mércores, 30 de marzo de 2011

Wicked Game

"Wicked Game" é, sen ningunha dúbida, a canción máis coñecida do compositor estadounidense Chris Isaak Incluída no álbum de 1989 Heart Shaped World, obtivo tal éxito que moi pronto se convertiu en banda sonora de numerosas películas e telefilms, debido á forte carga melancólica que transmite a canción.


Esta canción é a favorita de Villie Valo, líder e fundador da banda finlandesa HIM, que comentou nalgunha ocasión que era a mellor canción escrita xamais. Evidentemente, HIM incluíu un cover no seu primeiro traballo discográfico, un EP titulado 666 Ways to Love: Prologue, que se editou en 1996 só en Finlandia. Un ano despois, volveríano incluír no seu álbum de longa duración Greatest Love Songs Vol: 666 e, cando gañaron popularidade en Europa, tamén aparecería nas edicións británica e americana do seu segundo álbum Razorblade Romance, de 1999.

  http://www.goear.com/listen/1319d7b/wicked-game-him

venres, 25 de marzo de 2011

Imagine

Tras abandonar a The Beatles, John Lennon comezou unha carreira en solitario ao igual que os seus compañeiros beatles, que nos deixaría auténticos himnos. Un deles é "Imagine", publicada no álbum homónimo de 1971. O seu éxito foi tal, que non tardou en ser versionada por moitos artistas nos seus propios traballos, como Diana Ross, Joan Baez e xa posteriormente A Perfect Circle, Gilberto Gil e Dolly Parton. Mesmo existe unha versión en árabe e hebreo a cargo de Khaled e Noa.  Outros artistas e grupos como Queen e Guns N' Roses interpretaríana en directo.


Ofrecémovos agora a versión de A Perfect Circle:


Pero ademais, os primeiros acordes de Imagine serven de comezo para unha das cancións máis coñecidas de Oasis, "Don't Look Back in Anger", do álbum What's the Story? Morning Glory (1995). E é que John Lennon e The Beatles foron unha inspiración constante para Noel Gallagher, alma máter de Oasis, e iso reflíctese en practicamente todos os traballos da banda de Manchester, especialmente nesta canción.

  http://www.goear.com/listen/77fd334/donacutet-look-back-in-anger-oasis

Mais esta canción de Oasis non só está baseada no tema de Lennon. Ten ecos do tema de Neil Innes "How Sweet to Be an Idiot", que lle dá título ó primeiro álbum do inglés, publicado en 1973.

http://youtu.be/htT4ErBz1Oc

mércores, 23 de marzo de 2011

Mariposa Technicolor

Nunca vos pasou  ao escoitar os primeiros acordes dunha canción confundila con outra? Ou empezar a tararear unha canción e acabar tarareando outra? Seguro que si. E é que ao fin e ao cabo só existen sete notas e as melodías parecen infinitas, por tanto, non debe estrañarnos que ás veces os acordes acaben coincidindo e unhas cancións nos recorden invariablemente a outras. Claro que tamén estas coincidencias, totalmente naturais, serviron de pretexto a máis dun autor para librarse dunha acusación de plaxio, aínda que se vise claramente que actuou de mala fe. Malia todo, noutras ocasións o emprego dunha melodía coñecida está feito con boas intencións, como forma de homenaxe a ese artista ou grupo que serve de inspiración (e pagando dereitos, como non). Por outro lado queda a música dance  e o hip-hop, que merecen un blog á parte respectivamente, estilos especialistas en samplear melodías e cancións esquecidas que acaban resucitando cun novo son.

As dúas cancións que vos presentamos hoxe non teñen nada que ver a unha coa outra en principio, agás que as súas melodías son moi parecidas. De feito, cando descubrimos a La Tercera República en 2001 co seu single "Sorprendentemente" no seu álbum Me Siento Mucho Mejor, lembrámonos da canción de Fito Páez "Mariposa Technicolor", que estaba incluída no seu álbum de 1995 Circo Beat. Como xa dixemos, neste caso trátase dunha mera coincidencia que non deixa de ser curiosa. Por outra parte, nese mesmo álbum de La Tercera República hai unha fantástica versión en español do tema dos Eagles "Take It Easy", á que chamaron "Tú, Tranquilo".

