues, o soul  ou o jazz como é no caso dos países hispanoamericanos. En América do Sur, unha desas primeiras bandas que imitaban o son que exportaban os Beatles, os Who e compañía foi a uruguaia Kano y Los Bulldogs. En 1969 gravaron o single "Sobre un Vidrio Mojado" en Arxentina e moi pronto foi todo un éxito en toda Hispanoamérica.


No seu momento, o éxito de "Sobre un Vidrio Mojado" non transcendeu ó outro lado do Atlántico, xa que España só se fixaba nos seus irmáns sudamericanos cando se trataba de cantantes melódicos e non lle prestou demasiada atención ó rock que se cultivaba aló ata bastantes anos máis tarde. Pero en 1980 Los Secretos rescatou este éxito cunha versión que aparece no EP Los Secretos coa que acadan unha gran popularidade. De feito, hai moita xente que pensa que é unha composición orixinal dos irmáns Urquijo.

venres, 25 de xaneiro de 2013

Moonlight Shadow

Viamos hai uns días como ás veces algúns artistas teñen unha melodía ou un ritmo que lles serve para crear varias cancións, pero desta arte non só Van Morrison é un mestre e co tempo iremos vendo outros exemplos. Hoxe por exemplo, imos dedicarlle unha entrada a Mike Oldfield, o formidable compositor inglés que catapultou o selo discográfico Virgin nos anos 70 grazas ó seu debut Tubular Bells (1973) e que formou parte da banda sonora do filme "O Exorcista". Dez anos despois deste éxito, Mike Oldfield lanzou unha das cancións coa que logrou maior sona: "Moonlight Shadow" coa voz da cantante Maggie Reilly, colaboradora habitual dos temas con letra de Oldfield. A canción aparece no álbum Crises (1983) e é unha das máis versionadas deste artista, que tamén conta desde remesturas para as discotecas.


Antes de pasar ó outro tema de Mike Oldfield baseado en "Moonlight Shadow" imos repasar algunhas desas versións de que falabamos antes. Moitas bandas de metal e hard core sentiron unha especial inclinación por "Moonlight Shadow" e non dubidaron en dotar destes sons a este tema. Personalmente quedamos coa de Mägo de Oz, cara B do single "Y Ahora Voy a Salir (Ranxeira)" interpretado xunto con Patricia Tapia en 2007.


"Moonlight Shadow" tamén foi gravada noutros idiomas ademais do inglés. En castelán destaca a da cantante arxentina Marcela Morelo en 2009 no álbum Otro Plan.


E agora imos xa con "Man in the Rain", que reproduce á batería de "Moonlight Shadow". Está no disco de 1998 Tubular Bells III e está interpretada por Cara Dillon.

http://www.goear.com/listen/3e2039f/man-in-the-rain-mike-oldfield

E iso que Mike Oldfield xa ensaiara anos antes parte de "Man in the Rain" noutra canción cuxo resultado habería ser distinto. Trátase de "Heaven's Open", canción que titulaba o álbum de 1991.

http://youtu.be/Q-FilJ5sx2E

xoves, 24 de xaneiro de 2013

Real Love

A comezos dos anos 90 o R&B norteamericano comezou a vibrar coa voz de Mary J. Blige, unha moza que co seu debut What's the 411? en 1992 empezou a encandilar ós produtores de hip-hop, que non tardaron en remesturar cada single que ía aparecendo no mercado. "Real Love" é un dos temas máis característicos de Mary J. Blige.


Como boa parte das cancións de hip-hop, "Real Love" atopou unha maneira de reciclaxe noutras cancións posteriores do mesmo xénero, como por exemplo a do grupo Dru Hill en 1996 "Whaterver You Want".


O máis recente é o de Frank Ocean, un dos artistas do pasado ano co seu álbum Channel Orange (2012) que no seu tema "Super Rich Kids" homenaxea así á canción de Mary J. Blige.


martes, 22 de xaneiro de 2013

Let's Go to Bed

A andaina de The Cure comezou a finais dos anos 70 coa publicación duns cantos singles antes de lanzar ó mercado discográfico dous discos de longa duración como Seven Seconds (1980) e Faith (1981). Antes de averuntarse co terceiro LP, que vería a luz tres anos despois, a banda de Robert Smith seguiu sacando singles soltos que finalmente non se incluirían en The Top (1984), pero que aparecerían en discos recompilatorios. "Let's Go to Bed", editado en 1982, aparecería por primeira vez no recompilatorio Japanese Whispers, de 1983.


