mércores, 12 de agosto de 2015

Into the Lens

O décimo álbum de Yes, Drama (1980), conta coa produción de Trevorn Horn, que naquel momento estaba na cúspide do éxito co seu grupo The Buggles e a canción de moda "Video Killed the Radio Star". Xunto cos compoñentes da banda e a outra metade de The Buggles, Geoff Downes, tamén membro de Yes, prepararon as seis cancións que o compoñen. A canción principal é o corte  4 "Into the Lens", de oito minutos e medio de duración. Malia que estaba concebida cun son electrónica prevista para o seguinte traballo de The Buggles, ó cederlla a Yes, Horn e Downes probaron co rock progresivo que ata daquela moldeara á banda de Jon Anderson. Con todo, "Into the Lens" ten moito do son da new wave na versión de Yes.


E desde logo, The Buggles incluíu á súa propia versión no  álbum Adventures in Modern Recording (1981), o segundo do dúo,  co título "I Am a Camera" e con certas modificacións na letra.

martes, 11 de agosto de 2015

Let's Do It Again

Chicago foi berce de importantes grupos de soul que forneceron á cidade estadounidense cun son propio que competía co de Filadelfia. Un dos máis importantes foi The Staple Singers, cuxa carreira comezou editando singles soltos durante os sesenta para por fin, lanzar un álbum de longa duración con Stax, unha das discográficas máis importantes da música soul. En 1975 foron os encargados da banda sonora da película Let's Do It Again, composta case na súa totalidade por Curtis Mayfield. O que constitúe o quinto álbum de The Staple Singers foi o primeiro que publicaron con selo Curtom tras abandonar Stax. A canción principal, "Let's Do It Again" acadou o primeiro posto do Billboard.


George Benson proporcionounos unha das mellores versións que se fixeron de "Let's Do It Again". Un dos maiores divulgadores do jazz das últimas décadas do século pasado animouse a probar os aires do pop no álbum Twice the Love (1988) onde unha boa mostra é "Let's Do It Again".


Xscape sampleou "Let's Do It Again" na peza de R&B "Just Kickin' It", pertencente a Hummin' Commin' at 'Cha (1993).


O mesmo ca John Legend en "Number One", canción do seu disco Get Lifted (2004), que interpreta canda Kanye West.

luns, 10 de agosto de 2015

Take It Easy

En xuño de 1972 facía a súa aparición estelar o primeiro álbum dunha banda de rock chamada a escribir grandes cancións no período que estivesen activos. Falamos como non, de Eagles, o grupo anxelino formado por Don Henley, Glenn Frey, Bernie Leadon e Randy Meisner. O álbum epónimo co que debutaron está composto por dez cancións cuxo primeiro single, "Take It Easy", é un tema escrito por Frey e o cantautor Jackson Browne, quen a comezara coa idea de incluíla no que sería o seu primeiro álbum, pero dadas as dificultades para rematala, Frey, que era un bo amigo de Browne, botoulle unha man na composición e finalmente a canción acabou no álbum de Eagles, constituíndo así unha magnífica carta de presentación dunha banda que anos máis tarde asínaría "Hotel California", un clasicazo do rock.

https://youtu.be/LfeNhwnO8hw

"Take It Easy" conta cunha versión en castelán que La Tercera República gravou para o seu álbum de debut La Tercera República (2000) co título "Tú tranquilo".

https://youtu.be/5xOHK67iC_Y

venres, 7 de agosto de 2015

Sol (4)

Hoxe volvemos cun novo monográfico sobre o sol, pero desta volta vai estar dedicado só a temas en castelán. Igual que nas entregas anteriores, esperamos que esta selección de cancións sexa do voso agrado. Os seguintes temas son unha mostra de pop e rock das últimas décadas e comezamos coa canción de La Guardia, un grupo de Granada cuxo cuarto disco, Cuando brille el sol (1990), foi dos máis exitosos da súa carreira e a canción homónima, unha das que nunca falta nos seus concertos.


Dese mesmo ano, os mexicanos Maná incluían no seu segundo álbum Falta amor (1990) a canción "Rayando el sol".

https://youtu.be/yH7WrkOSFj4

O terceiro álbum de Mikel Erentxun, Acróbatas (1998), abríase coa canción "A pleno sol", segundo single que extraeu del.

https://youtu.be/5GhhmI0tvw8

A canción que lle daba título ó primeiro álbum de La Oreja de Van Gogh, Dile al sol (1998) foi un dos singles dos donostiarras.

https://youtu.be/Ce0mualv2Fk

A banda de Guille Milkyway, La Casa Azul, editou o seu primeiro disco de longa duración co título de Tan simple como el amor (2003). Nel está a canción "El sol no brillará nunca más".


O primeiro álbum en solitario de Loquillo, Balmoral (2008) estreábase co single "Sol".


