venres, 24 de abril de 2015

Dim All the Lights

Bad Girls (1979) é un dos discos favoritos dos fans de Donna Summer. Contén algunhas das cancións máis destacables na carreira da cantante e o traballo de produción de Giorgio Moroder e de Pete Bellotte é impecable. Nel conflúen distintos estilos no que predomina son disco, pero tamén hai sitio para o soul, o funk e mesmo o rock, estilos que Donna Summer dominaba á perfección, malia que ultimamente a súa memoria está restrinxida case por completo ás pistas de baile, onde demostrou que era a raíña. Nese álbum Summer incluíu a canción "Dim All the Lights", que en principio lla escribira para Rod Stewart, aínda que logo decidiu gravala ela mesma, e hai que dicir que foi un acerto, pois foi un dos singles máis exitosos de Bad Girls.


Malia que non hai moitas versións de "Dim All the Lights", a máis coñecida corresponde á de Laura Branigan no seu compilatorio de grandes éxitos The Best of Branigan (1995). Foi unha das dúas cancións inéditas que Branigan incluíu nese álbum, aínda que en realidade tampouco achega nada novo, xa que a versión orixinal é case insuperable.


Como moitas cancións de Donna Summer, "Dim All the Lights" tamén foi obxecto de "parche" para outras cancións. Neste caso, na de Justice "B.E.A.T.", que é unha especie de revisión do seu gran éxito "D.A.N.C.E" e que aparecía na cara B deste single, canción estrela Cross (2007) co que os franceses debutaron.


xoves, 23 de abril de 2015

What Comes Around

Pioneiros na mestura do rock co hip hop, dous estilos en apariencia incompatibles, Beastie Boys acabaron por liderar unha nova corrente musical que decontado habería de atopar seareiros dispostos a imitar o xeito de facer música deste grupo de Nova York. O produtor Rick Rubin, co que traballaron nos seus comezos, deulle forma ó proxecto e xa co segundo álbum, Paul's Boutique (1989), amosaron que os Bestie Boys eran unha banda de longo recorrido. Na canción "What Comes Around" rendénlle tributo ás influencias rockeiras que os inspiraron e para iso, empregan os retrincos de cancións dalgunhas das bandas máis coñecidas, como son Led Zeppelin e Alice Cooper, mentres que na letra menciónase algunha canción de The Ramones.


De Led Zeppelin escolleron un tema instrumental titulado "Moby Dick" que está recollido no álbum Led Zeppelin II (1969).


Outra das cancións que podemos atopar agochadas en "What Comes Around" é a de The Three Sounds xunto con Gene Harris, "Put on Train", pertencente ó álbum Live at It Club (1970).


Finalmente, o tema de Alice Cooper "It's Hot Tonight", que abre o álbum Lace and Whiskey (1977), é o terceiro que compón "What Comes Around".

mércores, 22 de abril de 2015

Cryin'

Aerosmith era xa unha banda senlleira cando irromperon os anos 90, pero con Get a Grip (1993) Steven Tyler e compaña volvían á plena actualidade pondo o rock en primeiro plano, nunha especie de segunda xuventude para o veterano grupo, que comezara a súa andaina uns vinte anos antes. Mantendo firmes os seus principios, Aerosmith fíxose cunha nova xeración de fans que descubriron a súa música coas quince cancións que compoñen o disco, especialmente cos sete singles extraídos, que dan unha idea da calidade das composicións. Unha delas é a balada rock "Cryin'", onde un desgarrador Tyler canta o que sería un dos himnos desa década.


Unha desas novas admiradoras que xurdiron ó abeiro de Get a Grip é a madrileña Belén Arjona, que no segundo álbum que publicou Infinito (2005) atrévese cunha versión en castelán de "Cryin'", á que titulou "Y lloré".

martes, 21 de abril de 2015

Sun (2)

Fíxósenos moi curta a anterior entrega dedicada ás cancións que conteñen no seu título a palabra "sol", así que evidentemente non podía pasar moito tempo sen unha segunda parte. Hai tantas e tan boas cancións sobre o sol! E iso que imos obviar as que xa pasaron por aquí coma a de A-ha, a de U2 e a de Coldplay. Así que non imos esperar máis e aquí van unhas seis máis.

Arrincamos cun tema de The Doors, "Waiting for the Sun", que aparece no álbum Morrison Hotel (1970). 


Cambiamos agora radicalmente de estilo e imos cunha balada do mestre Joaquín Sabina, "Peor para el sol" do álbum Física y Química (1992). Trátase dun tema melancólico, pero moi fermoso. Unha das grandes historias de Sabina.


Seguindo con outro gran cantautor español, non podemos esquecernos de Antonio Vega e "Océano de sol", que titulaba o álbum de 1994 do ex Nacha Pop.


E que dicir da canción de Weezer "Island in the Sun"? Aparece no álbum epónimo da banda publicado en 2001 e con el o grupo californiano fíxose coñecido en todo o mundo.


Volvemos a España, neste caso co debut en solitario de El Pescao que se producía en 2010 con Nada-Lógico e onde se incluía este "Buscando el sol".


