martes, 9 de setembro de 2014

Peggy Sue

Nos albores do rock and roll, cando o seu son comezaba a conquistar as ondas radiofónicas da frecuencia modulada, un mozo con pinta de intelectual procedente de Texas, ía revolucionar aqueles primitivos sons armado tan só cunha guitarra. Respondía ó nome de Buddy Holly e comezou montando unha banda, The Crickets, co que gravou un álbum en 1957, pero o seguinte disco, editado un ano despois, xa ía asinada só co nome do músico, que en tan pouco tempo, demostrou ter unha personalidade e un talento que irradiaba en cada concerto que daba. En 1958 aínda lle deu tempo a publicar un novo traballo discográfico e sempre nos quedará por saber do que sería capaz de amosarnos Buddy Hoddy se non fose por que un fatídico tres de febreiro de 1959 a avioneta na que viaxaba xunto con outros músicos coma The Big Bopper e Ritchie Valens se estrelou levando por diante as súas vidas, un día que anos despois Don McLean bautizaría como "o día en que a música morreu" na canción "American Pie". "Peggy Sue", canción do álbum Buddy Holly (1958) é das máis importantes da truncada discografía de Buddy Holly.


O éxito de "Peggy Sue" foi tal no seu momento que Buddy Holly escribiu unha especie de secuela titulada "Peggy Sue Got Married", que continuaba coa historia de Peggy Sue. A edición como single de "Peggy Sue Got Married" editouse en 1959, meses despois do pasamento de Buddy Holly.


Pero "Peggy Sue" foi a que realmente arrasou e da que é moi sinxelo tararear cando se pensa no malogrado Buddy Holly. A influencia do estilo de "Peggy Sue" pode atoparse en temas coma o de Tommy Roe "Sheila", single editado en 1962 que ten unha liña melódica moi parecida a "Peggy Sue".

luns, 8 de setembro de 2014

Show Biz Kids

Practicamente esquecidos na actualidade, Steely Dan foi unha das bandas máis representativas dos anos 70 e malia a que nunca conseguiron unha gran canción, desas que perviven na memoria durante moito tempo, resulta difícil non evocar a esta banda estadounidense formada por Donald Fagen e Walter Becker cando se pensa nesa época musical. Lonxe do que nun primeiro momento se poida chegar a crer tras ver como os anos trataron a música de Steely Dan, este grupo non se caracterizou por ter traballos anodinos, senón que a súa proposta resultaba interesante, pois en vez de conformarse con facer un pop que engaiolase ás masas, procuraban fusionar o rock co jazz e co funk. Con todo, iso non foi suficiente para que o nome de Steely Dan chegase ós nosos días sen acusar o desgaste. En 1973 publicaron o segundo disco, Countdown to Ecstasy, no cal aparece unha das cancións máis famosas de toda a carreira de Steely Dan, "Show Biz Kids".


"Show Biz Kids" ten un ritmo e unha melodía moi marcada, sobre todo no retrouso, e iso aproveitouno Super Furry Animals na canción "The Man Don't Give a Fuck", single que a banda galesa editou no nadal de 1996.

venres, 5 de setembro de 2014

Famous Blue Raincoat

A sensibilidade e o lirismo das letra e da música de Leonard Cohen están presentes desde os seus primeiros traballos discográficos. Con cada álbum que o canadense ía sacando á luz aumentaba o seu prestixio e non tardou en converterse nun dos grandes referentes do folk máis intimista. En 1971 aparecía o seu terceiro disco Songs of Love and Hate con oito cancións, algunha das cales son das máis versionadas da discografía de Cohen. É o caso de "Famous Blue Raincoat", que ademais das numerosas versións que se fan cada ano, é un dos temas máis influentes.


No que respecta á melodía, "Famous Blue Raincoat" deixou rastros nas composicións doutros autores inclinados por estilos máis comerciais có folk. Na melosa canción de Albert Hammond "When I Need You" parece reproducirse por momentos a liña melódica da canción de Cohen. "When I Need You" pertence ó álbum de Hammond do mesmo título editado en 1976, pero acadou renome na voz de Leo Sayer un ano despois ó colocala nas primeiras posicións das listas.