En fin, xulgade vós mesmos, a ver que vos parece:

 http://www.goear.com/listen/38534d4/mariposa-technicolor-fito-paez


 http://www.goear.com/listen/9ab65d4/sorprendentemente-la-tercera-republica

venres, 18 de marzo de 2011

Come On Feel the Noise

Aínda que esta canción se atribúe a Quiet Riot, banda estadounidense de heavy-metal, os primeiros en gravala foron Slade, en 1973 e incluída no álbum Sladest. Esta banda dos arredores de Birmingham formouse en 1966 e o seu estilo foi variando ó longo do tempo, asentando as bases tanto do glam-rock coma do heavy metal.  Non obstante, a calidade pola que se recorda a Slade é a súa teima de introducir faltas de ortografía, o que lle dá un toque característico; deste xeito, o habitual é atopar a versión orixinal desta canción escrita así: Cum On Feel The Noize. Os autores son Jim Lea e Noddy Holder.

  http://www.goear.com/listen/a31ee21/cum-on-feel-the-noize-slade

A versión de Quiet Riot, publicada dez anos despois da orixinal no álbum Metal Health, quedou así:

   http://www.goear.com/listen/41f6818/come-on-feel-the-noise-quiet-riot

Por último, hai que engadir que en 1996, Oasis fixo unha nova versión que adoptou a selección inglesa de fútbol como himno oficial para a Eurocopa dese ano e que se disputou en Inglaterra. Daquela, Oasis acababa de publicar o seu segundo álbum What's the Story? Morning Glory, con moi boas críticas e era unha das bandas máis punteiras das illas Británicas.

 http://www.goear.com/listen/71fe8ed/come-on-feel-the-noise-cover-oasis

martes, 15 de marzo de 2011

The House of the Rising Sun

Seguimos con cancións tradicionais que xa forman parte da historia do pop-rock. Esta vez imos ata Estados Unidos, concretamente ao estado sureño de Luisiana cunha canción das máis fascinantes que nos deixou o século XX. A casa do Sol Nacente narra a historia dunha persoa que lle foi mal nun lugar de Nova Orleáns coñecido con ese nome. Esta canción ten a particularidade de que pode ser interpretada desde o punto de vista dun home ou dunha muller. Segundo isto, algúns críticos sinalan que a casa do Sol  Nacente podería tratarse dunha casa de apostas ou ben, dun burdel; e houbo intentos de tratar de localizar este histórico lugar en Nova Orleáns, así coma os autores da melodía e máis da letra. Isto deu lugar a toda unha serie de teorías, que conseguen envolver a historia da canción nun misterio enfeitizante.

A primeira gravación de The House of the Rising Sun correu a cargo de Roy Acuff en 1938 e a partir de aí, as versións foron continuas. Artistas tan significativos como Bob Dylan (1962), The Beatles, The Doors, Jimi Hendrix, Joan Baez, Nina Simone, Scorpions, Tracy Chapman, Toto e Sinead O' Connor, entre outros moitísimos artistas caeron no encanto desta canción. Mesmo hai unhas cantas versións en español dos anos sesenta gravadas polos colombianos The Speakers e Los Cinco Latinos, respectivamente; en España, destacaría a versión de Bruno Lomas, a de Lone Star e a do grupo de Molins de Rei  Els Dracs, que a adapatarían ao catalán como La casa del sol naixent  tamén ao final dos 60.  En 1972  Génesis de Colombia volvería a facer unha nova versión. 

A continuación, a versión de Joan Baez:

   http://www.goear.com/listen/b5670cf/the-house-of-rising-sun-joan-baez

A de Bruno Lomas, unha adaptación totalmente libre que non garda relación coa letra orixinal.

   http://www.goear.com/listen/c3932bf/la-casa-del-sol-naciente-bruno-lomas

A de Lone Star, en cambio, respecta bastante ben a letra orixinal con pequenas variacións para adapatala á música.
https://youtu.be/P3To9LgNE8s

E a de Els Dracs:

 http://www.goear.com/listen/d77330c/la-casa-del-sol-naixent-els-dracs



Pero sen dúbida, a versión máis recordada é a  de The Animals, que se incluíu na edición americana do seu disco de debut The Animals (1964), debido sen dúbida aos arreglos de órgano de Alan Price, que lle dan un toque máis envolvente ao tema se cabe.

 http://www.goear.com/listen/445a9e4/the-house-of-rising-sun-the-animals

Pero a febre por esta canción sobreviviu ás décadas dos 60 e 70 e aínda hoxe grupos punteiros como Muse e The White Stripes caeron rendidos ao encanto de The House of the Rising Sun.