E esta vez rematamos coa formidable canción de Biffy Clyro "Victory Over the Sun", un dos singles de Opposites (2013).

luns, 20 de abril de 2015

Bend and Break

Non parecía posible que nun mundo musical cada vez máis sofisticado a ausencia de guitarras en todo un álbum fose a triunfar e con todo, Keane presentouse en sociedade con só un piano e unha batería, e converteuse nunha das bandas revelación de 2004. Tom Chaplin, Tim Rice-Oxley e Richard Hughes souberon facer que unha carencia fose no fondo un engado no álbum co que se deron a coñecer, Hopes and Fears (2004). Lograron deste xeito crear un son orixinal moi fácil de identificar cunha banda que acababa de facer a súa aparición estelar, o que unido a unhas letras traballadas e a doce voz de Chaplin, garantían unha boa acollida por parte do público. "Bend and Break" foi un dos últimos singles que sacaron dese disco, pero tamén unha das cancións máis aclamadas.


Chicane remesturou "Bend and Break" en 2006 e acabou por elaborar unha nova canción coa base e o retrouso da de Keane. Titulouna "Wake Up".

venres, 17 de abril de 2015

You Only Twice

A banda sonora das películas de James Bond forma un dos capítulos máis destacados da historia da música contemporánea. John Barry, compositor e produtor das primeiras películas da serie, as que conseguiron que o axente 007 se convertese nun dos mito do cine comercial, dotou cada un dos temas dun son persoal que se fixo característico das historias do personaxe creado por Ian Fleming e que todos os que o relevaron tratan de manter para que a banda sonora se siga identificando con James Bond. Unha das creacións máis aplaudidas de Barry foi "You Only Live Twice" para a película do mesmo título de 1967. O tema central está interpretado por Nancy Sinatra.


Os acordes de "You Only Twice" son moi fáciles de identificar e inspiraron a outros artistas que os aproveitaron para os seus propios temas. O máis significativo é o de Robbie Williams, que homenaxeou a música de Barry con "Millennium", single de presentación de I've Been Expecting You (1998), aínda que máis ben case se pode dicir que é unha versión cunha letra diferente.


Co son algo máis disfrazado pero coa influencia inconfundible de Barry, Cee-Lo Green tamén recorre o son de James Bond en "Bright Light Bigger City", pertencente a The Lady Killer (2010).

xoves, 16 de abril de 2015

Torn

A historia da banda anxelina Ednaswap ten algo de mala sorte, pois pode dicirse que na súa ópera prima Ednaswap (1995) agochábase a esencia do éxito masivo, pero os seus membros nin sequera a chegaron a rozar, unicamente en forma de royalties. Iso lévanos a concluír que o azar é unha fada caprichosa que toca coa variña máxica a quen quere de forma aleatoria. Nese álbum de debut Ednaswap asinaba unha canción arquicoñecida para todos uns poucos anos despois, "Torn", pero no momento da súa publicación como single, pasou desapercibida para alomenos boa parte do mundo. Cando "Torn" se convertiu nun éxito mundial na versión de Natalie Imbruglia, Ednaswap estaba preparando o segundo disco cunha discográfica tan importante como Island, pola que acababa de fichar, e, aproveitando o tirón, volveu incluír "Turn" cunhas lixeiras variantes respecto á primeira versión, xunto con outros temas do primeiro disco no novo. Non serviu de nada, xa que iso non se viu reflectido no número de vendas.


A pesar de ser unha actriz consagrada en Australia, Natalie Imbruglia deu o salto á música co álbum Left of the Middle (1997). Nel Imbruglia mostraba que tamén era unha gran compositora, xa que participou na elaboración de tódalas cancións, agás en dúas. Unha delas era a única versión allea do álbum, "Torn", que ademais de ser o corte 1 do disco, tamén se escolleu como single de lanzamento. O éxito que acadou foi brutal e causoulle a Natalie Imbruglia unha depresión que retrasou varios anos a preparación do segundo disco.


Terro 3000 sen chegar a facer unha versión de "Turn", incluíu algunhas partes da de Natalie Imbruglia no seu tema "This Is How I Feel" (2008).

mércores, 15 de abril de 2015

Folk Singer

Na dilatada traxectoria de Johnny Cash atopamos cancións que nos contan todo tipo de historias variadas, desde as que falan de inxustizas ata aquelas máis románticas, pero nelas tamén aparecen personaxes coma a figura do cantautor, á que Cash lle canta en "Folk Singer", ou tamén coñecida simplemente como "The Singer" para distinguila dunha canción de Tom Roe. "Folk Singer" parece unha canción menor dentro do repertorio de Cash, case unha canción esquecida, xa que só se publicou como cara B de "Folsom Prison Blues" e non se incluíu despois en ningún dos discos que Johnny Cash editou. Con todo, foi unha canción que logo da súa publicación contou con algunhas versións doutros cantautores.


A versión que Nick Cave and the Bad Seeds fixo en 1986 co título de "The Singer" foi a que maior transcendencia tivo. Pertence ó álbum de versións Kicking Against the Pricks.