martes, 12 de xuño de 2012

Running Up that Hill

Kate Bush é unha das grandes damas do rock desde o seu debut en 1978 con The Kick Inside que contiña "Wuthering Heights", unha canción baseada na famosa novela de Emily Brontë, e que lle abriría as portas da fama a Kate Bush, aínda que é inxusto considerar que The Kick Inside é un gran disco só por esa canción, xa que non hai que desmerecer os demais cortes do álbum, tamén grandes cancións como "Strange Phenomena" e  "Them Heavy People", que quedaron eclipsadas por "Wuthering Heights". En calquera caso, Kate Bush seguiunos ofrecendo excelentes traballos cargados de boa música e grandes cancións, o último o pasado ano cun disco moi orixinal sobre o Nadal 50 Words for Snow, máis que recomendable. Hoxe en cambio imos quedar cun dos seus grandes temas "Running Up that Hill" do seu quinto traballo Hounds of Love (1985), que orixinariamente se ía chamar "A Deal with God", pero á súa discográfica non lle gustou o título e finalmente quedou como "Running Up that Hill", que Kate Bush tamén ten cantado con David Gilmour nalgunha ocasión.


En 2003 gravouse unha das versións máis importantes desta canción a cargo da banda de rock sinfónico Within Temptation, aínda que finalmente non a incluiron en ningún disco, malia que filmaron un videoclip.


Tampouco debe pasar desapercibida a versión que Placebo fixo para a edición especial do seu álbum Sleeping with Ghosts, que relanzaron en 2007, catro anos despois da primeira publicación.


Tamén se ten sinalado a influencia desta canción no tema de Coldplay "Speed of Sound", primeiro single do seu terceiro disco X&Y (2005).

 http://www.goear.com/listen/f903e2f/speed-of-sound-cold-play

E xa menos evidente talvez a melodía, a canción de Efecto Mariposa "Otra historia", do álbum Complejidad (2005) parece ter ecos que remiten o tema de Kate Bush.

http://youtu.be/pHtK7ESq3OU

luns, 11 de xuño de 2012

Old Man

Unha das bandas americanas pioneiras da psicodelia foi Love. Xurdida a mediados dos anos 60, moi pronto este grupo procedente de California escribiría o seu nome dentro dos novos xéneros do rock que a comezos dos anos 70 se empezaban a espallar. Nese senso, o estilo de Love abarca diversos estilos, desde o rock máis clásico e o R&B pasando pola psicodelia, o folk rock e o garage. O seu terceiro disco Forever Changes (1967) é dos máis importantes da súa traxectoria, con cancións tan sensacionais como "Old Man", escrita por Bryan MacLean.


A pesar da súa xuventude, Emilio José ten tras de si unha carreira certamente prolífica. Comezou moi novo no grupo experimental Ápeiron e tamén participa no proxecto Pescando em Copacabana sobre música brasileira, onde é indispensable a samba e a bossa nova, así coma calquera cousa que teña que ver con Brasil. Non contento con iso só, este mozo de Quins, do concello ourensán de Melón, comezou unha interesante carreira en solitario en 2009 coa publicación de Chorando Apréndese, un álbum que bebe das influencias máis variadas. En "Wifi no Casal", é notoria a presenza de Love.

venres, 8 de xuño de 2012

The Killing Moon

Echo & the Bunnymen é unha das bandas británicas que pertencen á xeración que se formou a finais dos 70 en Reino Unido trala eclosión do punk. Cun estilo moi persoal debido ante todo ó seu líder Ian McCulloch e as contribucións dos demais membros como o guitarrista Les Pattinson e o batería Pete de Freitas, en 1984, coa publicación do seu cuarto disco Ocean Rain, quedaba máis que demostrado que esta banda de Liverpool era unha das máis interesantes do panorama dos 80.


O estilo de Echo & the Bunnymen podémolo rastrexar en moitas bandas posteriores, como por exemplo Arcade Fire. No seu álbum de debut Funeral (2004) é onde mellor se aprecia esa posible influencia, concretamente no tema "Crown of Love".

xoves, 7 de xuño de 2012

Everybody's Got to Learn Sometime

Como acontece con moitos grupos e artistas, The Korgis fica na memoria colectiva da xente por unha soa canción que perpetuou  á banda de James Warren na historia musical do pop. Pero que canción! "Everybody's Got to Learn Sometime", do segundo álbum da banda británica Dumb Waiters (1980) é das baladas máis espectaculares da década dos 80.


Unha das versións máis interesantes é a que fixo Beck para a a banda sonora da película Eternal Sunshine of the Spotless Man en 2004.


Dese ano tamén destaca a versión que fixo Zucchero con Vanessa Carlton, e en 2008 apareceron novas versións a cargo de Krezip, Daniël Lohues, Laidback  Luke, Robyn Loau e Glasvegas e  en 2009 destaca a dos suecos The Field, do álbum Yesterday and Today; pero imos quedar agora coa de Sharon Corr de 2010 do seu álbum en solitario Dream of You.

mércores, 6 de xuño de 2012

Dime que me quieres

A mediados dos anos 70, antes de que o fenómeno da Movida madrileña convulsionase o panorama pop-rock español, as listas de vendas españolas enchéronse de frescura coa aparición dunha banda hispano-arxentina, Tequila. A súa proposta dun rock divertido e dinámico pronto calou nos adolescentes da época e Tequila pasou a ser unha desas bandas imprescindibles en calquera festa. Co tempo, os seus compoñentes máis carismáticos seguirían apegados ó mundo da música; Alejo Stível,  o cantante, é  un importante produtor que está detrás dos comezos de moitos grupos que hoxe gozan dun importante éxito como La Oreja de Van Gogh e M-Clan; e Ariel Rot, o guitarrista, continuou cunha brillante carreira tanto en Los Rodríguez, onde coincidiu con Andrés Calamaro, como en solitario. "Dime que Me Quieres", unha das cancións máis importante de Tequila, pechaba o terceiro disco da banda Viva Tequila! (1980).


