mércores, 14 de novembro de 2012

As

A andaina musical de Stevie Wonder é das máis prolíficas da historia. Nada estraño, xa que o cantante de Michigan comezou moi novo a compór enormes cancións e hoxe está aínda moi lonxe de pensar na retirada. De aí que en 1976 vise a luz o álbum Songs in the Key of Life que facía o número dezaoito na carreira de Stevie Wonder, un excelente traballo que incluía temas cunha forza tan grande como "As" que encerraban toda a esencia da súa música.












A mellor versión que se fixo deste tema é o que gravou George Michael para o seu álbum recompilatorio Ladies and Gentlemen: The Best of George Michael (1999), un precioso dueto con Mary J. Blige, que lle fai xustiza á versión orixinal.








martes, 13 de novembro de 2012

Kimberly

En 1975 saía publicado en Estados Unidos o álbum de debut de Patti Smith, Horses, producido por John Cale. O resultado viña a supoñer a consagración dunha cantautora ó rock cun primeiro disco decisivo que apostaba forte polo incipiente punk que conquistaría a música na segunda metade da década de 1970. Por outra banda, tamén foi decisivo para o movemento feminista que reivindicaba a presenza da muller no mundo do rock, ata daquela  dominado maioritariamente polos homes, sen caer nos estereotipos habituais que se empezaban a asociar a aquelas mulleres que se querían dedicar á música. Á marxe de todo isto, Horses, está cheo dunhas grandísimas cancións que influíron de maneira notable en músicos de moi diferentes estilos e tendencias. "Kimberly", o corte que abre a cara B do disco, é unha desas sensacionais cancións.


Johnny Marr e Morrisey, os principais componentes de The Smiths recoñeceron varias veces a infuencia que para eles tivo concretamente "Kimberly" no seu tema "The Hand That Rocks The Hardle", no álbum epónimo da banda de Manchester e que supuña o debut de The Smiths en 1984.

luns, 12 de novembro de 2012

Mi Rendición

A traxectoria de Carlos Goñi no panorama musical español remóntase os anos 80 cando o músico valenciano puxo en marcha Comité Cisne, un interesante proxecto cuxa música estaba bastante influída polo son de The Velvet Underground e de Lou Reed, do que mesmo chegaron a publicar un EP con tres temas seus. Non obstante, o gran público chegou a coñecer a Goñi grazas ó seu seguinte proxecto, Revólver, que mesturaba pop e rock sen renunciar á calidade. Coñecido por ser o Springsteen español, a finais de 1996 editou Calle Mayor, un dos mellores discos de Revólver. O single de lanzamento foi "Mi Rendición", unha das cancións con máis forza deste excelente álbum.


Unha banda que leva pouco tempo rodando polos escenarios do país, pero con integrantes bastante experimentados no mundo da música é El Olvido de Marilyn. Este grupo granadino formado polos irmáns Jorge e Javier Salas e por Nacho Velázquez e Gustavo debutaron en 2011 co álbum Laberinto de Emociones, pero nos seus concertos de vez en cambio sorprenden cunha versión acústica de "Mi Rendición", o que lles serve para gañar novos adeptos.

venres, 9 de novembro de 2012

Suspicious Minds

As obrigas como cidadán americano non liberaron a Elvis Presley de facer o servizo militar cando estaba no cumio da súa carreira e xa rexentaba o título indiscutible de rey do rock. A chamada a filas podía considerarse como un contratempo para os seus seguidores, ávidos de novas cancións de rock and roll, pero o seu mánager Colonel Tom Parker aproveitou para ensalzar aínda máis a imaxe do seu protexido; mesmo algúen tan importante como Elvis non renunciaba ó cumprimento do deber. Iso ocorreu en 1958 e cando Elvis volveu da mili uns anos despois, a música xa non xiraba en torno á figura do Rey. Así que en 1968 Elvis Presley instalouse en Las Vegas onde lle garantiron actuacións case diarias mentres tentaba remontar a súa carreira, que xa afastada do rockabilly, orientouse cara o pop e o soul. En 1969, sacou un dos singles máis impactantes que se lle recordan, unha fermosa balada chamada "Suspicious Minds", escrita por Mark James.


A principal versión que existe de "Suspicious Minds" débese ó grupo de Birmingham Fine Young Cannibals, que a incluíron no seu disco epónimo de 1986.

xoves, 8 de novembro de 2012

Train Kept A Rollin'

No espertar da década de 1950 cando a semente do rock empezaba a agromar a partir do blues e o jazz, Tiny Bradshaw, un dos principais cantantes de jazz gravou "Train Kept A Rollin'" en 1951, cun estilo que lembraba o swing máis clásico pero non pasaron moitos anos en ser adaptada ó novo son. 


