venres, 29 de xaneiro de 2016

P.Y.T (Pretty Young Things)

No fabuloso álbum de Michael Jackson, Thriller (1982) cada unha das nove cancións que o compoñen  ten o seu encanto propio, aínda que algunhas cancións posúen unha luz propia moito máis intensa ca outras. Nesas últimas podemos encandrar o corte 8, "P.Y.T (Pretty Young Things)", un tema composto por Quincy Jones e James Ingram e que saíu como sexto single dun traballo que culminaba unha etapa dourada na carreira de Michael Jackson. E con todo, "P.Y.T (Pretty Young Things)" é unha das cancións máis versionadas de Thriller, ademais de sentar as bases doutras tantas cancións que a empregaron de fonte para a súa elaboración.


Unha delas é a de Monica "All Eyez on Me", do álbum do mesmo título, editado en 2002, onde a cantante estadounidense interpola partes da canción de Michael Jackson para darlle contido ó seu tema.


Outra que tamén rende tributo a "P.Y.T (Pretty Young Things)" é "Good Life", canción que se inclúe no álbum de Kanye West Graduation (2007), pero desta volta o rapeiro optou só por empregar a melodía dos teclados.

xoves, 28 de xaneiro de 2016

How Long

Paul Carrack, que nas últimas décadas desenvolveu unha notable carreira en solitario con éxitos como "Eyes of Blue" e "Satisfy My Soul", comezou a súa andaina musical en Warm Dust para pouco despois formar Ace, unha banda que debutou co álbum Five-A-Side (1974), que contén a principal canción que lle deu sona ó grupo. Trátase de "How Long" e Carrack non deixou de interpretala ó longo do tempo. O éxito da canción transcendeu ó devir da banda e ó pouco de editarse xa se estaban facendo versións dela, algunhas dunha calidade francamente boa.


Posiblemente, a máis espectacular sexa a de Bobby Womack no álbum Home Is Where The Heart Is (1976), en clave R&B.


Outra que tamén gozou dunha grande acollida foi a de Rod Stewart no famoso Tonight I'm Yours (1981),
que mesmo foi o terceiro single do álbum.


Xa en clave reggae destaca a versión de Yazz, xunto o grupo Aswad, no álbum One on One (1994).

mércores, 27 de xaneiro de 2016

Daisy Jane

No quinto álbum de America, Hearts (1975), destaca con diferenza a canción "Sister Golden Hair" que co paso do tempo se convertería nun dos grandes éxitos da banda formada por Dan Peek, Gerry Beckley e Dewey Bunnell. Mais a repercusión de "Sister Golden Hair" non oculta as outras cancións do disco, que tamén teñen un gran nivel compositivo e as que saíron como single tamén quedaron ben situadas nas listas de vendas. A que a tiña máis difícil, como non, foi o single sucesor de "Sister Golden Hair", que recaeu na balada "Daisy Jane", composta por Beckley. 


A canción de America  influenciou notablemente á balada de Janet Jackson "Let's Wait awhile", pertencente ó seu terceiro álbum, Control (1986). Esta non sería a única vez en que a pequena dos Jackson toma como referencia a obra de America, xa que anos despois tamén se fixaría na canción "Ventura Highway" para ensamblar o son de "Someone to Call My Lover", tal como vimos na entrada dedicada a ámbolos temas.

martes, 26 de xaneiro de 2016

Sunshine Superman

O cantautor escocés Donovan, coñecido tamén como o Bob Dylan europeo, editou o seu terceiro disco Sunshine Superman (1966) en plena febre psicodélica musical, polo que as cancións do álbum non podían escapar desa intensa influencia. Dese modo, o folk primitivo co que Donovan se presentara uns anos antes collía novos azos e metíase de cheo na nova orde que dominaría o pop e o rock nos seguintes anos. A canción que titula ese terceiro disco é unha das máis coñecidas da súa discografía e apareceu con diferentes formatos recompilatorios da obra de Donovan.


No álbum de debut de Hüsker Dü Everything Falls Apart (1983) aparece unha soa canción allea ó grupo e esa é "Sunshine Superman". Así de chula lles quedou a versión á banda de Minnesota.


Coas bases de "Sunshine Superman" Imani Coppola elaborou o único éxito que tivo na súa carreira, a canción "Legend of a Cowgirl", pertencente ó seu primeiro disco Chupacabra (1997).

luns, 25 de xaneiro de 2016

Sussudio

Sen deixar de lado a Genesis, banda que lideraba trala marcha de Peter Gabriel, Phil Collins cultvou unha carreira en solitario paralela que se foi consolidando con cada novo álbum. A terceira entrega, No Jacket Required (1985), resultaba a máis ambiciosa ata aquel momento, onde se mudaba a seriedade dos anteriores traballos por ritmos moi bailables, algo que Collins xa deixaba entrever no disco anterior, Hello, I Must Be Going! cando versionaba a canción de The Supremes "You Can't Hurry Love". Así, mostrando a súa faciana máis desenfadada, en No Jacket Required atópanse cancións do máis optimistas como "Sussudio", onde o protagonismo da batería, o instrumento que Genesis mellor dominaba, enche unha melodía que convida ó baile.