Tamén en 2008 aparecía o esperado primeiro álbum de Vetusta Morla, Un día en el mundo (2008), con cancións coma "Rey Sol".

xoves, 6 de agosto de 2015

Keep on Running

Malia que a discografía de Jackie Edwards está algo esquecida, nela destaca o single que publicou en 1965 titulado "Keep on Running", un tema que se move entre o soul e o reggae, o xénero por excelencia de Xamaica, de onde era orixinario Edwards.O certo é que no momento da publicación, do mesmo modo que xa ocorrera con outros singles non levantou moita expectación, ó igual que o resto do álbum no que se incluía, Come on Home (1965). Isto non desanimou a Island, a discográfica inglesa especializada en dar a coñecer a música de Xamaica, a seguir apostando pola música de Jackie Edwards.


Chris Blackwell, o xefazo de Island, viulle un enorme potencial á canción de Jackie Edwards e ofreceulla a The Spencer Davis Group, quen a gravaría baixo a produción do propio Blackwell aquel mesmo ano de 1965. O éxito que Edwards non acadara ó interpretala el mesmo, conseguiuno The Spencer Davis Group aupándose no número un da lista inglesa. Foi tal a sona acadada, que moitos pensan que a de The Spencer Davis Group é a versión orixinal de "Keep on Running".


En España, esta canción tivo certo éxito coa adaptación ó castelán que fixeron Los Salvajes en 1966 co título "Corre Corre".

mércores, 5 de agosto de 2015

Poison Heart

Tan grandes coma nas súas orixes, The Ramones seguían ó pé do cañón nos anos noventa coa publicación de Mondo Bizarro (1992), o duodécimo traballo da banda e o primeiro sen o baixista Dee Dee Ramone, que abandonara a formación uns anos antes. No seu lugar entrou C. J. Ramone, que permanecería ata a disolución de The Ramones en 1996. Malia a súa ausencia, Dee Dee Ramone contribuíu ó novo álbum con tres cancións que os seus ex compañeiros gravaron. Unha delas é a que se elixiu como single de presentación, "Poison Heart", cun son algo máis diferente ó que The Ramones nos tiña acostumado. 


Os finlandeses HIM versionaron "Poison Heart" na cara B do single "Rip Out the Wings of a Butterfly" co que presentaron o álbum Dark Light (2005). Nin que dicir ten que o son desta canción de The Ramones adáptase perfectamente ó estilo da banda de Villie Valo, así que o resultado non podía defraudar ós fans de ámbalas bandas. 

martes, 4 de agosto de 2015

The Ghost of Tom Joad

O álbum número once na andaina de Bruce Springsteen, The Ghost of Tom Joad (1995), disco totalmente acústico do bardo de Nova Jersey, está inspirado no personaxe da novela de John Steinbeck The Grapes of Warth (" As uvas da ira"), publicada en 1939, e da súa adaptación ó cine por parte de John Ford. Co gallo dunha novela que fala das nefastas consecuencias da Gran Depresión do 29, Springsteen transmite ó longo de todo este álbum a súa visión de Estados Unidos e de México de mediados dos noventa. A canción central, "The Ghost of Tom Joad", é a primeira do disco e tamén foi o único single que se extraeu dun dos traballos máis aclamados pola crítica.


Springsteen tomou o contido de "The Ghost of Tom Joad", ademais, doutra canción inspirada en Tom Joad. Trátase do tema country "The Ballad of Tom Joad", de Woody Guthrie, e que aparece no álbum Dust Bowl Ballads (1940), sen caer no erro de reporducir a mesma melodía, pero co mesmo estilo, ó que emparenta ámbalas dúas cancións.


"The Ghost of Tom Joad" conta cunha versión en clave trash metal da man de Rage Against  the Machine en 1997 e que logo incluirían no álbum de versións Renegades (2000). Sen rastro da guitarra acústica e coa melodía distorsionada, a nova versión parece un tema completamente diferente do orixinal.


Bruce Springsteen e Tom Morello, guitarrista que foi de Rage Against the Machine, comparten unha boa amizade. The Boss invitou a Morello a participar no seu álbum, High Hopes (2014), onde aparece unha reedición de "The Ghost of Tom Joad", completamente electrizada, co virtuosismo de Morello á guitarra.

luns, 3 de agosto de 2015

Angel

O álbum de Aretha Franklin Hey Now Hey (The Other Side of the Sky) (1973) traía algunhas sorpresas, como a participación da propia Aretha na produción xunto co gran Quincy Jones, pero tamén o estreno da súa filla Carolyn Franklyn coma compositora dunha das cancións do álbum, que ademais foi a escollida como single de presentación, a fermosa balada "Angel", na que tamén colaborou canda Carolyn Sonny Sanders. Malia que o disco non acadou moi boas críticas no seu conxunto, "Angel" aínda conserva un bo recordo e a voz de Aretha Franklin segue soando fresca nesta canción pese os anos transcorridos desde a súa publicación.


Simply Red gravou unha das versións máis importantes que se fixeron de "Angel" no compilatorio de grandes éxitos Greatest Hits (1996). Para a ocasión, contaron coa participación de Fugees, que no momento da gravación estaban no punto álxido da súa carreira.