Unha das versións máis importantes desta canción foi a de Los Piratas, que en 1995 a incluíron no seu álbum Poligamia. A nova versión serviu para recuperar a música de Tequila e volver pór de actualidade unha das súas cancións máis representativas.


Pero a reivindicación de Tequila como parte fundamental na música pop-rock española  chegaría en 1997 cun disco de homenaxe onde unha galería de artistas e grupos versionan boa parte do repertorio de Tequila. En Mucho Tequila destaca a versión de "Dime que me Quieres" que fixeron Los Lunes, un grupo melódico, que lle deron a volta á canción. Dun tema rock pasamos a unha balada. O resultado admite todo tipo de conclusións.

martes, 5 de xuño de 2012

Knockin' on Heaven's Door

Non é doado saber cal é a canción máis versionada de Bob Dylan. O cantautor de Minesota compuxo tal cantidade de himnos que case non hai artista ou banda que non se resistise algunha vez a gravar ou a tocar nun concerto algo asinado por Dylan. "Knockin' on Heaven's Door" que naceu para a banda sonora da película Pat  Garret & Billy the Kid (1973), pero hoxe en día é unha das cancións máis lembradas de Bob Dylan.


Unha das versións máis personais é a que gravou Arthur Louis en xullo de 1975 dándolle un toque reggae.


Un mes máis tarde e baseándose na interpretación de Artur Louis, Eric Clapton, lanzou a súa versión como single que  acadou maior recoñecemento ca a de Louis.


Nos anos 90, "Knockin' on Heaven's Door" volvería a soar con forza grazas a versión rockeira de Guns N' Roses, que curiosamente tamén a gravaron para unha película Days of Thunder (1990). A banda de Axl Rose incluiríaa no seu seguinte álbum Use Your Illusion II (1991) e converteuse nun dos grandes singles da banda.

 http://www.goear.com/listen/c6fd891/knockin-on-heavens-door-guns-and-roses

E a comezos do ano 2000 "Knockin' on Heaven's Door" volveu ter unha nova lectura na voz de Gabrielle, aínda que baixo a canción "Rise" que a artista británica incluíu no disco do mesmo título.

http://youtu.be/qDcmf_GhlZY




luns, 4 de xuño de 2012

Cuatro Rosas

A banda de Jaime Urrutia, Gabinete Caligari, é un dos máis representativos da movida madrileña. Sen deixar indiferente a ninguén cunha actitude provocativa e cun bo feixe de boas cancións, hoxe ocupan un lugar destacado dentro da historia da música rock española. Comezaron en 1981 e en 1984 publicaban Cuatro Rosas, un traballo máis intimista e lírico que rompía dalgún xeito co punk que impregnaba as súas primeiras composicións. O tema que lle dá título a este EP "Cuatro Rosas" é unha das grandes baladas de Gabinete Caligari, xunto con "Camino Soria", de 1987.



Como unha das grandes bandas rock dos 80, a influencia de Gabinete Caligari ía estar presente en grupos e artista posteriores, mesmo naqueles que teñen un estilo musical máis achegado á electrónica e que nun primeiro momento non parece identificarse con Gabinete Caligari. Un exemplo é o dúo formado por Alexandra Cabral e Carlos Ordóñez ó que bautizaron Grado 33, curiosamente o mesmo nome cunha canción do primeiro álbum de Gabinete Caligari, aínda que o rastro da banda de Jaime Urrutia é máis perceptible nalgunha das cancións do único disco publicado de Grado 33 Ya se Oculta el Sol (2002), que por outra parte, recolle as influencias doutros grupos da movida. En "Náufrago" hai certas similitudes con "Cuatro Rosas".


venres, 1 de xuño de 2012

Four Sticks

O cuarto álbum de Led Zeppelin Led Zeppelin IV (1971) contén algunhas das cancións máis emblemáticas da banda de Jimmy Page e Robert Plant, como "Starway to Heaven" (da que algún día falaremos), e "Four Sticks", que aparecía na cara B de "Rock and Roll". Lonxe do que poida parecer, é unha das cancións máis persoais de Plant e Page, aínda que o título débese ó batería John Bonham.


Ocean Colour Scene empregou a base da batería para o seu tema "The Riverboat Song", single de Moseley Shoals (1996), segundo álbum da banda de Birmingham comandada por Simon Fowler e que situaría a Ocean Colour Scene como unha das bandas máis destacas dos brit-pop, aínda que co tempo, non estean o suficientemente reivindicados. Ademais da súa excelente presentación con "The Riverboat Song", non hai que esquecer outras cancións deste grupo como "The Circle" e "The Day We Caught the Train" nese mesmo disco e posteriores como "Better Day"  e "Travellers Tune" de Marchin' Already (1997), así como o resto de discos publicados ata o de agora, que, se ben fan que non estean na primeira liña e nos postos máis altos das listas de vendas, conforman unha das traxectorias máis regulares de tódalas bandas británicas dos 90.

http://www.goear.com/listen/a092514/the-riverboat-song-ocean-colour-scene

Kings of Leon tamén teñen de referencia "Four Sticks" como ben se ve no seu tema "Four Kicks", do álbum Aha Shake Heartbreak (2004).

http://www.goear.com/listen/b7d2272/four-kicks-kings-of-leon