venres, 29 de xuño de 2012

Embrujada

Resulta difícil imaxinar o rumbo que tomaría a carreira de Tino Casal se aínda se atopase entre nós, pero seguro que coas novas tecnoloxías que se desenvolveron nas últimas décadas e os novos sons que na actualidade dominan o mundo pop e rock Tino Casal seguiría indo un paso máis aló sen deixar de sorprendernos, elevando o nivel da música española como adoitaba facer dende que este asturiano debutou na escena musical en 1981 con Neocasal, un dos primeiros discos en castelán que apostaban claramente polo glam rock e que contiña unha moi boa versión de "Life On Mars?" de Bowie. Dous anos despois vía a luz Etiqueta Negra (1983), que contén un dos grandes clásicos de Casal, "Embrujada".



Sen dúbida é un tema perfecto e desde logo, nada doado de versionar. Con todo, o grupo manchego Despistaos animouse a gravar "Embrujada" en clave pop no seu recompilatorio de grandes éxitos Lo Que Hemos Vivido (2008) e o resultado non está nin moito menos á altura da versión orixinal, pero alomenos haille que agradecer a Daniel Varela e ó resto da banda que recuperase a música de Casal e así a posibilidade de que as novas xeracións chegue a coñecelo.

xoves, 28 de xuño de 2012

Knock on Good

Eddie Floyd, un dos cantantes de R&B e soul máis importantes do século XX compuxo xunto a Steve Crooper en 1966 unha das cancións máis emblemáticas da música e que se prestaría a unha cantidade notable de versións ó longo do tempo, posto que moi poucos artistas souberon resistirse ó ritmo pegadizo deste tema inmortal. Dende Otis Redding a David Bowie, dende Cher a Eric Clapton, e todas co toque personal de cada músico. Mais a gravación orixinal fíxoa o propio Eddie Floyd para o seu álbum Knock on Good (1966).


A versión de David Bowie, unha das primeiras que se gravaron, aparece no álbum en directo de Bowie David Live (1974).


Pero a versión que máis transcendeu para o gran público foi a de Amii Stewart, unha cantante de soul que en 1978 gravou a súa versión no seu álbum de debut ó que "Knock on Good" lle dá título e que lle otorgou un éxito inmediato co seu son disco tan de moda nese momento..


Unha canción que parece estar baseada na versión de Amii Stewart é a do dúo británico Goldfrapp, que no seu álbum Black Cherry (2003) incluíron este fantástico tema "Strict Machine".



mércores, 27 de xuño de 2012

Gimme Some Lovin'

Steve Winwood é dos nenos prodixios do rock. Dende unha idade moi temperá, participou no desenvolvemento do pop e do rock nos anos 60, xa que con catorce anos formaba parte de The Spencer Davis Group, creando cancións como "Gimme Some Lovin'", single de 1966 e un dos máis importantes desta banda.


Seguro que cando The Knack lanzou ó mercado o single "My Sharona" que presentaba o seu primeiro disco  Get the Knack en 1979, os californianfos Berton Averre, Bruce Gary e compañía non tiñan a máis remota idea da repercusión que ía ter. Incluída en innumerables campañas publicitarias, películas e series de televisión, o seu ritmo e as súas letras tampouco se libraron de formar parte dun sinfín de parodias, aínda que quizais o que máis lle doa a Doug Fieger e Berton Averre, os autores desta canción que xa forma parte da historia do rock, é que haxa xente que afirme que o riff é moi semellante ó de "Gimme Some Lovin'".

  http://www.goear.com/listen/a8beee4/my-sharona-knack

Os propios The Knack haberían de estirar o éxito de "My Sharona" noutra das súas cancións. "Baby Talks Dirty", do álbum ...But the Little Girls Undestand (1980) reproduce o mesmo ritmo e estilo.

http://youtu.be/dZbavO36AQQ

Deixando de lado a polémica, debido á popularidade de "My Sharona" non podían faltar as versións que se fixeron deste tema, con grupos e artistas de moi distintos estilos e por se fose pouco, "My Sharona" tamén foi sampleado nunhas cantas ocasións. Destaca a dos australianos Rogue Traders na súa canción "Watching You", do álbum Here Come the Drums (2005).

Por último, rematamos coa adaptación que fixo ó galego Heredeiros da Crus no disco de 1997 Des Minutos. O resultado é "Vaiche Boa".

martes, 26 de xuño de 2012

Promenade

The Unforgettable Fire (1984) é o cuarto álbum de U2 e o primeiro producido polo tándem formado por Brian Eno e Daniel Lanois, despois de traballar nos primeiros discos con Steve Lillywhite. Dende logo o cambio na produción foi un gran acerto por parte de Bono e compañía, xa que a colaboración con Eno e Lanois nos seguintes traballos discográficos, agás Rattle and Hum (1988) producido por Jimmy Iovine, ía enriquecer de xeito notable a traxectoria de U2 ata o feito de converterse na banda de rock máis importante dos últimos tempos, un auxe que acadarían en 1991 con Achtung Baby. "Promenade", quinto corte de The Unforgettable Fire non chegou a ser single e nin moito menos é a mellor canción dese disco, onde ese privilexio teno "Pride (In the Name of Love)", pero é un gran tema de U2 e por suposto, non pasa desapercibido.


