martes, 12 de febreiro de 2013

When the Levee Breaks

Hai certas cancións que se poden considerar verdadeiros xermolos doutras que, con posterioridade, son moito máis recoñecidas, pero sen esas notas ou eses acordes da canción primitiva apenas chegarían a ser o que son. Xa temos visto aquí algúns exemplos e hoxe imos ver un máis. "When the Levee Breaks" é un blues de 1929, un mais da época, creado polo matrimonio Joe McCoy e Memphis Minnie.


A repercusión desta canción chegaría da man da versión que en 1971 farían os sempre presentes rapaces de Led Zeppelin. John Bonham, o batería da banda, imprimiulle un son que, aparte das demais versións que se fixeron a partir desta, serviría de sample para moitas outras cancións que, nalgúns casos, non gardan nin sequera unha pequena relación co xénero do blues nin do rock. Está incluída no disco Led Zeppelin IV.


Pois deixando de lado con pesar as versións de "When the Levee Breaks", algunhas tan boas como a de Perfect Circle, imos quedar con algunhas das cancións baseadas nese son de batería da versión inconfundible de Led Zeppelin, aínda que non imos incluír a de Neneh Cherry, que veremos noutra entrada. Empezamos entón coa do proxecto de Michael Cretu, Enigma, tamén empregou o mesmo son para o seu gran éxito dese anos "Return to Innocence", no álbum The Cross of Changes, algo que repeterían en 1999 coa canción "Gravity of Love".


De 1994 tamén é a canción de Mike Oldfield "Magellan", do álbum The Songs of Distant Earth sen renunciar o toque celta tan característico da música deste compositor. 


Björk tamén se basea na versión de Led Zeppelin en "Army of Me", do disco Post (1995). Por suposto, a lista destas cancións é moitísimo máis ampla, mais estes exemplos son algúns dos máis interesantes.

luns, 11 de febreiro de 2013

A Day in the Life

O talento creativo do tándem composto por John Lennon e Paul McCartney proporcionou á música algúns dos momentos máis memorables na historia do rock e ese talento culminou nesa obra mestra que é Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band, un dos discos que os Beatles publicaron en 1967, que se pecha con "A Day in the Life", unha canción que sorprende pola orquestración que lle dá un aire sinfónico.


O produtor de Sgt. Pepper's Lonely Heats Club Band é George Martin, cuxo traballo sempre se asociou á sona dos catro grandes de Liverpool, pero Martin tamén produciu os discos de outros artistas, sobre todo trala separación dos Beatles. Unha desas bandas que traballou con George Martin é Cheap Trick, que en 1980 contaron con el para a produción do álbum All Shook Up e evidentemente, nótase a influencia dos Beatles. En "Stop This Game", o comezo resulta parecido ó de "A Day in the Life" por ese toque de orquestra sinfónica que marca as primeiras notas da canción.

http://youtu.be/as62Ad4EvkE

Do mesmo xeito, a parte final de "A Day in the Life" reprodúcese nas úlitmas notas da canción de New Order "Every Little Counts", do álbum Brotherhood (1986).

http://youtu.be/V2KZ2PWwQyQ

venres, 8 de febreiro de 2013

Can I Get a Witness

Un dos primeiros éxitos que tivo Marvin Gaye no selo discográfico Tamla Motown foi "Can I Get A Witness" en 1963. Cunha instrumentación a cargo de The Funk Brothers, responsables de case tódolas cancións que pasaban polos estudos da Motown, "Can I Get A Witness" representa o melloriño do boogie e tamén un dos mellores exemplos da mestura entre soul e rock que se fixeron na discográfica de Berry Gordy Jr. The Supremes tamén colaboran nesta canción nos coros.


"Can I Get a Witness" é dos temas máis versionados de Gaye por artistas rockeiros, precisamente por estar algo máis afastado do soul respecto ás cancións que acostumaba gravar Marvin Gaye. A máis significativa é a dos Rolling Stones, que a incluiron no álbum epónimo de 1964 co que a banda de Mick Jagger e Keith Richards debutaban na escena musical.

xoves, 7 de febreiro de 2013

Crimson and Clover

Tommy James and the Shondells viviron a súa etapa de esplendor tralo éxito que supuxo "Mony, Mony", aquela animada canción que tan ben conquitou ó público maila crítica. Mais se daquela todo o mundo deu en pensar que esta banda procedente de Michigan só sabía chegar á fama con cancións cun ritmo frenético, o propio Tommy James e o batería do grupo Peter Lucia Jr. demostraron que tampouco se lles daban nada mal as baladas, como o outro gran bombazo de Tommy James and the Shondells: "Crimson and Clover" é unha das cancións máis coñecidas e dálle título ó álbum de 1968.


Foi tal a repercusión de "Crimson and Clover" que mesmo os componentes da influente The Velvet Underground baseáronse nela para crear o tema instrumental "Ride into the Sun" (1969) con certas reminiscencias de "Crimson and Clover", que xa non se recollen na versión con letra que fixo uns anos despois Lou Reed.


"Crimson and Clover" é unha das cancións máis versionadas de tódolos tempos. A última que tivo certa transcendencia é a de Prince, pero seguramente a máis lembrada sexa a de Joan Jett en 1981 no disco I Love Rock 'n'  Roll.


Respecto ós samples de "Crimson and Clover", un dos primeiros foi o que aparece na canción "Black Magic" de Jarvis Cocker. O líder de Pulp incluíuna no seu álbum en solitario Jarvis (2006).


