martes, 23 de febreiro de 2016

Frente a frente

A década dos setenta foi especialmente boa para Jeanette. Tralo seu paso por Pic-Nic, a cantante de orixe inglés impulsou a súa carreira en solitario con temas míticos coma "Soy rebelde" e "Porque te vas". Tras varios EPs e un LP que non contiña ningún trallazo como os singles que editara anteriormente, pero que gozou dun gran éxito en Francia, Jeanette preparou o seu segundo disco de longa duración xunto co reputado compositor e produtor Manuel Alejandro, quen xa lle proporcionara a Jeanette nos seus comezos a canción "Soy rebelde". O resultado desta nova colaboración foi o álbum Corazón de poeta (1981), dez cancións de Manuel Alejandro, quen tamén se encargou da produción do disco. Se ben é verdade que ningunha desas cancións obtivo a mesma repercusión que aqueles singles anteriores da cantante, o corte 4, "Frente a frente", está considerada como unha das grandes cancións na discografía de Jeanette, un tema que Manuel Alejandro escribiu canda a súa dona, que nos créditos figura co nome de Ana Magdalena.


O grupo mexicano Pandora gravou unha das primeiras versións de "Frente a frente", no álbum de homenaxe que lle renderon a Manuel Alejandro En carne viva (2002).


A versión que Bunbury realizou no álbum Las consecuencias (2010) volveu pór de moda a composición de Manuel Alejandro, achegándoa ás novas xeracións. A cantante de Tulsa, Miren Iza, colabora con Bunbury nesta nova versión e no videoclip Jeanette aparece cara ó final.

Ningún comentario:

Publicar un comentario