xoves, 11 de febreiro de 2016

Angi

Davy Graham é un dos máis reputados guitarristas acústicos que contribuíu a enriquecer o folk e o blues desde unha vertente puramente instrumental. Xa no EP co que debutaba, 3/4 AD (1962), Graham incluíu unha peza que lle habería valer o aplauso da comunidade folk e que co tempo converteuse na seu tema máis coñecido. Estamos a falar de "Angi", que namorou a varios cantautores que non tardaron en versionala. O talento de Davy Graham, reflectido especialmente en "Angi", influíu nos guitarristas contemporáneos e na crítica, que sempre estiveron pendentes da obra de Graham, malia a que non volveu asinar outro trallazo como este.


Simon and Garfunkel versionaron "Angi" en Sounds of Silence (1966), pero ademais nese mesmo álbum aproveitaron a melodía da canción de Davy Graham para compoñer os primeiros acordes da canción "Somewhere They Can't Find Me".


Unhas décadas despois, Chumbawamba tamén recorrería a "Angy" para compoñer a canción "Jacob's Ladder", tema do álbum Readymades (2002).

martes, 9 de febreiro de 2016

Lost in Emotion

Hai veces en que á hora de compoñer unha canción o autor toma máis dunha referencia que logo quedan reflectidas na nova composición. Menos habitual é que esas referencias se tomen dunha mesma fonte, ou dito doutro xeito, se busquen na obra do mesmo artista, pero tamén adoita acontecer. Lisa Lisa and Cult Jam foi un grupo que nos oitenta obtivo algún éxito cos novos ritmos urbanos e unha das cancións coa que triunfaron foi "Lost in Emotion", do seu segundo álbum Spanish Fly (1987), na que o recordo da música de Mary Wells envolve cada nota. De feito, tal como recoñeceron os creadores desta canción, "Lost in Emotion" bebe indirectamente de dúas cancións desta artista que comezou a súa carreira na Tamla Motown.

https://youtu.be/tjLS2KVXohc

As cancións de Mary Wells que propiciaron que "Lost in Emotion" se puidese transformar nun tema de Lisa Lisa and Cult Jam pertencen á mesma época, aínda que a discos diferentes. Unha delas é "You Beat Me to the Punch", do seu segundo álbum, The One Who Really Loves You (1962).

https://youtu.be/OCUXSdg6PCc

A outra está no seguinte álbum de Mary Wells, Two Lovers and Other Hits (1963) e é o tema "Two Lovers", que quizais garde máis similitude con "Lost in Emotion".

https://youtu.be/oa4MqpN-A2k

luns, 8 de febreiro de 2016

Sam Stone

Unha das características dos cantautores de folk é o compromiso social que adquiren as letras das súas cancións, na que reflicten realidades que non sempre se abordan desde unha perspectiva lírica. John Prine estreouse cun álbum epónimo en 1971 onde unha das principais cancións é "Sam Stone". Sen falar directamente da guerra de Vietnam como facían outros músicos, Prine céntrase nunha das consecuencias devastadoras deste conflito, o consumo de estupefacientes por parte dos soldados que volveron da guerra. Esta canción, unida a outras como "Paradise" e "Your Flag Decal Won't Get You Into Heaven Anymore", fixo que John Prine fose un cantautor moi respectado entre os demais músicos, entre eles Johnny Cash, Joan Baez e John Fogerty, e moitos deles versionaron as súas cancións.


Outro músico que tamén sente admiración por John Prine é Roger Waters, cuxa canción "The Post War", pertencente ó álbum de Pink Floyd The Final Cut (1983), garda algún parecido.

venres, 5 de febreiro de 2016

Automatic

The Pointer Sisters labraron a súa carreira ó abeiro da escena funk, soul e R&B dos setenta dende moi cedo. Por iso unha década máis tarde o grupo feminino era xa todo un veterano, e as súas cancións cada vez eran mellores. Coa publicación do décimo álbum, Break Out (1983), The Pointer Sisters acadou o seu máximo apoxeo, pois ademais de situarse moi ben nas listas de vendas anglosaxonas e estadounidenses, os distintos singles callaron lle proporcionou ó grupo que fose candidato a varios premios musicais importantes. O segundo single do álbum, "Automatic", é unha das principais cancións de The Pointer Sisters.


Esquecida durante máis dunha década, a canción "Automatic" tomou novos folgos hai varios anos con senllas versións de Ultra Naté e de Hot Leg nos seus respectivos estilos. A de Ultra Naté, pertencente ó álbum Grime, Silk and Thunder (2007), ó ser en clave electrónica non se diferencia gran cousa da orixinal, pero o toque persoal de Ultra Naté queda patente.


