martes, 6 de novembro de 2012

Hard to Handle

O soul viviu unha época de esplendor durante a década dos 60 e unha das voces privilexiadas que ensalzou este estilo orixinario dos Estados Unidos foi Otis Redding. O malogrado cantante nacido en Dawson, no estado de Xeorxia, converteuse nunha lenda grazas a cancións como "Hard to Handle", un éxito póstumo publicado no verán de 1968, seis meses despois de que Redding perdese a vida; unha nova traxedia para o soul que se sumaba á perda de Sam Cooke uns anos antes.


Das numerosísimas versións de "Hard to Handle", os críticos musicais destacan a que fixo The Black Crowes no álbum Shake Your Money Maker (1990), o álbum de debut da banda dos irmáns Robinson, que acertan de cheo ó imprimirlle a "Hard to Handle" un toque rockeiro sen renunciar ó aire blues que emana a versión orixinal.

venres, 2 de novembro de 2012

One Step Ahead

A raíña indiscutible do soul, a gran Aretha Franklin comezou a forxar a súa lenda dende mediados dos anos 50 e nunca deixou de figuar o seu nome nas listas de vendas. Saber rodearse dos compositores adecuados, así como a carismática personalidade de Aretha formou unha combinación que elevou o soul a cotas que en principio parecian vetadas para un estilo clásico fronte o fenómeno rock que viviu a música na segunda metade do século XX. "One Step Ahead", unha das grandes baladas de Aretha Franklin publicouse en 1965.


O retrouso de "One Step Ahead" sampleouno o rapeiro Mos Def para crear un dos mellores temas de hip-hop dos noventa "Ms Fat Boody" do álbum Black on Both Sides (1999). 

mércores, 31 de outubro de 2012

Synthetic Substitution

Un dos artistas que se habería de converter nun dos grandes referentes do hip-hop foi Melvin Bliss. En 1973 este cantante habería de coñecer a fama grazas ó tema "Synthetic Substitution", todo un bombazo nun momento en que a música se estaba transformando nun amplo abano de diferentes estilos. "Synthetic Substitution" caracterízase sobre todo polo ritmo que lle imprime a batería e que se convertería no reclamo para que esta canción non caíse no esquecemento.


Aclamada como unha canción imprescindible para os artistas de hip-hop especialmente polo son da batería, "Synthetic Substitution" foi sampleada un sinfín de veces, pero nós imos quedar cunha das poucas cancións electrónicas que se serviron desa batería. Trátase de "Extreme Ways", a canción de Moby que aparece no seu disco 18 (2002) e tamén na banda sonora de "The Bourne Ultimation", a última película da triloxía protagonizada por Matt Damon.

martes, 30 de outubro de 2012

Everybody's Talkin'

Posiblemente Fred Neil non é dos cantautores estadounidenses dos anos 60 máis recordados pola súa traxectoria. Non obstante, Neil  compuxo unha das grandes cancións do século XX, "Everybody's Talkin'", do seu degundo álbum Fred Neil (1966). Malia que moitos ignoran que gravou a versión orixinal, a sona que colleu posteriormente este tema na voz de Harry Nilsson fixo que alomenos o nome de Fred Neil non caíse no esquecemento máis absoluto.


En 1968 outro autor estadounidense, Harry Nilsson gravou unha nova versión de "Everybody's Talkin'" para o seu terceiro disco Aerial Ballet, que con toda probabilidade non colleitaría o éxito masivo que tivo se non fose por que foi seleccionada como banda sonora da película "Midnight Cowboy", de xeito que hoxe moita xente para referirse a esta canción fala da banda sonora de "Cowboy de Medianoite".


Dende entón, as versións sucedéronse constantemente, como por exemplo a dos australianos Crowded House, xa que este é un dos tema favoritos de Neil Finn.


Tamén se empregou como sample nalgunha canción. Unha delas é a do produtor Paul Oakenfold que en 2002 aproveitou a melodía de "Everybody's Talkin'" para o seu tema "Starry Eyed Surprise", do álbum Bunkka.


Tampouco desmerece nada a canción de The Go! Team "Everyone's a V.I.P. to Someone"  do disco Thunder, Lightning, Strike (2004), un fermoso tema instrumental.

luns, 29 de outubro de 2012

Naïve

Luke Pritchard compuxo "Naïve" con só dezaseis anos e está considerada sen dúbida ningunha como unha das mellores cancións de The Kooks, a banda que Pritchard formou xunto con Hugh Harris e Paul Garred en 2004. Dous anos despois, sacaban ó mercado o seu álbum de debut Inside In, Inside Out que converteu á banda de Brighton como unha das revelacións de 2006. Malia que "Naïve" é a canción estrela, foi o cuarto single extraído do disco, sen dúbida, para acabar conquistando a moita xente que aínda non se rendera ó encanto de The Kooks.


Hai dúas versións interesantes de "Naïve"; a primeira, a que interpretou Lily Allen nun programa de televisión  en clave acústica.


A segunda, a de Mutya Buena, ex componente de Sugababes, que a gravou para a cara B do seu single "Real Girl" en 2007, tamén en acústico. En calquera caso, nós quedámonos coa versión orixinal, difícil de superar.

venres, 26 de outubro de 2012

Elixir de Juventud

En 1994 Antonio Vega publicou un dos seus mellores discos Océano de Sol cuxo single de presentación "Elixir de Juventud" é unha das baladas máis fermosas compostas polo ex líder de Nacha Pop.

http://www.goear.com/listen/c3d18de/elixir-de-juventud-antonio-vega

Shuarma realizou unha versión deste tema nunha homenaxe ó malogrado cantautor El Alpinista de los Sueños 2010, que reunía as mellores voces do panorama musical en España.

http://www.goear.com/listen/ac04264/elixir-de-juventud-shuarma

xoves, 25 de outubro de 2012

Fantastic Voyage

Se algo sempre caracterizou a David Bowie é que cada disco que sacaba ó mercado intentaba ser aínda máis innovador e experimental ca o anterior. Con Lodger, publicado en 1979 Bowie demostrou que seguía estando na vangarda da música para ledicia dos seus seguidores. Axudado na produción polo gran Tony Visconti, Lodger tiña como peculiaridade o complemento que ofrecían dous dos seus temas. "Fantastic Voyage", a canción que abre o disco ten a mesma estrutura co corte oito "Boys Keep Swinging", que foi o elixido como single promocional e levaba "Fantastic Voyage" na cara B. Esta curiosidade fai que practicamente un tema sexa a continuación do outro, algo así como a mesma canción con dúas caras. Comezamos con "Fantastic Voyage", malia que a orde de factores non altera o resultado.



E baseándose nestas dúas gran cancións de Bowie, especialmente "Boys Keep Swinging", a banda de Damon Albarn, Blur, réndelle unha sentida homenaxe ó duque branco no quinto disco dos londinenses Blur  (1997). "M.O.R." recorre á mesma estrutura como se intentase eternizar a melodía emprendida por Bowie.



mércores, 24 de outubro de 2012

Sympathy for the Devil

Os Rolling Stones anuncian nova xira con motivo da celebración dos seus cincuenta anos nos escenarios, case nada para a banda máis lonxeva do rock. A enerxía que emana de Mick Jagger, Keith Richards, Ronnie Wood e Charlie Watts con case setenta anos de idade fai sospeitar a moitos que existe un suposto pacto co demo e que o alcume con que algúns os presentan, as súas satánicas maxestades, como o álbum de 1967, está máis que xustificado. Se houbo quen pensou daquela que as referencias ó diaño só ían quedar  no álbum Their Satanic Majesties Request pronto tivo que admitir o seu erro. Un ano despois en 1968, os Stones publicaron Beggars Banquet, que se abría co suxestivo tema "Sympathy for the Devil", un dos grandes temas de Jagger e Richards, na que se menciona unha manchea de sucesos que estaban de actualidade naquel momento, o máis rechamante, o da morte de Kennedy, acontecido tan só uns poucos días antes da gravación da canción.


Das múltiples versións desta canción destaca a que fixeron de Guns N' Roses en 1994 para a banda sonora de Interview with the Vampire, protagonizada por Brad Pitt, Tom Cruise e Antonio Banderas.


A canción de Primal Scream "Loaded", do álbum Screamadelica (1990) semella inspirarse en "Sympathy for the Devil", xa que o seu son é moi semellante.

http://www.goear.com/listen/2072705/loaded-primal-scream

Hai unha excelente versión en clave de jazz latino da man de Horacio Hernández "El Negro" e que canta Rubén Blades, de 2005, que non ten o menor desperdicio.

http://youtu.be/In08UP4937Y