Malia non ser unha das cancións de The Cure máis recordadas, "Let's Go to Bed" resucitou hai uns anos en forma de sample nun dos famosísimos temas de Rihanna "S&M", do álbum Load, que a cantante de Barbados publicou en 2011.

luns, 21 de xaneiro de 2013

Tupelo Honey

A canción que lle dá título ó quinto álbum en solitario do norirlandés Van Morrison Tupelo Honey, publicado en 1971 ten unha melodía bastante recorrente nalgunhas cancións do propio Van Morrison que non adoita afectar á creatividade deste xenio de Belfast. De feito, este truco valeulle nalgunhas ocasións a Van Morrison para entrelazar esas cancións nos concertos. Por orde cronolóxica, a primeira canción que estreou esa melodía é "Crazy Love", unha balada do disco Moondance, editado un ano antes ca Tupelo Honey.


O resultado de "Tupelo Honey" é o seguinte: http://www.goear.com/listen/ef853c5/tupelo-honey-van-morrison

E vinte anos despois, Van Morrison volveu botar man desta melodía en "Why Must I Always Explain?", do álbum Hymns to the Silence; a continuación precedida precisamente de "Tupelo Honey": http://www.goear.com/listen/b39aa23/why-must-i-always-explain-van-morrison

Pero "Tupelo Honey" destaca entre as demais por inspirar un dos grandes temas do gran Bruce Springsteen: "Racing in the Street", cun título que fai referencia á canción de Martha and the Vandellas. Está no álbum de 1978 Darkness on the Edge of Town.


xoves, 17 de xaneiro de 2013

I Shot the Sheriff

Xamaica soubo situarse no mapa da música grazas a un xénero de seu como o reggae que nos anos 70 da man sobre todo de Chris Blackwell, o dono da discográfica Atlantic. A influencia deste son foi inmediato e aprecíase con claridade nas raíces de bandas europeas como The Police. O gran estandarte do reggae é Bob Marley, que xunto coa súa banda The Wailers, ademais de grandes cancións, exportou ó resto do mundo toda unha filosofía de vida como é o movemento rastafari. En 1973, baixo a produción de Blackwell, Bob Marley and The Wailers publicaron o seu cuarto álbum Burnin', un dos máis influentes na carreira dos xamaicanos, onde se atopa este sensacional "I Shot the Sheriff".


Unha boa mostra de que a música de Marley trascendeu pronto a barreira do éxotico para asimilarse co que se estaba a facer no resto do mundo é a versión que Eric Clapton fixo de "I Shot the Sheriff" tan só un ano    despois no álbum 461 Ocean Boulevard (1974), o segundo en solitario de Man Lenta.


Tamén existe unha versión de hip-hop a cargo de Warren G en 1997 no álbum Take a Look Over Your Shoulder.

mércores, 16 de xaneiro de 2013

Old Time Rock and Roll

A segunda metade da década de 1970 estivo dominada polos sonidos disco onde o instrumento rei de calquera produción era o sintetizador. Moi lonxe parecían quedar xa os tempos en que a guitarra eléctrica innovara o son da música en forma de rock and roll. Talvez debido a esa sensación de morriña, o rockeiro Bob Seger lembraba as orixes do rock no seu famoso "Old Time Rock and Roll", canción feita ó vello estilo dos clásicos que incluía no álbum Stranger in Town (1978), o décimo traballo discográfico do cantante de Michigan.


Das versións que se coñecen desta canción quedamos coa adaptación ó castelán que fixo Revólver para o seu Grandes Éxitos (2003), que se abre precisamente con "Ese Viejo Rock 'n' Roll".


martes, 15 de xaneiro de 2013

Confusion

Habería que esperar ata 1986 para que New Order publicase un LP pero a traxectoria do grupo nacido das cinzas de Joy Division remóntase a 1981 cando empezou a sacar singles que haberían de acadar facilmente o éxito como "Blue Monday" en 1983, o mesmo ano en que tamén publicaron "Confusion", un dos temas máis recoñecibles de New Order tras aparecer remesturada na banda sonora de "Blade", en 1998. Esta é a versión orixinal de 1983.


Convertida en referencia para a música dance, a versión remesturada de "Confusion" inspirou algúns temas de electrónica progresiva que fixeron furor nas discotecas. Por exemplo, o dos produtores alemáns Warp Bros e Aquagen titulado "Phat Bass" e o de Public Domain "Operation Blade". Tamén destaca a do DJ  neerlandés Randy Katana "Play it Louder". Tres exemplos ideais para torturar os oídos; mañá volvemos ó rock.