 Outra canción cun son moi semellante a de Phil Collins é a da Miami Sound Machine "Conga", un éxito que aparece no álbum Primitive Love (1985), editado varios meses despois que No Jacket Required. Ó igual que "Sussudio", "Conga" incide tamén na importancia da batería, potenciando ó ritmo latino dos outros instrumentos. O compositor, Enrique García, era o batería da banda, polo que non estraña o resultado. 

venres, 22 de xaneiro de 2016

Shoot the Dog

O último álbum con cancións inéditas que George Michael data de hai doce anos. Patience (2004) xa deixaba ás claras que a carreira do ex membro de Wham! entrara nunha fase decadente e que os mellores momentos quedaban xa atrás.  Con todo, non era cuestión aínda de abandonar calquera proxecto futuro e recrearse no pasado e George Michael comezou a preparar as cancións de Patience paseniñamente e adiantou uns poucos singles dous anos antes, como é o caso de "Shoot the Dog", unha canción de alto contido político que quedou patente no videoclip, onde se ridiculizaba a George Bush. Pero musicalmente "Shoot the Dog" non é nada do outro mundo e nin sequera é dos temas máis orixinais, pois para o seu desenvolvemento, George Michael serviuse das bases doutras cancións, todas elas da época da new wave.

https://youtu.be/ABhZQ_VRbsQ

Unha delas é a canción de The Human League "Shoot Action (I Believe in Love)", pertencente a Dare (1981).

https://youtu.be/gVzGl9FFOns

Outra é a de ABC, "Be Near Me", do álbum How to Be a... Zillionaire! (1985).

https://youtu.be/fbw2bdbD2HE

xoves, 21 de xaneiro de 2016

Get Together

Chet Powers, un dos cantautores folk dos sesenta, é o autor dunha coñecida canción, que ironicamente, triunfou nas voces doutros artistas, mais non na súa. Falamos de "Get Together", interpretada en varias ocasións por grupos e solistas de diferentes ámbitos, pero a primeira vez que algúen a deu a coñecer foi The Kingston Trio no álbum Back in Town (1964), que ó non editarse como single, non chamou especialmente á atención.

https://youtu.be/Eif5tF-j_Vc

The Youngbloods realizou unha das versións máis exitosas de "Get Together", que mesmo superou a outras coma a de Jeffreson Airplane e a de David Crosby. Incluíuse no álbum epónimo que publicaron en 1967. Ó igual que as anteriores, The Youngbloods respectan o estilo folk, pero para a ocasión engadíronlle un toque country que lle valeu máis visibilidade.


De "Get Together" téñense feito unha manchea de cancións en clave folk. Talvez por iso, a de The Staple Singers, co seu habitual estilo soul, sorprende no álbum What the World Needs Now Is Love (1968).


A impronta que "Get Together" deixou alén da música country e folk nótase no comezo da canción de Nirvana "Territorial Pissings", do exitoso Nevermind (1991). A banda de Kurt Cobain elixiu o retrouso da canción de Chet Powers para arrincar os primeiros acordes do corte 7 do disco.

mércores, 20 de xaneiro de 2016

See See Rider

"Ma" Rainey foi unha cantante da primeira xeración de músicos que rexistraron nos vellos vinilos as composicións tradicionais de blues e é coñecida con merecemento co sobrenome da Nai do Blues, pois o seu labor non só se limitaba a cantar, senón que ademais era unha gran compositora. Xunto con Lena Arant asinou "See See Rider", tema que gravou en 1924 e que lle supuxo unha grande popularidade. "See See Rider", tamén é coñecida como "C. C. Rider", "See See Rider Blues" e mesmo "Easy Rider", pois en realidade ninguén se pon de acordo na interpretación que "Ma" Rainey lle quería dar ó termo, unha ambigüidade que incrementa se cadra, o encanto deste blues.


