luns, 22 de abril de 2013

Bombay Calling

O fervedoiro musical que era a cidade de San Francisco a finais dos anos 60 repercutiu nunha cantidade enorme de bandas dedicadas ó rock, e moitas delas fixeron que a psicodelia, máis ca unha moda, tivese un sitio privilexiado dentro das correntes rock daqueles anos. Unha desas bandas que nos deixaron os 60 procedentes de San Francisco é It's a Beautiful Day, que se caracterizou por mesturar a formación clásica dos seus componentes cos ritmos folk e rock do momento. O seu primeiro álbum de longa duración It's a Beautifu Day (1969) contén o tema instrumental "Bombay Calling", un dos máis influentes.


A música de It's a Beautiful Day marcou ós membros de Deep Purple, que tan só un ano despois, no álbum Deep Purple in Rock (1970) incluían a canción "Child in Time", da que Ian Gillan recoñeceu en varias ocasións que estaba baseada en "Bombay Calling".



venres, 19 de abril de 2013

You're Not Stubborn

No ano 2010 os norirlandeses Two Door Cinema Club dábanse a coñecer cun disco que recuperaba os sons da New Wave, coma se de súpeto esta banda volvese dunha viaxe no tempo. Malia ese componente revival Tourist History tivo unha boa aceptación por parte dos críticos, que agradecían a frescura que esta nova banda lle imprimía a un estilo bastante trillado na súa época de esplendor e de feito, o disco que sacaron o ano pasado Beacon confirmou as expectativas de que Two Door Cinema Club é unha banda que hai que ter moi en conta. Tourist History péchase con "You're Not Stubborn", unha canción representativa do son New Wave.


E por cousas da vida, en 2011 produciuse acontecemento esperado por moitos: a volta á actualidade de The Cars, que despois de máis de vinte anos de silencio, publicaron un novo disco Move Like This con cancións totalmente novas, nada de recompilatorio de grandes éxitos con algún tema inédito. O primeiro single que se editou dese álbum é "Sad Song", que polo ritmo que ten, non é para nada unha canción triste. As reaccións a esta canción foron máis ben de escepticismo, xa que moitos críticos vírona coma unha canción máis do repertorio de The Cars e por suposto, moi semellante a outras do mesmo grupo. Mais para outros, a pregunta que máis lle rondaba na cabeza era se o incipiente éxito de Two Door Cinema Club non tería algo que ver con este regreso...

xoves, 18 de abril de 2013

Albatross

A primeira etapa de Fleetwood Mac está marcada por un maior apego da banda ó blues e ó rock, coa guitarra de Peter Green como protagonista indiscutible de case tódalas composicións. A súa forma de tocar serviulle de modelo a moitos guitarristas que non dubidaron en imitar a Peter Green. Deses primeiros anos da formación, destaca "Albatross", unha canción instrumental asinada polo propio Green, que viu a luz en 1968 como single independente que sería recompilado un ano máis tarde no disco English Rose (1969), o primeiro álbum de "grandes éxitos" da banda que ata o momento, só publicara dous discos de longa duración, os dous editados un ano antes.


A popularidade que acadou "Albatross" no ano 1968 conquistou tanto a John Lennon coma a Paul McCartney, que se inspiraron no son desta canción para compór "Sun King", un dos temas de Abbey Road (1969).



mércores, 17 de abril de 2013

Kashmir

Ás bandas de rock progresivo sempre lles gustou gravar cancións longas de máis de cinco minutos, xusto cando o formato que se impoñía era o de cancións algo máis curtas para que soasen nas radios, polo que as discográficas se vían na obriga de sacar unha edición especial. Pero en ningún momento iso supuxo un problema para os músicos, pioneiros do que logo habería ser o maxi-single que tanto triunfou nos 80. Unha desas bandas que tanto gozaban creando longas cancións é Led Zeppelin. Igual que o mítico "Starways to Heaven", nos discos de Led Zeppelin atopamos outras cancións como "Kashmir", de máis de oito minutos, cun son envolvente onde os haxa, e que tamén é un dos grandes temas de Jimmy Page e compañía. Pertence a Physical Graffiti, o álbum de 1975.


Unha das principais cancións inspirada en "Kashmir" é "Heaven Tonight", de Cheap Trick, onde a banda de Rick Nielsen tentou buscar un son envolvente parecido ó de Led Zeppelin nesa canción. "Heaven Tonight" editouse por primeira vez no álbum do mesmo título que apareceu no mercado en 1978, pero logo tamén aparecería na cara B dalgúns singles posteriores de Cheap Trick.

martes, 16 de abril de 2013

Man in Black

En 1970 Johnny Cash xa era un artista consagrado nos Estados Unidos cunha trintena de discos as súas costas, mais toda esa sona non volveu compracente ó artista country, que seguía comprometido coas causas sociais que se desenvolvían daquela e tampouco era alleo ós grandes problemas como a guerra de Vietnam, que ameazaba a estabilidade do país. Concienzado coa época convulsa na que se atopaba, en 1971 editou Man in Black, un dos traballos máis reivindicativos de Cash. A canción que lle dá título ó álbum é hoxe unha das cancións protesta máis recoñecibles desa década.