E algo parecido ó que lle ocorreu a Albert Hammond pasoulle a Elton John co tema "Little Jeannie", de 21 at 33 (1980), aínda que esta vez as semellanzas parecen estar máis emparentadas con "When I Need You" que con "Famous Blue Raincoat". Por se fose pouco, esta canción de Elton John tamén recorda a unha anterior do propio artista.


Sen dúbida, é inevitable escoitar "Little Jeannie" sen acordarse de "Daniel", o éxito de Elton John que aparece en Don't Shoot Me I'm Only the Piano Player (1973).

xoves, 4 de setembro de 2014

In the Sun

Á parte de fundar Genesis e de ser un dos artistas máis prestixiosos das últimas décadas, Peter Gabriel tamén se caraceriza por descubrir novos talentos ó longo e ancho do planeta. Lembremos que co seu apoio  a música de Youssou N'Dour chegou a todas partes, no que supuxo o descubrimento máis celebrado ó que nos acostumou este veterano artista. Pero na carteira de artistas nos que se fixou o ex líder de Genesis tamén está Joseph Arthur, un cantautor de Ohio, que debutou en 1997 na discográfica que montou Peter Gabriel con Big City Secrets e no que ademais de Gabriel, tamén participou Brian Eno. Non obstante, nese álbum Joseph Arthur non incluíu unha canción que daquela adoitaba tocar nos concertos, pero que no seguinte álbum, Come to Where I'm From (2000), xa aparecía como un dos temas estrelas. Trátase de "In the Sun", segundo single extraído, e sen dúbida, unha das cancións favoritas do seu valedor.


Quizais poida resultar estraño a ausencia de "In the Sun" no debut de Joseph Arthur, porque o certo é que nese ano de 1997 Arthur cedeulla a Peter Gabriel para que a gravase no disco de homenaxe a Lady Di Diana, Princess of Wales: Tribute. Posiblemente ó escoitar á versión de Peter Gabriel, Joseph Arthur decidiu incluír a súa propia versión no seguinte álbum.


Michael Stipe tamén escolleu "In the Sun" para incluíla nun EP que publicou á marxe de REM en 2006 e no que colaboraban outros artistas amigos de Stipe. A versión de "In the Sun" conta coa participación de Chris Martin.


E cunha liña melódica máis en consonancia coas dúas primeiras versións que se gravaron de "In the Sun", a canción de Starsailor "Tell Me It's Not Over" anunciaba o lanzamento do cuarto disco da banda inglesa, All the Plans (2009).

mércores, 3 de setembro de 2014

Tonight, Tonight

Mellon Collie and the Infinite Sadness (1995) consagrou definitivamente a The Smashing Pumpkins como unha das mellores bandas de rock dos 90. O rock que impregna a súas cancións emparéntase co grunge que se estaba a desenvolver na época, xa que cada acorde reflicte a mesma actitude que volvera situar o rock americano en primeira liña. Pero este terceiro disco do grupo liderado por Billy Corgan é moito máis variado do que se poida pensar nun primeiro momento. Entre as excelentes cancións que o compoñen hai unha que sobresae, non só pola súa beleza senón tamén debido á instrumentación, sorprendentemente distinta ás demais cancións, pois nela participa a orquestra sinfónica de Chicago, que lle dá un toque clásico e solemne que non se atopa no resto do álbum. "Tonight, Tonight" escolleuse como terceiro single e o videoclip é unha homenaxe ós comezos do cine.