http://www.goear.com/listen/30142d2/house-of-the-rising-sun-muse




xoves, 10 de marzo de 2011

Whiskey in the Jar

  Con bastante frecuencia, as cancións tradicionais fixéronse cun oco no mundo do pop rock por medio dun proceso de modernización que evitou que caesen no esquecemento. Ademais, isto permitiu que un público maioritario chegase a coñecelas, a pesar de que en moitos casos, ignore a verdadeira orixe desas cancións. Unha delas é Whiskey in the Jar, cancíón tradicional irlandesa, que a finais dos 90 volveu a pórse de moda ao estar incluída no dobre álbum de versións de Metallica Garage Inc. (1998), e que lle supuxo á banda de James Hetfield  un Grammy como mellor interpretación de rock duro dous anos despois.


O caso é que Metallica non foi a primeira banda que converteu Whiskey in the Jar nun tema rock, senón que o mérito lévao Thin Lizzy en 1972. A banda irlandesa fundada por Phil Lynott  publicouna como single que anticiparía o seu álbum de 1973 Vagabonds of the Western World.


Con todo, a primeira gravación de Whiskey in the Jar fíxoa The Dubliners, en 1967, e que aparecería no seu álbum More of the Hard Stuff. O son de The Dubliners era folk, polo que non resulta raro que adaptasen a famosa historia de traizón que sofre un home a causa dunha muller ao seu estilo.

http://www.goear.com/listen/19a7381/whiskey-in-the-jar-the-dubliners

Posteriormente, outros artistas e grupos folk fixeron as súas propias versións como The Pogues; Peter, Paul & Mary; e Roger Wittaker. Recentemente destacan os covers de U2, Pulp, Gary Moore, The Grateful Dead e Belle & Sebastian, co que quedamos.

http://www.goear.com/listen/8bbdab8/whiskey-in-the-jar-belle-sebastian

venres, 4 de marzo de 2011

Proud Mary

Creedence Cleawater Revival é unha das bandas máis importantes que xurdiron en Estados Unidos a finais dos anos 60. Liderada por John Fogerty, o seu éxito foi practicamente inmediato e a popularidade que alcanzou  fixo que as súas cancións fosen versionadas ó pouco de que se publicasen. "Proud Mary", que aparecería no álbum Bayou Country de 1969, é o seu éxito máis recoñecido.


Dous anos despois, en 1971, Tina Turner e Ike Turner fixeron unha versión, que tamén sería moi popular:


Outras bandas que tamén se atreveron a interpretar "Proud Mary", foron Status Quo e Bon Jovi. En concerto, tamén a interpretaron Elvis Presley, en 1972, e máis recentemente, Beyoncé xunto coa propia Tina Turner, en 2008, na entrega dos Grammy.

Abaixo, o cover de Bon Jovi:

martes, 1 de marzo de 2011

The Last Time / Bitter Sweet Symphony

"The Last Time", canción dos Rolling Stones, que saíu como single en 1965 no álbum Out of  Our Heads, ten un peculiar riff composto polo guitarristra Brian Jones. Dado que os Rolling é unha das bandas máis prolíficas de todos os tempos, (levan dando guerra dende 1962, con vinte e catro discos ás súas costas, numerosas xiras, e non parece que Mick Jagger e compañía anden pensando na xubilación), esta canción non era precisamente das máis recordadas, ata que en 1997, cando o brit-pop xa comezaba a esmorecer, a banda liderada por Richard Ashcroft, The Verve, sacou o seu primeiro álbum Urban Hymns, que contiña o seu rechamante single "Bitter Sweet Symphony". E a partir de aí, xurdiu  a polémica. O ex manáger dos Rolling, Andrew Loog Oldham e Allen Klein, propietario dos dereitos do material dos Rolling da década dos 60, demandaron a The Verve por apropiarse dos  acordes de "The Last Time". Para non chegar a xuízo, The Verve renunciou ós créditos e entregoullos a Mick Jagger e a Keith Richards.

A continuación, o tema dos Rolling Stones:


E agora, Bitter Sweet Symphony:


E por que esa caza cara a The Verve, se en principio ámbalas dúas composicións non se parecen en nada? O motivo débese á versión que Andrew Oldham Orchestra fixo de "The Last Time" no álbum The Rolling Stones Songbook (1965) onde introduce uns arranxos de ventos que polo visto motivaron ós the "The Bitter  Sweet Symphony".