The Animals revitalizaron este clásico coa versión que fixeron no álbum Animalization (1966), onde lle deron o toque de rock e de soul preciso para que "See See Rider" volvese a ser unha canción de plena actualidade.

martes, 19 de xaneiro de 2016

Ubangi Stomp

Moitos cantantes de country dos anos cincuenta transitaron cara ó rockabilly, facendo desta nova corrente unha variante do rock and roll máis que consolidada en Estados Unidos. Warren Smith foi un de tantos músicos que xa dende os comezos da súa carreira se decantou por esta nova forma de facer música e gravou algúns éxitos soados, malia que logo a súa obra quedase relegada fronte a dos numerosos artistas que daquela tamén buscaban o seu lugar nas listas de vendas. Unha das primeiras gravacións de Smith foi "Ubangi Stomp", en 1956, unha canción que compuxo Charles Underwood, e que finalmente sería máis coñecida nas versións doutros artistas máis coñecidos que Warren Smith.


Unha das máis coñecidas é a que gravou anos máis tardes o seu colega de selo discográfico Jerry Lee Lewis no álbum epónimo de 1958. 


Xa nos sesenta, "Ubangi Stomp" aparecería na cara B do single de The Trashmen "Bird '65".


Pero "Ubangi Stomp" entraría de cheo na década seguinte da man de Alice Cooper, quen a versionou no álbum Lace and Whiskey (1977).

luns, 18 de xaneiro de 2016

Bitch

Os Rolling Stones viviron unha maior etapa de esplendor entre 1968 e 1972, un período de tempo no que a banda sacou do estudio os  mellores discos da súa lonxeva carreira, coa excepción de Some Girls de 1978. E sempre cunha actitude provocativa e irreverente, que quedou plasmada sobre todo no álbum Sticky Fingers (1971), cuxa portada era o primeiro plano dunha entreperna, o que desgustou nos sectores máis reaccionarios e foi censurada nalgúns países coma en España, que se substituíu por outra de carácter gore, na que se ve uns dedos saíndo dunha lata. Respecto ás cancións, non sorprende atopar nese álbum unha titulada "Bitch", pois só os Stones poderían empregar como título dunha canción unha palabra con connotacións negativas sen que estas transcendan na súa música.


Kiss baseou os acordes de "Deuce", canción pertencente ó álbum epónimo da banda de 1974 no "Bitch" dos Rolling Stones.

venres, 15 de xaneiro de 2016

White Horse

O dúo danés Laid Back, formado por John Guldberg e Tim Stahl, acadou certo éxito na música electro de comezos dos oitenta coa canción "White Horse", que se inclúe no seu segundo álbum, Keep Smiling (1983). "White Horse", como ben indica o título, fai referencia ás drogas, concretamente á heroína, cuxo consumo xa entón se comezaba a asociar cos ambientes techno dos clubs. Non obstante, ningunha das outra sete cancións que forman parte do mesmo LP que "White Horse" obtivo nin unha sombra da acollida desa canción e o mesmo aconteceu coas demais cancións que Laid Back editou nos sucesivos discos que publicaron, o último en 2013.


O impacto de "White Horse" pode medirse no número de cancións que empregaron algúns dos seus elementos como parte. Unha delas é a de Monifah, "Touch It", do álbum Mo' hogany (1998)


Outra é por exemplo a de Danii Minogue, "Push", do álbum Neon Lights  (2003).

xoves, 14 de xaneiro de 2016

Rain

A choiva sempre foi unha fonte de inspiración constante para os músicos e ó longo de toda a historia da música contemporánea cóntanse por milleiros as cancións que se escribiron sobre este fenómeno meteorolóxico. Polo tanto, vai sendo hora de dedicarlle unha serie monográfica ás cancións que xiran en torno á choiva, que contará con varias entregas que iremos vendo ó longo de todo o ano. E comezamos, como non, coa canción quizais máis fermosa sobre a chuvia que se ten feito ata o día de hoxe. Trátase de "Have You Ever Seen the Rain?", do álbum da Creedence Clearwater Revival Pendulum (1970) e que xa de por si, merecería unha entrada propia, pola enorme cantidade de versións que conta. Esta non foi a primeira canción que John Fogerty lle dedicou á choiva, pois no álbum anterior editado apenas uns meses antes, Cosmo's Factory (1970), xa aparecía a canción "Who'll Stop the Rain?", da cal falamos nunha entrada anterior.

Ese mesmo ano, Eric Clapton editaba o seu álbum epónimo que se pecha coa canción "Let It Rain", outro título habitual na historia da música.


Co título máis xeral de "Rain" e o seu equivalente noutras linguas hai unha manchea de cancións. Desta volta quedamos só cunhas poucas, como a que Uriah Heep ten no album The Magician's Birthday (1972).


Status Quo tamén teñen o seu propio "Rain" no álbum Blue for You (1976).


Dez anos antes os Beatles sacaran un single con ese título con tintes psicodélicos.


