O escritor e poeta James Whitcomb Riley publicou en 1900 o poema "Shortnin' Bread" e acadaría a categoría de clásico despois de que en 1915 E.C. Perrow lle puxese música, facendo que se popularizase de tal maneira que para moitos se confunde con calquera canción tradicional. Por se fose pouco, dende a data temperá en que Perrow a editou sucedéronse continuas versións que axudaron a perpetuar a crenza de que se trata dunha canción arraigada na tradición popular. Velaquí unha versión da famosa canción.
Tamén en torno á melodía de "Shortning' Bread" se crearon novas cancións, algunhas de estilos tan diferentes ó folk coma pode ser o R&B. Ese é o caso da coñecida canción de Joe Liggins and His Honeydrippers "The Honeydripper" (1945).
Á súa vez, "The Honeydripper" tamén supuxo unha fonte de inspiración para Little Walter, quen creou o tema blues "Evan's Shuffle", que popularizou Muddy Waters en 1950.
Pero a transcendencia de "Shortnin' Bread" vai máis aló da relación entre folk e blues. O rock and roll tamén se beneficiou dos seus acordes, como ben se aprecia na canción de Dave "Baby" Cortez "The Happy Organ", pertencente ó álbum do mesmo nome de 1959.
E non podiamos rematar esta entrada sobre "Shortnin' Bread" obviando a versión de The Beach Boys, talvez as mellor de todas as que se fixeron. A obsesión de Brian Wilson con esta canción foi tal que o grupo a gravou en numerosas ocasións pero só a incluíron oficialmente no álbum L.A. (Light Album) (1979).
Ningún comentario:
Publicar un comentario