venres, 24 de xaneiro de 2014

The Rockafeller Skank

Norman Cook é un dos músicos con menos acougo do Reino Unido, pois durante a súa carreira, que comezou a comezos dos anos 80, levou a cabo proxectos musicais de todo tipo. A maioría da xente recórdao sobre todo por The Housemartins, unha bandas que nos anos 80 triunfou con cancións como  a versión  a capella de "Caravan of Love". Tampouco hai que esquecer a Freak Power, banda de brevísima traxectoria, pero do máis interesante, que a mediados dos 90 engalanou os oídos dos melómanos con "Turn On, Turn In, Cup Out", que estaba no únido disco editado Drive-Thru Booty (1994). Pois ben, a penúltima aventura de Norman Cook, Fatboy Slim, tivo un éxito comparable ou incluso superior á de The Housemartins. A popularidade de Fatboy Slim disparouse sobre todo coa publicación do single "The Rockafeller Skank", un compendio de distintos samples como veremos a continuación, pertencente ó album You've Come a Long Way, Baby (1998). De momento, con The Brighton Port Authority aínda non deu coa tecla do éxito masivo que tivo con Fatboy Slim.


Unha das cancións empregadas por Norman Cook e tamén a que máis se evidencia en "The Rockafeller Skank" é a instrumental de Just Brothers "Sliced Tomatoes" do ano 1972.


A letra do retrouso, e que se repite a cada momento está sacada da canción de Lord Finesse "Vynil Dog Vibe". A canción comeza con esa frase para acabar sendo un tema instrumental.


Tamén está presente a famosa versión de Bobby Fuller de  "I Fought the Law (and the Law Won)" en 1965.


E tamén se pode apreciar a canción de Art of the Noise "Peter Gunn", do álbum In Visible Silence (1984), no que participa Duane Eddy.

xoves, 23 de xaneiro de 2014

Go Your Own Way

Boa parte do álbum Rumours (1977), un dos máis exitosos na carreira de Fleetwood Mac, está alimentado polas constantes tensións que vivían os integrantes do grupo. Os problemas na vida privada cada vez estaban máis presentes no traballo de composición e gravación dese álbum e ameazaban o futuro da banda. Con todo, a vertente profesional predominou a situación e Rumours deixou constancia dun dos períodos máis complicados polos que pasou Fleetwood Mac en forma dunhas excelentes cancións. Posiblemente, a máis representativa sexa "Go Your Own Way", escrita por Lindsey Buckingham en torno a súa conflitiva relación con Stevie Nicks. "Go Your Own Way" escolleuse como single de promoción e pronto se situou como un dos máis vendidos en todo o mundo.


Nos últimos anos, algúns artistas non dubidaron en empregar "Go Your Own Way" nalgunha das súas composicións, e como acostuma nestes casos, ningunha desas cancións novas consegue facerlle sombra á orixinal. O último Karl Wolf, que co mesmo título, fixo unha especie de versión en 2013, acompañado de Reema Major.


Aínda que das versións máis sorprendentes de "Go Your Own Way" é sen dúbida a de Biffy Clyro en 2004 en clave garage rock.





mércores, 22 de xaneiro de 2014

Pretty Little Ditty

Ata a publicación do cuarto disco Red Hot Chili Peppers era unha banda de rock alternativo non demasiado coñecida máis aló das fronteiras dos Estados Unidos, pero cando Anthony Kiedis, Chad Smith, Flea e John Frusciante editaron Mother's Milk no verán de 1989 quedaba claro que a banda se dirixía cara a un son máis comercial na procura de novas portas por abrir. E abofé que lograron o seu obxectivo con creces. Mother's Milk foi o disco máis vendido de Red Hot Chili Peppers nesa altura e xa anticipaba o éxito mundial que haberían de ter co seguinte traballo Blood Sugar Sex Magik dous anos despois e que suporía á chegada ó cumio para esta banda californiana. E por se fose pouco, no camiño ó estrelato o son de Red Hot Chili Peppers non precisou homoxeneizarse co de outras bandas parecidas que garantían un éxito rápido,  e Red Hot Chili Peppers puido conservar o seu estilo de facer música que co tempo, converteuse na súa pegada máis valorada. "Pretty Little Ditty" é unha das cancións incluídas nese cuarto álbum que, en certa medida, supuxo un punto de inflexión na andaina de Red Hot Chili Peppers.


