martes, 3 de febreiro de 2015

Semilla Negra

Radio Futura comezou como unha banda de rock da Movida pero non tardou en introducir paulatinamente os sons latinos na súa música desde moi cedo, o que lle conferiu un estilo propio, diferente das propostas das outras bandas da mesma xeración. Unha das primeiras achegas neste terreo foi "Semilla Negra", unha canción que aparece por primeira vez no segundo disco da banda dos irmáns Auserón La ley del desierto / La ley del mar (1984) e que habería de funcionar moi ben, tanto que vai decantar as preferencias do grupo, cada vez maiores, cara ós xéneros de fusión. Nun primeiro momento, esta canción estaba pensada para Miguel Bosé, pero este rexeitouna, así que se incorporou ó repertorio de Radio Futura con tan boa sorte, que ía ser unha das favoritas da banda.


"Semilla Negra" adoita estar en calquera recompilatorio de Radio Futura como no álbum en concerto que editaron en 1989. Logo tamén se habería incorporar ó disco Tierra para bailar (1992) con lixeiros cambios que haberían culminar na versión do recompilatorio Memoria del porvenir (1998), onde se acentúa o son funk e rockeiro.


No álbum tributo á Radio Futura, Arde la calle (2004) Marlango fai unha versión de "Semilla Negra" que nada ten que ver coas anteriores dos irmáns Auserón.

luns, 2 de febreiro de 2015

Down by the River

Os discos que Neil Young publicou con The Crazy Horse son dos máis importantes na carreira do músico canadense tralo seu paso por Buffalo Springfield. Con Everybody Knows This Is Nowhere (1969), Young rodeouse dos componentes de Crazy Horse, e con esta banda habería de editar uns cantos álbums cos que se convetería nunha das figuras emblemáticas do rock. Nese álbum atopamos cancións coma "Cowgirl in the Sand", "Cinnamon Girl" e "Down by the River", que xustifican por si soas un dos traballos discográficos fundamentais de finais dos anos sesenta. Despois de escoitar no seu momento "Cinnamon Girl", hoxe dedicámoslle unha entrada a "Down by the River", que foi a encargada de presentar o disco. A duración deste single é de tres minutos, pero no álbum ronda os nove minutos, sen que en ningún intre dea a impresión de que sobren minutos.


 "Any Colour You Like", pertencente a The Dark Side of the Moon (1973) ten un son que parece tomado directamente da canción de Neil Young.

venres, 30 de xaneiro de 2015

Always on My Mind

Johnny Christopher, Wayne Carson e Mark James escribiron unha canción inmortal que, curiosamente, malia estar concibida como un tema country, habería triunfar como balada e despois, como canción de música electrónica. O caso é que a comezos dos setenta, estes compositores tiñan unha execelente canción que lle ofreceron a dúas cantantes con estilos bastante dispares: a Brenda Lee, máis próxima ó pop, ó country e o rockabilly; e a Gwen McCrae, cuxa carreira estaba máis orientada cara ó soul e o R&B, pero a ambas a canción encantoulles e publicaron cadansúa versión en 1972. A de Brenda Lee tivo máis algo máis de éxito nas listas country e finalmente aparecería no álbum epónimo da artista publicado en 1973. 

http://youtu.be/ywZcPC9Uwho

A de Gwen McCrae tivo un éxito máis discreto, pero ó igual que a de Brenda Lee, foi das primeiras en gravar esta canción uns meses antes de que aparecese a versión de Elvis Presley, coa que "Always on My Mind" acadaría a máxima popularidade.

http://youtu.be/hj90zb8CAJQ

Porque ademais de Brenda Lee e Gwen McCrae, en 1972 a canción tamén lle chegou a Elvis Presley, que a gravou pouco despois de separarse de Priscilla, pero non se editou ata o mes de novembro. Con esta versión Elvis volveu a ocupar os primeiros postos das listas.