The Cult tamén incluíron unha canción co título "Rain" no álbum Love (1985).

mércores, 13 de xaneiro de 2016

Beep Beep

A finais dos anos cincuenta, os grupos vocais de pop eran moi habituais na escena estadounidense. Se ben é verdade que os que máis éxito tiveron foron os Beach Boys, outros poden presumir de que alomenos unha das súas cancións perduraron no tempo. É o que lles pasou a The Playmates co single que sacaron en 1958 titulado "Beep Beep". Inspirada nas carreiras de coches, "Beep Beep" acadou unha rápida popularidade que situou o single nos primeiros postos do Billboard e que serviría para ilustrar calquera tipo de competición entre coches, especialmente dos que estaban de moda naquel momento e dos que se fala na letra da canción: os Cadillac e os Rambler.


Aínda que non comparta estilo con The Playmates, Marilyn Manson reciclou o son de "Beep Beep" na súa canción "Misery Machine", pertencente ó álbum Portrait of an American Family (1994).

martes, 12 de xaneiro de 2016

The Crystal Ship

O rock psicodélico ía dar un paso substancial como subxénero do rock coa aparición do debut de The Doors en 1967. A banda de Jim Morrison presentouse con once cancións que ían sacudir a escena californiana primeiro e logo tamén a do resto do mundo. Pero en The Doors (1967) tamén había sitio para as cancións tranquilas e cheas de lirismo como "The End" e "The Crystal Ship" , que hoxe vos traemos. "The Crystal Ship" escolleuse como cara B do single "Light My Fire" co que The Doors acadou o primeiro posto nas listas americanas.

https://youtu.be/QehH-JWobEQ

Duran Duran foi unha das primeiras bandas en gravar unha versión de "The Crystal Ship" e fíxoo no álbum Thank You (1995), onde versionaban cancións dos sesenta e dos setenta.

https://youtu.be/mn826wPnO9Q

Un dos membros de The Doors, Ray Manzarek, versionou "The Crystal Ship" no seu álbum en solitario Ballads before the Rain (2008), dándolle todo o protagonismo ó piano.

https://youtu.be/NN6Ri5aw504

Unha das últimas versións que se fixeron de "The Crystal Ship" foi a de Andrea Corr no álbum Lifelines (2011).

https://youtu.be/9aCnbMyb2gc

luns, 11 de xaneiro de 2016

How Come You Never Go There

Feist é unha das cantautoras  máis respectadas do panorama internacional. A eclosión definitiva chegou coa publicación do seu segundo álbum, Let It Die (2004), onde se inclúe a canción "Mushaboom", que apareceu nalgúns anuncios publicitarios, o que impulsou a súa carreira. Despois chegaría The Reminder (2007), que suporía a consolidación desta moza como compositora ó asinar cancións coma "My Moon, My Man", "1234" e "I Feel It All", o que lle valeu algúns premios como o Juno Award ó álbum do ano. Con esa bagaxe, o seu seguinte álbum, Metals (2011), era un traballo do máis agardado, pero non acadou a repercusión comericial do anterior. Con todo, recibiu boas críticas dos medios especializados, xa que o seu nivel é semellante ó dos demais discos. O primeiro single foi "How Come You Never Go There".


Cando Hozier debutou co seu álbum epónimo en 2014 conseguindo unha gran acollida coa canción "Take Me to Church",  Chilly Gonzales, pianista e colaborador de Feist, acusou ó músico irlandés de basear parte da melodía da súa canción na de Feist. 

venres, 8 de xaneiro de 2016

(Don't Fear) The Reaper

Como boa parte das bandas de hard rock dos setenta, Blue Oÿster Cult tamén deixou para a posterioridade algunhas cantas cancións que hoxe son pouco menos que clásicos. Unha delas, é talvez a máis destacada na dilatada carreira desta banda de Long Island, é "(Don't Fear) The Reaper", un dos temas pertencentes ó cuarto álbum de Blue Oÿster Cult Agents of Fortune (1976). A melodía da canción, así como o son do retrouso fan dela unha das mellores da época.

https://youtu.be/Dy4HA3vUv2c

Malia que non é nin moito menso a primeira versión que se facía de "(Don't Fear) The Reaper", Apollo 4.40 introduciu este clásico de Blue Oÿster Cult na música electrónica cunha versión certamente boa no álbum Millennium Fever (1995).

https://youtu.be/mI2MmxypG_A

Pero desde unha consideración estritamente persoal, a banda finesa HIM realizou a que cremos é a mellor versión de "(Don't Fear) The Reaper" no álbum Greatest Love Songs Vol. 666 (1997), onde mostran o seu talento para versionar grandes cancións en clave love metal.

https://youtu.be/jvxRTs9bVoo

Unha das últimas boas versións que se fixeron da canción de Blue Oÿster Cult é a The Beautiful South no álbum Golddiggas, Headnodders and Pholk Songs (2004).

https://youtu.be/HEwkXUR-5Ww