luns, 29 de febreiro de 2016

Baby Sign Here with Me

Debido á súa efémera traxectoria, que só abrangueu apenas un lustro, Henry Badowski é un dos compositores e músicos da new wave máis esquecidos. E non obstante, o seu único disco editado Life Is a Gand... (1981) contén algúns singles francamente bos que cómpre rescatar das sombras, sobre todo, porque a música de Henry Badowski inspirou a outros músicos do seu tempo. Unha das primeiras cancións que Badowski editou como single antes de que aparecese no seu álbum definitivo foi "Baby Sign Here with Me", que viu a luz en 1979.


Os rapaces de The Damned foron uns pupilos aventaxados de Henry Badowski, con quen tocaron nalgunha xira. Talvez por iso, a influencia deste compositor transmitiuse á canción de The Damned "Edward the Bear", do álbum Phantasmagoria (1985), que garda un parecido sospeitoso con "Baby Sign Here with Me".

venres, 26 de febreiro de 2016

Troglodyte (Cave Man)

Jimmy Castor Bunch non destacou especialmente na escena funk dos setenta, onde a enorme cantidade de grupos e cantantes que se dedicaban a este novo xénero, xeralmente en Estados Unidos, ía en aumento, pero con todo, puido asinar uns cantos singles de gran repercusión do seu momento, como é o caso de "Troglodyte (Cave Man)". Esta canción pertence ó seu segundo álbum, It's Just Begun (1972) e constituíu o seu maior éxito dunha traxectoria que se alongaría ata ben entrada a década dos oitenta. Con este single, Jimmy Castor Bunch acadou os primeiros postos nas listas de R&B estadounidenses, pero o maior triunfo de "Troglodyte (Cave Man)" foi o de ser unha das cancións favoritas dos músicos de hip hop e de electrónica, quen coas súas continuas revisións lograron que a canción de Jimmy Castor Bunch non pasase nunca de moda.


Neneh Cherry foi unha das cantantes que recorreu algunha vez a "Troglodyte (Cave Man)". O son da canción de Jimmy Castor Bunch pode atoparse en "Kisses on the Wind", canción pertencente ó álbum de debut desta artista sueca, Raw Like Sushi (1989).


Tamén Christina Aguilera nun dos seus discos máis maduros, Back to Basics (2006), bota man de "Troglodyte (Cave Man)" na canción "Back in the Day".

martes, 23 de febreiro de 2016

Frente a frente

A década dos setenta foi especialmente boa para Jeanette. Tralo seu paso por Pic-Nic, a cantante de orixe inglés impulsou a súa carreira en solitario con temas míticos coma "Soy rebelde" e "Porque te vas". Tras varios EPs e un LP que non contiña ningún trallazo como os singles que editara anteriormente, pero que gozou dun gran éxito en Francia, Jeanette preparou o seu segundo disco de longa duración xunto co reputado compositor e produtor Manuel Alejandro, quen xa lle proporcionara a Jeanette nos seus comezos a canción "Soy rebelde". O resultado desta nova colaboración foi o álbum Corazón de poeta (1981), dez cancións de Manuel Alejandro, quen tamén se encargou da produción do disco. Se ben é verdade que ningunha desas cancións obtivo a mesma repercusión que aqueles singles anteriores da cantante, o corte 4, "Frente a frente", está considerada como unha das grandes cancións na discografía de Jeanette, un tema que Manuel Alejandro escribiu canda a súa dona, que nos créditos figura co nome de Ana Magdalena.


O grupo mexicano Pandora gravou unha das primeiras versións de "Frente a frente", no álbum de homenaxe que lle renderon a Manuel Alejandro En carne viva (2002).


A versión que Bunbury realizou no álbum Las consecuencias (2010) volveu pór de moda a composición de Manuel Alejandro, achegándoa ás novas xeracións. A cantante de Tulsa, Miren Iza, colabora con Bunbury nesta nova versión e no videoclip Jeanette aparece cara ó final.

luns, 22 de febreiro de 2016

Let's Get It On

Marvin Gaye sempre foi un valor seguro dentro da Tamla Motown e o caso é que este gran artista sempre soubo enaltecer á discográfica de Detroit coa súa música. O seu álbum en solitario, Let's Get It On (1973), é un dos traballos máis formidables que Gaye asinou. A canción que titula o disco, ademais de ser o primeiro corte, foi o single de presentación co que apenas un ano despois do seu último traballo, Marvin Gaye volvía cun feixe de cancións, demostrando que se atopaba en estado de graza, pois participou na composición de cada unha das oito cancións que forman parte de Let's Get It On.


