venres, 31 de agosto de 2012

When Doves Cry

Albert Magnoli dirixiu en 1984 a película Purple Rain, un drama musical que tiña como protagonista o rock e do que él mesmo se encargou do guión xunto con William Blinn. O personaxe principal está encarnado por Prince, que tamén se compuxo a banda sonora, que suporía o sexto disco do músico de Minnesota. O álbum Purple Rain, editado baixo o nome de Prince and The Revolution é un dos máis aclamados, xa que contén auténticos himnos como a canción que lle dá título a película e "When Doves Cry", entre outras.


Das versións que se fixeron desta canción destaca de maneira significativa a de Patti Smith, que en 2002 a incluíu no seu disco recompilatorio Land (1975-2002).


"When Doves Cry" tamén foi sampleada moitas veces, sobre todo por rapeiros. Por iso sorprende que o cantante australiano Darren Hayes, ex componente de Savage Garden, incluíse o son da batería de "When Doves Cry" na súa canción "Darkness" nalgunha ocasión que a interpretaba en directo. O certo é que "Darkness", do álbum The Tension and the Spark (2004) ten un ritmo que se asemella ó tema de Prince.

xoves, 30 de agosto de 2012

Nightclubbing

Cando Iggy Pop decidiu deixar de lado a  súa banda  The Stooges para comezar unha carreira en solitario decidiu asociarse con David Bowie para crear un álbum de debut que o consagrase como un rockeiro de lenda. E foi así como en 1977 apareceu no mercado The Idiot, un título que homenaxeaba a novela de Dostoyevski. Unha das cancións máis destacadas é o corte 2 "Nightclubbing" cuxo son de batería ía ser moi  prezado por outros artistas.


Catro anos despois Grace Jones ía versionar esta canción no seu quinto álbum Nightclubbing e que aínda constitúe a mellor versión deste tema.


Mais como comentamos antes, a batería de "Nightclubbing" sampleouse nalgunhas ocasións. A última na canción de Oasis "Force of Nature" do álbum Heathen Chemistry (2002).


Pero se hai un artista que soubo integrar perfectamente esa batería a un dos seus temas ese é Trent Reznor. O líder de Nine Inch Nails empregouno na canción "Closer" do álbum de 1994 The Downward Spiral, segundo traballo de Nine Inch Nails.


"Closer" é un dos temas máis versionados de Nine Inch Nails. Mesmo foi sampleado algunha vez, dándolle unha volta de rosca. Os responsables son 30 Seconds to Mars. A banda de Jared Leto ten interpretado  en directo "The Fantasy", do seu segundo disco A Beautiful Lie (2005) empregando "Closer".

mércores, 29 de agosto de 2012

Apuesta por el Rock and Roll

A cidade de Zaragoza foi dende moitos anos berce de grupos e artistas que deixaron pegada no pop-rock español. Dende os internacionais Héroes del Silencio ata Amaral, sen esqucer a Los Especialistas, Niños del Brasil, El Niño Gusano e Tachenko, os diferentes estilos musicais entrelázanse na ribeira do Ebro. Unha das bandas de rock dos anos 80 máis populares de Aragón, aínda que non o suficientemente recoñecidos ata hai  uns anos foi Más Birras, formados en 1985 por Mauricio Aznar. Cunha traxectoria máis ben breve que rematou en 1993, a discografía de Más Birras componse de catro EPs, un álbum e un recompilatorio. Precisamente no seu primeiro EP co que debutaban Al Este del Moncayo (1987) atópase a súa canción máis coñecida "Apuesta por el Rock and Roll".


A reivindicación de Más Birras ía chegar por medio dos seus paisanos Héroes del Silencio en 1998 cando con motivo da súa disolución editaron Rarezas, un recompilatorio que se abría coa versión do tema de Más Birras. Enrique Bunbury aínda habería de acordarse de Más Birras no seu álbum en solitario El Viaje a Ninguna Parte (2004) ó gravar "Voces de Tango", outra canción dos seus veciños.

martes, 28 de agosto de 2012

You Shook Me All Night Long

A década de 1980 comezou para os australianos AC/DC con novo material discográfico. O décimo disco da banda de Malcolm Young e os irmáns Young Back in Black (1980) confirmaba que o heavy metal de AC/DC gozaba de moi boa saúde nunha época onde a música electrónica estaba facendo furor. Os riffs da maioría das cancións deste álbum son hoxe clásicos que se pode rastrexar en moitas cancións rock. O primeiro single "You Shook Me All Night Long" xa anunciaba que estabamos ante unha obra destinada a perdurar no tempo.


En novembro de 1985 Queen presentaba en sociedade o adianto do seu novo álbum A Kind of Magic que vería a luz en xuño de 1986. O single elixido que nos anticipaba o vixésimo traballo de Freddie Mercury, Roger Taylor, Brian May e John Deacon foi "One Vision", que parece estar empapado do melloriño de AC/DC. É coma se Brian May e Freddie Mercury se pasasen os meses de preparación de A Kind of Magic escoitando constantemente o Back in Black de AC/DC e iso repercutise en "One Vision". En calquera caso, "You Shook Me All Night Long" e "One Vision" son dous exemplos de boas cancións salpicadas de boas guitarras.

luns, 27 de agosto de 2012

Let the Four Winds Blow

Un dos míticos músicos que máis contribuiu en transformar o R&B no incipiente rock and roll dos anos 50 é Antoine Dominique Domino, máis coñecido como Fats Domino. O cantautor e pianista de Nova Orleáns, que hai anos podería retirarse a vivir de rendas, segue aínda en activo dando concertos facendo as delicias de todos os seus seguidores e mostrando unha vitalidade que xa a quixesen ter algúns artistas bastante máis novos ca el, e iso que o seu último single data de 1980. Hoxe imos quedar con "Let the Four Winds Blow", unha das súas cancións de 1961.


Como boa parte dos artistas da súa xeración, Fats Domino é toda unha referencia de indiscutible valor para os intérpretes que medraron escoitando os seus vinilos e para todos aqueles músicos que se inspiraron nas composicións de Fats Domino, Chuck Berry, Jerry Lee Lewis, Elvis Presley, etc. para darlle forma a súa música. Mark Everett, coñecido por todos como Mr E, e líder da banda Eels, emprega un sample de "Let the Four Winds Blow" en "Novocaine for the Soul" do álbum Beautiful Freak publicado en 1996.

venres, 24 de agosto de 2012

Numb

As expectativas que se crearon trala publicación de Achtung Baby (1991) foron altas para U2. Mais o que podería ser un contratempo para unha banda novel non supuxo outra cousa que un reto de fácil superación para Bono e compañía. Así que en 1993, tanto público coma crítica aplaudiron a publicación de Zooropa, oitavo álbum dos irlandeses que se presentaba cunha sorpresa. O single elexido para a promoción foi o corte 3 "Numb" onde The Edge se puña á fronte do micrófono principal. 


Moi parecido é o tema co que os australianos Savage Garden se deron a coñecer en medio mundo, "I Want You", do álbum epónimo publicado en 1996.

http://www.goear.com/listen/19dd06e/i-want-you-savage-garden

Moito está dando que falar o novo single que acaba de presentar Muse como adianto do seu novo traballo discográfico The 2nd Law que con toda seguridade sairá ó mercado o vindeiro mes de outubro. "Madness" é a segunda canción que se coñece deste novo disco tras "Survival", a canción oficial dos Xogos Olímpicos que se celebraron en Londres, e dende que a deron a coñecer todo o mundo empezou a comparala con outras cancións buscando posibles influencias e semellanzas, xa que todos parecen coincidir en que ten un aire demasiado "oitenteiro". Para algúns parécese "I Want to Be Free" de Queen, e é innegable que a canción débelle moito á banda do inesquecible Freddie Mercury; xa só a guitarra que se escoita cara ó final do tema parece propia de Brian May. Para outros, lembra moito tamén ós primeiros tempos da carreira de George Michael en solitario e apuntan directamente a "Faith". Na nosa humilde opinión, estamos de acordo con todas estas análises, pero se nos temos que decantar cunha das influencias máis claras é a de U2; o son en xeral ten tamén moito de Zooropa, en concreto de "Numb"; case se podería dicir que Matt Bellamy mesturou con mestría todas esas influencias en "Madness" e mesmo se sinala que a canción está máis próxima a "Undisclosed Desires", de The Resistance (2009) ca a calquera outra canción de Muse. En calquera caso, estamos de novo ante unha enorme canción dos de Devon, xa só falta que deseñen definitivamente o seu propio estilo para que non se volva confundir cos dos demáis artistas.

xoves, 23 de agosto de 2012

Just What I Needed

En 1978 facía o seu debut en Estados Unidos unha banda de rock procedente de Boston que se ían converter en toda unha referencia da New Wave, o novo movemento que sacudiu os anos finais da década dos 70 e se asentaría nos 80. The Cars estaba formado por Ric Ocasek, Benjamin Orr, Elliot Easton, Greg Hawkes e David Robinson e o seu primeiro disco The Cars contou con dous singles fantásticos, o primeiro "Just What I Needed" reservoulles un oco na órbita a The Cars.


O segundo deles, "My Best Friend's Girl", mantense na liña do anterior. É outra gran canción que confirmaba o bo facer de Ric Ocasek, que tamén asinaba "Just What I Needed". A introdución é tamén moi semellante ó primeiro single: http://www.goear.com/listen/2628c80/the-cars-my-best-friends-girl-

Se hai unha banda que conservou a esencia de The Cars nas décadas posteriores é Fountains of Wayne. O grupo de Chris Collingwood non só bebeu das fontes da New Wave senón que souberon revitalizar o power pop, do que son unha das suás principais bandas. "Stacy's Mom", do terceiro traballo discográfico dos neoiorquinos Welcome Interstate Managers (2003) é unha homenaxe ós dous primeiros singles de The Cars. De "Just I What I Needed" recolle algún que outro sample, mentres que co segundo "My Best Friend's Girl" comparte a liña temática na letra e támén e moito máis próxima no estilo.

mércores, 22 de agosto de 2012

Tomorrow Never Knows

Revolver, o sétimo álbum de estudio de The Beatles e que xa anticipaba o son que ían desenvolver en Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band, péchabase con "Tomorrow Never Knows", un dos temas máis psicodélicos da banda de Liverpool que leva a firma do tándem Lennon-McCartney. En1966, ano de publicación de senllos discos, The Beatles fixeron unha aposta clara por dotar á música psicodélica dun lugar prominente no rock como ben reflicte  "Tomorrow Never Knows".


Unha das homenaxes máis destacadas que recibiu esta canción débese o dúo de Manchester The Chemical Brothers formado por Tom Rowlands e Ed Simons. No seu segundo álbum Dig Your Own Hole (1996) incluíron "Setting Sun" cuxa estrutura é moi semellante a "Tomorrow Never Knows". Para esta canción The Chemical Brother contaron coa colaboración doutro ilustre veciño de Manchester, Noel Gallagher, e tamén fan declarado dos catro de Liverpool.