martes, 5 de febreiro de 2013

Hang On to Yourself

2013 estreouse cunha moi boa nova: o regreso de David Bowie tras case unha década de silencio. Trala colaboración con Arcade Fire en 2004 pouco máis se soubo do Duque Branco, mais vese que este período de inactividade xa rematou e para o mes de marzo teremos novo material de Bowie, que xa nos ofreceu un adianto con "Where Are We Now?", unha moi agradable sorpresa. Nestes tempos musicais convulsos, cunha oferta de estilos dispar, pero moi monótona respecto ás regras que rexen o mercado discográfico, agradécese que un dos artistas máis innovadores da música volva dar guerra. Para celebralo, hoxe ofrecémosvos "Hang On to Yourself", un single de 1971 que un ano despois foi incluído nunha das obras mestras de Bowie: The Rise and Fall of Ziggy Stardust and the Spiders from Mars.


En "Hang On to Yourself", Bowie introducía un ritmo que lembra moito ó punk que se habería de facer uns anos despois. De feito, moitos críticos cualifican este tema de protopunk e sinalan que foi decisivo para a creación de cancións punk como o "Teenage Lobotomy" de The Ramones que se inclúe no álbum de 1977 Rocket to Russia.

luns, 4 de febreiro de 2013

Hog Leg

O métal e o hardcore de finais dos anos 80 experimentaron un son moito máis duro do que se coñecía ata o momento, ata o punto de acadar niveis onde xa se confundía co ruído puro, prescindindo de calquera trazo de melodía. Era a época dourado do grunge, e a rabia que saía das guitarras de bandas coma Soundgarden, Green River e mesmo Rage Against the Machine, atopaban o seu público fiel nunha xuventude que liberaba así a súa frustación. Nese espazo tamén estaba presente The Melvins, a banda de Buzz Osborne, dispostos a labrarse un terreo no novo hardcore. En 1991 publicaron un EP, Eggnog, que contén "Hog Leg", un tema non apto para persoas con oídos sensibles.


En 1994, Beck consagrouse na música co seu terceiro álbum Mellow Gold cheo de éxitos como "Loser", que como xa vimos, contén un sample de Johnny Jenkins. Pero non só a gran canción dese disco contiña samples; sorprendentemente "Beercan" renova o son do tema de The Melvins.

venres, 1 de febreiro de 2013

Dance to the Music

Sly & the Stone Family foi unha das primeiras bandas que mesturou a psicodelia rock cos sons do soul dando comezo a un novo estilo que derivaría no funk tal como o coñecemos. A coidada produción dos seus traballos non pasou desapercibida nos círculos musicais americanos e o seu peculiar son pronto influíu en bandas e artistas consagrados como The Temptations. A canción que lle dá título ó segundo disco "Dance to the Music" (1968) é das que mellor representa a importancia que acadou co tempo Sly & the Stone Family.
 
 
Unha das primeiras cancións que emprega un sample desta canción de Sly & the Stone Family é "Burn the Bastards", un tema do grupo de house The KLF no segundo disco destes ingleses Who Killed the Jams? (1988).
 
 
En 1994, a canción de  Primal Scream "Rocks"  do álbum Give Out But Don't Give Up comeza cunha introdución que lembra moito a "Dance to the Music".
 
 
 
 
 
 
 
 

xoves, 31 de xaneiro de 2013

Trying to Live My Life Without You

Unha das cancións soul emblemáticas dos anos 70 é "Trying to Live My Life Without You", escrita por Eugene Williams para Otis Clay en 1972 e supuxo o maior éxito deste artista, de tal xeito que a canción trascendeu máis aló da música soul e as principais versións que se fixeron son de carácter rock.


En 1979 os Eagles publicaron o álbum The Long Run. A canción que lle dá título ten unha melodía moi semellante a "Trying to Live My LIfe Without You", aínda que Don Heley e Glenn Frey, os autores, nunca se manifestaron ó respecto.

