luns, 18 de maio de 2015

It Must Be Love

Na actualidade as cancións de Labi Siffre estarían no máis absoluto esquecemento de non ser polas veces que outros recorren  a elas, ora para versionalas, ora para samplealas. Na discografía deste músico inglés destaca especialmente o álbum Crying Laughing Loving Lying (1972) e en particular o single "It Must Be Love", que unha década máis tarde tería unha nova versión, esta vez por parte de Madness, que conseguiría eclipsar á de Labi Siffre, de tal forma que para moitos "It Must Be Love" é unha canción máis saída da pluma de Suggs e compaña. Así que hoxe imos reivindica-la versión orixinal de Labi Siffre, que no seu momento, chegou a acadar o top 20 das listas británicas.


A versión de Madness apareceu no primeiro compilatorio da banda, Complete Madness (1982), despois de tres discos e coa preparación do cuarto, que se publicaría uns meses máis tarde tralo compilatorio. "It Must Be Love", single de promoción para atraer os fans que xa posuían os álbums anteriores, acadou unha gran popularidade e ten aparecido en innumerables bandas sonoras no cine.

venres, 15 de maio de 2015

Won't Get Fooled Again

Das faíscas que quedaron do proxecto de ópera rock, Lifehouse, que The Who pretendía pór en marcha, saíu o álbum Who's Next (1971), que sen posuír a fastuosidade de Tommy, é un dos grandes discos da banda de Pete Townshend e Roger Daltrey, unha marabillosa transición ata Quadrophenia, o seguinte álbum e desta volta, si unha nova ópera rock á altura de Tommy. Who's Next estreábase con single "Won't Get Fooled Again", precisamente o tema que pecha o álbum e que estaba destinado a pórlle o punto final a Lifehouse


"Won't Get Fooled Again" non ten a popularidade de "Baba O'Riley", o segundo single de Who's Next, pero como a maioría das cancións de The Who goza dun gran recoñecemento entre outros artistas, que tamén a versionaron nalgunha ocasión. A máis coñecida é a de Labelle en clave soul no álbum Moon Shadow (1972). 


As novas xeracións de músicos tampouco se esquecen de The Who e da influencia que exerce. A canción de McFly "I'll Be OK", do álbum Wonderland (2005) ten un comezo que remite a "Won't Get Fooled Again".

xoves, 14 de maio de 2015

Good Golly, Miss Molly

Ninguén dubida de que unha das figuras do rock and roll máis carismáticas é Little Richard. Este músico é autor dalgunhas composicións memorables que contribuíron a facer do rock un dos xéneros musicais máis importantes do pasado século. Unha delas é "Good Golly, Miss Molly", que gravou en 1956, pero que non saíu publicada ata dous anos despois e que logo se incluiría no álbum epónimo do artista dese mesmo ano. Para entón, Little Richard era xa unha estrela consagrada, que asinara xa cancións coma "Tutti Frutti" e "Lucille", e a nova canción sumábase así a unha colección de clásicos que non deixaría de versionarse nos anos posteriores.


Unha das versións de "Good Golly, Miss Molly" é a doutro grande do rock and roll, que rivalizaba con Little Richard no manexo do piano, Jerry Lee Lewis. Editouna como single en 1962.


Tamén e moi destacable a versión de Creedence Clearwater Revival no álbum Bayou Country (1969) onde a banda dos irmáns Fogerty modificaron lixeiramente a letra nun dos versos.


Pero a transcendencia da música de Little Richard vai moito máis aló do público anglosaxón, e o músico mexicano Enrique Guzmán fixo unha versión adaptada ó castelán, co título "La plaga". Foi unha das primeiras versións que se fixeron de "Good Golly, Miss Molly", pois a súa publicación data de 1959.


Case trinta anos despois, a filla de Enrique, Alejandra Guzmán, incluía unha versión da do pai no seu debut Bye Mamá (1988).

mércores, 13 de maio de 2015

Itchycoo Park

Outra das grandes bandas británicas dos sesenta é Small Faces formada por Stevie Marriot, Ronnie Lane, Kenney Jones e Jimmy Winston. Small Faces é un dos grupos máis representativos do movemento mod e malia ós poucos anos que estivo en activo durante a súa primeira etapa  antes de que algúns dos seus membros formasen logo Faces, deixaron unha fonda pegada cos seis discos editados durante os anos 1966 e 1969. No cuarto álbum, publicado xa a finais de 1967, There Are But Four Small Faces, recóllese a canción "Itchycoo Park", editada como single uns meses antes e que acadou os primeiros postos das listas británicas. 