http://youtu.be/u9sRJ-eOHnc

Xa nos oitenta, a versión de Pet Shop Boys con son electrónico, devolvería a "Always on My Mind" á primiera liña de actualidade. Aparece en Introspective (1988), terceiro disco do dúo británico.

xoves, 29 de xaneiro de 2015

Wonderful Land

Coma se lle encargasen a banda sonora dunha película do Oeste, The Shadows editaba en 1962 "Wonderful Land", un single cun son que evocaba o cine de indios e de vaqueiros, tan de moda naqueles anos. O tema, totalmente instrumental, afondaba unha vez máis no gusto de Jerry Lordan por esta temática, xa que dous anos antes compuxera tamén para The Shadows "Apache", outra canción intrumental cuxo título indica perfectamente o contido. Mais se alguén puidese pensar que a aposta de The Shadows por outro single que reiteraba un estilo de música que xa probaran antes era un erro, cómpre indicarlle que non leva razón, pois "Wonderful Land" acadou sen grandes dificultades o primeiro posto das listas británicas.


Mike Oldfield gravou unha das versións máis coñecidas en QE2 (1980), prescindindo para a ocasión dese son western propio da orixinal e introducindo unha guitarra eléctrica, co que lle dá unha dimensión nova ó tema de The Shadows.


Non obstante, a versión que fixeron conxuntamente Hank Marvin e Mark Knopfler no ano 1993 achégase bastante máis á orixinal que a de Mike Oldfield. Pertence a Heartbeat (1993), un álbum producido por Jeff Lynne, alma máter da Electric Light Orchestra.

mércores, 28 de xaneiro de 2015

I'll Go Crazy If I Don't Go Crazy Tonight

Mentres preparaba o disco de The Black Eyed Peas The E.N.D. (2009), Will.i.am participou na produción de "I'll Go Crazy If I Don't Go Crazy Tonight", unha das cancións de No Line on the Horizon (2009), o esperado álbum de U2 tras How to Dismantle an Atomic Bomb (2004), e quedou tan encantado coa melodía que non puido menos que inspirarse nela para unha das novas cancións do seu grupo. Por esas cousas que nunca se acaban moi ben de entender, "I'll Go Crazy If I Don't Go Crazy Tonight" escolleuse como terceiro single, pero non puido cambiar a idea xeral de que o álbum, sen ser malo, era un fracaso, xa que coa pésima escolla dos singles,- "Get On Your Boots", o primeiro single, é de lonxe a peor canción de todas-, U2 lograra crear a percepción de que No Line on the Horizon non estaba á altura dunha das mellores bandas do mundo. Non obstante, asemade que isto se producía, The Black Eyed Peas arrasaba cun trallazo coma "I Gotta Feeling", herdeira do son de "I'll Go Crazy IF I Don't Go Crazy Tonight".


Nos últimos anos The Black Eyed Peas incrementou a súa popularidade con trallazos coma "I Gotta Feeling", que soaron en cada recanto do planeta de forma continua, ata o punto que a cancionciña chegaba a saturar a calquera de tan presente que estaba en todas partes. "I Gotta Feeling" era o single de presentación de The E.N.D. (2009), o quinto disco do grupo, que confirmaba a progresión que The Black Eyed Peas experimentaran nos últimos anos, e aínda que pareza incrible, o son do comezo, case imperceptible, está tomado da canción de U2.

martes, 27 de xaneiro de 2015

Take This Waltz

A obra poética de Federico García Lorca é universalmente coñecida máis aló das fronteiras españolas. O xenial poeta granadino, o máis representativo da Xeración do 27, pasou unha breve tempada en Nova York invitado pola Universidade de Columbia en 1929 durante a cal, puido ver os efectos inmediatos que produciu o crack da bolsa. Froito desas experiencias na cidade dos rañaceos, é o poemario Poeta en Nueva York, considerada polos especialistas como a mellor obra de todas as de Lorca. Indubidablemente, a influencia de Poeta en Nova York foi fundamental noutros autores que tiveron esta obra como referencia. Leonard Cohen, gran coñecedor da cultura española, rendeulle unha sentida homenaxe na canción "Take This Waltz", unha adaptación do poema "Pequeño vals vienés", que aparecería no álbum tributo Poets in New York (1986).

