mércores, 6 de xuño de 2012

Dime que me quieres

A mediados dos anos 70, antes de que o fenómeno da Movida madrileña convulsionase o panorama pop-rock español, as listas de vendas españolas enchéronse de frescura coa aparición dunha banda hispano-arxentina, Tequila. A súa proposta dun rock divertido e dinámico pronto calou nos adolescentes da época e Tequila pasou a ser unha desas bandas imprescindibles en calquera festa. Co tempo, os seus compoñentes máis carismáticos seguirían apegados ó mundo da música; Alejo Stível,  o cantante, é  un importante produtor que está detrás dos comezos de moitos grupos que hoxe gozan dun importante éxito como La Oreja de Van Gogh e M-Clan; e Ariel Rot, o guitarrista, continuou cunha brillante carreira tanto en Los Rodríguez, onde coincidiu con Andrés Calamaro, como en solitario. "Dime que Me Quieres", unha das cancións máis importante de Tequila, pechaba o terceiro disco da banda Viva Tequila! (1980).


Unha das versións máis importantes desta canción foi a de Los Piratas, que en 1995 a incluíron no seu álbum Poligamia. A nova versión serviu para recuperar a música de Tequila e volver pór de actualidade unha das súas cancións máis representativas.


Pero a reivindicación de Tequila como parte fundamental na música pop-rock española  chegaría en 1997 cun disco de homenaxe onde unha galería de artistas e grupos versionan boa parte do repertorio de Tequila. En Mucho Tequila destaca a versión de "Dime que me Quieres" que fixeron Los Lunes, un grupo melódico, que lle deron a volta á canción. Dun tema rock pasamos a unha balada. O resultado admite todo tipo de conclusións.

martes, 5 de xuño de 2012

Knockin' on Heaven's Door

Non é doado saber cal é a canción máis versionada de Bob Dylan. O cantautor de Minesota compuxo tal cantidade de himnos que case non hai artista ou banda que non se resistise algunha vez a gravar ou a tocar nun concerto algo asinado por Dylan. "Knockin' on Heaven's Door" que naceu para a banda sonora da película Pat  Garret & Billy the Kid (1973), pero hoxe en día é unha das cancións máis lembradas de Bob Dylan.


Unha das versións máis personais é a que gravou Arthur Louis en xullo de 1975 dándolle un toque reggae.


Un mes máis tarde e baseándose na interpretación de Artur Louis, Eric Clapton, lanzou a súa versión como single que  acadou maior recoñecemento ca a de Louis.


Nos anos 90, "Knockin' on Heaven's Door" volvería a soar con forza grazas a versión rockeira de Guns N' Roses, que curiosamente tamén a gravaron para unha película Days of Thunder (1990). A banda de Axl Rose incluiríaa no seu seguinte álbum Use Your Illusion II (1991) e converteuse nun dos grandes singles da banda.

 http://www.goear.com/listen/c6fd891/knockin-on-heavens-door-guns-and-roses

E a comezos do ano 2000 "Knockin' on Heaven's Door" volveu ter unha nova lectura na voz de Gabrielle, aínda que baixo a canción "Rise" que a artista británica incluíu no disco do mesmo título.

http://youtu.be/qDcmf_GhlZY




luns, 4 de xuño de 2012

Cuatro Rosas

A banda de Jaime Urrutia, Gabinete Caligari, é un dos máis representativos da movida madrileña. Sen deixar indiferente a ninguén cunha actitude provocativa e cun bo feixe de boas cancións, hoxe ocupan un lugar destacado dentro da historia da música rock española. Comezaron en 1981 e en 1984 publicaban Cuatro Rosas, un traballo máis intimista e lírico que rompía dalgún xeito co punk que impregnaba as súas primeiras composicións. O tema que lle dá título a este EP "Cuatro Rosas" é unha das grandes baladas de Gabinete Caligari, xunto con "Camino Soria", de 1987.