Unha das cancións máis destacadas do último álbum de Ed Sheeran, X (2014), é "Thinking Out Loud", que lembra moito ó son e a melodía da de Marvin Gaye.

venres, 19 de febreiro de 2016

Native New Yorker

Odyssey debutou en 1977 cun álbum epónimo que habería conter o único gran éxito deste grupo de soul e música  disco, "Native New Yorker". Escrita polos produtores Sandy Linzer e Denny Randell, a canción acadou os primeiros postos das listas de música dance e de soul do Billboard, o que disparou a popularidade de Odyssey. Pero ó igual que lle acontecía a moitos grupos (e segue acontecendo), as demais cancións que este grupo foi sacando foron éxitos menores, agás a canción "Use It Up and Wear It Out", editada tres anos despois, que acadou o primeiro posto nas listas británicas. Polo demais, a andaina de Odyssey aínda continúa, pero sen repetir a boa etapa que tivo nos seus comezos.


Unha das versións máis coñecidas que se fixeron de "Native New Yorker" é a de Frank Vallie en 1977. O ex vocalista de The Four Seasons incluíuna no álbum Lay Put the Light Out.


Kluster, grupo de house e electrónica, reciclou o son de "Native New Yorker" para a produción do single "My Love", que por outra parte, non ten nada de especial.

xoves, 18 de febreiro de 2016

How Can We Hang On to a Dream

Os discos de debut non adoitan ter títulos demasiado orixinais e normalmente cando se trata dun solista, o nome do álbum coincide co del. O debut de Tim Hardin non é unha excepción e chamouse Tim Hardin 1 (1966), pero velaquí temos un bo indicador de que un título bastante simplón non significa que o álbum tamén o sexa. A ducia de cancións en clave folk co que Hardin se presenta en sociedade está á altura dos traballos de Dylan, que xa daquela era o gran bardo da canción de autor. Especial relevancia ten o último corte deste disco, "How Can We Hang On to a Dream", canción que non tardou en ser versionada por outros artistas.


Unha das primeiras versións que se fixeron de "How Can We Hang On to a Dream" é a adapatación ó francés de Johnny Hallyday tan só un ano despois, chamada "Je m'accroche à mon rêve" e que pertence ó seu noveno álbum, Johnny 67 (1967).


Pero se callar, a mellor versión que se ten feito da canción de Tim Hardin sexa a The Nice no álbum Nice (1969) en clave jazz. A antiga banda de Keith Emerson deulle unha completa reviravolta a canción elevándoa a un nivel superior á orixinal co título "Hang On to a Dream".


A influencia da versión de The Nice pode apreciarse significativamente na canción de Emerson, Lake and Palmer "Take a Pebble", do álbum epónimo da banda, editado en 1970. Con trazos relevantes de jazz, "Take a Pebble" contén ecos do "Hang On to a Dream" de The Nice.

mércores, 17 de febreiro de 2016

Everybody Wants Some!!

A Van Halen debénselle algúns dos mellores riffs de guitarra desde que o hard rock se situou como un dos xéneros con máis forza. Desde que a banda californiana debutou en 1978, as cancións foron gañando en intensidade, consolidando un son que identificaría a banda como das máis importantes do seu momento, grazas sobre todo ó dominio de Eddie Van Halen da guitarra. O terceiro disco, Women and Children First (1980), ten unha das cancións que mellor definen o son de Van Halen, desas que se fan imprescindibles para entender a súa traxectoria. É "Everybody Wants Some!!, cando David Lee Roth era o vocalista principal do grupo.

https://youtu.be/fAktV72_nnE

Uns anos máis tarde, para o sexto álbum, 1984 dese mesmo ano, Van Halen escribiu a canción "Panama" na que aproveita algúns trazos que perfilaron "Everybody Wants Some!!", o que tamén fai desta canción unha das máis coñecidas de Van Halen.

https://youtu.be/qqszqHKIqEk

martes, 16 de febreiro de 2016

(Sittin' On) The Dock of the Bay

En decembro de 1967, un fatal accidente de aviación arrebatábanos a Otis Redding. O digno sucesor do malogrado Sam Cooke tamén nos deixaba prematuramente ficando un fondo baleiro no mundo da música. Apenas uns días antes da traxedia Otis Redding remataba de gravar o que sería o seu álbum póstumo, The Dock of the Bay (1968), que vería a luz en febreiro de 1968. Das once cancións que compoñen o disco, destaca especialmente a que lle dá título, "(Sittin' On) The Dock of the Bay", que Redding escribiu xunto con Steve Cropper, membro de Booker T. & the M.G.'s, a banda de acompañamento de Redding no selo Stax.
"(Sittin' On) The Dock of the Bay" converteuse en todo un himno do soul, sobre todo polo parte asubiada do final e no gran legado de Redding.


Non caberían nunha soa entrada todas as excelentes versións que se fixeron de "(Sitting On) The Dock of the Bay", así que seleccionamos dúas ó azar, que nin moito menos, deben ser consideradas as mellores, posto que iso é algo subxectivo. Pero desde logo non hai que negar que a que Marc Bolan (outro malogrado artista) e Gloria Jones realizaron é moi boa.


Outra é a adaptación que Manolo Tena fixo ó castelán co título "Sentado en el muelle", no álbum Fuego en la piel (2000).