 En 2010 Passion Pit fixo unha estupenda versión de "Tonight, Tonight" en clave electropop, que ata se pode cualificar de elegante. Está recollida en Pioneer Sessions 2010 Revival Recordings.

martes, 2 de setembro de 2014

Love, Need and Want You

Tras deixar atrás o grupo vocal feminino co que seu a coñecer e despois de gravar un dos temas máis exitosos que se lembran como "Lady Marmalade", Patti LaBelle non deixou de lado a súa carreira, malia que era difícil repetir un éxito como aquel. Con todo, nos discos posteriores aparecen algunhas cancións tamén bastantes populares, que alomenos algúns artistas se negan a esquecer. Co sexto disco, I'm in Love Again (1983), Patti Labelle volveu a situarse nos primeiros postos das listas de vendas por primeira vez desde que comezara a editar discos en solitario. Parte do mérito débese a cancións edulcoradas coma "Love, Need and Want You", que a devolveu ó primeiro plano musical sen necesidade de facer un remedo do popular "Lady Marmalade",


A partir do ano 2000, "Love, Need and Want You" volveu pórse de actualidade debido a que moitos artistas a empregaron de base para novas cancións. A máis popular foi "Dilemma", do rapeiro Nelly e a ex compoñente de Destiny's Child Kelly Rowland. A canción apareceu nos respectivos discos destes artistas, Nellyville, de Nelly e Simply Deep, de Rowland, ámbolos dous publicados en 2002.


Tamén OutKast utilizou algúns elementos dos tema de Patti LaBelle en "Ghettomusick", tema pertencente a Speakerboxxx/The Love Below (2004).


Cun espíritu algo máis fiel a "Love, Need and Want You", Lloyd incluíu no álbum King of Hearts (2011) "Lay It Down", que recrea moi ben o tema de Patti LaBelle.

luns, 1 de setembro de 2014

Remembering Jenny

Non é habitual que a música creada expresamente para unha película ou para unha serie de televisión teña unha gran transcendencia, non digamos cando nin sequera se trata do tema principal. No caso das series é aínda máis raro que calquera se fixe na música pertencente a un só capítulo. Non obstante, esta circunstancia tense producido algunha vez, como ben sabe Chris Beck, un músico especializado en compór bandas sonoras para cine e televisión. No currículum de Beck destaca o seu traballo en Buffy, the Vampire Slayer (Buffy Cazavampiros), unha serie que a pesar de estar destinada ó público adolescente, non cae nos tópicos que abondan neste tipo de produtos. De feito, esta serie de Joss Whedon ten unha factura impecable a tódolos niveis e desde logo, a banda sonora non é unha excepción. Para un dos capítulos da segunda tempada, o titulado "Passion", un dos máis emotivos, Chris Beck compuxo o tema instrumental "Remembering Jenny", sobre o personaxe no que se centra o episodio.


No novo álbum de Ed Sheeran, X (2014), atópase unha fermosa canción, "Afire Love", cun son que remite ó de Chris Beck en "Remembering Jenny". Ben é verdade que a peza de Beck ten un ritmo máis lento, pero en "Afire Love" é doado identificar os elementos que están sacados de "Remembering Jenny".

venres, 29 de agosto de 2014

There Goes My Baby

O doo-wop que envolveu a Estados Unidos durante a década dos 50 está representado sobre todo por unha formación vocal masculina, que en ningún momento acusou o constante cambio de membros durante a súa traxectoria. Por iso a música de The Drifters non se asocia especificamente con ningún dos músicos que pasaron polo grupo, cando formaron parte del persoas do prestixio de Ben E. King, que compuxo para The Drifters algunha das súas cancións máis recordadas. En colaboración con Jerry Leiber, Mike Stoller, Lover Patterson e George Treadwell, Ben E. King escribiu "There Goes My Baby", tema co que King debutou en The Drifters coma o cantante principal. O single editouse en 1959.


Coma daquela o estilo de The Drifters servía de referencia para tódolos músicos e produtores de R&B, a influencia destes era enorme. Dous anos despois da edición do single de The Drifters, The Shirelles editaban "Tonight's the Night", tema que lle ía dar nome ó álbum que esta formación feminina publicou en 1961. Está escrito por Shirley Owens, a líder de The Shirelles, e o produtor Luther Dixon, e na canción pode observarse certa similitude coa de The Drifters.


Pero volvamos á canción de The Drifters; esta tivo unha versión moi boa na voz de Donna Summer, que incluíu en Cats without Claws (1984).