luns, 14 de decembro de 2015

Ripples

Que o sétimo álbum de Genesis, A Trick of the Tail (1976), foi o máis difícil de sacar adiante é algo que recoñece todo o mundo. Trala marcha do carismático Peter Gabriel, o batería Phil Collins, o último en chegar, tomou as rendas do grupo, aínda que o peso creativo recaeu fundamentalmente nos seus compañeiros Mike Rutherford e Tony Banks. Precisamente entre os dous compuxeron "Ripples", o tema máis longo de todo o álbum, pero non por isto o máis aburrido. A canción é unha boa mostra de rock progresivo, do mellor que ten feito Genesis dadas as circunstancias en que se levou a cabo o álbum. Tamén é o xeito de reivindicarse da banda, disposta a facer frente a calquera adversidade por riba de posibles egos. En A Trick of the Tail aparecen por primeira vez nos créditos das cancións os nomes individuais dos compositores e non simplemente o da banda, como dando a entender que Genesis era algo máis ca Peter Gabriel e o seu grupo. 


Xa comprobamos outras veces que o álbum We Can't Dance (1991) mostra diferentes etapas da andaina de Genesis, que parecen sobrepoñerse nese disco. Como viamos, a cara B do single "I Can't Dance" "On the Shoreline" ten algunha semellanza con "No Son of Mine", pero non é o único exemplo. A canción que pecha We Can't Dance, "Fading Lights", ten algunha reminiscencia de "Ripples" na melodía do retrouso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario