xoves, 7 de xaneiro de 2016

Arrival

Malia que o cuarto álbum de ABBA  Arrival (1976) contén algunhas das cancións máis memorables do grupo sueco, a canción que lle dá título é unha composición instrumental, algo non mi frecuente no repertorio de ABBA e polo tanto, case máis ben unha das cancións máis facilmente esquecibles destes suecos. E non obstante, "Arrival", sen ser nada doutro mundo, é das cancións de ABBA máis versionadas. O motivo, desde logo, haino que buscar no seu carácter instrumental, algo sempre moi valorado á hora de facer versións, pois as posibilidades de "moldear" a canción orixinal son moi amplas, aínda que moitas veces, como lle sucede a "Arrival", non sempre se aproveitan moi ben.


Mike Oldfield realizou unha versión  de "Arrival", xa que a versión orixinal ten un aire folk que se adapta ben ó estilo deste músico. O novo "Arrival" inclúese no álbum QE2 (1980).


Pero como moitos temas instrumentais, algúns artistas sentiron a tentación de escribirlles unha letra para poder cantalos. No caso de "Arrival" apareceron dúas versións en francés con distinta letra o mesmo ano, en 1977. Unha delas é a de Michèle Torr titulada "J'aime".


A outra é a de Petula Clark co título "La Vallée", que, como a de Michèle Torr, carece de calquera tipo de innovación e ofrécenos unha balada moi do gusto da época.


Máis rompedora é a canión de Scooter "Roll Baby Roll", pertencente ó álbum The Stadium Techno Experience (2003), que coas bases de "Arrival" conforma un tema techno na liña do estilo deste grupo alemán.

martes, 5 de xaneiro de 2016

Respect

Acompañado da banda de Steve Cropper, Booker T. & the M.G's e coa produción de Isaac Hayes, entre outros, Otis Redding presentaba Otis Blue/Otis Redding Sings Soul (1965), o seu aclamado terceiro traballo, onde xunto con versións de grandes músicos do soul, Redding firmaba varios temas propios, que axiña se converteron en clásicos como os que el mesmo interpretaba nese álbum doutros artistas. Unha desas cancións é "Respect", que logo moitos colectivos o adoptarían como un himno para as súas reivindicacións, sobre todo, trala versión de Aretha Franklin, quen popularizou se cabe aínda máis a composición de Otis Redding.


E é que a raíña do soul realizou unha versión formidable da canción de Otis Redding no álbum I Need Loved a Man the Way I Love You (1967). A versión de "Respect", ademais de ser a canción coa que se abre o disco, foi o primeiro single, disparando a sona de Aretha Franklin como unha das mellores voces femininas do soul.


Sempre se dixo que os  Beatles, grandes admiradores dos músicos de soul americanos, se inspiraron moitas veces nas súas cancións para compoñer algúns dos seus éxitos. Os primeirísimos acordes de "Drive My Car", unha das cancións de Rubber Soul (1965), remiten claramente a "Respect", aínda que logo o resto da canción non teña nada que ver nin na forma nin no fondo co clásico de Otis Redding.



luns, 4 de xaneiro de 2016

Friends

Coa sona de copións que os de Led Zeppelin se gastan desde practicamente os seus comezos, a ninguén lle debería de sorprender a capacidade de Jimmy Page e compañía para renovar con lixeiras variantes as melodías das que eles mesmos son autores. Así que na discografía da banda que soubo facer do dubidoso gusto polo plaxio unha verdadeira arte mellorando incluso os acordes orixinais non faltan cancións propias sospeitosamente parecidas entre si. De feito, pódese establecer un conxunto de tres cancións que xiran en torno a mesma melodía que aparecen en diferentes álbums de Led Zeppelin. Son as cancións, "Friends", "Bron-Yr-Aur" e "Poor Tom" que pertencen respectivamente ós discos Led Zeppelin III (1970), Physical Graffiti (1975) e Coda (1982). Ámbalas tres cancións comparten os mesmos arranxos de corda no que semella un exercicio de perfeccionamento dunha melodía que derivou nas tres cancións.


Como xa comentamos, tras "Friends" viu a luz "Bron-Yr-Aur", unha peza instrumental que reproduce o mesmo modelo da canción anterior.


Algo máis diferente que as súas predecesoras é "Poor Tom", que se recolle no derradeiro álbum de estudio de Led Zeppelin. Malia que a canción se coñeceu en 1982, data de publicación de Coda, apréciase que a "Poor Tom" foi composta varios anos antes, na mesma época ca "Friends" e todo parece indicar que é unha revisión a fondo da famosa melodía, pero con nova letra e algún arranxo novo, un descarte no seu momento que recuperaron para esa especie de colección de rarezas que é Coda e que supuxo a despedida dunha das mellores bandas de rock de todos os tempos.

mércores, 30 de decembro de 2015

Bette Davis Eyes

Jackie DeShannon incluíu no seu álbum New Arrangement (1975) unha canción dedicada ós ollos da actriz Bette Davis, que escribiu xunto con outra afamada cantautora, Donna Weiss. Ó igual que as restantes cancións que compoñen o disco, "Bette Davis Eyes" é unha composición country con algúns elementos de folk e tampouco é das máis relevantes que levan a sinatura de DeShannon, que xa daquela parecía entrar no ocaso da súa carreira. De feito, o único single que se extraeu de New Arrangement "Let the Sailors Dance" non chamou especialmente a atención. Pero si habería dúas cancións do álbum que outros artistas versionaron, unha delas, "Boat to Sail" polos Carpenters coa colaboración de Brian Wilson, e a outra, a que nos ocupa hoxe, "Bette Davis Eyes", por Kim Carnes.