Un dos primeiros que se deu de conta desta semellanza foi Bob Seger, que decidiu facer unha versión de "Trying to Live Without You" para denunciar o suposto plaxio de The Eagles, mais o que verdadeiramente conseguiu foi dar a coñecer internacionalmente a canción de Eugene Williams. Bob Seger que incluíuna no álbum Nine Tonight de 1981, un disco gravado baixo o nome de Bon Seger and the Silver Bullet Band. A seguinte é unha interpretación nun concerto.

http://youtu.be/vgwKUomoPO4

Con esa sona, non debería de sorprender que cando Don Heley reuniu os seus compañeiros para devolver ós Eagles á actualidade, algunha das recentes cancións tivese un aire de semellanza con aquelas que nos anos 70 fixeron voar a Eagles ó máis alto e quedar no recordo como esa excelente banda que nos legou "Hotel California" para a posterioridade. "Busy Being Fabulous", do álbum Long Road out of Eden (2007), é unha boa reminiscencia de "The Long Run".

http://youtu.be/9cCgBKT5FLY

Outra das versións máis importantes que se fixo de "Trying to Live My Life Without You" foi a de Dr. Feelgood en 1982 no álbum Fast Women and Slow Horses. Sirva así de homenaxe a Wilco Johnson, noticia estes días por serlle detectado un cancro que, lonxe de desanimalo, vai facer que emprenda unha xira de despedida polo Reino Unido.

mércores, 30 de xaneiro de 2013

Louie Louie

Richard Berry asinou en 1956 unha das cancións máis lendarias do rock, "Louie Louie", un clásico entre os clásicos que inspirou a artistas de tódalas xeracións, especialmente na versión que fixeron os Kingsmen. Mais Berry tamén baseou parte do ritmo da súa mítica canción nos sons procedentes de Cuba, concretamente no tema "El Loco Cha Cha Cha" de René Touzet, que popularizou Ricky Rillera and the Rhythm Rockers.


O caso é que a Richard Berry lle quedou así Louie Louie. Ofrecemósvos á versión orixinal de 1957.


As versións que se fixeron de "Louie Louie" dende os anos 60 son incontables. En España tivo moito éxito á versión en castelán de Los Corbs en 1966.


Ademais das versións, "Louie Louie" inspirou dúas cancións que á vez tamén son un referente na música rock. Unha delas é "You Really Got Me" de The Kinks en 1964.


A segunda delas é "I Can't Explain" de The Who, de 1965.


"I Can't Explain" tamén serviu para crear novas cancións como é o caso de "Walk Idiot Walk", tema dos sueco The Hives do álbum Tyrannosaurus Hives (2004).


Do mesmo xeito en que tamén inspirou cancións con estilos afastados do rock. "Going Out to My Head", tema de Fatboy Slim, do álbum de 1997 Better Living Throug Chemistry, que tamén contén un sample da canción de Led Zeppelin  "The Crunge".


Por certo, non nos esquecemos de "The Crunge", do disco Houses of the Holy (1973) para que vexades o parecido coa canción de Fatboy Slim.


martes, 29 de xaneiro de 2013

The Ballroom Blitz

Das bandas de glam rock que pulularon polos anos 70 Sweet gañáronse un lugar privilexiado grazas ó seu potente son e sobre todo debido a unha canción que os perpetuou na historia do rock. Cando publicaron o segundo álbum da súa traxectoria Desolation Boulevard (1973), prepararon dúas edicións diferentes, unha para o mercado europeo e outro para o americano. Esta última ábrese coa canción "The Ballroom Blitz", sen dúbida, a que lle deu sona en todo o mundo a Sweet e unha das máis influentes na historia do rock e presente nun sinfín de bandas sonoras de películas.

http://www.goear.com/listen/3570e32/the-ballroom-blitz-the-sweet

Ademais das versións, "The Ballroom Blitz" inspirou outras cancións que se basearon nela. Unha das primeiras é a de Beastie Boys "Hey Ladies" do álbum de 1989 Paul's Boutique.

http://www.goear.com/listen/9e6d389/hey-ladies-beastie-boys

Dese mesmo ano é a canción dos ingleses The The "Armaggedon Days Are Here (Again)" do álbum Mind Bomb.

http://youtu.be/lel0PzhU6Pk

My Chemical Romance tamén tomaron algúns elementos de "The Ballroom Blitz" para crear "Vampire Money" no seu último traballo discográfico Danger Days: The True Lives of the Fabulous Killjoys de 2010.
http://www.goear.com/listen/e77383c/vampire-money-my-chemical-romance

luns, 28 de xaneiro de 2013

Sobre un Vidrio Mojado

Malia que o rock naceu e se desenvolveu nos países anglosaxóns, moi cedo atopou acomodo noutros lugares con raíces musicais que nada tiñan que ver co blues, o soul  ou o jazz como é no caso dos países hispanoamericanos. En América do Sur, unha desas primeiras bandas que imitaban o son que exportaban os Beatles, os Who e compañía foi a uruguaia Kano y Los Bulldogs. En 1969 gravaron o single "Sobre un Vidrio Mojado" en Arxentina e moi pronto foi todo un éxito en toda Hispanoamérica.


No seu momento, o éxito de "Sobre un Vidrio Mojado" non transcendeu ó outro lado do Atlántico, xa que España só se fixaba nos seus irmáns sudamericanos cando se trataba de cantantes melódicos e non lle prestou demasiada atención ó rock que se cultivaba aló ata bastantes anos máis tarde. Pero en 1980 Los Secretos rescatou este éxito cunha versión que aparece no EP Los Secretos coa que acadan unha gran popularidade. De feito, hai moita xente que pensa que é unha composición orixinal dos irmáns Urquijo.

venres, 25 de xaneiro de 2013

Moonlight Shadow

Viamos hai uns días como ás veces algúns artistas teñen unha melodía ou un ritmo que lles serve para crear varias cancións, pero desta arte non só Van Morrison é un mestre e co tempo iremos vendo outros exemplos. Hoxe por exemplo, imos dedicarlle unha entrada a Mike Oldfield, o formidable compositor inglés que catapultou o selo discográfico Virgin nos anos 70 grazas ó seu debut Tubular Bells (1973) e que formou parte da banda sonora do filme "O Exorcista". Dez anos despois deste éxito, Mike Oldfield lanzou unha das cancións coa que logrou maior sona: "Moonlight Shadow" coa voz da cantante Maggie Reilly, colaboradora habitual dos temas con letra de Oldfield. A canción aparece no álbum Crises (1983) e é unha das máis versionadas deste artista, que tamén conta desde remesturas para as discotecas.


Antes de pasar ó outro tema de Mike Oldfield baseado en "Moonlight Shadow" imos repasar algunhas desas versións de que falabamos antes. Moitas bandas de metal e hard core sentiron unha especial inclinación por "Moonlight Shadow" e non dubidaron en dotar destes sons a este tema. Personalmente quedamos coa de Mägo de Oz, cara B do single "Y Ahora Voy a Salir (Ranxeira)" interpretado xunto con Patricia Tapia en 2007.


"Moonlight Shadow" tamén foi gravada noutros idiomas ademais do inglés. En castelán destaca a da cantante arxentina Marcela Morelo en 2009 no álbum Otro Plan.


E agora imos xa con "Man in the Rain", que reproduce á batería de "Moonlight Shadow". Está no disco de 1998 Tubular Bells III e está interpretada por Cara Dillon.

http://www.goear.com/listen/3e2039f/man-in-the-rain-mike-oldfield

E iso que Mike Oldfield xa ensaiara anos antes parte de "Man in the Rain" noutra canción cuxo resultado habería ser distinto. Trátase de "Heaven's Open", canción que titulaba o álbum de 1991.

http://youtu.be/Q-FilJ5sx2E