Na reedición do álbum de M People Bizarre Fruit (1994), que se publicou un ano despois, o grupo dance incluíu unha versión de "Itchycoo Park" en clave house, que hoxe é considerada por moitos como a mellor que se ten feito desta canción de Small Faces. Certo ou non, o caso é que é totalmente diferente.

martes, 12 de maio de 2015

The Man Who Sold the World

Desde que para Space Oddity (1969) David Bowie contou con Tony Visconti na produción con tan bo resultado, estableceuse un tándem entre eles imprescindible nos seguintes traballos discográficos de Bowie. Dese modo, The Man Who Sold the World (1970) continuaba a liña emprendida no álbum anterior, con Bowie na procura dunha identidade musical propia que apenas uns anos despois habería explotar como un dos paladíns do glam rock, xunto con Marc Bolan. Entre tanto, en The Man Who Sold the World amósanse algúns trazos aínda non de todo definidos da nova vertente de rock, xa que David Bowie introduce algúns elementos do emerxente heavy, a diferenza do álbum anterior que desenvolve un concepto máis clásico do rock. A canción que lle dá título ó terceiro disco, "The Man Who Sold the World", non saíu como single, pero non deixa de ser das máis versionadas da discografía do artista británico.


Unha das primeiras versión de "The Man Who Sold the World" débese a escocesa Lulu, que a editou como single en 1974.


Midge Ure, o líder de Ultravox, viste a súa versión co estilo new wave que caracterizou a súa banda. Pertence a banda sonora da película Party Party (1982).


Máis achegada á versión orixinal de Bowie que a pop de Lulu, Richard Barone gravou unha versión no álbum Cool Blue Halo (1987).


Outra versión importante é a de Nirvana no álbum MTV Unplugged, publicado en 1994.


Parecía difícil que habendo tan boas versións de "The Man Who Sold the World", unha banda veterana como Simple Minds decidise tamén facer unha e que lle quedase xenial, coma a que incluíron no álbum de versión Neon Lights (2001).

luns, 11 de maio de 2015

Leaving Me Now

Level 42 deixaron para o recordo dúas grandes cancións que aínda adoitan radiar as grandes radiofórmulas: "Lessons in Love" e "Running in the Family", as dúas pertencentes ó álbum co título da últma canción, que veu a luz en 1987 e se converteu no máis exitoso do grupo procedente da illa de Wright. No entanto, cando a fama alumbrou a Level 42 esta era xa unha banda rodada, con varios discos ás costas. O último previo á aparición do recoñecido Running in the Family foi World Machine (1985), que xa facía o sexto na discografía do grupo, pero xa marcaba as pautas que habería de acadar Running in the Family ó acadar os primeiros postos das listas británicas e das estadounidenses. "Leaving Me Now" foi o segundo single de World Machine.


Os británicos Strike reproduciron parte da melodía de "Leaving Me Now" na súa coñecida canción "I Have Peace", pertencente ó álbum I Saw the Future (1997).

venres, 8 de maio de 2015

Disco Inferno

A canción máis importante que The Trammps nos deixou foi sen ningún xénero de dúbida "Disco Inferno", incluído no álbum do mesmo título que se publicou en 1976. Ata aquel ano The Trammps, unha banda procedente de Filadelfia, cidade cunha gran tradición de grupos de soul, editaran tres discos con algúns singles salientables, pero ningún comparado coa canción que lle daba nome ó cuarto álbum. Boa parte do éxito acadouno logo de formar parte da banda sonora da película Saturday Night Fever, que consagrou a música disco como o estilo por excelencia da década dos setenta. 


Anos máis tarde Tina Turner gravaría unha versión de "Disco Inferno" no álbuml What's Love Go to Do with It (1993) que tamén sería a banda sonora dunha película biográfica sobre a cantante e que tamén levaría o nome do álbum.


En 1998 os británicos Baby Bumps fixeron unha revisión de "Disco Inferno" que titularon "Burning", máis baseada na versión de Tina Turner que na orixinal de The Trammps.

xoves, 7 de maio de 2015

I Only Have Eyes for You

Como xa comentamos moitas veces non sempre as cancións escritas especificamente para o cinema teñen moita máis relevancia, pero ese non é o caso de "I Only Have Eyes for You", escrita por Al Dubin e musicalizada por Harry Warren para a película de 1934 Dames. O caso é que é un dos temas máis versionados desde uns cantos anos despois da súa aparición nas pantallas e ese magnetismo aínda se mantén, xa que adoita aperecer de vez en cando con distintas versións en diferentes películas e capítulos de series. Unha das primeiras en versionala foi Billie Holiday no álbum Billie Holiday Sings (1952).


A de The Flamingos serviu para que esta banda de Chicago se presentase en sociedade e, de feito, aínda é na actualidade a versión máis coñecida de "I Only Have Eyes for You". Pertence ó seu primeiro album, Flamingo Serenade (1959).


Se a de Holiday está en clave jazz e a de The Flamingos é un bo exemplo de doo-wop, a maioría das versións son máis ben baladas pop cantadas por músicos da talla de Doris Day, Art Garfunkel, Ella Fitzgerald e Rod Stewart, entre outros. Talvez por iso sorprende un pouco que unha banda de rock como Mercury Rev fixese unha versión, aínda que respectando o ritmo clásico que a canción ten desde as primeiras versións. Gravárona na cara B do single "Goddess on a Hiway", single do álbum Deserter's Songs (1998).


Rahassan Patterson é o autor dunha das últimas versións e tamén das máis innovadoras que se fixeron de "I Only Have Eyes for You". É a canción que abre o último disco deste artista, Bleuphoria (2011).