Johnny Cash é un referente para moitos artistas que adoptaron o seu estilo. En España un dos alumnos aventaxados de Cash é José María Sanz. En 1993 Loquillo y Los Trogloditas publicaron Mientras Respiremos, que contén unha fermosa versión de "Man in Black" en castelán chamada "El Hombre de Negro".


Posto que é unha das cancións favoritas de Loquillo, este volveu a ofrecer ós seus seguidores unha nova versión de "El Hombre de Negro" en Hermanos de Sangre (2006) que, ademais de contar cun son renovado, están presentes as voces doutros tres grandes intérpretes: Bunbury, Jaime Urrutia e Andrés Calamaro. Poucas cancións reúnen a tantos mestres.




luns, 15 de abril de 2013

Bedtime Story

A comezos dos anos 90 a repercusión que a música de Björk acadou en medio mundo non deixou indiferente a ninguén, nin tan sequera para a mesma Madonna, que cun olfacto privilexiado para atopar o éxito, decidiu contar coa colaboración da islandesa no álbum Bedtime Stories (1995). Xa no anterior disco de Madonna, Erotica (1992), a raíña do pop xa se reinventara probando cuns sons moito máis electrónicos sen renunciar ó seu estilo provocativo, que xa era formaba parte da posta en escena de Madonna. Para Bedtime Stories, Madonna conseguiu que Björk lle escribise un tema, o envolvente "Bedtime Story".

http://www.goear.com/listen/9576091/bedtime-story-madonna-

E moi pronto, a influencia deste tema de Madonna se fixo notar. En menos dun ano, Garbage gravaban "Number One Crush", unha canción para a banda sonora da película "Romeo e Xulieta", que xa aparecera nas caras B dalgúns singles que Garbage editaran. Algúns dos produtores desta canción son os mesmos que traballaron con Madonna e non dubidaron en engadir algún sample de "Bedtime Story" á canción de Garbage. Publicouse a finais de 1996 na banda sonora da película.

http://www.goear.com/listen/4b623dc/number-1-crush-garbage

venres, 12 de abril de 2013

Enjoy the Silence

Agora que Depeche Mode volveu á actualidade cun novo disco, imos lembrar "Enjoy the Silence", unha das cancións que incluíron en Violator (1990), o sétimo álbum da banda de Dave Gahan e Martin Gore, que fixo as delicias dos seus seguidores de sempre e conquistou milleiros de adeptos en todo o mundo, os que ata ese momento o son destes ingleses non acababa de convencer. De feito, ese disco, e máis en concreto "Enjoy the Silence" demostrou que Depeche Mode era algo máis que unha banda especializada na música oitenteira por excelencia e que o seu estilo inconfundible se habería de perpetuar no tempo, dándolle a Depeche Mode o estatus dun dos mellores grupos destas últimas décadas.


"Enjoy the Silence", convertida xa en referente, serviulle de base a Saint Etienne para crear "Duke Duvet", un tema instrumental, que aparecía na cara B do single "You're in a Bad Way", pertencente ó álbum So Tough (1993).

xoves, 11 de abril de 2013

Leningrad

Hoxe imos volver ver outro exemplo da influencia da música clásica na música contemporánea máis innovadora. É evidente que as obras clásicas non se caracterizan precisamente por ter títulos orixinais que as diferencien doutras obras e por "Sétima Sinfonía" podemos atopar a moitos compositores. Mais neste caso, referímonos á "Sétima Sinfonía" tamén coñecida como "Leningrad", de Dmitri Shostakovich, un dos compositores rusos que máis repercusión tivo no século XX. O seguinte fragmento pertence o cuarto movemento. A Sétima Sinfonía foi composta en 1941 e está concebida como un símbolo de resistencia ante o nacismo.


Precisamente, o cuarto movemento desta sinfonía empregouno Peter Fox na canción "Alles Neu" do álbum Stadtaffe (2008), nun dos mellores traballos de hip hop feitos en alemán.


"Alles Neu" foi a canción dese álbum que máis transcendencia tivo e de feito Plan B, que a ten versionado nalgunha ocasión, sampleouna en "Ill Manors", unha canción de denuncia social que o cantautor Ben Drew incluiu no álbum homónimo de 2012. Toda unha reviravolta dende a composición de Shostakovich.