Tamén recorre a "Crimson and Clover" Tanya Stephens na súa canción "Think It Over" no disco Ruff Rider (1998). Esta artista mestúraa co ritmo reggae co que popularizou a súa carreira, malia que áinda non lle chegou á sona internacional.



Janelle Monae no seu debut The ArchAndroid (2010) tamén parece botar man de "Crimson and Clover". A influencia do tema de Tommy James déixase notar na canción "Mushrooms and Roses".



mércores, 6 de febreiro de 2013

Black Is Black

A revolución que supuxo o rock nos anos 60 para a escena musical internacional foi máis aló dos países anglosaxóns. O son de grupos como os Beatles, os Beach Boys e os Stones chegaban a todas partes grazas sobre todo os movementos migratorios, esenciais para que o rock callase en calquera lugar. O seu contaxio foi tal que pronto comezaron a aparecer bandas locais que imitaban os novos sons. Na España da época, onde todo o que viña do estranxeiro se vía co máximo receo por parte das autoridades, uns cantos grupos se encargaron de moderniza-la música en castelán cos novos aíres que chegaban de Gran Bretaña e os Estados Unidos. Os máis importantes foron o Dúo Dinámico, Los Brincos e Los Bravos. Estes últimos mesmo acadaron un feito histórico; como eran os únicos que cantaban en inglés, a súa canción "Black is Black" chegou ó número 1 das listas de venda británicas e tamén ocupou os primeiros postos nas americanas en 1966. E é que a boa pronuncia do vocalista alemán Mike Kennedy supuxo unha gran vantaxe para esta banda mítica.


A primeira versión que tivo certa transcendencia desta canción non se fixo en España senón en Francia. Johnny Hallyday adaptouna ó francés co título "Noir c'est Noir" en 1966. Non pasara nin un ano do lanzamento da versión orixinal.


Habería que esperar ata 1996 para que en España se fixese unha versión que volvese a ocupar un lugar nas listas de vendas nacionais, aínda que dende logo, moi lonxe das estatísticas de Los Bravos. A banda de Rafa Sánchez, La Unión, rescataba este tema do esquecemento no disco Hiperespacio.


A versión máis recente de "Back Is Black" é a que fixeron os asturianos Australian Blonde en 2000 no álbum Momento.


martes, 5 de febreiro de 2013

Hang On to Yourself

2013 estreouse cunha moi boa nova: o regreso de David Bowie tras case unha década de silencio. Trala colaboración con Arcade Fire en 2004 pouco máis se soubo do Duque Branco, mais vese que este período de inactividade xa rematou e para o mes de marzo teremos novo material de Bowie, que xa nos ofreceu un adianto con "Where Are We Now?", unha moi agradable sorpresa. Nestes tempos musicais convulsos, cunha oferta de estilos dispar, pero moi monótona respecto ás regras que rexen o mercado discográfico, agradécese que un dos artistas máis innovadores da música volva dar guerra. Para celebralo, hoxe ofrecémosvos "Hang On to Yourself", un single de 1971 que un ano despois foi incluído nunha das obras mestras de Bowie: The Rise and Fall of Ziggy Stardust and the Spiders from Mars.


En "Hang On to Yourself", Bowie introducía un ritmo que lembra moito ó punk que se habería de facer uns anos despois. De feito, moitos críticos cualifican este tema de protopunk e sinalan que foi decisivo para a creación de cancións punk como o "Teenage Lobotomy" de The Ramones que se inclúe no álbum de 1977 Rocket to Russia.

luns, 4 de febreiro de 2013

Hog Leg

O métal e o hardcore de finais dos anos 80 experimentaron un son moito máis duro do que se coñecía ata o momento, ata o punto de acadar niveis onde xa se confundía co ruído puro, prescindindo de calquera trazo de melodía. Era a época dourado do grunge, e a rabia que saía das guitarras de bandas coma Soundgarden, Green River e mesmo Rage Against the Machine, atopaban o seu público fiel nunha xuventude que liberaba así a súa frustación. Nese espazo tamén estaba presente The Melvins, a banda de Buzz Osborne, dispostos a labrarse un terreo no novo hardcore. En 1991 publicaron un EP, Eggnog, que contén "Hog Leg", un tema non apto para persoas con oídos sensibles.


En 1994, Beck consagrouse na música co seu terceiro álbum Mellow Gold cheo de éxitos como "Loser", que como xa vimos, contén un sample de Johnny Jenkins. Pero non só a gran canción dese disco contiña samples; sorprendentemente "Beercan" renova o son do tema de The Melvins.

venres, 1 de febreiro de 2013

Dance to the Music

Sly & the Stone Family foi unha das primeiras bandas que mesturou a psicodelia rock cos sons do soul dando comezo a un novo estilo que derivaría no funk tal como o coñecemos. A coidada produción dos seus traballos non pasou desapercibida nos círculos musicais americanos e o seu peculiar son pronto influíu en bandas e artistas consagrados como The Temptations. A canción que lle dá título ó segundo disco "Dance to the Music" (1968) é das que mellor representa a importancia que acadou co tempo Sly & the Stone Family.
 
 
Unha das primeiras cancións que emprega un sample desta canción de Sly & the Stone Family é "Burn the Bastards", un tema do grupo de house The KLF no segundo disco destes ingleses Who Killed the Jams? (1988).
 
 
En 1994, a canción de  Primal Scream "Rocks"  do álbum Give Out But Don't Give Up comeza cunha introdución que lembra moito a "Dance to the Music".