Con toda a seguridade, "Bette Davis Eyes" non chegaría a acadar tanta popularidade de non ser pola versión que Kim Carnes realizou no seu álbum Mistaken Identity (1981) transformándoa nunha das cancións máis recoñecidas da new wave, grazas ó seu son renovado, que a distingue sobremaneira da versión orixinal.

martes, 29 de decembro de 2015

Shortnin' Bread

O escritor e poeta James Whitcomb Riley publicou en 1900 o poema "Shortnin' Bread" e acadaría a categoría de clásico despois de que en 1915 E.C. Perrow lle puxese música, facendo que se popularizase de tal maneira que para moitos se confunde con calquera canción tradicional. Por se fose pouco, dende a data temperá en que Perrow a editou sucedéronse continuas versións que axudaron a perpetuar a crenza de que se trata dunha canción arraigada na tradición popular. Velaquí unha versión da famosa canción.


Tamén en torno á melodía de "Shortning' Bread" se crearon novas cancións, algunhas de estilos tan diferentes ó folk coma pode ser o R&B. Ese é o caso da coñecida canción de Joe Liggins and His Honeydrippers "The Honeydripper" (1945).


Á súa vez, "The Honeydripper" tamén supuxo unha fonte de inspiración para Little Walter, quen creou o tema blues "Evan's Shuffle", que popularizou Muddy Waters en 1950.


Pero a transcendencia de "Shortnin' Bread" vai máis aló da relación entre folk e blues. O rock and roll tamén se beneficiou dos seus acordes, como ben se aprecia na canción de Dave "Baby" Cortez "The  Happy Organ", pertencente ó álbum do mesmo nome de 1959.


E non podiamos rematar esta entrada sobre "Shortnin' Bread" obviando a versión de The Beach Boys, talvez as mellor de todas as que se fixeron. A obsesión de Brian Wilson con esta canción foi tal que o grupo a gravou en numerosas ocasións pero só a incluíron oficialmente no álbum  L.A. (Light Album)  (1979).

luns, 28 de decembro de 2015

All My Love

Nas formacións masculinas dos noventa, especialmente as procedentes de Estados Unidos, a música que máis se levaba era o R&B e outros estilos afíns. Malia que as boys band como os Bakstreet Boys e N'Sync copaban todo o mercado, outras trataban de atopar o seu sitio co apoio de rapeiros consagrados que participaban nos seus traballos. Dese modo foi como 112 presentou o seu segundo álbum, Room 112 (1998), no que colaboran persoeiros tan coñecidos do mundo do hip hop como Faith Evans e Lil'Kim, mentres que da produción executiva se resposabiliza, entre outros, Sean "Puffy" Combs e a cantautora Dianne Warren. "All My Love" é unha das baladas do disco e, sen ser a mellor canción que se pode atopar en Room 112, é das máis coñecidas de 112.


"All My Love" saíu do esquecemento grazas sobre todo a revisión que Kevin Lyttle fixo dela para a súa canción "Turn Me On", que sería o seu maior éxito. Elixida como single de presentación do álbum epónimo co que Lyttle debutaba en 2004, estaba pensada para ser unha balada, seguindo a súa predecesora de 112, pero as mesturas convenientes que se fixeron para a súa posta en escena final, tal como chegou ás radiofórmulas de medio mundo, converteron a "Turn Me On" nunha das cancións do verán de 2004.

mércores, 23 de decembro de 2015

Fame

Despois da intensa experiencia futurista que supuxo Ziggy Stardust para o glam rock, a evolución musical de David Bowie transitou cara a camiños máis convencionais, aínda que sempre buscando unha nova volta de porca, que se traduciu nunha serie de novos discos que nin moito menos se poden considerar menores dentro da extensa produción do Duque Branco. O seguinte paso, entón, foi ocuparse da música soul e do funk, que vivían unha época de esplendor e unha vez máis, Bowie demostra a súa mestría para desenvolverse en calquera tipo de xénero musical e asinar varios traballos discográficos con nota. Un deles é Young Americans (1975), noveno álbum deste camaleónico artista, que se pecha coa canción "Fame", cuxo riff de guitarra creouno Carlos Alomar, músico que traballara na banda de James Brown.



"Fame" é unha marabillosa canción funk que fascinou mesmo ó rei do soul e gran pope do funk James Brown, quen mesmo a finais dese mesmo ano de 1975, editou o single "Hot, (I Need to Be Loved, Loved, Loved)", que reproduce o riff que Alomar creara para a canción de Bowie.

martes, 22 de decembro de 2015

Goodbye Blue Sky

Pink Floyd asinou unha brillante páxina na evolución do rock progresivo cando se publicou o dobre álbum The Wall (1979). As vinte e seis cancións que forman parte del son verdadeiras xoias do rock que mostran á banda británica en todo o seu esplendor, cun Roger Waters inspiradísimo, que a pesar do bo momento en que se atopaban, ningún dos membros se esquecía de Syd Barret, a quen dedican algunha canción. A segunda parte do álbum comeza coa canción "Goodbye Blue Sky", un pefecto medio tempo, cuxa melodía influíu noutras bandas de rock.


A canción de Metallica "Fade to Black", pertencente ó álbum Ride the Lightning (1984) comeza cuns acordes que recordan moito á canción de Pink Floyd.


Parece que tamén Def Leppard se inspirou na melodía de "Goodbye Blue Sky" para elaborar "Hysteria", do álbum do mesmo nome que se publicou en 1987.