Os primeiros que levaron "Train Kept A Rolling'" ás emerxentes listas de vendas do rock foron The Rock and Roll Trio en 1956, onde o carisma do seu líder Johnny Burnette chegou a eclipsar ó resto do grupo.


Unha das bandas que se sentiron cativadas por esta canción foi The Yardbirds. Tal foi o cariño que os integrantes da banda lle teñen ó tema de Bradshaw que por unha parte, Jimmy Page gravou unha nova versión cando formou Led Zeppelin, e anos despois Jeff Beck tamén fixo a súa propia versión para unha película. A versión de The Yardbirds está incluída no álbum Having a Rave Up with The Yardbirds (1965).


E baseándose no riff de guitarra da versión de Johnny Burnette, a banda de Ohio The Black Keys, unha das últimas sorpresas agradables que xurdiron nos últimos anos na música rock, crearon "Lonely Boy", o single de lanzamento do seu sétimo álbum El Camino (2011).

mércores, 7 de novembro de 2012

I Put a Spell on You

Unha desas cancións inesquecibles que marcaron unha época e que nunca pasarán de moda é "I Put a Spell on You". O seu creador, Screamin' Jay Hawkins, un cantante de soul e rhythm & blues, posiblemente non se imaxinou a repercusión que esta canción ía ter non só para aqueles artistas que fixeron do soul o seu estilo predilecto, senón tamén para os rockeiros, que non dubidaron en incorporar o son das súas guitarras ás notas de "I Put a Spell on You". Incluída no disco de Screamin' Jay Hawkins At Home with Screamin' Jay Hawkins (1956), a canción pasou totalmente desapercibida, pero precisamente serían os artistas que a acabaron versionando quen colocarían esta excelente canción nos anais da música.


Unha das primeiras versións que colocaron a canción máis famosa de Sreamin' Jay Hawkins nas listas de vendas foi a de Nina Simone en 1965. Unha das grandes damas do soul redescubriuna para o gran público nun momento fundamental na historia da música.


Pero unha das versións máis lembradas é a de Creedence Clearwater Revival do álbum epónimo da banda dos irmáns Fogerty publicado en 1968. Malia que foron os integrantes de The Animals, Alan Price, por un lado, e Eric Burdon por outro, dos primeiros en empregar a electricidade neste tema, en 1968 a versión de Creedence Clearwater Revival supuxo toda unha revolución.


E que dicir do aire glam que o líder de Roxy Music, Bryan Ferry lle deu a súa versión.


Mesmo a dj Sonique se animou a lanzala en versión electrónica para as pistas de baile nunha proba máis da atemporalidade deste tema, que conta tamén con excelentes versións de Joe Cocker, She & Him e a que gravou Joss Stone con Jeff Becker, todas recomendables. Alguén lle pode pedir máis a unha canción?


E para rematar, o tema de Frank Sinatra "The World We Knew (Over and Over), un tema tradicional ó que Sinatra lle engadiu os acordes de "I Put a Spell on You". Foi publicada en 1967 no álbum do mesmo título.

martes, 6 de novembro de 2012

Hard to Handle

O soul viviu unha época de esplendor durante a década dos 60 e unha das voces privilexiadas que ensalzou este estilo orixinario dos Estados Unidos foi Otis Redding. O malogrado cantante nacido en Dawson, no estado de Xeorxia, converteuse nunha lenda grazas a cancións como "Hard to Handle", un éxito póstumo publicado no verán de 1968, seis meses despois de que Redding perdese a vida; unha nova traxedia para o soul que se sumaba á perda de Sam Cooke uns anos antes.


Das numerosísimas versións de "Hard to Handle", os críticos musicais destacan a que fixo The Black Crowes no álbum Shake Your Money Maker (1990), o álbum de debut da banda dos irmáns Robinson, que acertan de cheo ó imprimirlle a "Hard to Handle" un toque rockeiro sen renunciar ó aire blues que emana a versión orixinal.

venres, 2 de novembro de 2012

One Step Ahead

A raíña indiscutible do soul, a gran Aretha Franklin comezou a forxar a súa lenda dende mediados dos anos 50 e nunca deixou de figuar o seu nome nas listas de vendas. Saber rodearse dos compositores adecuados, así como a carismática personalidade de Aretha formou unha combinación que elevou o soul a cotas que en principio parecian vetadas para un estilo clásico fronte o fenómeno rock que viviu a música na segunda metade do século XX. "One Step Ahead", unha das grandes baladas de Aretha Franklin publicouse en 1965.


O retrouso de "One Step Ahead" sampleouno o rapeiro Mos Def para crear un dos mellores temas de hip-hop dos noventa "Ms Fat Boody" do álbum Black on Both Sides (1999).