"Pretty Little Ditty" ten unha segunda vida no tema de Crazy Town "Butterfly", do álbum The Gift of Game (2000).

martes, 21 de xaneiro de 2014

Let's Dance

David Bowie comezou a décadas dos 80 da mesma maneira coa que rematou á anterior: triunfando e sen deixar en ningún momento de ser un referente. Se Scary Monsters (and Super Creeps) (1980) aínda se podía entender coma unha continuación dos discos anteriores, de feito, sinálase como o último da triloxía berlinesa, Let's Dance (1983) mostraba a un novo Bowie, que renunciaba á produción con Tony Visconti, co que tan ben lle fora, e decidía traballar con Nile Rodgers, sumándose así á moda de moitos grupos que vían no fundador de Chic a clave do éxito rápido, cousa que podería sorprender tratándose dun artista consagrado coma Bowie. En calquera caso, Let's Dance superou as expectativas e o single que lle daba título ó disco está considerada hoxe como unha das mellores cancións do Duque Branco.

http://youtu.be/N4d7Wp9kKjA

A transcendencia que pronto obtivo "Let's Dance" pode apreciarse nunha das cancións de Duran Duran, que por aquela época era unha das bandas máis importantes do momento. O comezo de "Union of the Snake", canción do terceiro disco Seven and the Ragged Tiger, publicado a finais do ano 1983 ten algúns trazos que lembran a Bowie.

http://youtu.be/tyC3b_WG7N0

De "Let's Dance" tamén se sacaron samples moito máis recoñecibles, sobre todo por artistas de hip hop, coma Puff Duddy, que no álbum No Way Out (1997) incluíu este tema "Been Around the World", xunto con Notorious B.I.G e Mase baseado en "Let's Dance".

http://youtu.be/MCoAwpQagm0

O mesmo camiño seguiu Craig David en "Hot Stuff" no álbum Trust Me (2007).

http://youtu.be/LijjQi5l6bw

Tampouco ten maior historia a canción reggae de Collie Buddz "My Everything", de 2009, o sample só está ó comezo e quizais sexa o maior mérito da canción. Hai algunha máis, pero tampouco vale moito a pena mostralas. Con estas son suficientes.

http://youtu.be/XKqqGgeMmlg

luns, 20 de xaneiro de 2014

Cerca de Shibuya

O estilo "bubblegum" que envolveu o pop a mediados dos anos 60 sempre foi visto con recelo pola crítica máis feroz. Letras sinxeliñas, melodía que se mete na cabeza e non sae, unha produción non moi complicada... pero en todo hai categorías, e non hai que confundir temas pop que apostan por un estilo moi apegado ó "bubblegum" sen renunciar á calidade coas cancións típicas do verán. E por se aínda queda algunha dúbida en onde está a diferenza, só hai que botar unha ollada (ou mellor dito un oído) ós traballos musicais que Guille Milkyway elaborou no seu proxecto La Casa Azul. No ano 2000 vía a luz o primeiro disco El Sonido Efervescente de La Casa Azul onde se atopa unha pequena marabilla como "Cerca de Shibuya", que fixo as delicias de crítica e público cansos da superficialidade que con frecuencia acompaña ó pop. Porque xa se sabe, sinxeleza non sempre é sinónimo de simpleza.

http://youtu.be/X4exRA4E-I4

Fixástevos nas primeirísimas notas coas que comeza "Cerca de Shibuya"? Moitos acordámonos dela ó escoitar a canción de La Oreja de Van Gogh "20 de Enero", que empeza dunha maneira moi similar, aínda que logo non se pareza en nada. "20 de Enero" pertence ó terceiro disco dos donostiarras Lo que te conté mientras te hacías la dormida (2003).

http://youtu.be/_AUgO4HF1Iw

venres, 17 de xaneiro de 2014

You Can't Hide Love

Nos primeiros anos 70 cando o funk, o R&B e o sonido disco comezaban a coller forza, unha serie de artistas e grupos novos empezaron as súas carreiras nas discográficas que máis apostaban polas novas tendencias musicais. Ó mesmo tempo, uns cantos novos compositores atoparon a forma de adecuar o seu estilo ós novos sons, coma o caso de Skip Scarborough, que ía ser o autor de moitos éxitos de R&B e de soul. Unha das súas primeiras composicións "You Can't Hide Love" foi a parar ás voces de Creative Source, unha desas novas bandas que trataban de dar co seu sitio nun eido aínda cheo de posiblidades. "You Can't Hide Love" foi o single co que debutaron en 1973, pero aínda así non cumpriron coas expectativas creadas.