Snow Patrol, unha banda escocesa formada na universidade de Dundee a mediados dos anos 90, son hoxe un referente para moitos artistas desde 2007 debido ó éxito que acadaron cando algunhas das súas cancións comezaron a aparecer nas bandas sonoras de series de culto e películas. Iso fixo que moitos se empezasen a fixar no seus traballos de estudio e tamén nos seus concertos, polo que hoxe o nome de Gary Lightbody, o cantante, resulta bastante coñecido. Pero Snow Patrol debutou en 1998 e en 2003 publicaron o seu terceiro disco Final Straw que contén "Run", un tema con claras reminiscencias a "Promenade" e en xeral, o son de U2.

luns, 25 de xuño de 2012

Swastika Eyes

Unha das bandas punteiras do rock experimental que aínda seguen en activo facendo cancións que difícilmente pasan inadvertidas é Primal Scream. Fundada en Glasgow en 1982 por Bobby Gillespie e Jim Beattie, a súa traxectoria foi medrando paulatinamente ata chegar a ser unha banda de culto dentro dos circuitos do rock psicodélico e da electrónica. O seu sexto traballo discográfico XTRMNTR (2000) foi dos máis aclamados pola crítica ese ano e nel atópase "Swasticka Eyes".


Bloc Party, a banda que formaron Kele Okereke, Russell Lissack e Gordon Moakes a finais dos anos 90, é  quizais unha das que máis lles deban ó son de Primal Scream. En 2007 sacaron o seu segundo álbum A Weekend in the City e na reedición inluíron "Flux", quizais un dos seus mellores temas.

venres, 22 de xuño de 2012

Race for the Prize

The Flaming Lips é unha das bandas máis respectadas do rock alternativo grazas a unha dilatada carreira que comezou aló por 1983. A base de boas cancións, uns concertos coidadps e ó traballo constante de Wayne Coyne, The Flaming Lips é  un referente indiscutible para moitas bandas de nova formación. The Soft Bulletin (1999), noveno traballo discográfico do grupo de Oklahoma, adéntrase no rock experimental, un dos terreos nos que se sente máis cómodo Wayne Coyne. O disco ábrese con "Race for the Prize", o primeiro single, todo un trallazo na traxectoria de The Flaming Lips.


Nin que dicir ten que MGMT, unha das sorpresas máis agradables que xurdiron nos últimos anos, teñen a The Flaming Lips como unha das súas fontes de inspiración. O dúo composto por Andrew Van Wyngarden e Ben Goldwasser revolucionaron o rock psicodélico coa publicación do seu debut Oracular Spectacular (2007) cun single como "Time to Pretend"  que non deixaba de ser unha aposta moi arriscada por parte da súa compañía discográfica. Malia iso o experimento resultou un éxito e hoxe as cancións de MGMT son versionadas por outros artistas. "Kids", un dos grandes temas de Oracular Spectacular ten certo parecido con "Race for the Prize".


"Kids" é unha das cancións máis versionadas de MGMT. Quedamos coa versión acústica dos ingleses The Kooks.

xoves, 21 de xuño de 2012

Vivir Sin Aire

¿Dónde Jugarán los Niños? é un álbum esencial na carreira dos mexicanos Maná. Foi a súa porta de entrada no mercado europeo tras converterse en todo un referente do pop-rock en toda Hispanoamérica. Publicouse por primeira vez en 1992, pero sería dous anos máis tarde cando se empezase a falar da banda de Fher Olvera e Álex González a nivel mundial. Nese disco, un dos maiores exponentes do rock latino máis comercial dos anos 90, destaca a balada "Vivir Sin Aire", segundo single extraído tras "Oye, Mi Amor".


Non hai moitas versións desta balada, pero de entre todas sobresae de xeito notable a interpretación que fixo a madrileña Belén Arjona para a reedición do seu disco de debut O te Mueves o Caducas (2004), dándolle un aire rockeiro que pouco ten que ver co son orixinal; ademáis contou para a ocasión coa colaboración de Fher Olvera, o autor da canción.

mércores, 20 de xuño de 2012

Sunny Afternoon

Os irmáns Ray e Dave Davies montaron en Londres a comezos dos anos 60 unha das bandas máis significativas do rock británico do momento. Tanto foi así que foron dos primeiros en principiar a chamada invasión inglesa en Estados Unidos. En 1966 publicaron o seu cuarto traballo discográfico Face to Face, que co paso do tempo se convertiu nun disco imprescindible na carreira de The Kinks. Unha das cancións máis emblemáticas dese álbum é "Sunny Afternoon".


The Divine Comedy, unha banda procedente de Irlanda do Norte formada a finais dos 80 por Neil  Hannon, ía darlle un xiro ó pop barroco situándoo como unha  corrente que se tería moi en conta na década seguinte. En 1997, no seu quinto disco A Short Album About Love destaca a canción "Everybody Knows (Except You)", con certas reminiscencias de The Kinks.


Dese mesmo ano tamén é a canción de U2 "Staring at the Sun" que xa pasou polo blog nunha entrada anterior. A canción do ábum Pop (1997) tamén lle ten moito que agradecer á de The Kinks.

http://youtu.be/s4D5hSPjftI

A influencia de "Sunny Afternoon" tamén é evidente no tema de Gorillaz "Feeling Good Inc.", single de presentación do álbum Demon Days (2005).

http://youtu.be/pls_luhVdAw

Aínda que onde está máis presente dun xeito bastante máis claro "Sunny Afternoon" é na canción de Take That "Kidz", do seu último álbum Progress (2010), que por outra parte, tamén é o máis maduro da formación de Gary Barlow, todo un referente para as mozas dos anos 90.