O supergrupo que o líder de The Darkness, Justin  Hawkins, montou, Hot Leg, tamén versionou "Automatic" no ano 2008, en clave rock.

xoves, 4 de febreiro de 2016

Rain (2)

Segunda entrega do monográfico dedicado ás cancións que levan no título a verba "choiva". Desta volta arrincamos coa famosa canción de George Hamilton IV "Early Morning Rain", pertencente ó álbum Steel Rail Blues (1966). Esta canción tivo un enorme éxito nas voces doutros artistas coma Bob Dylan, Judy Collins e Elvis Presley, entre outros moitos, o que lle acabou quitando protagonismo á versión orixinal de George Hamilton IV.

https://youtu.be/nP6W8wEC4KI

Albert Hammond deleitounos coa canción "It Never Rain in Southern California", que lle daba título ó album de 1972. Co tempo, volveuse unha das composicións máis recoñecidas deste artista.

https://youtu.be/-pyC7WnvLT4

Outra canción que fala por excelencia da choiva é a de Led Zeppelin "The Rain Song" no álbum Houses of Holy (1973).


Cambiando de terzo, o debut de Terence Trent D'Arby Introducing the Hardline according to Terence Trent D'Arby (1987) tamén contén unha canción titulada "Rain".

https://youtu.be/ro8ys2Px_8g

Os incombustibles Rolling Stones tamén lle compuxeron á choiva en "Rain Fall Down", canción dun dos últimos discos da banda, A Bigger Bang (2005).

https://youtu.be/2mHHq7zcim8

E por hoxe, non podiamos rematar sen outra gran canción sobre a choiva, a marabillosa "Singing in the Rain", que lle daba título ó musical de Gene Kelly. Se xa a canción roza a excelencia por si soa, a escena na que Kelly pasea baixo a choiva bailando co paraugas fica a imaxe da canción como unha das máis significativas, facendo que a molestia que supón a chuvia para andar polas rúas resulte ata agradable.

https://youtu.be/w40ushYAaYA

mércores, 3 de febreiro de 2016

Don't Stop the Music

Non adoita ser moi orixinal titular unha canción co título "Don't Stop the Music", (hai moreas delas e ata lle poderiamos dedicar un monográfico calquera día), pero o maior éxito de Yarbrough and Peoples chámase así e con esa canción deron comezo a súa andaina musical, que non sería moi longa, pois a mediados dos oitenta o dúo centrouse na produción e composición para outros artistas, deixando de lado a primeira liña da escena. O single "Don't Stop the Music", que se colocou nos primeiros postos das listas de vendas, decontado se fixo moi popular entre os ambientes de hip hop, que non tardaron en adoptala como súa, sampleándoa decote.


Unha desas cancións na que o "Don't Stop the Music" de Yarbrough and Peoples se agocha é a de TLC "Let's Do It Again", do famoso CrazySexyCool (1994).

martes, 2 de febreiro de 2016

You Don't Miss Your Water

O debut de William Bell no mundo da música soul non puido comezar con mellor pé. Certo que "You Don't Miss Your Water", o single co que seu a coñecer e que foi o principal valedor do álbum The Soul of a Bell (1961), non acadou unhas posicións moi altas nas listas de vendas, pero o encanto que agromaba das súas notas conquistou a músicos de distinta índole que a levaron ós seus respectivos terreos ó faceren novas versións. O primeiro foi o gran Otis Redding, colega de William Bell no selo Stax, quen no álbum Otis Blue (1965) se encargou de espallala ata aqueles lugares ós que a versión orixinal non chegara. A partir de aí, as versións que se fixeron de "You Don't Miss Your Water" foron constantes.

https://youtu.be/tcI5cheyff4

Trala versión de Otis Redding, a canción "You Don't Miss Your Water" saltou a outros eidos fóra do soul e adentrouse no rock da man de grupos como The Byrds, que a incluíron no álbum Sweetheart of the Rodeo (1968).

https://youtu.be/PjnYibBHMzk

Un grande do rock and roll coma Jerry Lee Lewis fixo unha versión en clave blues no álbum The Killer Rocks On (1972).

https://youtu.be/5nF52tbH2tM

A versión orixinal de William Bell deixou algún trazo de inspiración na canción de Bruce Hornsby and the Range "Mandolin Rain", pertencente ó álbum The Way It Is (1986).

luns, 1 de febreiro de 2016

Angelia

Nos oitenta  déronse a coñecer unha recua de solistas máis achegados ó rock que ó pop que triunfaron sobre todo coas baladas. Un dos músicos máis importantes desa época é Richard Marx, quen colleitou sona de rompecorazóns coas súas fermosas cancións, ás que as guitarras eléctricas lles daba unha forza que só as bandas de rock conseguían. No seu segundo álbum, Repeat Offender (1989), a balada "Right Here Waiting" abriulle tódalas portas que ata entón se lle resistían, pero a favorita deste músico e compositor é o corte 3 "Angelia", que tamén foi o terceiro single do álbum. O son desta canción recorda moito ó de Def Leppard, de tal xeito que mesmo parece unha canción propia da banda de Joe Elliott. 


E os rapaces de Def Leppard, que de parvos non teñen un pelo, devolvéronlle a xogada a Richard Marx no álbum que estaban preparando, Adrenalize (1992), ó reproducir uns acordes moi semellantes ós de "Angelia" na canción "Have You Ever Needed Someone so Bad".