xoves, 18 de febreiro de 2016

How Can We Hang On to a Dream

Os discos de debut non adoitan ter títulos demasiado orixinais e normalmente cando se trata dun solista, o nome do álbum coincide co del. O debut de Tim Hardin non é unha excepción e chamouse Tim Hardin 1 (1966), pero velaquí temos un bo indicador de que un título bastante simplón non significa que o álbum tamén o sexa. A ducia de cancións en clave folk co que Hardin se presenta en sociedade está á altura dos traballos de Dylan, que xa daquela era o gran bardo da canción de autor. Especial relevancia ten o último corte deste disco, "How Can We Hang On to a Dream", canción que non tardou en ser versionada por outros artistas.


Unha das primeiras versións que se fixeron de "How Can We Hang On to a Dream" é a adapatación ó francés de Johnny Hallyday tan só un ano despois, chamada "Je m'accroche à mon rêve" e que pertence ó seu noveno álbum, Johnny 67 (1967).


Pero se callar, a mellor versión que se ten feito da canción de Tim Hardin sexa a The Nice no álbum Nice (1969) en clave jazz. A antiga banda de Keith Emerson deulle unha completa reviravolta a canción elevándoa a un nivel superior á orixinal co título "Hang On to a Dream".


A influencia da versión de The Nice pode apreciarse significativamente na canción de Emerson, Lake and Palmer "Take a Pebble", do álbum epónimo da banda, editado en 1970. Con trazos relevantes de jazz, "Take a Pebble" contén ecos do "Hang On to a Dream" de The Nice.

Ningún comentario:

Publicar un comentario