http://youtu.be/KIo6bSxwOHg

Tempo despois, en 1975 Earth, Wind & Fire rescataron a canción para o álbum  Gratitude co título "Can't Hide Love". Xa daquela, a banda formada en Chicago conseguira un notable éxito co disco de debut That's the Way of the World que editaran ese mesmo ano, o suficiente para que acabasen 1975 publicando o dobre álbum Gratitude e seguir no máis alto.

http://youtu.be/wr0ekZlcM8E

Xa máis recentemente, "Can't Hide Love" serviulle de base a Raheem De Vaughn na canción "Guess Who Loves You More", do álbum The Love Experience (2005).

http://youtu.be/5a466N64oe4

E en clave jazz, Esperanza Spalding logrou incorporala ó tema "Jazz Ain't Nothin' But Soul" no álbum Radio Music Society (2012).

xoves, 16 de xaneiro de 2014

John the Revelator

A figura do apóstolo San Xoán, tamén como coñecido nos países anglosaxóns como Xoán o Revelador por escribir o libro da Apocalipse, suscitou un dos himnos gospel máis famosos. En 1930 Blind Willie Johnson entrou nun estudio de gravación de Columbia Records para deixar constancia da beleza deste himno, que cun toque blues, ía lograr pervivir ata chegar ós nosos días como un referente para moitos artistas. 


Unha das versións que se fixeron de "John the Revelator" é a de Son House no álbum The Legendary Son House: Father of the Folk Blues (1965). Tamén en clave gospel blues coma na de Blind Willie Johnson, a de Son House é a capella. Tamén introduciu importantes modificacións na letra e na melodía, aínda que mantén a mesma estrutura, pero que fai a súa versión totalmente diferente.


Pode dicirse que moitas das cancións que se escribiron sobre o evanxelista San Xoán inspíranse indirectamente no himno de Blind Willie Johnson malia que souberon afastarse dabondo, de tal xeito que mesmo ás veces é difícil identificar a orixe. Vexamos agora algúns exemplos recentes. O álbum de debut de The White Stripes está dedicado a Son House e a influencia do seu "John the Revelator" é clara na canción "Cannon". O álbum epónimo co que The White Stripes comezaban a súa andaina publicouse en 1999.

http://youtu.be/dJbftrcn41c

Tamén a canción que Dave Matthews  escribiu con Santana "JRT", do álbum The Lilywhite Sessions (2001), garda relación con "John the Revelator".

http://youtu.be/bKk-EFUwsaA

Os seguintes que tamén se inspiraron en "John the Revelator" son os membros da banda de heavy Clutch na canción "Profits of Doom", que aparece no álbum Blast Tyrant (2004).

http://youtu.be/M3XEIOqWtnA

E xa finalmente, a canción que máis repercusión tivo nos últimos anos co título de "John the Revelator", foi a de Depeche Mode no disco Playing the Angel (2006).

http://youtu.be/752Gev1guKw



mércores, 15 de xaneiro de 2014

Vicious

Unha das peores noticias do pasado ano de 2013 foi o falecemento de Lou Reed. A que fora unha das voces principais de The Velvet Underground e que logo sería un dos músicos máis influentes para toda unha nova xeración de artistas no mundo enteiro, soubera sobrepoñerse ó longo da vida á súa convivencia cos excesos, pero os problemas de saúde dos últimos tempos acabaron nun fatal desenlace. En calquera caso, o seu legado musical é enorme, e se xa con The Velvet Underground se fixera cun nome de peso, Lou Reed comezou unha carreira en solitario que dende o primeiro disco, deixaba ben claro que tiña moito por dicir. En 1972 publicou o segundo, Transformer, coa produción a cargo de David Bowie e Mick Ronson, onde se atopa a súa canción máis coñecida, "Walk on the Wild Side", pero o resto de cortes que compoñen o album non quedan atrás. "Vicious", co que se abre o disco, é tamén unha das grandes cancións de Lou Reed.


Os ecos de "Vicious" chegan ata un dos temas de Pereza presente no álbum Aproximaciones (2007). En "Grupis", a sombra de Lou Reed é alongada. Nesta canción, Rubén e Leiva contaron coa colaboración do guitarrista Mick Taylor.