Como unha das grandes bandas rock dos 80, a influencia de Gabinete Caligari ía estar presente en grupos e artista posteriores, mesmo naqueles que teñen un estilo musical máis achegado á electrónica e que nun primeiro momento non parece identificarse con Gabinete Caligari. Un exemplo é o dúo formado por Alexandra Cabral e Carlos Ordóñez ó que bautizaron Grado 33, curiosamente o mesmo nome cunha canción do primeiro álbum de Gabinete Caligari, aínda que o rastro da banda de Jaime Urrutia é máis perceptible nalgunha das cancións do único disco publicado de Grado 33 Ya se Oculta el Sol (2002), que por outra parte, recolle as influencias doutros grupos da movida. En "Náufrago" hai certas similitudes con "Cuatro Rosas".


venres, 1 de xuño de 2012

Four Sticks

O cuarto álbum de Led Zeppelin Led Zeppelin IV (1971) contén algunhas das cancións máis emblemáticas da banda de Jimmy Page e Robert Plant, como "Starway to Heaven" (da que algún día falaremos), e "Four Sticks", que aparecía na cara B de "Rock and Roll". Lonxe do que poida parecer, é unha das cancións máis persoais de Plant e Page, aínda que o título débese ó batería John Bonham.


Ocean Colour Scene empregou a base da batería para o seu tema "The Riverboat Song", single de Moseley Shoals (1996), segundo álbum da banda de Birmingham comandada por Simon Fowler e que situaría a Ocean Colour Scene como unha das bandas máis destacas dos brit-pop, aínda que co tempo, non estean o suficientemente reivindicados. Ademais da súa excelente presentación con "The Riverboat Song", non hai que esquecer outras cancións deste grupo como "The Circle" e "The Day We Caught the Train" nese mesmo disco e posteriores como "Better Day"  e "Travellers Tune" de Marchin' Already (1997), así como o resto de discos publicados ata o de agora, que, se ben fan que non estean na primeira liña e nos postos máis altos das listas de vendas, conforman unha das traxectorias máis regulares de tódalas bandas británicas dos 90.

http://www.goear.com/listen/a092514/the-riverboat-song-ocean-colour-scene

Kings of Leon tamén teñen de referencia "Four Sticks" como ben se ve no seu tema "Four Kicks", do álbum Aha Shake Heartbreak (2004).

http://www.goear.com/listen/b7d2272/four-kicks-kings-of-leon

xoves, 31 de maio de 2012

Telephone Line

A comezos dos anos 70 o rock evolucionou cara un son máis épico e fastuoso e deu lugar ó chamado rock sinfónico. Bandas como Yes, Pink Floyd e Genesis foron verdadeiros estandartes deste movemento no que tamén hai que incluír a Electric Light Orcuestra, tamén coñecida como ELO,que comezou a súa andaina en 1971. Cinco anos despois a banda de Birmingham xa era toda unha icona en Europa e coa publicación do seu sexto disco A New World Record (1976) mesmo conquistou o mercado americano, grazas sobre todo ó single "Telephone Line".


O proceso evolutivo que sufriu a carreira de Green Day dende as súas orixes mostra perfectamente a madurez que acadou a banda de Billy Joe Armstrong co paso dos anos. De ser o típico grupo punk para adolescentes, transformáronse nunha banda de rock comprometida cos problemas sociais e políticos dos tempos que corren,  algo que se viu en American Idiot (2004); aínda que, iso si, a bagaxe dos primeiros tempos fai que a actitude de Armstrong pareza algo inxenua, á parte de que lembre demasiado a un falso intelectualismo. En calquera caso, musicalmente o último álbum publicado por Green Day 21st Century Breakdown (2009) é o mellor da banda californiana, cunha coidada produción a cargo de Butch Vig, que lle deu profundidade o son de Green Day. Un dos temas máis destacados é "21 Guns", cunha melodía semellante por momentos á da canción da ELO.

mércores, 30 de maio de 2012

Los Amantes

Un dos discos máis relevantes da música española nos anos 80 é o quinto álbum de Mecano Descanso Dominical (1988), un traballo moi esperado despois do éxito internacional que supuxo Entre el Cielo y el Suelo (1986) e que converteu o trío composto por Ana Torroja e os irmáns Cano na banda de pop máis importante do país cunhas vendas nunca vistas ata daquela en España. Por primeira vez, un grupo formado en España ateigaba estadios de fútbol e marcaba a toda unha xeración. Amados e odiados a partes iguais, o  regreso de Ana, Jose e Nacho neste novo século é dos máis esperados. Mentres, lembramos "Los Amantes", un tema asinado por Nacho Cano, cuarto corte de Descanso Dominical.


"Los Amantes" non é dos temas máis recoñecidos de Mecano, que contan na súa longa traxectoria con cancións que son case un himno. Por iso non deixa de sorprender o curioso parecido que garda co tema de Pulp "Common People", recentemente declarada mellor canción dos 90 por NME, e que aparece no disco Different Class (1995), o traballo máis aclamado da banda de Jarvis Cocker.

 http://www.goear.com/listen/06f9ec3/common-people-pulp

E volvendo a España, a canción de We Are Standard "Supermarket" do álbum 3000 V  40000 W (2006) ten un ritmo moi parecido á canción de Pulp.

http://www.goear.com/listen/28a9f0b/supermarket-standard




martes, 29 de maio de 2012

Train in Vain

Trala eclosión do punk nos anos 70 en Reino Unido coa irrupción dos revolucionarios Sex Pistols, outras bandas británicas promoveron tamén a consolidación deste fenómeno en principio marxinal dentro do rock. Xunto a mencionada banda de Johnny Rotten e Sid Vicious e Jam, a banda de Paul Weller, destaca The Clash, liderados por Mick Jones, que en 1979 publicaban o seu terceiro traballo discográfico London Calling, que contén "Train in Vain", unha xoia ó final do álbum que non aparece no tracklist. Non por iso deixa de ser un dos temas máis importante e recoñecidos da banda británica, moi influente na historia do rock.


Versionada un número considerable de veces por artistas que recoñecen a influencia de The Clash no seu son, unha das máis destacadas é a que fixo Annie Lennox no seu disco de versións  Medusa (1995) dándolle un toque soul.


Como sample aparece na canción de Garbage "Stupid Girl" do seu debut Garbage (1995). A banda do produtor Butch Vig e Shirley Manson empregaron como base o ritmo da batería de "Train in Vain".


"Train in Vain" tamén foi adaptada ó portugués pola banda de rock brasileira Ira!, que a gravaron para un concerto acústico de MTV Brasil en 2004. Titulárona "Pra Ficar Comigo".




luns, 28 de maio de 2012

Quiero beber hasta perder el control

Parafraseando ó cantante de Iguana Tango, Enrique Urquijo soubo elevar á categoría de arte a tristeza a través das súas letras e a melancolía converteuse nunha constante na música de Los Secretos, que por outra parte, combinaban de vez en cando con algúns temas algo máis optimistas. "Quiero beber hasta perder el control" do EP de 1986 El primer cruce e logo como extra no seguinte disco Continuará (1987) pode considerarse unha canción típica da banda madrileña e fala dese sentimento de afogar as penas en alcol tras un fracaso sentimental. 


Esta canción conta con algunhas versións. Unha delas é a de Revólver en directo homenaxeando a Enrique Urquijo.


Pero a máis coñecida é a de Fito y Fitipaldis, que a gravaron para o seu álbum de debut  A puerta cerrada (1998). Neste disco aínda se nota a influencia que exercía en Fito Cabrales a súa anterior banda de rock Platero y Tú e unha boa proba é esta versión  dun tema meláncolico, tanto, que ata a historia parece alegre.