http://youtu.be/JQm1OmLMNno

Gran amante da música de Leonard Cohen e da obra literaria do seu paisano Lorca, Enrique Morente fixo un disco dedicado a ambos titulado Omega (1996) en colaboración con Lagartija Nick. Nel musicaliza algúns dos poemas de Lorca e non podían faltar as adaptacións musicais que Cohen xa realizara, aínda que esta vez en castelán e coa inconfudible arte flamenca de Morente. "Take This Waltz" volve ser o "Pequeño vals vienés".

http://youtu.be/QiPWkz54R0U

O interese pola obra de Lorca é unha constante na música española dos últimos anos, -tamén na galega, pois tampouco convén esquecer o traballo de Luar na Lubre cos poemas galegos do autor granadino-, así que cada pouco aparecen novos discos sobre a súa obra. Un dos máis importantes tralo de Morente, é o Lorquiana (1998) de Ana Belén, onde versiona o "Pequeño vals vienés" de Enrique Morente.

luns, 26 de xaneiro de 2015

Woman from Tokyo

Who Do We Think We Are (1973) é o sétimo álbum de Deep Purple, e marca o final da primeira etapa da banda, pois Ian Gillan, que como vocalista foi a imaxe máis visible da banda, e Roger Glover, que se encargaba do baixo, abandonaron Deep Purple, esgotados polo ambiente enrarecido que envolvía o grupo. A paréntese duraría ata 1984, cando ambos músicos volveron ó rego e o grupo recuperaba os membros cos que escribira unha páxina brillante na historia do hard rock. O single co que promocionaron ese álbum foi "Woman from Tokyo", que conseguiu ser unha das cancións máis recordadas da discografía de Deep Purple, nun dos discos de máis éxito da banda.


"Windy City", de Sweet, e que está recollido no álbum Off the Record (1977), toma algúns dos acordes de "Woman from Tokyo", mostrando deste xeito a influencia que Deep Purple exercía no hard rock dos anos setenta.

http://youtu.be/Dl71bMxMDWE

venres, 23 de xaneiro de 2015

Dub Be Good to Me

Un dos variados proxectos nos que se embarcou Norman Cook foi Beats International. Esta aventura de música electrónica apenas durou catro anos, pero foi o primeiro grupo no que Cook tivo contacto cos sintetizadores, a música funk, o electropop, que tanta axuda lle ía valer para desenvolverse noutros proxectos. Beats International xurdiu tralo remate de The Housemartins e precisamente por iso, a súa transcendencia é básica na carreira de Cook cara ós sons electrónicos que logo se haberían de reflectir tan ben en Fatboy Slim, a oesar de que a andaina de Beats International foi bastante breve. Só sacaron dous discos antes de disolverse. O primeiro foi Let Them Eat Bingo (1990) e tamén foi o que tivo máis éxito, grazas sobre todo a "Dub Be Good to Me", o single que conseguía mesturar a The Clash con The S.OS Band, dous grupos con estilos tan diferentes.


O tema de The Clash "The Guns of Brixton" é un nos que se apoiou "Dub Be Good to Me". Pertencente a London Calling (1984), "The Guns of Brixton" estrutura a través da melodía parte da canción de Beats International.


O outro alicerce que sostén "Dub Be Good to Me" é "Just Be Good to Me" de The S.O.S Band, que está en On the Rise (1983). Xa só o parecido no título indica que Beats International fixo unha revisión profunda deste tema aliñándoo de forma perfecta co de The Clash.


Esta última tamén foi orixe de numerosas cancións que empregaron as bases para temas novos. É o caso de "Just Be Good to Green" de Professor Green e Lily Allen, que está no álbum do primeiro Alive Till I'm Dead (2010).